O Festival de Cans, que celebrará a súa XV edición  do 23 ao 26 de maio de 2018, abriu este martes, díia 26 de decembro, a súa convocatoria de obras a concurso que, sinalan dende a organización “presentará moitas novidades con respecto á edición anterior”.

Entre as pezas que se poderán presentar, que deberán de ser de produción galega e realizadas entre 2017 e 2018, atópanse as curtametraxes de ficción e de animación, así como os videoclips como ven sendo habitual, pero sumarase unha sección novidosa á competición con respecto ao ano anterior.

Será a sección “Furacáns”, centrada nas obras de non- ficción e que buscará visibilizar as curtametraxes de creadoras e creadores que asuman maiores riscos narrativos. Esta sección xa foi testada con enorme éxito de público na pasada edición, aínda que foi programada a partir de invitacións cursadas directamente polo festival a directoras e directores. Este ano, a sección será por vez primeira competitiva, e terá un premio de 1.000€ , que otorgará un xurado específico creado para avaliar estas obras.

En total serán 7.900€ os que o Festival de Cans repartirá entre as obras premiadas, buscando impulsar a creación das novas e novos creadores audiovisuais de Galicia. Ademáis da categoría “Furacáns”, o festival otorgará entre os seus premios principais 2.000€ á mellor curtametraxe de ficción, 1.500€  ó premio do público e 1.500€ á mellor curtametraxe de animación. A maiores recibirán premios económicos ata completar a cantidade final, as categorías de videoclips e as de mellor realización, mellor guión, mellor interpretación femenina e mellor interpretación masculina. As bases completas do concurso e os premios en cada categoría poden consultarse na web www.festivaldecans.gal.

Outra novidade é que por vez primeira, o Festival de Cans habilitará na súa web un apartado para poder inscribir de xeito gratuíto as obras. Tamén segue manténdose a opción da plataforma www.festhome.com, para quen desexe facelo a través desta vía, cun prezo de 2 euros por cada obra inscrita. O Festival de Cans abre a porta a que creadoras e creadores inscriban libremente obras como documentais e mesmo longametraxes, webseries ou outros formatos, dándolle preferencia na selección a aquelas obras que non fosen estreadas polo momento en Galicia. En base ao material recibido, o Festival de Cans decidirá a incorporación de novas seccións paralelas que poidan enriquecer a programación do festival.