Seguen as conversas para solucionar a travesía de A Vaquería na PO-510

Pedro Pereira, concelleiro de Infraestructuras mantivo hoxe reunións coa Xunta de Galicia e logo cos veciños de A Vaquería para revisar como vai o proxecto de mellora da seguridade viaria nesa travesía da estrada PO 510 ó seu paso por Budiño.

O primeiro tenente de alcalde comentou que “ainda non temos avances sustanciais”.

A Xunta de Galicia mantén a súa proposta de resolver o problema mediante un vial que conecte a PO-510 coa Autovía A-55.

Unha solución de semellante natureza que carece de momento de dotación económica nos Orzamentos Xerais de Galicia para 2020 requerirá establecer acordos co Ministerio de Fomento para realizar a pretendida conexión e cos empresarios do Polígono de A Granxa para resolver os accesos a fábricas e empresas afectadas.

Pedro Pereira manifestou a súas “cautelas ante o risco de que para solventar unha afección rematemos xerando outras afeccións xa que haberá que resolver moi ben as conexión interiores e cos polígonos industriais” como explicou ós vecinos de Budiño cos que se reuniu despois. 

 

Primeira reunión de traballo do equipo de goberno coaligado “moi constructiva”, segundo a alcaldesa

A alcaldesa Eva García presidiu esta mañá a primeira reunión de traballo dos seis concelleiros do goberno municipal de coalición formado por PSOE e BNG.
Esta primeira reunión foi valorada pola alcaldesa Eva García como “fluída e moi constructiva”.
A alcaldesa detallou que “puxemos en antecedentes ós novos compañeiros de goberno sobre as actuacións en marcha, especialmente nos asuntos que van ser competencia deles para que vexan como están como por exemplo os actos para o 25N Día contra a Violencia de Xénero así como os preparativos para Festas de Nadal”.
Estas reunións de traballo do equipo de goberno coaligado vanse celebrar semanalmente para establecer liñas de actuación conxuntas, segundo acordaron.


Pedro Pereira e Cami Moreira incorporaronse desde onte xa de xeito efectivo ó goberno municipal.
Segundo o pacto de goberno de coalición que se firmou o pasado 15 de outubro, Pedro Pereira é o primeiro tenente de alcalde e Lourdes Moure, voceira socialista ocupa a segunda tenencia de alcaldía.
Ademáis Pedro Pereira asume as competencias de Urbanismo, Infraestructuras, Ordenación do Territorio, Movilidade e Xestión de Traída de Augas.
Pola súa banda Cami Moreira levará Cultura, Festas, Igualdade, Xuventude e Normalización Lingüística.

A maioría da corporación acorda deixar enriba da mesa a decisión sobre o terreno para o centro de formacion de “Aceesca”

A maioría da corporación municipal cos votos do PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera acordou deixar enriba da mesa a decisión sobre o terreno que solicita a asociación “ACEESCA” para construir o seu centro de formación dual.
Fronte a proposta do Partido Popular que pretendía que se acordara hoxe a cesión do solar de propiedade municipal no Polígono Industrial de A Granxa, os demáis grupos consideraron máis axeitado “tratar o asunto coa serenidade necesaria e barallar todas as posibilidades”, segundo manifestou Pedro Pereira. O voceiro do BNG adiantou que “en canto asuma as miñas futuras delegacións no goberno municipal, falaremos con “ACEESCA”, cos veciños de Casal-Budiño e miraremos a posibilidade do terreno do polígono que podería valer pero tamén pode haber outras opcións máis acaídas”.
Nesa mesma liña a alcaldesa Eva García abogou por “rebaixar tensións, tender pontes e retomar o diálogo entre esta Alcaldía e Aceesca que non pasa polo seu mellor momento”.
A alcaldesa anunciou que en virtude do pacto de goberno municipal “a decisión final sobre o terreno adoptaráse pola corporación xa que delegarei no pleno as decisións sobre venda, permuta ou cesión de terrenos e patrimonio municipal”.

A sesión plenaria foi de carácter extraordinario, solicitada pola oposición para instar a execucion de diversos expedientes de licitación como piscina municipal, recollida e transporte de lixo; servizos de informática, telecomunicacións; suministro eléctrico e mediateca municipal. O goberno municipal informou do estado de tramitación dos diversos expedientes. O voceiro popular, Manuel Alejandro Lorenzo e voceira do grupo socialista, Lourdes Moure protagonizaron a meirande parte dos debates.
Precisamente outros dos acordos deste pleno, adoptado por unanimidade foi solicitar a comparecencia de Lourdes Moure, na sua condición de concelleira de Fazenda, Persoal e Seguridade que se producirá na seguinte sesión plenaria que celebre a corporación. Solicitaselle que informe da operación de renting para a renovación do parque móvil municipal e das adquisicións polo Concello do local para a futura sede da UNED e doutros catro locais máis na rúa Antonio Palacios.

O GOBERNO MUNICIPAL ACADA DESBLOQUEAR O PAGO DE FACTURAS

O goberno municipal de Porriño cos votos dos concelleiros do PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera acadou desbloquear parte dos pagos pendentes de facturas que se viñan arrastrando desde hai tempo. Do total que se levaba a aprobación plenaria acadouse aprobar ós pagos de case que 1,7 millóns.
Os acordos económicos foron o aspecto máis sobranceiro do pleno municipal ordinario de outubro que se celebrou onte anoite cunha duración de tres horas e media e vinte asuntos na orde do día.
A tal fin aprobaronse dous créditos extraordinarios para ir pagando 1.738.000 euros de facturas da conta 413 e para abonar 473.000 euros de facturas que xa contan con sentencias xudiciais favorables.
Ademáis aprobouse outro crédito extraordinario por importe de 468.000 euros para satisfacer a débeda con “Eulen” pola prestación de servizos na piscina municipal.
Mediante os acordos plenarios aprobados na sesión de onte anoite, serán pagadas asimismo unha primeira remesa de facturas incluídas na conta “413”. Abonaránse 389.000 € polos traballos de descontaminación do lindano; 202.000 € a “Naturgy” por suministros eléctricos; 119.000 € a “Eulen” por traballos na piscina municipal e 10.800 € ó Consorcio de Augas do Louro.
A cantidade restante ata completar a partida de 1.738.000 euros quedou pendente de completar os informes para ser levada en breve a un pleno extraordinario que se celebrará no vindeiro mes de novembro segundo anunciou Eva García, alcaldesa de O Porriño.

No transcurso do pleno aprobouse por unanimidade, de xeito definitivo, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Porriño feito que agradeceron funcionarios municipais presentes no salón de plenos cun aplauso ós corporativos.

Tamén aprobaronse por unanimidade a adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF); os costes do servizo de recollida de lixo así como do Punto Limpo do Concello do Porriño e a partida orzamentaria para os salarios dos membros do goberno municipal (modificación da base 27 dos orzamentos do Concello). Precisamente nesta sesión tomou posesión do seu escano e estreouse a nova concelleira do BNG, Cami Moreira.

Polo contrario quedou pendente a ratificación da adxudicación do servizo de limpeza viaria á firma “Ascan” que será levada a un próximo pleno municipal.

Noutra orde de cousas acordouse nomear ós representantes do Concello de O Porriño para a Comisión Especial de deslinde co Concello de Mos. Finalmente a proposta da alcaldesa e coa conformidade dos restantes grupos municipais, o PP integrará unha concelleira, Antía Carrera á devandita comisión. Os restantes representantes serán Eva García (PSOE), Pedro Ocampo (EU Son), Pedro Pereira (BNG) e Manuel Carrera (UDDL), todos eles ratificados polo pleno corporativo.

Entre as mocións debatidas aprobouse por maioría a proposta por EU Son para revisar o contrato de renting para renovación do parque móbil municipal ainda que o asunto quedou supeditado a comparecencia da concelleira de Seguridade nun vindeiro pleno extraordinario que se vai celebraro o mércores 6 de novembro. Tamén por maioría acordouse implementar unha achega extraordinaria ó Porriño Baloncesto Base así como ós clubs de futbol de Mosende e Budiño e á asociación de enfermos de silicose.
E por unanimidade a corporación porriñesa acordou solicitar á Consellería de Educación a reforma integral ou ben a construcción dun novo edificio para o CEIP Fernández López que xa ten 40 anos de antiguidade.

O vindeiro pleno municipal abordará o pago de 2,7 millóns de euros en facturas e a nova comisión de deslinde con Mos

Vinte asuntos conforman a orde do día do vindeiro pleno ordinario da Corporación Local de O Porriño que se celebrará o mércores 30 de novembro, a partires das 18 horas. Entre os asuntos que se levan a pleno municipal figura o pago de facturas a proveedores e por servizos por un importe global de preto de 2.700.000 euros.
Por outra banda o pleno deberá elixir os representantes do Concello de O Porriño na nova comisión especial de deslinde co Concello de Mos. O PP non contestou ó requerimento de Secretaria nin realizou proposta alguna de xeito que os representantes de O Porriño serán Eva García (PSOE), Pedro Ocampo (EU Son), Pedro Pereira (BNG) e Manuel Carrera (UDDL), que deberán ser ratificados polo pleno corporativo.

Asuntos económicos
O pago de débeda será asunto sobranceiro. A tal fin propónse a aprobación definitiva de dous créditos extraordinarios para aboar 1.738.000 euros de facturas da conta 413 e para pagar 473.000 euros para facturas que xa contan con sentencias xudiciais favorables.
Ademáis propónse para aprobación inicial, un crédito extraordinario por importe de 468.000 euros para satisfacer a débeda con “Eulen” pola prestación de servizos na piscina municipal.
Asimesmo levanse a pleno a ratificación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Porriño que xa fora aprobada inicialmente en maio polo pleno municipal. E tamén vai a ratificación da partida orzamentaria para os salarios dos membros do goberno municipal (modificación da base 27 dos orzamentos do Concello). Precisamente nesta sesión tomará posesión do seu escano, a nova concelleira do BNG, Cami Moreira.

Adxudicacións e mocións
Tamén se leva a aprobación os costes do servizo de recollida de lixo así como do Punto Limpo do Concello do Porriño. Tamén a ratificación da adxudicación do servizo de limpeza viaria á firma “Ascan”. E asimismo vai a adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF).
Finalmente van cinco mocións. Entre elas o grupo EU Son pide unha revisión da operación de renting de renovación do parque móbil municipal. E o PP pide un incremento de partidas orzamentarias para clubs deportivos.

Adxuntamos a orde do día con todos os asuntos 

O Ministerio de Fomento da luz verde á cesión do tramo da N-120 en Cans pedida polo Concello do Porriño

Eva García, alcaldesa de O Porriño solicitará á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia unha entrevista para abordar a inminente cesión ó Concello do tramo da N-120 ó seu paso por Cans, unha vez que o Ministerio de Fomento manifestou por carta a súa disposición de “abordarla satisfactoriamente”.
A cesión solicitouse en 2015 por acordo da Corporación Municipal porriñesa, a instancias da veciñanza de Cans que recolleu firmas e trasladou a proposta ó enton concelleiro de Obras, Marcelino Coto.
Recentemente, o pasado 11 de setembro, a alcaldesa Eva García lembrou por carta ó ministro de Fomento, José Luis Ávalos esta reivindicación que finalmente será facilitada polo Ministerio de Fomento segundo a resposta remitida por Javier Herrero, Director Xeral de Estradas do Ministerio, tamén a través de carta que acaba de recibirse no Concello.

Lembremos que segundo o acordo plenario que se adoptou hai catro anos, que ese tramo da N-120 sexa cedido á titularidade municipal é fundamental xa que ata de agora calquera veciño que quere acometer unha obra ten que solicitar autorización ó Ministerio. Asimesmo a cesión ó Concello permitirá acometer a humanización dese vial e sacar o tráfico pesado desa zona, con cargo a unha partida do propio Ministerio de Fomento, segundo se solicitaba.

Por outra banda, nesa mesma misiva, o responsable ministerial contesta a outra demanda do Concello de O Porriño que ven requerindo a mellora do acceso á Autovía A-55. A resposta de Fomento condiciona unha solución ó proxecto de novo trazado da Autovía A-52 entre O Porriño e Vigo que conlevaría remodelar o enlace de Sanguiñeda coa A-55, “o que redundará nunha mellor conexión co Porriño”. Dito proxecto require tramitación ambiental, será sometido á información pública unha vez que se aprobe provisoriamente.

O Concello agarda que a Xunta concrete dotación orzamentaria para a execución da variante da PO-510 que semella “boa e ilusionante”, segundo a alcaldesa

A Alcaldesa valorou como “boa e ilusionante” a alternativa que a Xunta de Galicia está a prantexar para resolver o problema de tráfico e seguridade vial no barrio de A Vaquería en Budiño. Eva García reuniuse hoxe cunha representación veciñal para comentar a proposta de variante da estrada PO-510 que a Xunta trasladou onte a veciñanza. Segundo esa proposta a Xunta pretende resolver o problema mediante un vial que conecte a PO-10 coa Autovía A-55 sobrevoando o polígono industrial de A Granxa.
Unha solución de semellante natureza que carece de momento de dotación económica nos Orzamentos Xerais de Galicia para 2020 requerirá establecer acordos co Ministerio de Fomento para realizar a pretendida conexión e cos empresarios do Polígono de A Granxa para resolver os accesos a fábricas e empresas afectadas.
A alcaldesa informou ós veciños que agarda manter en breve unha reunión con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestructuras que foi o interlocutor da Xunta de Galicia coa veciñanza de A Vaquería. “De feito esta alcaldesa tomará a iniciativa a pedirei a reunión canto antes pois co proxecto de Orzamentos de Galicia 2020 xa en trámite parlamentario non haui tempo que perder”, dixou Eva García.
Por outro lado a rexidora indicou que dará traslado deste asunto ó grupo parlamentario do PSdG-PSOE na cámara autonómica para que faga unha enmenda os Orzamentos da Xunta para 2020 que contemple unha partida para facer o proxecto de execución ou ben os preliminares necesarios”, engadiu a alcaldesa.

O Concello prepara a venta dos vehículos retirados do parque móbil municipal

O Concello do Porriño está a elaborar o expediente para vender os 26 vehículos que formaban parte do parque móbil municipal, cunha antigüidade media de 20 anos que veñen de ser retirados.

Serán vendidos un por un, cun prezo mínimo de partida. As ofertas deberán facerse en sobre pechado no prazo que se determine. Os sobres coas plicas serán abertos e coñecidos nun acto público  no salón de plenos do Concello na data que se determine.

A través de esta páxina web do Concello se dará coñecemento do estado, características e prezo mínimo de cada un dos vehículos para que os interesados dispoñan de información.

Os vehículos retirados atopanse nun recinto municipal onde poderán ser vistos polos interesados nas datas que se estipulen no prego que está a prepararse.

Entre os vehículos retirados que serán vendidos figuran un “Volvo 580” comprado polo Concello do Porriño e matriculado en 2002 (con José Manuel Barros de alcalde), así como diversas furgonetas C-15, Citroen Berlingo, Peugeot Partner con 23, 25 e 27 anos de uso ata vehículos da Policía Local como un “Land Rover Freelander”, un “Nissan Almera” ou un “Peugeot 607” de 2.900 centímetros cúbicos, matrículado hai 17 anos que xa estaban fora de uso.

Os vellos vehículos foron retirados o pasado 8 de outubro, data na que se entregaron os 25 novos que se incorporan mediante “renting”.

Segundo informouse hai días, o Concello do Porriño licitou a renovación total do parque móbil do Concello para garantir a seguridade dos vehículos e dos traballadores municipais empregando criterios de eficiencia enerxética e aforro do gasto público.
Deste xeito determinouse un prego de condicións para renovar mediante concurso público que se iniciou con data 26 de marzo deste ano e rematou en setembro.
Na licitación estableceronse cinco lotes. Presentaronse un total de seis empresas, ningunha delas de Porriño. Eran da provincia de Pontevedra, doutras provincias galegas e tamén había firmas doutras comunidades autónomas.
Catro lotes foron gañados por “GrupiVazgle”, de Lugo e o restante pola firma “Rodosa”, de Vigo.

Entrega de novos vehículos do parque móbil municipal a diferentes servizos do Concello

Este mediodía realizouse o acto formal de entrega dos novos vehículos do parque móbil municipal ós diferentes servizos do Concello, dentro da operación de renovación que acometeu o goberno local.
No acto, ó que asistiron a concelleira de Seguridade e Fazenda, Lourdes Moure e o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal, entregaronse nove vehículos para os servizos de Vías e Obras, Parques e Xardíns, Deportes, Servizos Sociais e Urbanismo.


Entregaronse nove furgonetas “Peugeot” modelo “Rifter”, rotuladas e co escudo do Concello do Porriño.
Ainda restan por recibirse e entregar tres furgons máis grandes, marca “Renault” que serán adxudicadas ós servizos de Vías e Obras e Parques e Xardíns.
Con anterioridade entregaronse os catro vehículos para desplazamentos do goberno municipal (3 “Seat” modelo “Ateca” e un “Mini”) e outros vehículos “Peugeot 308” para diferentes departamentos do Concello ata totalizar os 25 que forman parte desta operación de renovación do parque móvil municipal mediante “renting” por 4 anos.
Segundo informouse hai días, o Concello do Porriño licitou a renovación total do parque móbil do Concello para garantir a seguridade dos vehículos e dos traballadores municipais empregando criterios de eficiencia enerxética e aforro do gasto público.
Deste xeito determinouse un prego de condicións para renovar o parque móbil con 25 vehículos mediante concurso público que se iniciou con data 26 de marzo deste ano e rematou en setembro.
Na licitación estableceronse cinco lotes. Presentaronse un total de seis empresas, ningunha delas de Porriño. Eran da provincia de Pontevedra, doutras provincias galegas e tamén había firmas doutras comunidades autónomas.
Catro lotes foron gañados por “GrupiVazgle”, de Lugo e o restante pola firma “Rodosa”, de Vigo.
O parque móbil do Concello tiña unha media de 15 anos, pero hai vehículos que superan as dúas décadas de antigüidade. Especialmente o que atinxe os vehículos adscritos ó departamento de Vías e Obras que “teñen unha idade media de 25 anos cun evidente mal estado e obsolescencia”, segundo un dos informes técnicos recabados polo goberno municipal.
A meirande parte dos vehículos antigos serán subastados e os que non saian por ese procedemento, serán achatarrados.

Concello do Porriño renova o parque móbil municipal para mellorar a seguridade dos traballadores e garantir a eficiencia enerxética

O Goberno Municipal do Porriño licitou a renovación total do parque móbil do Concello mediante o sistema de “renting” para garantir a seguridade dos vehículos e dos traballadores municipais empregando criterios de eficiencia enerxética e aforro do gasto público. A operación rematou esta semana coa firma dos contratos cunha vixencia de 4 anos.
O parque móbil do Concello ten unha media de 15 anos, pero hai vehículos que superan as dúas décadas de antigüidade. Especialmente o que atinxe os vehículos adscritos ó departamento de Vías e Obras que “teñen unha idade media de 25 anos cun evidente mal estado e obsolescencia”, segundo un dos informes técnicos recabados polo goberno municipal.


A necesidade de renovar o parque móbil era tal que o comité de seguridade e saude do persoal do Concello tiña denunciado que se atopan “nun estado de uso lamentable cun mantemento inexistente, con filtracións de gases e auga no interior dos habitáculos e cunha quilometraxe que nalgúns casos supera o medio millón de quilómetros” segundo denunciou a representación laboral nun comunicado que se adxunta.


Precisamente o goberno municipal cando prantexou a renovación do parque móbil do Concello consultou con todos os xefes de departamentos para consensuar as necesidades de servizo e canto persoal ía utilizar os vehículos.

Deste xeito determinouse un prego de condicións para renovar o parque móbil con 25 vehículos mediante concurso público que se iniciou con data 26 de marzo deste ano.
Na licitación estableceronse cinco lotes. Presentaronse un total de seis empresas, ningunha delas de Porriño. Eran da provincia de Pontevedra, doutras provincias galegas e tamén había firmas doutras comunidades autónomas.
Catro lotes foron gañados por “GrupiVazgle”, de Lugo e o restante pola firma “Rodosa”, de Vigo. A firma lucense é proveedora de vehículos en “renting” para concellos gobernados polo PP en Galicia e Asturias como O Vicedo e Arteixo ou cidades como Oviedo ou concellos gobernados polo PSOE como Lourenzá ou Xixón, ademáis de proveer a outras administracións públicas en Andalucía e Cataluña.
Conforme faculta a vixente Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público as empresas participantes podían realizar melloras. A razón social “GrupiVazgle” ofreceu melloras de calidade nos vehículos, de maior gama, mellor motorización, con quilómetros ilimitados, incluindo seguros, reparacións e vehículo de sustitución e cumprindo coa normativa “Euro 6” de eficiencia enerxética. Todos eses aspectos baremados decantaron no seu favor a decisión da mesa de contratación.