O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Sergio Casal valora a “boa acollida” da nova localización do mercado

 

O concelleiro responsable, Sergio Casal valorou “a boa acollida” que tivo a nova localización do mercado ambulante que hoxe abriu na rúa Leandro Diz e parte da rúa Xogo da Ola. O concelleiro destacou “a boa acollida do público en xeral e o acordo total cos vendedores ambulantes”.

Son 105 postos de venda autorizados que se repartien entre a rúa Leandro Diz e nun tramo de Xogo da Ola, concretamente onde está a “zona azul”.

 

Por outra banda, o aparcadoiro de terra seguirá en uso. O acceso ao aparcadoiro esta sinalizado con valas e cinta para garantir a entrada e saida de vehículos.

Sergio Casal indicou que aínda será necesario que “todos nos adaptemos” pero en xeral “estou moi contento co resultado desta estrea”, concluíu o concelleiro responsable de Mercados.

Estas medidas tómanse como consecuencia das obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no tramo que discorre ata a praza de San Sebastián, que teñén un prazo de execución de catro meses.

Presentado o “Pinchorriño 2021” que comezará o venres 5 con 27 establecementos participantes

A alcaldesa Eva García presidiu hoxe a presentación de “O Pinchorriño”, a décimo quinta edición das xornadas de pinchos no Porriño que arrancarán o vindeiro venres día 5, coa participación de 27 establecementos.

“Haberá unha oferta de elaboracións moi variada e tamén haberá pinchos veganos”, explicou Noelia Conde, xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (Acipor), organizadora do evento.

Noelia Conde informou de que en todos os establecementos participantes haberá uns trípticos informativos a disposición do público coa relación de pinchos e locais. O folleto tamén contén unha parte do cupón para selo con cada consumición. Con catro selos noutros tantos establecementos, o cupón cos datos persoais entrará no sorteo de catro vales de 100 euros cada un para consumir en comercios e hoteis locais.

Pola súa banda, José Manuel Fernández, presidente de “Ahospor” asegurou, en representación dos hostaleiros porriñeses, que “o regreso de Pinchorriño, como aconteceu coa recente edición da Festa dos Callos, supón a volta á normalidade despois de moito tempo. veces. difícil para este sector”.

Por último, pechou a presentación a alcaldesa chamando á participación tanto de porriñeses como de veciños do resto de concellos da área metropolitana. “É o momento de cumprir co que nos dixemos durante a pandemia: volverémonos ver nos bares e volverémonos abrazar. Pois xa é hora de comezar a pasar páxina e volver a atoparnos nos bares tomando un viño e un pincho para volver á normalidade”, proclamou a alcaldesa.

Adxuntamos enlace coa relación de establecimentos participantes, as súas direcións e os pinchos que elaborarán

Copia de Participantes XV Jornadas Pinchorriño 2021

O concelleiro e os ambulantes acordan o traslado do mercado semanal á rúa Leandro Diz, a partires do 9 de novembro

O concelleiro de Mercados, Sergio Casal e unha representación de vendedores ambulantes acordaron este mediodía trasladar o mercado semanal á rúa Leandro Diz. Concretamente no tramo da rúa Leandro Diz comprendido entre o cruce coa rúa Xogo da Ola ata a cervexería “Colleo co pinzas”.

Os postos instalaranse a ambos os dous lados da rúa, a partir do vindeiro martes, día 9. A medida tómase como consecuencia do inicio, mañá mércores 3, das obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no tramo que discorre ata a praza de San Sebastián que teñén un prazo de execución de catro meses.

Sergio Casal, que tamén exerce como concelleiro responsable de Tráfico, asegurou que os días de mercado ambulante, o aparcamento de terra seguirá en uso e que, tamén garantirase o acceso de vehículos á Praza de Abastos. O concelleiro manterá unha reunión informativa este venres 5, a partir das 17.00 horas, para detallar como se repartirán os postos de venda e vehículos de traballo dos feirantes así como a regulación do tráfico na zona. O encontro celebrarase no aparcadoiro de terra, na propia rúa Leandro Diz.

A alcaldesa convida a vir ao Porriño para gozar dos callos e do pan

A alcaldesa Eva García fixo un chamamento aos veciños e veciñas da área metropolitana de Vigo para que acudan o vindeiro domingo, 3 de outubro, a participar e gozar da Festa dos Callos en Porriño, que porá o broche final ás Festas do Cristo.

A Festa dos Callos, que chegará á súa 28a edición, está organizada pola asociación local de comerciantes (Acipor) e a asociación de hostaleiros (Ahospor).

Un evento gastronómico que combina dous produtos icónicos do Porriño: callos e pan, segundo argumentou a alcaldesa.

 

Este ano participarán 35 establecementos de hostalería da vila, o que en opinión do presidente de “Ahospor” mostra unha recuperación do sector “co que a pandemia non foi capaz”, dixo José Manuel Fernández.

Pola súa banda, Noelia Conde, xerente da asociación de comerciantes, agradeceu ao Concello do Porriño a súa colaboración e apoio e apelou a “celebrar estes eventos para recuperar a normalidade”.

Mentres que o concelleiro de Comercio, Sergio Casal destacou que o prezo da ración de callos, con pan e cazola incluídos, será de 7 euros, o que “é un prezo moi simbólico e barato polo que dan e polo traballo que lles dá”.

 

Na seguinte ligazón aparece a relación de establecementos participantes e outros datos de interese

Festa dos callos. XXVIII Edición

Convocadas catro comisións informativas, preparatorias do próximo pleno municipal ordinario

Este mércores 22 convocáronse catro comisións informativas. Trátase das comisións municipais de Urbanismo; Limpeza; Economía, e de Contas, a celebrarse entre as 18:00 e as 19:00 horas.

Prepararán os asuntos do próximo pleno ordinario de setembro que terá lugar o día 29, ás 18:00 horas.
Adxuntamos en “pdf” as convocatorias e as axendas das catro comisións.

Comisión de Contas setembro 2021

Comisión de Economia setembro 2021

Comisión de Limpeza setembro 2021

Comisión de Urbanismo septiembre 2021

Presentada a 24ª feira de oportunidades “Merca na Rúa”

Sergio Casal, concelleiro de Comercio e Noelia Conde, xerente da asociación de comerciantes do Porriño (ACIPOR) presentaron hoxe a edición número 24 da feira de oportunidades “Merca na rúa” que terá lugar a vindeira fin de semana do sábado 1 e domingo 12 de setembro, co patrocinio do Concello do Porriño.

Haberá 26 postos de venda, colocados na zona peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. “Desde roupa e calzado ata lencería, mercería, óptica e accesorios. E con descontos do 50, 60 e ata o 70%”, segundo indicou a voceira de ACIPOR.

O concelleiro Casal Quintas chamou “a toda a veciñanza porriñesa a acudir, participar e mercar porque fai falla o noso máximo apoio ao comercio local neste intre de dificultades”.

Neste ano 2021 non houbo feira en primavera, debido ás restricións pola pandemia. 

Os organizadores anunciaron que os postos de venda estarán abertos o sábado 11 entre as 10:00 e as 21:00 horas; e o domingo 12, entre as 11:00 e as 20,30 horas.

Amais haberá actividades de entretemento e de lecer para cativos cun parque de inchables, xogos populares, títeres e personaxes de Disney. 

 

A xunta de voceiros municipais debateu novas propostas de axuda á economía local e futuros convenios coas comunidades de montes

 

O alcalde accidental, Pedro Pereira presidiu hoxe a reunión da xunta de voceiros municipais que abordou dous asuntos: novas propostas de axudas á economía local e a negociación de convenios coas comunidades de montes.
O concelleiro de Promoción Económica, David Alonso solicitou aos restantes grupos da corporación que fixeran as súas propostas sobre que destino darlle aos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid que ao longo deste ano repartiu o Concello entre establecementos de hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que as solicitaron. A partida era de 140.000 € dos que se entregaron achegas por importe de 112.280 € polo que a cantidade nos disposta é de preto de 28.000 €.
Acordouse que o concelleiro daralle forma a unha proposta para habilitar unha convocatoria de axudas á que poderán presentarse establecementos, autónomos e micro empresas que non tiveran recibido anteriormente achegas desta liña de axudas ”Porriño Impulsa”.
Por outra banda, Pedro Pereira, en condición de concelleiro de Patrimonio Municipal informou aos voceiros dos grupos da corporación que está a negociar coas comunidades de montes. Trasladoulles un borrador de convenio coa comunidade de montes de Budiño que establece unha cesión de uso dos locais namentres non haxa unha resolución xudicial firme. Pereira Fernández informoulles que tamén está a traballar e negociar outro convenio similar coa comunidade de montes de Atios.

 

Convocada xunta de voceiros municipais para debater novas propostas de axudas á economía local e convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño

O xoves 5 celebrarase xunta de voceiros municipais, convocada ás 12,30 horas, con dous asuntos na orde do día que se comunicou aos grupos políticos da corporación.

Por unha banda trasladase á consideración dos voceiros municipais, a proposta de convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño, negociados polo concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira.

E por outro lado, por iniciativa do concelleiro de Promoción Económica, David Alonso debateranse novas propostas de axuda á hostalería e outros sectores da economía local cos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid, dotado con 140.000 euros que se habilitaron polo Concello para este exercicio. Dese total abonáronse nestes meses trancorridos, 112.280 euros en axudas económicas directas á hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que se destinaron polos solicitantes a pagos de alugueres, hipotecas, mercadorías, subministracións e gastos xerais. 

De xeito que hai un sobrante de algo máis de 27.000 euros para destinar ás novas propostas de axudas que se traten pola xunta de voceiros municipais.