Medidas preventivas polo coronavirus: O MERCADO AMBULANTE SUSPENDIDO ATA O 31 DE MARZO E A PRAZA DE ABASTOS SEGUIRÁ ABERTA PERO DEBERAN EXTREMARSE PRECAUCIÓNS

Outra das medidas preventivas polo coronavirus que adoptou o goberno municipal do Porriño foi a suspensión do mercadillo ambulante dos martes que se celebra na zona peonil da vila. A medida será de aplicación para os vindeiros martes de xeito que o mercadillo estará suspendido ata o 31 de marzo incluído.

A decisión foi comentada polo alcalde accidental e membros do goberno municipal cos voceiros dos demais grupos políticos da corporación na reunión que se celebrou onte a tarde no Concello.

Outra das medidas ten que ver coa actividade da Praza de Abastos do Porriño. Permanecerá aberta pero o goberno municipal vai trasladar aos titulares dos postos de venda a necesidade de que extremen a medidas de limpeza e hixiene e que establezan un protocolo de acceso e atención mentras duren as medidas de prevención.

Porriño adxudica a “Urbaser” o contrato de limpeza viaria e acorda adherirse ao Programa contra Velutina

Por maioría, a Corporacion local do Porriño acordou hoxe volver a adxudicar o contrato de limpeza viaria que agora será unha concesión que desempeñará a empresa “Urbaser S.A”. O acordo adoptouse con 14 votos favorables (PSOE+PP+EuSon+UDDL) e as abstencións dos dous concelleiros do BNG. Tan só faltou ao pleno, o voceiro de EU Son, Pedro Ocampo.

A proposta que se levou ao pleno baseabase na resolución previa da Mesa de Contratación celebrada esta semana e nos informes solicitados ao Tribunal de Contratación Administrativa de Galicia (TACGAL) e á consultora “Lagares e Oca”. En base a eles, decidiuse retirar do concurso a “Ascan” que foi a primeira adxudicataria, así como á firma “Eulen” e polo tanto recalcular e propoñer en favor da segunda clasificada na licitación, a firma “Urbaser”.

Outro dos puntos da orde do día deste pleno extraordinario celebrado hoxe foi acordar por unanimidade a adhesión do Concello do Porriño ao Programa Galego de Vixiancia e Control da Vespa Velutina, suscrito pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

O Programa garante a retirada e destrucción dos niños de velutina coa colaboración do Concello. Serán retirados por persoal da empresa pública “SEAGA” sempre que estean a menos de 25 metros do chan en un prazo de 5 días laborais. O Concello de Porriño recibirá e canalizará as chamadas dos veciños que alerten da existencia de niños e comunicará a información á Xunta de Galicia. “Para o Concello supón un aforro de gasto anual importante dado que era a administración municipal ata de agora a que asumía esa tarefa”, manifestou o concelleiro de Medio Ambiente Sergio Casal, na defensa do punto.

Por último, neste pleno ademais realizouse o sorteo mediante ordenador para a designación de membros das mesas electorais para os comicios autonómicos do vindeiro 5 de abril. As concelleiras Blanqui Francés, Cami Moreira e Ana María Martínez Paradela actuaron de testemuñas.

A XXII edición da feira “Merca na Rúa” que se celebrará na fin de semana, contará con 31 stands

Sergio Casal, concelleiro de Comercio invitou á veciñanza porriñesa e doutros concellos da contorna a acudir á XXII edición da feira de oportunidades “Merca na Rúa” que se vai celebrar na vindeira fin de semana. “Haberá unos prezos tan baratos que case que habería que darlle propina aos comerciantes”, indicou o edil.

Na zona peonil instalaranse 31 stands de 23 establecementos porriñeses que participan neste certame que organiza a Asociación “ACIPOR”. O sábado en horario de 10 da mañán a 9 da noite; e o domingo de 11 da mañaán a 8 da tarde.
“Haberá unha grande oferta de descontos en artículos de confección, calzado, óptica, complementos, regalos e outros que estarán representados” indicou Noelia Conde, xerente de “ACIPOR”. Ademais mentres os maiores realizan as súas compras, haberá unha zona de xogos, ocio e animación infantil.

A directiva da asociación local de comerciantes agradeceu “a implicación, un ano máis, do Concello do Porriño e particularmente a colaboración das Concellerías de Comercio e de Cultura e Festexos, para que este evento sexa posible como ven acontecendo dende 2009”, manifestou Noelia Conde.

O Goberno Municipal ofrece ampliar a protección da “Rede Natura”

O Pleno da Corporación Local do Porriño acordou por maioría manter a cesión da parcela municipal a “Aceesca” no polígono das Gándaras que se tivera acordado por unanimidade xa no pleno do mes de xaneiro. O acordo maioritario adoptouse onte fronte a petición do grupo “EU Son” que plantexaba reverter esa cesión.

“EU Son” argumentaba criterios de protección medio ambiental por tratarse dunha parcela cercana á “Rede Natura”. Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas explicoulle ao voceiro de “EU Son” que durante os traballos de limpeza realizados na parcela polo Concello “en ningures tívose actuado en espazo natural protexido”.

Non obstante, o tenente de alcalde ofreceu tanto a “EU Son” coma ós restantes grupos da corporación ampliar a superficie de transición entre a parcela que ocupará o futuro centro de formación dual e a zona de protección natural.
Pereira informou das conversas mantidas coa Consellería de Medio Ambiente nas que amosou a vontade do goberno municipal de ampliar esa superficie de transición coa conformidade da administración autonómica. De tal xeito que o Concello realizaría unha modificación puntual do Plan do Polígono das Gándaras para cualificar como “Solo Rústico Protexido de Espazos Naturais” unha franxa de preto de 31.000 metros cadrados. Con esa barreira, habería maior garantía para a conservación do espazo das Gándaras que é “Rede Natura” e tamén se daría seguridade xurídica para que “Aceesca” desarolle o seu proxecto de centro educativo.

O concelleiro de Infraestruturas, conforme anunciou onte no pleno, convocou a todos os grupos da Corporación a unha reunión da Comisión de Urbanismo que terá lugar o vindeiro martes 3, ás sete da tarde, na que dará maior detalle da proposta. Pedro Pereira manifestou que “lamentamos que ‘EU Son’ non amosara disposición ao consenso ofrecido cando a nosa proposta vai encamiñada a aumentar o espazo de protección.

O pleno municipal de febreiro acordou a cesión dunha parcela ao CTAG para aparcadoiro e servizos

A corporación local de Porriño decidiu por unanimidade a cesión dunha parcela ao Centro Tecnolóxico do Automobil de Galicia para habilitar un aparcadoiro e servizos conforme a petición trasladada polo CTAG ao Concello.

A parcela dotacional de titularidade municipal de 5.377 metros cadrados no Polígono Industrial de A Granxa cederase por 12 anos máis una posible prórroga doutros 12.
A proposta saiu adiante co engadido duna aportación do grupo municipal do PP que solicitou que estableceránse no convenio da cesión que o aparcadoiro poderá ser utlizado gratuitamente pola veciñanza de Porriño en festivos e fins de semana, e que o CTAG comprometese a construir un almacén e uns aseos para os veciños de O Casal.

O tenente de alcalde Pedro Pereira que presidiu a sesión por indisposición da alcadesa Eva García, explicou que “tratase de resolver, polo menos en parte, o problema de saturación de vehículos aparcados que se da nesa zona do Polígono da Granxa”. Tan só o CTAG ten unha plantilla de máis de 400 traballadores. E conflue ademais moito tráfico de camións e furgonetas vencelladas a outras empresas asentadas alí como “Trans Ayán” e “Amazon”.

A Concellería de Infraestruturas humanizará a rúa Aloques con cargo ao Plan Concellos 2020

A Xunta de Goberno Local, a proposta do concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira acordou incluír no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020 a humanización da rúa Aloques ata a súa intersección coa rúa Tarela cun orzamento estimado de 422.000 euros.

O proxecto foi presentado previamente polo concelleiro de infraestruturas aos residentes na rúa Aloques o pasado 5 de decembro nunha reunión que se celebrou na casa do Concello.

A mellora deste espazo urbano conleva a reorganización do tráfico, unha mellora estética e a renovación e ampliación do servizos existentes. A tal fin compre a demolición do firme actual e a súa substitución por un enlousado en pedra. E ademais acometerase a recollida de pluviais, saneamento, abastecemento de auga, telecomunicacións e electricidade.
A rúa Aloques quedará de tránsito peonil, sen tráfico de vehículos agás residentes.

O proxecto sairá a licitación, cando estean rematados os trámites burocráticos, para a súa execución ao longo deste ano.

Acordo unánime para desafectar as antigas casas dos mestres de Torneiros para a súa conversión en vivendas sociais

O Concello do Porriño aprobará, co acordo unánime de todos os grupos políticos da Corporación, a desafección das antigas casas dos mestres de Torneiros para a súa conversión en vivendas sociais.
A proposta realizada no nome do goberno municipal bipartito polo concelleiro de Infraestructuras e Patrimonio, Pedro Pereira será levada a pleno para a súa ratificación. Ainda que xa recibiu o respaldo dos restantes grupos políticos na reunión que celebrou onte a xunta de voceiros municipais. A alcaldesa Eva García engadiu que o proxecto de conversión en vivendas sociais podese acoller a unha liña de subvencións do 90% que establece o propio Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Á Xunta de Voceiros Municipais, presidida por Eva García, asistiron ademáis do citado Pedro Pereira, Lourdes Moure (PSOE), Abel Estévez (PP), Pedro Ocampo (EU Son) e Manuel Carrera (UDDL).

Entre outros acordos decidiuse que o pleno deste mes de febreiro sexa o xoves 27, ás 18 horas, para evitar a coincidencia co Mércores de Cinza e co Enterro da Sardiña.
Tamén tratouse da proposta do Rueiro Municipal para denominación de rúas e prazas que ainda está en fase de consultas que continuarán en marzo. Acordouse pechar os preparativos da Comisión Especial do Lindano que se vai constituir formalmente o vindeiro mércores 19, a as 19 horas.

Ademais o concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira debatiu cos voceiros dos grupos a posibilidade de establecer unha posición común do Concello no asunto existente en Budiño entre cinco entidades deportivas, culturais e veciñais e a Comunidade de Montes. De momento non é posible por diferencias de criterios que se volverán a tratar nunha reunión específica que terá lugar o vindeiro xoves 20.
Pretendese intermediar para acadar unha solución a tres bandas que garanta o mantemento dos usos de instalacións cuia titularidade pasou a mans da Comunidade de Montes, por sentenza do Xurado de Montes.

PORRIÑO CANCELA A REUNIÓN DA COMISIÓN DE DESLINDE CON MOS

O Concello do Porriño informa que ainda está recabando documentación e planimetría necesarias, segundo decidiiron hai unha semana os voceiros dos grupos municipais da Corporación. O acordo tomouse para argumentar os seus dereitos fronte a Mos. De tal xeito que reunir mañá a Comisión Especial de Deslinde sería precipitado.

Polo tanto este mediodía o gabinete da Alcaldía do Porriño comunicou ó Concello de Mos que non procede a celebración ainda da Comisión de Deslinde que queda cancelada ata nova data.

O Concello intermediará para manter os usos sociais, culturais e deportivos de instalacións en Budiño cuia titularidade pasou á Comunidade de Montes

O Goberno Municipal Porriño proponse intermediar para acadar unha solución a tres bandas que garanta o mantemento dos usos social, cultural e deportivo de instalacións en Budiño cuia titularidade pasou a mans da Comunidade de Montes.

As cinco entidades de Budiño afectadas son: Centro Recreativo de Mosteiro; Centro Social e Cultural A Cruz; Asociación Cultural A Lagaoa de Orbenlle; Asociación de Veciños A Tapada de Cerquido e Club de Futbol San Salvador de Budiño. As instalacións, que todos eles utilizan, estaban en terreos do Concello que se encargaba de obras e mantemento nas mesmas. Pero por unha resolución do Xurado de Montes de 26/3/2019, a titularidade dos mesmos pasou a Comunidade de Montes de Budiño.
Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde presidiu onte ánoite unha reunión no consistorio, á que asistiron representantes de todos os grupos municipais da corporación, con directivos das cinco entidades culturais, deportivas e veciñais de Budiño que se atopan nese intre.

Pereira trasladoulles que a posición de partida do Goberno Municipal é “buscar unha solución intermediada entre asociacións afectadas, comunidade de montes e Concello evitando a xudicialización deste asunto e co fin primordial de garantir que se manteñan os actuais usos culturais, sociais, veciñais e deportivos”.
A tal fin, o concelleiro de Infraestructuras tratará o asunto previamente na xunta de voceiros municipais para fixar unha postura común e logo citará ás asociacións afectadas e á comunidade de montes para negociar e acadar unha solución consensuada.

A Mesa Local de Comercio confirmou preparativos e datas para a vindeira edición de “Merca na Rúa”

A Mesa Local de Comercio celebrada a última hora desta mañan, no Concello, confirmou preparativos e datas para a vindeira edición de “Merca na Rúa”. Será a vixésimo segunda edición da feira de stocks e oportunidades que organiza a asociación de comerciantes “ACIPOR” coa colaboración do Concello do Porriño. Terá lugar os días 7 e 8 de marzo. Como é habitual os stands das firmas participantes estableceranse na rúa peonil. Segundo as estimacións dos organizadores haberá 23 postos de venda, dos casi 7 serán dobres.

Na reunión da Mesa Local de Comercio participaron os concelleiros do goberno municipal Lourdes Moure e Sergio Casal, Eugenio Fernández, xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e pola asociación de comerciantes porriñeses, Juana Pérez, presidenta e Noelia Conde, xerente de ACIPOR.