INSTRUCIÓNS PARA SOLICITAR A CITA PREVIA PARA O REXISTRO XERAL

Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.

Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:

Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”

Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.

Os zamoranos volverán ao mercado ambulante o vindeiro martes 30


O colectivo de vendedores zamoranos volverá montar os seus postos no mercado ambulante do Porriño que polo tanto recuperará a plena normalidade.

Despois dunha reunión solicitada polo colectivo na que expuxeron que o motivo fora un problema interno entre eles por desacordos cos emprazamentos dos postos, chegouse ao acordo de que o vindeiro martes 30 de xuño, volverán a instalarse.

Tres representantes do colectivo acompañados por Luis León Salazar entrevistáronse cos concelleiros Sergio Casal, responsable de Comercio, David Alonso, de Servizos Sociais e Lourdes Moure, de Seguridade.

Os voceiros do colectivo de ambulantes zamoranos amosaron plena disposición a colaborar co Concello nesta nova organización do mercado dos martes. Pola súa banda o concelleiro Sergio Casal agradeceu que o colectivo reconsiderase e volva ao mercado e reiterou que “a disposición do goberno municipal a manter vías de diálogo e entendemento con eles é permanente”.

Convocadas catro comisións informativas, preparatorias do pleno municipal do vindeiro martes 30

Mañá venres 26 están convocadas catro comisións informativas, preparatorias do pleno municipal que terá lugar o vindeiro martes 30. A sesión é a ordinaria de xuño que se adiou con motivo de que o mércores 24 fose festivo.

As comisións convocadas serán as de Economía, Urbanismo, Parques e Limpeza, e Seguridade que terán lugar entre as 17 e as 18 horas.

Entre os asuntos que se someterán á consideración dos grupos municipais figura a posible incorporación do Porriño ao Centro de Recollida de Animais (CAAN) dependente da Deputación Provincial e a modificación da ordenanza reguladora do estacionamento (Zona Azul).

Tamén levase a comisión para informar previamente cara ao pleno, a aprobación inicial do crédito extraordinario 2/2020 para recoñecemento extraxudicial de facturas de exercicios anteriores por un importe superior aos dous millóns de euros.

A nova distribución do mercado ambulante colleita boas críticas entre a veciñanza


Sergio Casal, concelleiro de Comercio manifestou estar “satisfeito do resultado e ambiente que lle da á vila” a nova organización de espazos do mercado ambulante dos martes que se celebrou hoxe, por primeira vez despois de cen días polo estado de alarma.

Tamén a alcaldesa Eva García resaltou que “a nova configuración do mercado dalle moita máis vida á zona peonil ao tempo que se respectan os protocolos sanitarios”. A alcaldesa, acompañada de Lourdes Moure, concelleira de Seguridade percorreu o mercado a mediodía para comprobar o resultado entre a veciñanza.

O mercado ocupa unha franxa de aproximadamente un quilómetro entre San Sebastián e a praza do Concello coa ocasión da estrea da nova distribución. Os postos colocaronse tan só nunha beirarrúa o que permite ter espazo dabondo para que os peons poidan circular gardando as distancias de seguridade e ao mesmo tempo respectar as terrazas dos bares e os escaparates do comercio establecido.

Cada posto ocupou un máximo de 6 metros lineais e gardaba unha unha distancia de 2 metros co seguinte. Os postos de venda de productos alimentarios e prantas instalaronse na rotonda de San Sebastián.

Finalmente, montaronse a meirande parte dos 128 postos de venda autorizados e sinalizados. Sen embargo, unha parte de vendedores, do colectivo xitano decidiron non montar os seus postos en desacordo coa orde de asignación dos mesmos.
Ao respecto, o concelleiro de Comercio manifestou que agarda que “ese sector de vendedores volva no Porriño”. Sergio Casal declarou que “lles pido que reflexionen e que comproben que a nova organización de espazos é do gusta da xente e que nos gustarían que todos estean no novo mercado ambulante dos martes”.

DCIM\100GOPRO\GOPR0285.JPG

O concelleiro Sergio Casal comprometese a instalar máis contendores e sinalización vertical no Polígono Industrial da Granxa


Sergio Casal, concelleiro responsable de comercio e industria comprometeuse a instalar máis contedores de lixo e mellorar a sinalización vertical no polígono industrial de A Granxa. Casal Quintas asistiu hoxe en representación do Concello do Porriño á reunión da comisión delegada da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial de A Granxa.

O concelleiro e a representación de empresarios do Polígono, encabezados por Indalecio Cuevas e David Sobral, presidente e xerente da Entidade Urbanística de Conservación, abordaron máis asuntos. Ademais dos referidos, Concello e empresarios de A Granxa acordaron facer consultas coa Xunta de Galicia interesando información sobre o estado das obras de conexión da Autovía A-55 coa estrada de Salceda. Tamén determinouse consultar coa empresa adxudicataria do asfaltado da rotonda de entrada ao Polígono.

Por outra banda, Sergio Casal tomou nota das solicitudes de máis zonas verdes, limpeza das táxeas da vía do tren e arranxo de beirarrúas dentro do recinto.
A Entidade Urbanística de Conservación agrupa a centenar e medio de empresas asentadas no medio millón de metros cadrados que ocupa o Polígono Industrial de A Granxa.

O mercado ambulante volverá o martes 23 de xuño

Sergio Casal, concelleiro de Mercados e representantes do sector de vendedores acordaron hoxe que o mercado ambulante do Porriño volverá o vindeiro martes 23 de xuño. O mercado ambulante non se celebra dende a declaración do estado de alarma.

Haberá unha nova distribución de espazos. Concelleiro e ambulantes acordaron que os postos de venta só sexan montados nun lateral da rúa. Cada posto ocupará un máximo de 6 metros lineais e haberá unha distancia de 2 metros co seguinte. O primeiro posto será montado á altura do establecemento “Cólleo con pinzas” e seguirán por orde colocándose cara ao Concello.
Os postos de venda de produtos alimentarios e plantas instalaranse na rotonda de San Sebastián.
Para garantir que o mercado ambulante funcione con normalidade, a rúa Pío XII estará cortada ao tráfico rodado.

No que atinxe á limpeza, cada ambulante comprometese a recoller en sacos e bolsas o lixo que se produza no seu posto. E, ademais, en todos os postos de venda haberá xel para hixiene de mans e será obrigatorio o emprego de máscaras de protección.
Non obstante, concelleiros e representantes dos ambulantes volverán reunirse o vindeiro mércores para rematar detalles.

Realízanse as obras de pavimentación do Camiño da Vacaría en Budiño

Esta semana comezaron as obras de pavimentación do camiño da Vacaría, en Budiño, acometidas polo Concello do Porriño, por iniciativa da Concellería de Urbanismo que dirixe Pedro Pereira.
As obras consisten no acondicionamento, limpeza, mellora da drenaxe e pavimentación con aglomerado quente, e posterior sinalización do camiño veciñal. Teñen un prazo de execución de 3 meses e un orzamento de 36.000 €. Execútanse con cargo ao Plan Concellos 2020, da Deputación Provincial.
Previamente a comunidade de augas, coa autorización da Concellería de Urbanismo e Infraestruturas, renovou a traída de augas veciñal.

Os servizos técnicos do Concello realizaron unha substitución de tubarias aproveitando o corte de auga de onte á tarde

Coa ocasión da avaría que onte á tarde produciuse na rede de distribución de auga na parte alta do núcleo urbano, os servizos técnicos municipais aproveitaron para substituír un tramo de 100 metros de tubaxes que estaba pendente da súa reposición. Por este motivo, hoxe mércores aínda están a producirse micro cortes de subministro de auga namentres se realizan as conexións.


No que atinxe a avaría acaecida onte nunha condución principal, quedou plenamente resolta despois da substitución da tubaria danada. Os servizos técnicos do Concello estiman que ó redor dun terzo da poboación do casco urbano resultou afectada polo corte de auga que durou un par de horas. Hoxe o abastecemento está normalizado.

Concello e Panadeiros do Porriño valoraron realizar unha mostra en outubro e outras accións promocionais


Goberno municipal e panadeiros do Porriño valoraron hoxe a posibilidade de realizar no mes de outubro, unha Mostra do Pan que palie a suspensión da quinta Feira anual, cancelada pola pandemia do Covid-19.


A mostra tería lugar nun único día, probablemente un domingo, nun recinto pechado que podería ser o Pavillón Municipal, o que permitiría establecer controis de acceso e un circuíto de percorrido de entrada e de saída para facer cumprir a garantías sanitarias que se establezan para entón.


Esta posibilidade valorouse na reunión que Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas e Sergio Casal, concelleiro de Comercio mantiveron cos representantes do sector de panadeiros do Porriño. Acudiron Luís Miguel Iglesias, de “A Maquía”; José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende” e Claudio, de “Panaderia Argibay”, acompañados por Noelia Conde, xerente da asociación empresarial ACIPOR.


En vindeiras semanas, ambas partes madurarán esta e outras posibilidades de colaboración. Entre elas, acordouse que a Concelleira de Cultura dea un pulo ao selo “Pan do Porriño” que está actualmente en proceso de certificación. Sería con accións promocionais que inclúan “algún tipo de exposición referida por exemplo á historia dos fornos de pan na vila”, manifestou Cami Moreira, ao termo da reunión.






O Concello licita contratos por 3,8 millóns de € que axudarán a dinamizar a economía local

O Concello do Porriño ten actualmente en curso a licitación de máis dunha ducia de contratos que suporán un importe de preto de 3.800.000 euros que axudarán a dinamizar a economía local.

As licitacións abranguen dende aprovisionamentos diversos para vías e obras, aluguer de maquinaria, subministracións varias, ata a prestación de servizos de mantemento dos campos de fútbol municipais ou limpeza dos centros educativos. Tamén están incluídas nese conxunto de licitacións varios proxectos de obra como a humanización da rúa Aloques e a pavimentación de camiños municipais en Torneiros, Centeáns, Covelo e Cavadas que sairán en tres lotes de adxudicacións.

A concelleira Lourdes Moure, responsable de Contratacións e Persoal pondeoru “o excelente traballo realizado polos funcionarios dos departamentos de Contratación, Intervención máis os técnicos municipais que habilitaron as partidas orzamentarias para acometer estas licitacións para servizos fundamentais”.

Engadiu a concelleira que “a progresiva desescalada permitiu a reincorporación da meirande parte dos traballadores e funcionarios do Concello” o que posibilitou que se reactivasen ata catorce licitacións que se resolverán neste mes de xuño.

Todas as licitacións en curso pódense consultar nesta mesma páxina web, no Portal de Transparencia, na pestana “Perfil do Contratante”.