O Concello e a Policía Local do Porriño informan de que entrou en vigor a modificación da ordenanza reguladora de aparcamentos (ORA), segundo o acordo acadado polo pleno da corporación municipal do Porriño o pasado 30 de xuño e unha vez cumprimentados os prazos legais de alegacións e publicidade.

As dúas principais novidades desta modificación son a contía das sancións e o límite de tempo de estacionamento.

A principal causa pola que se acometera esta modificación da ordenanza foi a limitación do tempo de aparcamento. Deste xeito aténdese unha reclamación da veciñanza pola escaseza de aparcamento na zona da Praza de Abastos e a gran demanda de prazas de estacionamento que se require para a atender o comercio.
A Concellería de Seguridade atendeu esta petición en aras de dinamizar ao Mercado e o comercio local e dar unha solución ao problema de circulación. Promulgou a modificación da ordenanza que regula o estacionamento, contando co informe da Policía Local, entendendo que na zona do entorno da praza de abastos, debese axilizar a circulación rodada. Por estas razóns, limítase o estacionamento dos vehículos a 45 minutos ( e non de hora e media como antes) considerando ese tempo como dabondo para realizar as compras no mercado e no comercio local.

No que atinxe ás multas por infracción da ordenanza, actualizase ao establecido polas leis de trafico. Polo tanto haberá unha redución do 50% se o pagamento da sanción se fixera efectivo no prazo de 20 días naturais. O importe das sancións non se incrementou. Sanción de 36 € por modificar a hora de chegada despois do estacionamento; e sancións de 24 € por falta de disco ou comprobante; superar o límite horario; estacionar de novo na mesma rúa ou praza sen que transcorreran dúas horas; ou ocupar dúas prazas de estacionamento.

As prazas destinadas a persoas con dificultades de mobilidade manterán o tempo de estacionamento de tres horas.

Por conseguinte, os sinais informativos serán cambiados para recoller estas novidades.