O arquitecto Bar Boo e a poetisa Yolanda Castaño, protagonistas da actividade da Biblioteca Municipal o luns, día 17 e o martes, 18 de abril

A Biblioteca Municipal, en cumprimento dos seus obxectivos de contribuir a poner en valor o patrimonio do Porriño e de potenciar a cultura no eido da nosa vila, organiza dúas actividades do máximo interese.

O vindeiro luns, día 17, o protagonista será o arquitecto Xosé Bar Boo (Vigo 1922-Santiago 1994): a Biblioteca Municipal quere achegar a obra porriñesa deste arquitecto xenial, cun roteiro guiado –de 5 a 8 da tarde- polas edificacions que deixou no Porriño.

Para elo estará presente o fillo do propio arquitecto, Alfonso Bar Blanco, e a visita iniciarase cunha charla na que exporá as ideas crave para entender a obra porriñesa de Bar Bóo, coa proxección de fotografías e modelos dixitais en 3D dos edificios proxectados para o noso concello, tamén os que non chegarían a realizarse, ou se realizaron sen respectar os planos do autor.

Despois os asistentes farán unha visita aos diferentes edificios de Bar Bóo na vila, deténdonos especialmente na espectacular Praza de Abastos.

Trátase dunha actividade gratuíta e aberta para todos os públicos, pero é necesario ser socio/a da biblioteca e inscribirse previamente, presencialmente ou chamando por teléfono (986337624). As prazas son reducidas e cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño.

O martes 18 de abril-ás 11:45 h.- Yolanda Castaño, sen dúbida un dos rostros máis coñecidos da poesía galega, porá en marcha na Biblioteca Municipal o seu espectáculo, cun novo e atractivo xeito de comunicar os seus versos, facéndo que o público dialogue coa linguaxe audiovisual e as novas tecnoloxías.

Ese día os asintentes serán partícipes dunha moderna posta en escena, capaz de conectar mesmo con públicos pouco versados no xénero poético, a través dun recitado de textos acompañado pola proxección de breves videopoemas e bases musicais.

Yolanda Castaño é unha das poetisas actuais en galego máis relevantes: máis de vinte anos publicando, e recibindo premios como o Fermín Bouza Brey, o Johán Carballeira de Poesía, o Premio da Crítica, ou o Premio Fundación NovaCaixaGalicia de Poesía.

Presentadora de televisión, crítica literaria en distintos medios, polifacética e multidisciplinar, e comprometida coa dinamización cultural que a levou a pór en práctica distintos proxectos innovadores ao redor da poesía e a expresión artística.

A actividade, organizada dentro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, está dirixida principalmente á mocidade, idealmente para nenos e nenas de 4 a 14 anos; de feito ese día asistirán alumnos e alumnas do IES porriñés Pino Manso…ainda que é un espectáculo en aberto e para todos os públicos.