En funcionamento a nova rotonda de A Costeira e a ordenación da zona entre Cerquido e Budiño, que ten un elevado índice de accidentes de tráfico

A alcaldesa, Eva Garcia de la Torre, xunto con Uxío Benítez, deputado provincial de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, e o concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, supervisou hoxe as obras realizadas polo organismo provincial para reordenar o tráfico e mellorar a seguranza viaria na estrada provincial EP-2405 entre Cerquido e Budiño, no lugar de A Costeira.

García de la Torre  salientou que a obra supón “unha mellora ostensible” na ordenación da zona e asegurou que “coa construción da rotonda evítase a altísima sinistralidade que había tal e como estaba configurado o espazo. Agora os viandantes e as persoas usuarias adaptáronse perfectamente á existencia da glorieta, o que dá idea da necesidade que había de facela”.

Para o responsable das infraestruturas provinciais a nova glorieta ven a redistribuír a circulación e calmar a velocidade nunha intersección que ata o de agora era moi perigosa e fora escenario de diversos accidentes.

Benitez subliñou que a actuación en A Costeira incluíuse dentro do Plan de Interseccións  da Estratexia de Mobilidade 3.0 da Deputación, que ten como un dos seus obxectivos prioritarios eliminar a violencia viaria e os puntos negros de toda a rede de estradas provincial.

Os traballos de mellora consistiron principalmente na ampliación do radio de curvatura da estrada principal, preto da conexión da EP-2405 da Deputación co parque empresarial das Gándaras, á altura do Centro Tecnolóxico do Automóbil de Galicia.

Doutra banda, urbanizouse a zona con beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitáronse pasos de peóns e baixouse a velocidade máxima de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se solucionaron as drenaxes mediante a remodelación de beiravías e sumidoiros e instaláronse oito luminarias tipo led sobre columnas de nove metros, catro na propia glorieta e outras catro nas inmediacións da intersección.

O orzamento global ascendía inicialmente a 220.336,36€, sendo 21.534€ destinados a expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo de 132.719,68.

Axentes da Policía Local interceptan a unha condutora que circulaba cun menor no coche e case multiplicaba por catro a taxa de alcol permitida legalmente

Axentes da Policía Local recibían ás 17:22 horas de este venres, día 5 de outubro, a chamada dun condutor que circulaba pola  N-550, en dirección a O Porriño, informando de que o coche que ía diante do seu estaba a facendo ‘zig-zag’ e,as veces, entrando no carril contrario.

Coa finalidade de  localizar inmediatamente este coche, que estaba a poñer en perigo a seguridade do  resto dos vehículos, os axentes da Policía Local mantiveron a chamada de teléfono en liña para que a persoa que alertara desta situación puidese informar de onde se atopaba en cada momento. Isto facilitou que o coche fose interceptado no quilómetro 154,800 da N-550.

Unha vez que o mesmo estivo parado, os policías comprobaron que no seu interior viaxaba un rapaz de 12 anos, fillo da condutora, unha muller de 52 anos a cal, sinalan os axentes, “amosaba claros síntomas de atoparse baixo a influencia de bebidas alcólicas, tendo que ser agarrada algunhas veces para que non caese”.

Sometida ás probas de alcoholemia, as mesmas deron un resultado que multiplicaba case que por catro a taxa legalmente establecida, polo cal os policías procederon á instrución de dilixencias pola suposta comisión dun delito contra a Seguridade Vial, pasando as mesmas a disposición do Xulgado de Garda.

Á vista do estado de embriaguez da condutora, os axentes realizaron xestións para levar ao rapaz cun familiar e, ao mesmo tempo, procederon a inmobilizar o coche no lugar.

Dende a Policía Local sublíñase o feito de que esta intervención fose realizada grazas á colaboración cidadá que, asegura, “é fundamental en situación coma esta para evitar que condutas semellantes poidan causar un accidente con graves consecuencias”.

A Policía Local do Porriño recupera un coche que fora roubado o pasado mes de novembro

Axentes da Policía Local do Porriño recuperaron o pasado martes, no casco urbano, un coche que figuraba coma roubado en Vigo en novembro do ano pasado.

O xefe da Policía Local sinala que estas actuacións forman parte do Plan de Seguridade e Prevención da Seguridade Cidadá posto en marcha dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure, e que ten coma obxectivos perseguir a comisión e prevención dos Delitos contra o patrimonio das persoas.

O coche, logo da súa recuperación, será entregado ao seu propietario, “logo da inspección ocular, co obxecto de localizar ao presunto autor ou autores do roubo do mesmo”.

Dende a Policía Local recomendase ás veciñas e veciños que, ante calquera tipo de incidencia, chamen ao número de teléfono  620404040, que é “inmediato e sen intermediarios”.

A Policía Local do Porriño realizou no que vai de ano máis de 1.000 probas de alcoholemia e imputou 22 delitos a condutores que superaron os 0,60mg/l

No primeiro semestre deste 2018 axentes da Policía Local do Porriño realizaron máis de 1.000 probas de detección de alcohol a condutores das que 47 foron positivas, imputando 22 delitos contra a Seguridade Vial ao superar as taxas os 0,60mg/l.

Segundo subliña o xefe da Policía Local, dende principio do ano realízanse controis de alcoholemia en distintos puntos do concello, pero “das 47 probas positivas, so 19 foron nestes puntos, sendo a maioría por infraccións de tráfico”.

De todas as probas realizadas, 25 corresponden a denuncias administrativas (o 53%) e 22 a denuncias penais (o 47%), ao superar os 0,60 mg/l de aire espirado. Polo que se refire a estas últimas denuncias, hai que salientar que  todas as probas positivas realizadas, 6 en total (o 13%) deron un resultado superior a 1,00 mg/l de aire espirado, sendo a taxa máis alta de  1,52 mg/l , o que representa seis veces o máximo legal establecido.

Polo que se refire ao xénero dos infractores, o 91% deles foron homes e un 9% mulleres; o 13% dos positivos foron condutores implicados en accidentes, “o que salienta os riscos que supón conducir baixo os efectos do alcohol, hai que lembrar que de cada 100 accidentes mortais de tráfico que hai en España o alcohol ten que ver en entre 30 e 50 de eles”, sinala o xefe da Policía Local.

Daniel Rodríguez lembra que o alcohol produce alteracións moi evidentes no comportamento, “inflúe en case todas as capacidades psicofísicas precisas para una condución segura” e que unha persoa que está bébeda infravaloras os efectos que o alcohol ten sobre a condución, “ten unha falsa seguridade en sí mesma e admite un maior nivel de risco ao volante”, aumenta as súas condutas agresivas e, especialmente, “ao consumir alcohol, un dos cambios máis importantes e graves é o aumento do tempo de reacción, polo cal  a toma de decisións ao volante faise moito máis lenta”.

O xefe da Policía Local subliña que as multas por conducir bébedo van dos 500 aos 1.000€ e a retirada de 4 a 6 puntos no Permiso de Conducir. As sancións penais poden chegar ás penas de cadea de 3 a 6 meses, cunha multa de 6 a 12 meses ou de traballos en beneficio da comunidade durante 31 a 90 días e, en calquera caso, a retirada do permiso de conducir vehículos a motor entre 1 e 4 anos.

A Policía Local intercepta a 30 condutores que circulaban polo Porriño baixo os efectos da cocaína, marihuana ou heroína, entre outras drogas

Dende o pasado mes de febreiro, e seguindo as instrucións das concellerías de Seguridade e Tráfico, a Policía Local co Porriño está a levar a cabo unha campaña sobre o consumo de drogas entre os condutores e, doutra banda, acción constantes para acabar co ‘menudeo’ a pequena escala.

O xefe da Policía Local sinala que no eido desta campaña, os axentes realizaron 30 probas positivas en drogas a persoas que circulaban polo Porriño aos mandos dun vehículo, “todas elas sancionadas con multas de 1.000€ a perda de 6 puntos no carné de conducir”.

Dacordo cos datos da Policía, 26 dos infractores eran homes e 4 mulleres; 12, o 40% de todos eles, deron positivo en cocaína; 9, (o 30%) consumiran THC (marihuana); 6 (o 20% do total) deron positivo en heroína, e 3 (o 10%) en outras substancias.

Os policíasinterviron, en 19 casos, a diferentes persoas, substancias estupefacientes, e todas elas foron propostas para sanción pola infracción da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá.

Alerta sobre os efectos das drogas

Conducir baixo os efectos das drogas ten consecuencias que fan a circulación moi perigosa, no caso dos opiáceos e derivados e habitual unha alteración da percepción; incremento das posibilidades de distracción ou de durmirse ao volante; asunción de riscos e decisións perigosas por mor dunha falsa sensación de control ou movementos máis lentos.

Polo que se refire a substancias coma a cocaína, a mesma causa comportamentos impulsivos; diminúe a sensación de fatiga o que leva a conducir durante máis tempo do recomendable; incita a unha sobrevaloración das propias capacidades transmitindo unha falsa sensación de confianza para afrontar situacións perigosas e leva a asumir máis niveis de risco, aumentando este comportamento ao volante coa realización de manobras temerarias ou o incremento da velocidade.

Cortes e desvíos de tráfico o venres,sábado e domingo pola celebración de Porrigalia

A Policía Local do Porriño informa que a causa da celebración de Porrigalia, o venres, día 20, sábado, 21 e domingo 22 de xullo, haberá cortes, restricións e desvíos do tráfico rodade en distintas rúas do casco urbano.

Na rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento co Fernández Areal, a circulación estará cortada dende o venres, día 20, ata as 2 da tarde do domingo, 22.

Tamén estará prohibido circular por Ramón González e Manuel Rodríguez , ata o cruzamento con San Sebastían, dende este venres ata o domingo e, finalmente o tráfico da rúa Pío XII estará desviado pola rúa Fontevella.

Do mesmo xeito, a parada do autobús para Tui, estará na Avenida de Galicia e no cruzamento con Salceda –acceso a Atios-Vilafría- nos dous casos debidamente sinalizado.

A Policía Local súmase á campaña iniciada por Tráfico e establece controis de velocidade en todo O Porriño

Ata o domingo, 22 de abril, a Policía Local do Porriño súmase á campaña de control de velocidade posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico.

O obxectivo da mesma é o de reducir o número de mortos e feridos causados polo exceso de velocidade: segundo os datos de Tráfico, transitando a unha velocidade axeitada poderían evitarse a cuarta parte de todas as mortes que se producen, anualmente en todo o país, en accidentes de circulación

A campaña, que se impulsa, ao mesmo tempo, en 25 países europeos por medio da Organización Internacional de Policías de Tráfico (TISPOL), quere mandar a mensaxe de que hai que respectar os límites de velocidade, considerando que no 21,5% dos accidentes mortais ocorridos no ano 2016 a velocidade foi un factor determinante.

O aumento do número de mortes por mor do exceso de velocidade aumentou, principalmente, en vías urbanas, cun crecemento do 18% o que fixo que en 2016 un total 386 peóns faleceran atropelados, o que representa 19 mortos máis que o ano anterior e preto do 25% de todas as vítimas de accidentes de tráfico.

Neste eido, a Organización Mundial da Saúde vén de facer público un estudo no que se indica que o risco de norte entre peóns é do 80% se son atropelados a 50 quilómetros por hora; por riba dos 80 quilómetros por hora as posibilidades do peón de sobrevivir son nulas mentres que a unha velocidade de 30 quilómetros por hora o risco de norte é do 10%.

A Lei de Seguridade Vial e o Regulamento Xeral de Circulación aplicable aos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos, establece que o incumprimento destas normas está tipificado coma infracción grave ou moi grave, sancionadas con multas de 100 a 600 euros.

O artigo 379 del Código Penal, establece que “o que conducira un vehículo de motor o un ciclomotor a velocidade superior en 70 quilómetros por hora en vía urbana ou en 80 quilómetros por hora en vía interurbana á permitida, será castigado coa pena de cadea de 3 a 6 meses e á de multa de 6 a 12 meses e traballos a prol da comunidade de 31 a 90 días e, en calquera caso, á de privación do dereito  a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a 1 e ata 4 anos”.

Por último, a Lei do Permiso por Puntos contempla a perda de entre 2 e 6 puntos por esta infracción,  dependendo do del exceso de velocidade cometido.

Cortes de tráfico no Porriño este domingo, día 18, pola disputa da Interrunning

Este domingo, día 18 de marzo, máis de 2.500 atletas disputarán no Porriño a 12ª Interrunning sobre varios percorridos de lonxitude, que van dos 10 quilómetros, na proba centras, pasando polo 5 quilómetros para os corredores que tomarán a saída na proba popular e circuitos máis curtos para as 200 cativas e cativos inscritos na edición deste ano.

Coa finalidade da garantir a desenrolo da proba e a seguridade dos participantes, a Policía Local do Porriño procederá a cortar ao trafico, dende as 9 e media da mañá e ata a 1 e media da tarde, boa parte das rúa do centro urbano nas que, ademáis, non se poderá aparcar dende as 8 da mañá.

Rúa Cando, Leandro Diz, Ramiranes, e rúa Peña, na que ademaís estará prohibido estacionar; a Avenida de Galicia o carril en dirección a Tui-a Policía Local indica que a parada de autobús sentido Vigo estará habilitada e funcionando-; rúa Domingo Bueno, ata Cruzamento de Rego (prohibido aparcar en toda a rúa), Atios-A Gúia, rúa Xogo da Ola, na que non se poderá estacionar; rúa Manuel Rodríguez, na que non se poderá aparcar dende o cuzamento da Pontenova á Panadería Chinchina; rúa Pío XII, José Fernández López, e rúa San Sebastián,que estará cortada ao trafico dende a Pontenova á fonte.

A Policía Local, seguindo co seu programa de Eduación Vial, impartiu unha clase aos pais, técnicos e deportistas do clube cilista Avanza

A Policía Local do Porriño segue co seu programa de ‘Educación Vial’ que imparten os seus integrantes a alumnas e alumnos de colexios e institutos e tamén de asociacións, clubs deportivos e colectivos de fora do eido lectivo.

O xefe da Policía Local, Daniel Rodriguez, e o axente  Francisco Javier Rodríguez Fernández – medalla de ouro nas olimpiadas de Policías e Bombeiros nas categorías de crono escalada, velocidade e critérium- falaron a país, técnicos e deportistas, de entre 5 e 17 anos, do Club Ciclista Avanza, sobre a circulación en vías urbanas,  interurbanas e pistas forestais.

Na charla debatéronse temas como normativa vixente en materia de tráfico, que afecta á circulación dos ciclistas, a importancia de que sexan o máis visíbeis posible cando saen á rúa ou a estrada, a importancia del casco e, especialmente, a necesidade do cumprimento das  normas de tráfico.

Os axentes tamén explicaron cómo actuar no caso dun accidente, o funcionamento do Servizo de Emerxencias 112, cómo  como rodar en grupo ou a circulación por pistas forestais.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo Entroido

A Policía Local informa de que co gallo da celebración do Entroido, non se poderá estacionar na rúa Donantes de Sangue, a partir das 3 da tarde do sábado 10, dende a entrada á piscina ata Antonio Palacios. Esta rúa estará cortada ao tráfico dende as 5 ás 6 da tarde, coincidindo co desfile das comparsas.

Tamén se suspenderá a circulación en Antonio Palacios dende o cruzamento con Donantes de Sangue –pavillón- ata a rotonda de Aloques- rúa Domingo Bueno- dende as 6 da tarde.

Así mesmo, estará cortada a rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento da Pontenova, dende as 6 e cuarto da tarde; o mesmo pasará nos dous carrís da Avenida de Galicia– aínda que se permitirá o acceso a residentes-; tamén Pío XII e Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o cruzamento de Xogo da Ola ata a Panadería Chinchina-nestas rúas tamén estará prohibido aparcar.