A directora xeral de ADIF estará o xoves en O Porriño para coñecer en persoa o problema do paso a nivel

A entrevista prevista para este luns en Madrid entre a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e a directora xeral de Explotación e Construción de Adif, Isabel Pardo de Vera, vén de quedar aprazada para o vindeiro xoves, día 21,data na que a mesma celebrarase pero no Porriño.

Pardo de Vera viaxará ata a vila para coñecer in situ e en persoa o problema que causa o paso do tren polo centro do Porriño. A directora xeral estará diante mesmo das barreiras e terá ocasión de ver o pasos dos trens e, especialmente, a velocidade á que o fan, moitas veces a 140 quilómetros por hora.

A responsable de ADIF, que viaxa a O Porriño cando se cumpre un ano do accidente no que morreron 4 persoas e preto de 50 resultaron feridas,  manterá unha entrevista coa alcaldesa e cos voceiros dos grupos municipais e recibirá unha explicación polo miúdo do que supón para a vida dos porriñeses o feito de que os trens circulen a diario polo caco urbano.

O pasado día 9 houbo unha concentración en lembranza das vítimas do accidente e no acto o manifesto que se leu, consensuado por todos os grupos municipais, pediuse que se estremasen as medidas de seguridade “en tanto non se suprime o paso a nivel”, unha actuación que se demanda dende hai medio século.

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo das ‘Festas do Cristo’ será polo centro do Porriño o venes, día 29, dende as 8 da tarde

A ‘Carreira Nocturna’ de ciclismo, que forma parte da programación das Festas do Cristo, disputarase na data anunciada: o venres 29 de setembro, dende as 8 da tarde, pero será polo Centro do Porriño e non nas Pistas de Torneiros, como se anunciara.

As demais probas ciclistas manteñen os lugares, datas e horarios, adiantados na presentación das Festas do Cristo e que figuran nos programas oficiais: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media da mañá dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

Preto de 80 actos, actividades, actuacións ou probas deportivas, propostas do programa das ‘Festas do Cristo 2017’

Preto de 80 actos, propostas, actividades, actuacións ou competicións deportivas, están previstas durante a duración das Festas do Cristo deste ano que abrangue máis aló dos días centrais das mesmas chegando ata o vindeiro 1 de outubro, data na que está prevista a celebración do Encontro Internacional de Aeromodelismo, por suposto en Pontellas.

Segundo salientou este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, na presentación do programa, as Festas do Cristo 2017 queren “chegar a todas as veciñas e veciños e atender a a diferentes sensibilidades e os gustos”, co único obxectivo de que os asistentes ás mesmas pasen unhas horas de lecer.

Acompañada por representantes de  ‘Montando O Cristo’, ‘O Cristo do Rap’ e a cantante local Xoana, que terán un importante papel nas propostas desta edición das Festas, a alcaldesa subliñou que nas mesmas haberá exposicións, teatro, concertos- coma os de Antonio Serrano, Argonad Band, Xoana e MQM Band, Uxía & Javier Ruibal ou Camela; pasando por DJ, bandas de música-coma as de Vincios, a Agrupación Musical do Rosal, A Cultural de Arcade ou a Unión Musical de Valladares-, charangas, unha Festa Medieval, , orquestras, espectáculos de humor, coma o que protagonizará Cándido Pazó, espectáculos para cativos, xigantes e cabezudos, o Festival da Cultura Urbana ‘O Cristo do Rap’, o Festival de Rock ‘Montando o Cristo’ e os actos relixiosos dende o día 22, co punto central ca Procesión do Santo Cristo da Agonía o día 24.

García de la Torre salientou a importancia do deporte, “con maiúsculas”, nas Festas do Cristo deste ano, con encontros de Balonmán, feminino e masculino, Patinaxe, Fútbol, co Torneo Festas do Cristo, Tenis, Kung-Fu, Atletismo, Gimnasia Rítmica, Baloncesto, Aeromodelismo ou Ciclismo.

En relación con esta última disciplina, a alcaldesa quixo acabar con todas as dúbidas e comentarios xurdidos nos últimos días e subliñou que “disputaranse todas as probas e concentracións tradicionais”: o sábado, día 16, ás 4 e media da tarde, nas Pistas de Torneiros, ‘Ciclismo Infantil’; o venres día 29, no mesmo lugar, ás 8 da tarde, a ‘Carreira Nocturna Festas do Cristo’ e o domingo 1 de outubro, con saída ás 10 e media dende a Praza de Antonio Palacios, a ‘Festa da Bicicleta. Marcha popular’.

A rexedora, logo de insistir en que as Festas do Cristo “queren integrar a todo o mundo”, repetiu que “son para que todos bailemos, para que esteamos en moitos lugares, para que non paremos, para que nos movamos e para que o pasemos ben”.

O Goberno Local inicia os traballos de asfaltado e conexión á rede municipal de saneamento no barrio da Costeira-Mosende

A concellería de Vías  e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de iniciar traballos de asfaltado e de conexión á rede de saneamento  no barrio da Costeira- Mosende, cun orzamento de 60.440€, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O concelleiro subliña que “na Costeira era necesario realizar un asfaltado urxente das vías e decidiuse  dotar, previamente, ás casas da zona do servizo de saneamento”.

Cando finalicen as obras, nun prazo aproximado dun mes e medio, 15 familias poderán conectarse directamente aos colectores do Consorcio do Louro.  Pola súa banda, indica Manuel Carrera, a mellora das estradas suporá a renovación de 2.000 metros cadrados de asfalto, ademais do pintado e sinalización vertical dos  mesmos.

Hai que lembrar que so no último mes, o Goberno Local  puxo en marcha, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o labor de conexión á rede de saneamento na  Costeira-Mosende,  Albarín-Atios e A Pereira-Contrasto, “que permitirán que un total de 75 vivendas estean unidas á rede municipal”.

Empeza a substitución das papeleiras no Porriño, colocaranse cinceiros e ‘pipi-cans’ e aplicarase, de xeito rigoroso, a Ordenanza de Convivencia Cidadá

A Concellería de Limpeza, que dirixe Orlando Márquez, ven de iniciar a colocación das novas papeleiras en distintas partes do casco urbano do Porriño no que é o inicio dun proceso que abranguera todas as parroquias e que seguirá nas vindeiras semanas.

As novas papeleiras, indica o concelleiro, que teñen unha capacidade de 60 litros, evitan que o interior poida ser remexido por animais, coma paxaros ou gatos, e permiten que a retirada das bolsas do lixo se faga de xeito doado e limpo, en canto as mesmas se enchan, un proceso que pode facer a calquera hora do día, de maneira que se evite que estean cheas ou que haxa cheiros.

Estes novos recipientes virán a substituír aos existentes que, na maioría dos casos, están xa moi deteriorados e xunto con eles esta prevista a colocación de cinceiros e os popularmente coñecidos coma ‘pipi-cans’, con bolsas e dispensadores que teñen coma obxectivo manter as rúas limpas, facilitando a recollida das defecacións dos cans.

Neste sentido, o concelleiro subliña que os axentes da Policía Local aplicarán, de xeito rigoroso a Ordenanza Municipal de Convivencia Cidadá, Limpeza e Recollida de Residuos, que establece: “as persoas que conduzan cans e outros animais polas vías públicas, deberán levalos amarrados, impedindo que os mesmos depositen as súas dexeccións en calquera lugar destinado ao tránsito de peóns. No caso de que as dexeccións queden depositadas nas beirarrúas, en calquera zona peonil o una calzada, a persoa que leve ao animal está obrigada a súa limpeza”.

Orlando Márquez lembra que o incumprimento da obriga de recoller os excrementos dos cans ten establecida unha multa de ata 750€.

A Policía Local informa dos cortes de tráfico no casco urbano pola celebración de Porrigalia

Co gallo da celebración de Porrigalia, dende este venres, día 21, ao vindeiro domingo, 23 de xullo, a Policía Local informa de que será necesario cortar ao tráfico varias rúas do casco urbano do Porriño.

O Venres, día 21, dende as 7 da mañá, estará cortada a circulación na rúa Domingo Bueno, dende a ‘Rotonda Aloques’ ata a rúa Pío XII, nos dous sentidos. Ao mesmo tempo estará aberto un desvío, so para turismo, pola rúa Pinar; os autobuses e camións farano pola Autovía.

As paradas de buses manteranse en: Avenida de Galicia, en todos os sentidos, ‘La Casilla’, cruce de Salceda, e quedarán suprimidas as paradas entre ‘La Casilla’ e Aloques. As paradas sentido Porriño-Ponteareas, non estarán afectadas.

Domingo 23 de xullo.– dende as 10 da mañá abrirá ao tráfico a rúa Domingo Bueno.

A rúa Manuel Rodríguez quedará cortada á circulación ata Leandro Diz, dende as 7 da mañá do venres, para a instalación das casetas de Porrigalia, ata o domingo, día 23 ás 10 da noite.

Polo que se refire aos garaxes que estarán afectados polas restricións de circulación e cortes de tráfico, os seus usuarios deberán consultar á Policía Local.

A Concellería de Vías e Obras remata a reparación da estrada e a ponte en A Quinta, na parroquia de Chenlo

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de rematar a reforma integral da ponte, en A Quinta, na parroquia de Chenlo, que estaba moi deterioradA, o mesmo que a vía municipal, que afundira por mor das choivas e que representaba un perigo para as persoas que transitan por esta zona do Porriño.

Os traballos abrangueron a transformación da base da ponte, que se movera, con módulos prefabricados de formigón, de 2,50 por 2 metros; a colocación dunha varanda de seguridade nos laterais do camiño; a fixación de ‘aletas’ de contención para terras e o acondicionamento e reparación da estrada, que cedera, facendo que a auga filtrase e erosionase tanto o firme coma a base do paso tapando, ademais, as arquetas de drenaxe.

En total o orzamento destinado a esta obra achegouse aos 43.000€ que permitiron recuperar a ponte, garantir a seguridade dos peóns, arranxar a calzada e adiantarse á posibilidade de que puidese producirse outro arrastre de terra e pedras cando chegue o inverno e cheguen as treboadas.

Mellora de puntos de risco en todo O Porriño

A Concellería de Tráfico e Seguridade Vial segue coas obras para a eliminación ou mellora da protección en puntos de especial perigo de todo o Concello.

Estes días estase a rematar a colocación dun valado de 150 metros na Avenida de Antonio Palacios-a altura de ‘Talleres Gumerjo’-, nun lugar no que existía unha alta probabilidade de accidentes. Esta mesma obra seguirá ata a entrada de Cans o cal, sinala o concelleiro de Seguridade Vial, Orlando Márquez, “reducirá nunha alta porcentaxe o risco de accidentes nesta zona”.

Dende principio de ano, o Goberno local ven de executar distintos traballos en lugares nos que os veciños denunciaran que se producían contratempos ou que había perigo. Tal é o caso da Pontenova, no lugar de San Diego, en Mosende, na rotonda de Madeiras Iglesias, ou en Sequeiras, diante da urbanización As Rochas.

Horarios dos cambios e cortes no tráfico pola proba de ciclismo

Horarios dos cambios e cortes no tráfico pola proba de ciclismo que pasará polo Porriño esta fin de semana

Co gallo da proba ciclista do vindeiro sábado, día 22, entre as 16:30 e as 20:00 h. vaise cortar o tráfico en varias rúas e estradas de Atios e Cans, pola zona de Paizal, Portela de Souto, Adroza, A Graña, Gulpilleira, subida A Risca.

Ademais, controlarase o paso pola N-120 á altura de Adroza, en Cans, con tráfico alternativo. Así mesmo, todo o circuíto estará debidamente valado e sinalizado.