Momentos de tensión os vividos onte na xefatura da Policía Local do Porriño. Eran as 22h os pais dunha pequena de preto de dous anos de idade chegaban con ela en brazos ás dependencias policiais xa que non podía respirar.

Tras constatar que a menor sufría unha insuficiencia respiratoria, comezaron a realizar as manobras básicas de primeiros auxilios conseguindo que reaccionara. Ao non haber unha ambulancia dispoñible neste momento e comprobar que a pequena volvía quedar sen aire, os axentes desprazarona de urxencia xunto aos seus pais ao centro de saúde, mentres un deles continuaba a efectuar as maniobras. De camiño, estas deron resultado e a pequena logrou expulsar as secrecións que lle impedían respirar e abrir a vía aérea, comezando a respirar con normalidade.

En primeira instancia a nena foi atendida no PAC do Centro Médico do Porriño e posteriormente trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro e hoxe xa se atopa no seu domicilio e recuperándose.

Dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Abel Estévez, e dende a Alcaldía, agradeceron á Policía Local do municipio o labor realizado, grazas á formación e preparación destes funcionarios e salientaron que o vindeiro ano, realizarán un curso de reciclaxe de primeiros auxilios para todos os funcionarios policiais, a fin de garantizar a capacidade de afrontar situación como as vividas onte e resolvelas satisfactoriamente.