Novas axudas para investir en maquinaria e equipamento en pequenas empresas

 

  • Estas subvencións, ao abeiro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, permitirán modernizar e diversificar os distintos negocios 
  • Os proxectos deberán contar cun orzamento mínimo de 20.000 euros e máximo de 300.000 euros

O Porriño, 6 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño informa dunha nova convocatoria de axudas destinadas á adquisición de maquinaria e equipamentos para mellorar, ampliar ou modernizar pequenas empresas do rural, co obxectivo de impulsar a diversificación da actividade económica fóra do ámbito agrario. Esta liña de subvencións está orientada a proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas e permite financiar bens de equipo novos necesarios para a produción ou prestación de servizos, cunha intensidade de axuda de ata o 50 % dos gastos subvencionables. 

Os proxectos deberán cumprir algúns requisitos básicos: a empresa debe estar constituída antes do 1 de setembro de 2025, os investimentos non poden estar iniciados na data de presentación da solicitude, deben desenvolverse no territorio de Galicia, agás nas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas, e o orzamento debe estar comprendido entre 20.000 € e 300.000 €, mentres que no caso de transformación e comercialización de produtos agrícolas ou artesanía, a contía será de entre 20.000 € e 100.000 €. Poderán beneficiarse destas subvencións pequenas empresas, persoas físicas traballadoras autónomas e titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que desenvolvan actividades produtivas non agrarias en zonas rurais galegas. 

No caso do Porriño, a convocatoria abrangue todo o termo municipal, non só determinadas parroquias, polo que todos os negocios locais teñen a oportunidade de acceder a estas axudas. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta liña de apoio ao tecido produtivo local: “Falamos dunhas axudas moi importantes para que as pequenas empresas e os autónomos do Porriño poidan investir, modernizarse e gañar competitividade. Son iniciativas que xeran actividade económica, emprego e que axudan a fixar poboación, algo fundamental para o futuro do noso concello.”

O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro de 2026, mentres que a execución e xustificación dos investimentos deberá realizarse antes do 15 de outubro de 2026.

A convocatoria está promovida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Desde o Concello do Porriño anímase ás persoas e empresas interesadas a informarse sobre esta convocatoria e a valorar a presentación de proxectos que contribúan ao desenvolvemento económico do rural.

O Concello do Porriño abre as inscripcións para o Campamento de Entroido 2026

  • O prazo de inscrición pechará o 9 de febreiro ás 9:00 horas

O Porriño, 3 de febreiro de 2026.- Un ano máis, o Concello do Porriño organiza o Campamento de Entroido, un espazo de encontro para os máis pequenos no que primarán valores como a cooperación, o respecto, a empatía, a sororidade e a solidariedade, ao longo das actividades programadas. O campamento tamén busca favorecer a concilación da vida persoal e laboral das familias do municipio.

O campamento desenvolverase nas instalacións municipais, sendo o lugar de entrega e recollida o C.E.I.P. Xosé Fernández López, en horario de 8:30 a 14:30 horas os días 16, 17 e 18 de febreiro. O aforo está limitado a 50 participantes, tendo prioridade os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos empadroados no Porriño.

As persoas interesadas deberán cubrir a folla de inscrición oficial, debidamente asinada, achegando a documentación obrigatoria e, no caso de circunstancias excepcionais, a documentación adicional correspondente. A folla de inscrición estará dispoñible para descarga na web do Concello ou poderá recollerse en Rexistro.

FOLLA DE INSCRIPCIÓN E BAREMO CAMPAMENTO DEENTROIDO 2026 (1) (1)

O prazo de inscrición abre hoxe, o 3 de febreiro, ás 9:00 horas e pecharase o 9 de febreiro ás 9:00 horas. A inscrición poderá realizarse presencialmente por rexistro ou en liña.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que: “O Campamento de Entroido é unha actividade pensada para que os nenos e nenas poidan disfrutar, aprender e relacionarse de forma segura e divertida, fomentando valores como a cooperación, o respecto e a solidariedade. Ademais, é unha iniciativa que tamén busca apoiar ás familias na conciliación da súa vida laboral e familiar. Animamos a todas as familias interesadas a inscribir aos seus pequenos canto antes, pois o aforo é limitado”.

Só as persoas que asinan a folla de inscrición poderán entregar e recoller aos menores no campamento. En caso de que outra persoa sexa a encargada, deberá estar autorizada pola persoa asinante, entregando a autorización de entrega e recollida o primeiro día do campamento no lugar de desenvolvemento das actividades.

O Concello lembra aos participantes que non deben esquecer traer roupa cómoda, mochila con bebida e merenda, calzado de reposto e, sobre todo, moitas gañas de disfrutar.

O rural porriñés dá un paso máis: novo saneamento en Cerquido con máis de 78.000 euros

  • A actuación permitirá incorporar novas vivendas á rede municipal de saneamento
  • O proxecto inclúe tamén a reposición e mellora do firme nos puntos afectados polas obras, garantindo un resultado final máis seguro e duradeiro

O Porriño, 24 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño continúa avanzando no reforzo dos servizos básicos no rural coa ampliación da rede de saneamento en Cerquido, unha actuación que permitirá mellorar a conexión á rede municipal en diferentes puntos do lugar, contribuíndo a unha maior salubridade, confort e benestar no día a día da veciñanza.

A intervención conta cun investimento total de 78.202,17 euros ao abeiro do Plan +Provincia 2025, co que o Concello impulsa novas melloras nas infraestruturas e equipamentos municipais.

Os traballos previstos contemplan a execución da nova rede, así como a reposición do firme demolido pola apertura de zanxas e o reforzo a sección completa dos camiños municipais afectados polo trazado, co obxectivo de deixar os viarios en condicións óptimas unha vez remate a obra.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a importancia destas actuacións para garantir servizos esenciais nas parroquias e lembrou que o saneamento é unha prioridade estratéxica do Goberno local: “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”.

Lorenzo destacou que a obra de Cerquido se suma ao esforzo municipal realizado nos últimos anos, cun investimento acumulado desde 2022 de case 5 millóns de euros, ao tempo que o Concello deu un paso máis coa creación dunha Concellería específica de Saneamento, para responder con maior eficacia ás necesidades do territorio.

O rexedor explicou ademais que o Concello segue traballando con visión de futuro e obxectivos claros: “O acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse os case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias”.

Con esta actuación en Cerquido, o Concello reafirma a súa aposta por seguir ampliando e modernizando a rede de saneamento municipal, impulsando intervencións que melloran a saúde pública, protexen o medio ambiente e contribúen a un Porriño máis sostible e cohesionado.

O Concello do Porriño seguirá traballando para dotar ás parroquias de servizos públicos de calidade, garantindo investimentos útiles, equilibrados e pensados para mellorar o benestar da veciñanza en todo o municipio.

Xornada informativa coas asociacións no Porriño para explicar as subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026

  • As asociacións poderían recibir axudas de ata 10.000 euros para financiar os seus investimentos en infraestrutura, equipamento ou obras

O Porriño, 21 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou unha reunión informativa dirixida ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio co obxectivo de dar a coñecer en detalle a convocatoria de subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026, impulsada pola Deputación de Pontevedra. Durante esta xornada expuxéronse os requisitos e o procedemento a seguir para a solicitude destas axudas; lembrouse ademais a documentación necesaria para poder levar a cabo todos os trámites relativos á iniciativa.

Durante o encontro, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explicou ás entidades asistentes as características da convocatoria, que permite acceder a subvencións de ata 10.000 euros por entidade, cun importe mínimo de 6.000 euros, podendo cubrir ata o 100 % do investimento presentado. Así mesmo, informouse de que o prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 1 de abril de 2026, animando ás asociacións a iniciar canto antes a preparación da documentación necesaria.

Neste encontro detallouse tamén que a convocatoria está dirixida a asociacións de veciños, federacións, confederacións ou unións de asociacións veciñais, así como a asociacións de mulleres rurais, sempre que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas están destinadas exclusivamente a investimentos, incluíndo actuacións como obras de mellora de locais sociais, a mellora ou creación de infraestruturas, equipamentos e espazos destinados á actividade das entidades, así como a adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou específico para o desenvolvemento das súas actividades. Tamén se aclarou que son subvencionables determinados gastos vinculados á tramitación da subvención, ás taxas e licenzas necesarias e aos traballos previos de desbroce ou limpeza cando formen parte dunha obra.

No acto aclarouse ademais que será requisito indispensable que a entidade solicitante sexa titular ou conte cun dereito de uso mínimo de cinco anos sobre os inmobles ou terreos nos que se vaian executar os investimentos.

O alcalde sinalou a importancia deste tipo de encontros para acompañar e asesorar ás asociacións locais. “As asociacións son unha peza clave da vida social, comunitaria e cultural do Porriño e das súas parroquias. Desde o Concello consideramos fundamental non só informar destas axudas, senón tamén estar ao carón dos colectivos para resolver dúbidas e facilitarlles o acceso a unha oportunidade que pode mellorar notablemente os seus espazos e recursos”, sinalou o rexedor.

Lorenzo subliñou que “estas subvencións permiten acometer investimentos sen necesidade de achega económica propia, o que supón unha oportunidade moi importante para fortalecer o tecido asociativo e repercutir directamente na calidade de vida da veciñanza”.

Cada entidade poderá presentar unha única solicitude, deberá tramitarse exclusivamente por vía electrónica, achegando o acordo do órgano competente da entidade e o resto da documentación esixida nas bases da convocatoria, incluíndo a memoria ou proxecto técnico cando resulte necesario.

Desde o Concello do Porriño reitérase o compromiso de seguir prestando apoio e asesoramento ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio, animándoas a aproveitar esta liña de financiamento que contribúe á mellora das súas infraestruturas, dos seus equipamentos e ao fortalecemento do tecido asociativo local.

A Conselleira de Política Social visita a nova Escola Infantil de Pontellas, xa rematada

A Conselleira de Política Social visita a nova Escola Infantil de Pontellas, xa rematada

  • O proxecto conta cun financiamento conxunto que se achega aos 800.000 € da Xunta de Galicia e do Concello do Porriño

O Porriño, 15 de xaneiro de 2026.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe á conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, nunha visita institucional ás instalacións da nova Escola Infantil municipal de Pontellas, cuxas obras xa se atopan rematadas e que abrirá as súas portas no vindeiro curso escolar, unha vez se completen os traballos de equipamento e amoblamento.

Durante a visita, o alcalde destacou que “este novo centro é unha mostra do compromiso do Concello do Porriño coa educación infantil, coa conciliación da vida familiar e laboral e coa prestación de servizos públicos de calidade”, subliñando tamén a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos estratéxicos para o municipio.

Nas súas declaracións, Lorenzo puxo tamén en valor que “tanto as características, como o funcionamento e os custos desta escola infantil serán exactamente os mesmos que os dunha Galiña Azul”, aclarando ademais que “a atención educativa será totalmente gratuíta, acollida ao Plan de Gratuidade da Xunta de Galicia do ano 2022”.

O rexedor salientou ademais o contexto demográfico actual do concello, sinalando que “O Porriño está a vivir un crecemento de poboación e unha suba da natalidade como nunca antes, o que fai imprescindible seguir ampliando e reforzando a rede de servizos públicos, especialmente no ámbito educativo”. Neste sentido, destacou tamén “a enorme relevancia que ten este tipo de infraestruturas para o rural, xa que permiten fixar poboación nas parroquias e garantir servizos de proximidade ás familias, vivan onde vivan”.

Con este novo centro crearanse 66 novas prazas públicas de Educación Infantil de 0 a 3 anos, reforzando a rede municipal e dando resposta á crecente demanda das familias. A preinscrición para acceder a estas prazas abrirá a partir de mediados do mes de febreiro.

En canto ao investimento económico, a achega do Concello do Porriño ascende a preto de 385.000 euros, distribuídos en 25.000 € para equipamento e case 360.000 € para obras. Esta achega complétase co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que supón máis de 408.000 euros, permitindo un investimento total de 788.367,755 €.

O rexedor engadiu que “proxectos como esta nova escola infantil é posibles gracias á colaboración entre o Concello do Porriño e a Xunta de Galicia. Esta cooperación institucional é fundamental para facer realidade iniciativas que responden ás necesidades das familias e fortalecen os servizos públicos no noso municipio”.

A escola ten prevista a súa apertura entre os meses de setembro e outubro, coincidindo co inicio do vindeiro curso escolar, unha vez se complete a dotación de mobiliario e equipamento.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, quixo agradecer expresamente “ao alcalde e ao equipo de goberno do Concello do Porriño polo seu compromiso coa educación infantil e pola aposta decidida pola creación de novos servizos públicos”, destacando que esta nova escola infantil “vai dar servizo a máis de 70 familias, que poderán compatibilizar a súa vida persoal e laboral grazas a un recurso público e de proximidade”.

A conselleira subliñou tamén que este tipo de investimentos son clave para apoiar ás familias, favorecer a conciliación e garantir a igualdade de oportunidades desde as primeiras etapas da vida, poñendo en valor a colaboración institucional para seguir ampliando a rede de escolas infantís públicas en Galicia.

O Concello do Porriño reitera o seu firme compromiso coa educación infantil e coa creación de servizos públicos que respondan ás necesidades das familias. A posta en marcha desta nova escola infantil é unha mostra clara da aposta do Concello por unha educación de proximidade, accesible e de calidade, que contribúa á conciliación da vida laboral e familiar e ao benestar das veciñas e veciños do municipio.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Porriño con 2 toneladas de caramelos e agasallos para os máis pequenos

O Porriño, 3 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, que chegarán ao Porriño o vindeiro 5 de xaneiro para encher de ilusión e maxia as rúas do municipio na noite máis especial do ano.

As Súas Maxestades chegarán acompañadas dun gran séquito formado polos seus paxes reais, as tres rondallas do municipio– a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios, a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas e a Rondalla Santa María do Porriño– o Tren do Nadal, o espectáculo de Pablo Méndez e un colorido desfile composto por catro carrozas, unha dedicada a cada un dos Reis Magos e unha cuarta carroza de paquetería que completará esta gran comitiva real.

A cabalgata dará comezo ás 18 h desde a rúa Doantes de Sangue e percorrerá Antonio Palacios, Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar ao seu destino final. Durante o percorrido, Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán un total de 2.000 kg de caramelos sen glute facendo as delicias dos nenos e nenas e convertendo esta edición nunha das máis doces e multitudinarias.

Unha vez rematado o desfile, os Reis Magos trasladaranse á Cúpula Máxica, no Parque do Cristo, onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas, conversarán con eles e entregarán os seus agasallos aos máis pequenos antes da máxica visita que lles farán pola noite.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que a Cabalgata dos Reis Magos “é unha das citas máis importantes e emotivas do calendario festivo do municipio” e sinala que “se trata dun evento pensado para que as familias poidan compartir unha tarde de ilusión tradición e encontro” subliñando tamén o importante esforzo organizativo realizado para ofrecer “unha cabalgata segura atractiva e á altura da ilusión dos nenos e nenas”.

Recomendacións de seguridade

Desde o Concello recoméndase seguir unha serie de indicacións para garantir a seguridade durante o desenvolvemento da Cabalgata:

– Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.

– Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.

– Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.

– É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas

– Non distraer aos conductores que levan os vehículos da Cabalgata.

– Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.

– É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por si se perden.

– Explicar aos nenos e nenas que deben facer no caso de perderse dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.

O alcalde do Porriño presenta o balance de 2025: “Un ano histórico de saneamento, crecemento económico e investimento en calidade de vida”

  • Un concello saneado e uns Orzamentos 2026 pensados para reforzar a capacidade de investimento
  • Novo complexo deportivo, escolas infantís e ampliación do entorno do auditorio entre os proxectos clave

O Porriño, 29 de ecembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe o balance do ano 2025 nun almorzo informativo cos medios de comunicación, no que destacou un exercicio “histórico, marcado polo saneamento das contas municipais, o dinamismo económico e unha clara aposta por mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Un concello saneado e unha xestión económica rigorosa

Un dos principais fitos do ano foi a consolidación da situación económica e financeira do Concello. Lorenzo explicou que 2025 supuxo un punto de inflexión ao acadarse, por primeira vez, saldo cero na conta 413, correspondente ás facturas pendentes de pagamento por gastos realizados fóra de orzamento ou sen contrato algún, xa que as únicas existentes eran de gobernos anteriores.

Neste proceso de saneamento económico, o Concello partía dunha débeda acumulada de 5.496.979,19 euros en decembro de 2021, que se reduciu ata un saldo de 33.680,97 euros a finais de 2024, quedando totalmente liquidada ao longo de 2025. Este resultado foi posible grazas a unha revisión individualizada de centos de facturas, que permitiu a devolución de máis de 2 millóns de euros en facturas irregulares, duplicadas ou sen contrato, así como a obtención de sentenzas xudiciais favorables que evitaron pagamentos indebidos por importe de 853.648,86 euros.

Na actualidade, a única débeda vixente do Concello corresponde a un préstamo estatal por un importe aproximado de 3 millóns de euros  destinado ao pagamento de facturas herdadas anteriores a 2022.

Neste contexto, o alcalde avanzou que o Concello está a traballar na elaboración dos Orzamentos Municipais de 2026, unhas contas especialmente relevantes ao elaborarse nun escenario de estabilidade financeira tras o proceso de saneamento. Lorenzo explicou que o actual préstamo procedente do Mecanismo de Pago a Proveedores (MPP) está a limitar a capacidade de investimento municipal, polo que o Goberno local estuda distintas opcións financeiras para reforzar a marxe de actuación económica do Concello e afrontar os vindeiros exercicios con maior axilidade, sempre desde a prudencia e o rigor económico.

Crecemento económico e actividade empresarial

No ámbito económico, o alcalde puxo en valor o peso do Porriño como un dos concellos con maior actividade de Galicia, cun PIB superior aos 1.240 millóns de euros, un crecemento anual do 6,6 % e unha industria que representa máis do 50 % da riqueza xerada. “Estes datos reflicten un Porriño dinámico, con máis de 2.200 empresas, emprego e capacidade para atraer investimento”, sinalou Lorenzo.

Vivenda, urbanismo e transformación das parroquias e barrios

En materia de vivenda, o rexedor destacou o avance do proxecto para a construción de 300 novas vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, en colaboración coa Xunta de Galicia, e outras 40 a maiores a través da cesión dunha parcela municipal. A actividade urbanística mantívose tamén nun nivel elevado ao longo de 2025, cun incremento superior ao 10 % no número de licenzas respecto de exercicios anteriores.

Neste contexto, Lorenzo salientou a rexeneración integral de Torneiros, cun investimento próximo aos 2,75 millóns de euros, que permitirá mellorar servizos, accesibilidade, espazos públicos e zonas verdes, transformando de maneira significativa este ámbito do municipio.

Saneamento, servizos e cohesión social

Outro dos eixos fundamentais do balance foi o saneamento, cun investimento acumulado desde 2022 de case 5 millóns de euros e coa creación este ano dunha Concellería específica de Saneamento. “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”, afirmou o alcalde.

Lorenzo explicou que, partindo dos máis de 16 millóns de euros inicialmente necesarios, e tendo en conta a actualización de prezos, o xa executado, o que se está a realizar e o pendente de licitar, a inversión que resta para acadar o 100 % do saneamento elévase a 11.899.632,68 euros. Para facer fronte a este reto, o Concello prevé solicitar unha operación de crédito específica que permita completar os investimentos pendentes, traballando tamén en axudas doutras administracións.

“Este goberno local ten claro que o acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse eses case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias”, subliñou o rexedor.

No ámbito social, o alcalde destacou o apoio ao tecido asociativo do Porriño, con colaboracións coas asociacións culturais e veciñais, comisións de festas, ANPAS, clubs deportivos, así como co comercio local e a hostalaría. Neste sentido, precisou que o Concello colabora economicamente con todas estas asociacións mediante achegas nominativas anuais que superan os 500.000 euros, garantindo a continuidade e calidade das actividades en cada parroquia.

Emprego e formación

Durante 2025, os programas municipais de emprego e formación permitiron que 384 persoas accederan a polo menos un contrato laboral, incluíndo 92 contratacións directas municipais. Ademais, impartíronse 7.150 horas de formación, realizáronse 1.773 sesións de orientación laboral e acadouse unha taxa de inserción laboral do 82 % no Programa Integrado de Emprego. A Bolsa de Emprego Municipal conta actualmente con 7.130 persoas inscritas, consolidándose como unha ferramenta clave para a intermediación laboral.

Poboación e educación

O balance demográfico confirma unha tendencia positiva: o Porriño pasou de 16.997 habitantes en 2005 a 20.995 en 2024, segundo o Padrón Municipal, cunha poboación composta por un 51 % de mulleres e un 49 % de homes. Ao longo de 2025, rexistráronse 115 nacementos no municipio. “Medrar en poboación e manter datos positivos de natalidade é un reflexo de que o Porriño ofrece oportunidades, servizos e calidade de vida”, sinalou Lorenzo.

O alcalde destacou tamén a evolución da UNED do Porriño, que duplicou matrículas, ampliou a súa oferta académica e consolídase como referente comarcal.

Proxectos estratéxicos para 2026

De cara a 2026, Alejandro Lorenzo avanzou varios proxectos clave que permitirán seguir mellorando os servizos e os espazos públicos do municipio. Entre eles, destacou a apertura das escolas infantís de Budiño e Pontellas, un proxecto estratéxico para a conciliación das familias, e tamén o Centro de Día en Atios. 

No ámbito cultural e urbano, o alcalde anunciou a ampliación do entorno do futuro auditorio municipal, cun anfiteatro que contará cun espazo propio de cafetería e restaurante ao aire libre, configurando unha nova área de encontro, lecer e actividade cultural.

No eido deportivo, avanzou o desenvolvemento de novas pistas deportivas infantís e a creación dun novo complexo deportivo nun terreo municipal de arredor de 3.000 metros cadrados, a través dunha cesión dunha urbanización que se está a facer na rúa Antonio Palacios, que levará o nome do adestrador  do Celta porriñés Claudio Giráldez, pensado para o deporte base e a mocidade.

O alcalde concluíu sinalando tamén a importancia do apoio doutras administracións, destacando as axudas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, especialmente en materia de estradas autonómicas e provinciais, así como na execución de escolas infantís, que resultan fundamentais para facer realidade moitos dos proxectos desenvolvidos ao longo do ano.

“O balance de 2025 e os proxectos previstos para 2026 demostran que o Porriño avanza con paso firme, cun concello saneado, máis actividade económica e unha clara aposta polo futuro”, concluíu Lorenzo.

O Concello do Porriño pon en marcha autocares gratuítos para visitar as luces do Nadal os días 23 e 29 de decembro

O Porriño, 22 de decembro de 2025. – O Concello do Porriño volverá poñer en marcha neste Nadal o servizo de autocares gratuítos para facilitar á veciñanza o acceso á iluminación e á decoración de Nadal da vila, repetindo unha iniciativa que contou cunha excelente acollida o pasado ano.

O servizo estará operativo os días 23 e 29 de decembro, permitindo que persoas de distintos puntos do municipio poidan desprazarse comodamente ata o centro do Porriño para gozar das luces de Nadal, do ambiente festivo e das actividades programadas durante estas datas.

Esta acción ten como obxectivo achegar as parroquias ao centro urbano, evitando desprazamentos en vehículo privado, mellorando a seguridade viaria e favorecendo a participación, especialmente das persoas maiores de 65 anos, cunha proposta accesible, cómoda e segura.

O servizo organizarase en dúas liñas diferenciadas.

A Liña 1, con saída desde Chenlo, realizará o percorrido Chenlo – Mosende – Pontellas – Torneiros – Carracido, con saída ás 17:00 horas e regreso ás 20:00 horas. Os puntos de recollida serán: Igrexa de San Xoán de Chenlo e Canadelo; Igrexa de San Xurxo de Mosende; Centro Cultural de Pontellas e parada de autobús de Arrotea; Igrexa de San Salvador de Torneiros, Froiz Torneiros e Campo de Fútbol Lourambal; e a A.V.C. As Mimosas de Carracido.

A Liña 2, con saída desde Budiño, percorrerá Budiño – Atios – Cans, con saída ás 18:00 horas e regreso ás 21:00 horas. En Budiño, as paradas serán Orbenlle (Café Chimay), parada de autobús de Cerquido, Capela de San Blas, Centro Recreativo Cultural Mosteiro, farmacia, Centro Cultural Cruz e parada de Vaquería; en Atios, Centro Cultural de Atios, Igrexa de Santa Eulalia, parada de Vilafría, Outeiro, Covelo e Casa Cultural de Chenlo; e en Cans, Bar Fortes.

Os autocares terán como destino o centro da vila, onde a veciñanza poderá pasear polas rúas decoradas, contemplar a iluminación de Nadal e desfrutar do ambiente propio destas datas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinala que “con este servizo queremos que todo o mundo poida vivir o Nadal do Porriño, independentemente de onde viva. É unha iniciativa pensada para facilitar os desprazamentos, compartir momentos en familia e seguir facendo do Nadal unha celebración próxima, inclusiva e para todos”.

Desde o Concello destacan que esta iniciativa se enmarca na aposta por un Nadal inclusivo, sostible e pensado para todos, ao tempo que contribúe á dinamización social e comercial do municipio durante o período festivo.

O Concello impulsa o gran parque fluvial do Louro coa compra de 64 novas parcelas

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo vén de asinar a adquisición de 32 e antes de que remate o ano rubricará a compra doutras tantas, que sumadas ás 24 mercadas en 2023 suman unha superficie total de máis de 6 hectáreas que xerarán un gran espazo de recreo e lecer que actuará tamén como corredor ecolóxico e infraestrutura de protección fronte as inundacións

O Porriño, 8 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño dá un novo paso decisivo na transformación ambiental da contorna do río Louro. O alcalde Alejandro Lorenzo vén de formalizar a compra de 32 novas parcelas situadas na marxe do río, unha actuación estratéxica que permitirá avanzar na creación do futuro Espazo Público de Lagunaxe Multifuncional, unha infraestrutura verde destinada a reducir o risco de inundación, restaurar o ecosistema fluvial e xerar un novo ámbito de convivencia e uso social para a cidadanía. Un proxecto incluído no PIA que se levará a cabo con fondos europeos.

O alcalde destacou a relevancia deste avance asegurando que “este é un paso histórico para o Porriño. Veño de asinar cos propietarios a compra destas 32 parcelas que nos permiten consolidar o espazo necesario para un gran parque fluvial que protexerá das inundacións e que, ao mesmo tempo, se converterá nun novo punto de encontro, recreo e calidade de vida para toda a veciñanza”. O rexedor subliñou tamén que o proxecto “coloca ao municipio á vangarda das políticas ambientais e de adaptación ao cambio climático”.

Lorenzo lembra que “estas novas adquisicións súmanse ás 24 parcelas mercadas en 2023 e outras 32 cuxa compra asinarei antes de rematar este ano”, configurando un conxunto continuo de terreos que suman 63.475,19 metros cadrados, que “con futuras adquisicións que seguiremos facendo” completará a superficie necesaria para a execución integral do espazo.

O proxecto define un modelo de adaptación climática fundamentado en solucións baseadas na natureza, coa creación dun lagunaxe multifuncional capaz de almacenar auga en episodios de choivas intensas. Isto permitirá protexer áreas urbanas e industriais especialmente vulnerables ás inundacións, ao tempo que se xera un novo pulmón verde para o municipio.

A intervención inclúe tamén a restauración ecolóxica das ribeiras e humedais asociados ás Gándaras de Budiño, espazo da Rede Natura 2000, incorporando vexetación autóctona, eliminando especies invasoras e creando zonas de alta biodiversidade.

O futuro parque fluvial ofrecerá novos espazos públicos para o lecer e a vida activa, con sendas peonís e ciclistas, pasarelas de madeira sobre zonas inundables, áreas de xogo, puntos de encontro e zonas recreativas que conectarán directamente O Porriño con Torneiros, superando a actual fractura territorial xerada pola canle do Louro.

Con esta adquisición de parcelas, o Concello consolida un proxecto clave para o seu futuro ambiental e urbano: un espazo natural resiliente, accesible e útil para a cidadanía, pensado para mellorar a calidade de vida e para afrontar con garantías os efectos crecentes do cambio climático.