O Concello habilitará un espazo de información á veciñanza sobre a actualización de parcelas en colaboración co Catastro e o ORAL

 

A partir do luns 19, o Concello do Porriño habilitará un espazo de información á veciñanza no salón de plenos para aclarar as dúbidas e consultas sobre a actualización da calificación das parcelas, realizada pola Xerencia Territorial do Catastro en aplicación da lexislación vixente de ámbito estatal.

O punto de información será atendido por funcionarios da Xerencia Territorial do Catastro e do Organismo de Recadación de Administración Local (ORAL). Funcionará de luns a venres, de 9:00 a 14 horas.

Esta atención personalizada aos contribuíntes foi solicitada polo Concello ao Catastro e ao ORAL á vista das numerosas demandas de aclaración que chegan ás dependencias municipais e a través da “app” “O Porriño Informa”.

Hai que ter en conta que nada menos que 17.400 parcelas (dende a última revisión de valores que data de 1985) pasan a ter consideración de chan urbano e polo tanto pasan do padrón de rústico ao de urbana. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.

O Concello insta ao Bispado, ás empresas e ás aseguradoras a que cheguen a un acordo para arranxar a capela e reabrir o parque do Cristo

O Concello de O Porriño “agarda que o Bispado de Tui-Vigo e as empresas e aseguradoras implicadas, cheguen a un acordo para resolver as actuais diferenzas que manteñen e se poida arranxar a capela e, por conseguinte, a administración municipal sexa quen de reabrir o parque e a zona de lecer pública”, manifestou hoxe Pedro Pereira, concelleiro responsable do Patrimonio.

Pereira avogou por “unha saída dialogada e razoable” do contencioso existente desde que o 16 de marzo do ano pasado, un guindastre de grandes dimensións precipitouse contra a cuberta da capela e tamén alcanzou ao edificio líndante de “Telefónica”. Aquel suceso saldouse só con danos materiais e sen feridos, grazas a que a poboación estaba confinada no primeiro estado de alarma pola pandemia.

Desde entón, o recinto relixioso e parte dos espazos públicos do parque do Cristo permanecen valados e pechados.

O concelleiro fixo esta apelación tras ter coñecemento o Concello de que a Diocese de Tui-Vigo, propietaria da capela do Cristo, ven de presentar unha reclamación contra as empresas e aseguradoras implicadas por aquel sinistro. En concreto, a demanda admitida a trámite polo Xulgado nº 2 do Porriño, presentouse contra “Promociones Romansil SL”; “Allianz compañía de seguros”; “Grupo de Montaje Espinosa Gruesga SL”; “Asefa SA seguros y reaseguros”; “Tüv SüD Atisae” e “Caser seguros”.

Se a demandante e os demandados non acadan antes unha solución negociada, o caso chegará a xuízo ordinario.