O Concello do Porriño lanza un Servizo de Atención Cidadá pioneiro, innovador e itinerante por tódalas parroquias

 

O Concello do Porriño presentou esta mañá unha iniciativa innovadora de atención cidadá. “Trátase dun servizo pioneiro en España, co que reafirmamos o noso compromiso coa proximidade e a atención directa á nosa veciñanza”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. Consiste nunha oficina itinerante que percorrerá as sete parroquias e todos os barrios do Porriño ofrecendo un servizo integral de atención cidadá.

O rexedor explicaba hoxe, durante a presentación na casa consistorial, que o  obxectivo deste servizo é “proporcionar unha cobertura completa ás diversas necesidades e demandas dos veciños e veciñas do Porriño, incluíndo temas relacionados con servizos sociais, atención ao cidadán, urbanismo, limpeza, obras públicas e saneamento”.

A unidade móbil, materializada nunha autocaravana, visitará cada parroquia unha vez ao mes, facilitando o acceso aos servizos municipais dunha maneira máis próxima e directa. Ademais, este servizo único permitirá aos cidadáns rexistrar entradas e saídas de documentos, realizar consultas e recibir asesoramento directamente nos seus barrios, sen necesidade de desprazarse á casa consistorial, no centro urbano. “Con esta iniciativa tratamos de facilitar, sobre todo ás persoas maiores, o acceso aos servicios municipais sen necesidade de desprazamentos”

Como parte deste esforzo por mellorar a comunicación e a transparencia, o propio alcalde, xunto con funcionarios habilitados, estará dispoñible para citas na autocaravana, ofrecendo un enfoque persoal e accesible á xestión municipal.

Coa posta en marcha desta iniciativa, “O Porriño establécese como un punto de encontro pioneiro na prestación de servizos municipais, demostrando un enfoque innovador e centrado no cidadán. Este proxecto non só busca mellorar a eficiencia dos servizos municipais, senón tamén fortalecer a conexión entre o Concello e a veciñanza”, conclúe Alejandro Lorenzo.

O Concello lanza unha nova convocatoria de axudas ás traídas cunha inversión de 175.000 euros

O Concello do Porriño reuníu hoxe ás directivas das comunidades de usuarios auga para explicarlles polo miúdo a convocatoria de axudas municipais e facilitarlles a tramitación das solicitudes.

“Esta liña de axudas vai dirixida a promover a mellora do servizo de abastecemento de auga para o consumo humano e a calidade da auga xestionada polas traídas, subvencionando o mantemento nas instalación da rede de distribución, analíticas de control sanitario e tamén obras de inversión que impliquen a mellora na prestación deste servizo”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “A esta nova convocatoria, a de maior contía proposta desde a administración local, destínanse 175.000 euros, un 85% máis do consignado no anterior orzamento. Súmase ademais unha nova liña, a destinada a inversións anteriormente non contemplada”. O rexedor engadiu que a intención destas axudas tamén é a “de promover un uso máis eficiente dos recursos hídricos dos que dispoñemos”.

Tal e como explicou o concelleiro Marcos Martínez, a través da primeira liña de incentivos subvencionaranse a captación de augas, o mantemento e conservación dos sistemas de almacenamento e potabilización das instalacións, a reparación de redes de distribución de auga. A segunda liña, contemplará as obras de inversión en inmobles e a sustitución de redes de distribución.

As axudas cubrirán o 80% do proxecto. A contía máxima por comunidade será de 12.000 euros e poderase percibir o 80% do importe por anticipado e o restante unha vez se acredite a obra.