O Porriño resolve a concesión de 175.000 euros en axudas para Comunidades de Augas

 

  • Estas axudas permiten reforzar o abastecemento de auga nas parroquias do Porriño, garantindo un servizo máis seguro e eficiente para toda a veciñanza

O Concello do Porriño vén de conceder 175.000 euros en axudas ás comunidades de augas do municipio, destinadas a reforzar o control sanitario, optimizar o mantemento das instalacións e mellorar a rede de distribución. Así o anunciou hoxe o alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, quen destacou que “estas axudas buscan apoiar ás traídas veciñais, fundamentais para garantir que a auga chegue en óptimas condicións a todas as parroquias do termo municipal”.

As subvencións, que corresponden á resolución da convocatoria de axudas para o ano 2024, distribúense en dúas liñas principais, cunha achega máxima de 8.000 euros por comunidade para calquera das liñas subvencionables. No caso de concorrer ás dúas liñas, o límite total pode chegar ata 12.000 euros por entidade, sempre que non supere o 80% do custo total do proxecto presentado.

A primeira liña, centrada no mantemento, inclúe axudas para reparacións, substitución de redes de distribución de ata 50 metros e gastos relacionados coas analíticas de control sanitario, conservación e mantemento de captacións, sistemas de almacenamento e potabilización. A segunda liña, destinada a investimentos, da cobertura a actuacións máis amplas, como a substitución de redes de distribución de máis de 50 metros e outras melloras estruturais nas instalacións.

O Concello outorgou as axudas a todas as comunidades que completaron o expediente. Entre as comunidades beneficiadas atópanse as Comunidade de augas de Cruz, Vitureira, Casal-Chan-Orbelle, Rozadas-Eiris, Cans, Contrasto, Bouza, San Jorge de Mosende, Covelo, Atios, Carracido, Chenlo, Torneiros, Mosteiro, O Cerquido, Vaquería, A Devesa, Centeáns e A Graña.

Esta medida reflicte o compromiso do goberno local por chegar a todos os veciños e veciñas, especialmente nas parroquias, onde o apoio ás traídas veciñais é clave para garantir un servizo básico esencial.

O concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez Campos subliñou que estas subvencións representan un paso importante para garantir a calidade da auga e o benestar da veciñanza: “É fundamental apoiar ás traídas para que poidan prestar o mellor servizo posible aos nosos veciños. Estes investimentos non só melloran a calidade da auga, senón que aseguran un abastecemento seguro e sostible”.

Ademais, Lorenzo destacou que estas liñas de axuda manteranse este ano e tamén nos vindeiros, garantindo así o apoio continuo ás comunidades de augas. “Seguiremos apostando por estas convocatorias de axuda nos próximos anos, para que ningunha traída veciñal quede atrás e o apoio chegue ao maior número posible de comunidades”, afirmou o rexedor.

O Concello do Porriño, a través destas subvencións, reforza o seu compromiso co servizo básico de abastecemento de auga, promovendo un uso eficiente dos recursos dispoñibles e traballando por satisfacer as necesidades da veciñanza en todas as parroquias.

Comezan as obras de repavimentación no camiño de acceso á Vitureira na Vacaría

 

  • Con un investimento superior aos 47.000 euros, esta actuación permitirá renovar o pavimento e mellorar a drenaxe, garantindo un acceso máis cómodo e seguro ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna.

 

O Concello de O Porriño deu comezo ás obras de repavimentación do camiño de acceso ás canteiras en Vacaría, na parroquia de Budiño. Este proxecto, que se enmarca dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2022-2023, forma parte do compromiso municipal coa mellora das infraestruturas no medio rural e conta cun investimento de 47.128,29 euros, IVE incluído. A intervención afecta a un tramo de 605 metros de lonxitude, cun ancho medio de 7,30 metros, discorrendo integramente por dominio público viario ou terreos de titularidade municipal. O prazo estimado de execución é de dous meses.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a relevancia desta actuación para a comunidade local, sinalando que “o mal estado deste camiño facía imprescindible unha intervención. Con estas melloras garantiremos un acceso máis seguro e eficiente ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, contribuíndo así ao desenvolvemento económico, social e cultural da parroquia de Budiño.”

Pola súa parte, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto Oya, puxo en valor a envergadura técnica da actuación, explicando que “non se trata só de repavimentar; estamos a realizar unha intervención integral que inclúe a limpeza da superficie, a aplicación dunha nova capa de rodadura e a mellora da drenaxe. Isto asegura a durabilidade da obra e minimiza os riscos para os usuarios.”

As actuacións previstas inclúen a limpeza enérxica do pavimento existente, a demolición parcial de bordos e outras zonas en mal estado, así como a preparación do terreo para garantir unha base sólida e uniforme. Posteriormente, aplicarase unha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, compactada e selada, que permitirá ofrecer unha superficie renovada, resistente e segura para o tráfico. Ademais, contemplarase a mellora da drenaxe e o adecuado refino de noiros para garantir a estabilidade e durabilidade da obra.

Esta intervención permitirá unha notable mellora na seguridade viaria ao eliminar fochancas e superficies irregulares que dificultaban o tránsito e representaban un risco para os vehículos. Ademais, facilitará o acceso ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, reforzando a conexión cos servizos esenciais e os espazos de encontro da comunidade. A actuación tamén contribuirá a optimizar o transporte na área, reducindo o impacto ambiental grazas a unha circulación máis eficiente dos vehículos e promovendo unha mellor calidade de vida para os veciños.

O Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso co desenvolvemento do medio rural, traballando por ofrecer infraestruturas de calidade que respondan ás necesidades da veciñanza e impulsen o crecemento da comunidade local.