O alcalde do Porriño presenta o balance de 2025: “Un ano histórico de saneamento, crecemento económico e investimento en calidade de vida”

  • Un concello saneado e uns Orzamentos 2026 pensados para reforzar a capacidade de investimento
  • Novo complexo deportivo, escolas infantís e ampliación do entorno do auditorio entre os proxectos clave

O Porriño, 29 de ecembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe o balance do ano 2025 nun almorzo informativo cos medios de comunicación, no que destacou un exercicio “histórico, marcado polo saneamento das contas municipais, o dinamismo económico e unha clara aposta por mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Un concello saneado e unha xestión económica rigorosa

Un dos principais fitos do ano foi a consolidación da situación económica e financeira do Concello. Lorenzo explicou que 2025 supuxo un punto de inflexión ao acadarse, por primeira vez, saldo cero na conta 413, correspondente ás facturas pendentes de pagamento por gastos realizados fóra de orzamento ou sen contrato algún, xa que as únicas existentes eran de gobernos anteriores.

Neste proceso de saneamento económico, o Concello partía dunha débeda acumulada de 5.496.979,19 euros en decembro de 2021, que se reduciu ata un saldo de 33.680,97 euros a finais de 2024, quedando totalmente liquidada ao longo de 2025. Este resultado foi posible grazas a unha revisión individualizada de centos de facturas, que permitiu a devolución de máis de 2 millóns de euros en facturas irregulares, duplicadas ou sen contrato, así como a obtención de sentenzas xudiciais favorables que evitaron pagamentos indebidos por importe de 853.648,86 euros.

Na actualidade, a única débeda vixente do Concello corresponde a un préstamo estatal por un importe aproximado de 3 millóns de euros  destinado ao pagamento de facturas herdadas anteriores a 2022.

Neste contexto, o alcalde avanzou que o Concello está a traballar na elaboración dos Orzamentos Municipais de 2026, unhas contas especialmente relevantes ao elaborarse nun escenario de estabilidade financeira tras o proceso de saneamento. Lorenzo explicou que o actual préstamo procedente do Mecanismo de Pago a Proveedores (MPP) está a limitar a capacidade de investimento municipal, polo que o Goberno local estuda distintas opcións financeiras para reforzar a marxe de actuación económica do Concello e afrontar os vindeiros exercicios con maior axilidade, sempre desde a prudencia e o rigor económico.

Crecemento económico e actividade empresarial

No ámbito económico, o alcalde puxo en valor o peso do Porriño como un dos concellos con maior actividade de Galicia, cun PIB superior aos 1.240 millóns de euros, un crecemento anual do 6,6 % e unha industria que representa máis do 50 % da riqueza xerada. “Estes datos reflicten un Porriño dinámico, con máis de 2.200 empresas, emprego e capacidade para atraer investimento”, sinalou Lorenzo.

Vivenda, urbanismo e transformación das parroquias e barrios

En materia de vivenda, o rexedor destacou o avance do proxecto para a construción de 300 novas vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, en colaboración coa Xunta de Galicia, e outras 40 a maiores a través da cesión dunha parcela municipal. A actividade urbanística mantívose tamén nun nivel elevado ao longo de 2025, cun incremento superior ao 10 % no número de licenzas respecto de exercicios anteriores.

Neste contexto, Lorenzo salientou a rexeneración integral de Torneiros, cun investimento próximo aos 2,75 millóns de euros, que permitirá mellorar servizos, accesibilidade, espazos públicos e zonas verdes, transformando de maneira significativa este ámbito do municipio.

Saneamento, servizos e cohesión social

Outro dos eixos fundamentais do balance foi o saneamento, cun investimento acumulado desde 2022 de case 5 millóns de euros e coa creación este ano dunha Concellería específica de Saneamento. “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”, afirmou o alcalde.

Lorenzo explicou que, partindo dos máis de 16 millóns de euros inicialmente necesarios, e tendo en conta a actualización de prezos, o xa executado, o que se está a realizar e o pendente de licitar, a inversión que resta para acadar o 100 % do saneamento elévase a 11.899.632,68 euros. Para facer fronte a este reto, o Concello prevé solicitar unha operación de crédito específica que permita completar os investimentos pendentes, traballando tamén en axudas doutras administracións.

“Este goberno local ten claro que o acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse eses case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias”, subliñou o rexedor.

No ámbito social, o alcalde destacou o apoio ao tecido asociativo do Porriño, con colaboracións coas asociacións culturais e veciñais, comisións de festas, ANPAS, clubs deportivos, así como co comercio local e a hostalaría. Neste sentido, precisou que o Concello colabora economicamente con todas estas asociacións mediante achegas nominativas anuais que superan os 500.000 euros, garantindo a continuidade e calidade das actividades en cada parroquia.

Emprego e formación

Durante 2025, os programas municipais de emprego e formación permitiron que 384 persoas accederan a polo menos un contrato laboral, incluíndo 92 contratacións directas municipais. Ademais, impartíronse 7.150 horas de formación, realizáronse 1.773 sesións de orientación laboral e acadouse unha taxa de inserción laboral do 82 % no Programa Integrado de Emprego. A Bolsa de Emprego Municipal conta actualmente con 7.130 persoas inscritas, consolidándose como unha ferramenta clave para a intermediación laboral.

Poboación e educación

O balance demográfico confirma unha tendencia positiva: o Porriño pasou de 16.997 habitantes en 2005 a 20.995 en 2024, segundo o Padrón Municipal, cunha poboación composta por un 51 % de mulleres e un 49 % de homes. Ao longo de 2025, rexistráronse 115 nacementos no municipio. “Medrar en poboación e manter datos positivos de natalidade é un reflexo de que o Porriño ofrece oportunidades, servizos e calidade de vida”, sinalou Lorenzo.

O alcalde destacou tamén a evolución da UNED do Porriño, que duplicou matrículas, ampliou a súa oferta académica e consolídase como referente comarcal.

Proxectos estratéxicos para 2026

De cara a 2026, Alejandro Lorenzo avanzou varios proxectos clave que permitirán seguir mellorando os servizos e os espazos públicos do municipio. Entre eles, destacou a apertura das escolas infantís de Budiño e Pontellas, un proxecto estratéxico para a conciliación das familias, e tamén o Centro de Día en Atios. 

No ámbito cultural e urbano, o alcalde anunciou a ampliación do entorno do futuro auditorio municipal, cun anfiteatro que contará cun espazo propio de cafetería e restaurante ao aire libre, configurando unha nova área de encontro, lecer e actividade cultural.

No eido deportivo, avanzou o desenvolvemento de novas pistas deportivas infantís e a creación dun novo complexo deportivo nun terreo municipal de arredor de 3.000 metros cadrados, a través dunha cesión dunha urbanización que se está a facer na rúa Antonio Palacios, que levará o nome do adestrador  do Celta porriñés Claudio Giráldez, pensado para o deporte base e a mocidade.

O alcalde concluíu sinalando tamén a importancia do apoio doutras administracións, destacando as axudas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, especialmente en materia de estradas autonómicas e provinciais, así como na execución de escolas infantís, que resultan fundamentais para facer realidade moitos dos proxectos desenvolvidos ao longo do ano.

“O balance de 2025 e os proxectos previstos para 2026 demostran que o Porriño avanza con paso firme, cun concello saneado, máis actividade económica e unha clara aposta polo futuro”, concluíu Lorenzo.

O Concello do Porriño reforzará o seu cadro de persoal coa incorporación de xente moza

  • Solicita unha subvención para a contratación de seis persoas menores de 30 anos que reforzarán durante nove meses diferentes departamentos municipais

O Porriño, 8 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño vén de solicitar dous postos de técnico administrativo, un xornalista, un orientador, un técnico de información turística e un enxeñeiro técnico en construción e obra civil, ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia destinada á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

O alcalde Alejandro Lorenzo explica que “desde o Concello seguimos apostando polo futuro da nosa mocidade. Esta iniciativa é unha oportunidade para que mozas e mozos do noso municipio teñan a posibilidade de adquirir experiencia laboral real e mellorar a súa empregabilidade. Sabemos que a entrada no mercado laboral é un dos maiores retos para a xente nova e dende a administración local queremos ser parte da solución, ofrecendo oportunidades e acompañamento. Agardamos que a solicitude se vexa apoiada e poidamos contar con estes perfís profesionais no Concello durante os vindeiros meses”.

As persoas que poden optar a estes postos son menores de 30 anos, que figuren como desempregadas na Oficina de Emprego e estean inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil. Con todo, para obter máis información poden achegarse a Porremprego, onde recibirán asesoramento ao respecto.

Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas, menores de 30 anos, que non estudan nin traballan, mediante a prestación de servizos que lles posibiliten ás persoas participantes realizar un traballo efectivo, durante un período de nove meses, que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.

En definitiva, esta iniciativa supón un paso importante na loita contra o desemprego xuvenil e na promoción do talento local. A incorporación de persoas mozas aos distintos departamentos do Concello do Porriño non só lles permitirá gañar experiencia e mellorar a súa empregabilidade, senón que tamén contribuirá a dinamizar e reforzar os servizos municipais, beneficiando así ao conxunto da cidadanía.

Doce mozos de toda España despídense do Porriño tras unha estadía de voluntariado ambiental

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses clausuran o Campod e Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño puxo hoxe o broche final ao Campo de Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro, unha iniciativa que durante doce días reuniu na vila a mozos de distintas comunidades autónomas para traballar na conservación do río Louro e coñecer o patrimonio natural da zona.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo; a directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, que agradeceron o compromiso e a implicación dos participantes.

Durante a súa estadía, os doce voluntarios, procedentes de diversos puntos de Galicia, País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Andalucía, realizaron labores de limpeza e eliminación de especies invasoras no río Louro e nos seus afluentes, coa coordinación da asociación ecoloxista Verdegaia. Ademais, participaron en actividades de lecer, excursións e visitas culturais pola comarca.

“Este tipo de experiencias son fundamentais para fomentar valores como a solidariedade, a convivencia e o respecto polo medio ambiente”, destacou Lara Meneses, quen puxo en valor a colaboración entre administracións para ofrecer á mocidade alternativas de lecer educativo e comprometido.

O alcalde Alejandro Lorenzo agradeceu a todos os participantes “por escoller O Porriño para vivir esta experiencia e contribuír ao coidado da nosa contorna natural”, e reafirmou a aposta do Concello por programas que combinen voluntariado, formación e lecer activo.

Este é o segundo ano que o Concello organiza un campo de voluntariado de temática ambiental, despois do das Gándaras de Budiño celebrado o pasado ano; mentres que as tres edicións anteriores estiveron centradas na figura de Antonio Palacios.

O Concello do Porriño informa das axudas para a obtención dos permisos de conducir de motocicletas e turismos

  • A mocidade de entre 18 e 30 anos pode dirixirse á OMIX para recibir orientación e asistencia no proceso de solicitude

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño informa ás persoas mozas do municipio da convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a obtención dos permisos de conducir das clases A2 e B. Os importes establecidos son de 150 euros para o carné de motocicletas e 400 euros para o carné de turismos.

Ter entre 18 e 30 anos, estar empadroadas en Galicia cunha antigüidade mínima dun ano, non estar traballando, ter aprobado o permiso de conducir para o cal se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de outubro de 2024 e a data de presentación da solicitude e que a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar sexa igual ou inferior a cinco veces o IPREM de 2025 son os requisitos que teñen que cumprir as persoas interesadas en obter esta axuda.

O prazo de solicitude abrirase o vindeiro luns 25 de agosto ás 09.00 horas e rematará o 25 de setembro ás 20.00 horas, salvo que se esgote o crédito con anterioridade.

A presentación das solicitudes farase exclusivamente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde o Concello do Porriño animan á mocidade do municipio a aproveitar esta oportunidade e lembran que poden dirixirse á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) para recibir orientación ou axuda no proceso de solicitude, para elo poden chamar ao número de teléfono 986 33 76 24 ou escribir un correo electrónico ao enderezo omix@oporrino.org

Mozos procedentes de toda España conviven doce días no Porriño

  • O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, visitaron esta mañá aos participantes do Campo de Voluntariado Internacional Sendeiros do Louro que se aloxan nas instalacións do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios

O Porriño, 13 de agosto de 2025.- Atraídos polo súa contorna natural, o seu patrimonio e cultura locais, a súa gastronomía e a súa localización estratéxica, unido todo elo á experiencia da convivencia e novas amizades, unha ducia de mozos procedentes de diferentes puntos de España escolleron O Porriño para pasar un par de semanas do verán. A súa estadía na capital da Louriña enmárcanse no Campo de Voluntariado Internacional organizado dende o Concello do Porriño ao abeiro da Campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Nesta edición o campamento céntrase nos sendeiros do Louro, así os voluntarios traballan, da man da Asociación Verdegaia, no coidado e limpeza deste río e os seus afluentes, con intervencións centradas principalmente na retirada de lixo e especies invasoras. A estadía deu comezo este pasado domingo e hoxe os participantes recibiron a visita do alcalde Alejandro Lorenzo e do concelleiro de Xuventude, Antonio Barros.

“É unha honra para O Porriño celebrar un verán máis un campamento desta índole que acolle na nosa vila a mozos e mozas de fóra das nosas fronteiras, o que lle dá valor á nosa aposta por un modelo de lecer saudable, sostible e con impacto social. Seguiremos traballando para que a xuventude teña oportunidades de implicarse, aprender e desfrutar do noso municipio”, sinalaba o alcalde. Nesta ocasión, dous dos participantes son galegos, un de Redondela e outro de Ourense, e os demais veñen das comunidades autónomas de País Vasco, Castela e León, Castela A Mancha, Madrid e Andalucía.

Ademais, este grupo de mozos está a coñecer de primeira man a biodiversidade do último afluente do Río Miño e de zonas de interese como as Gándaras de Budiño. “Este tipo de iniciativas demostran que a mocidade está comprometida co medio ambiente e aberta a vivir experiencias enriquecedoras. Dende o Concello queremos ofrecerlles espazos nos que poidan participar activamente na protección do noso patrimonio natural e, ao mesmo tempo, coñecer a nosa vila e facer comunidade”, explicou o concelleiro.

Todas estas intervencións realízanse en horario de mañá e ás tardes resérvanse para realizar actividades de lecer e tempo libre na contorna urbana da vila, así como excursións por toda a comarca. Estes doce mozos que se aloxan nas instalacións do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios alongarán a súa estancia no Porriño ata o vindeiro día 21 de agosto.

Logo de tres edicións do Campo de Voluntariado Ruta de Palacios, que seguía os pasos do afamado arquitecto pola súa terra natal, e da edición en 2024 do Campo de Voluntariado Gándaras de Budiño, o Concello do Porriño renova este ano a súa aposta polas alternativas de lecer saudable no verán para a mocidade co Campo de Voluntariado Sendeiros do Louro.

O Concello do Porriño presenta oficialmente o Curso de Monitor/a de Tempo Libre iniciado onte

 

O Porriño, 17 de xuño de 2025.- Esta mañá tuvo lugar a presentación oficial do Curso Oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, que deu comezo onte, luns 16 de xuño, no Centro Cultural Municipal. O Alcalde, Alejandro Lorenzo, acudiu ao acto que tamén contou coa presenza do Concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, impulsor desta iniciativa a través da OMIX da súa concellería.

O curso, organizado en colaboración coa cooperativa Avada e a Escola de Tempo Libre Scolé, está dirixido á mocidade do Porriño e forma parte da aposta do Goberno local por promover a formación e o emprego xuvenil.

“Seguimos traballando para ofrecer oportunidades reais á mocidade do noso municipio, fomentando a súa capacitación e facilitando o acceso ao mercado laboral”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo.

A formación impártese en modalidade semipresencial e inclúe un total de 200 horas lectivas, das cales 100 son presenciais —do 16 ao 27 de xuño—, e as outras 100 serán en liña ata o 11 de xullo.

Ao rematar o curso, o alumnado obterá o título oficial homologado pola Xunta de Galicia, que lles permitirá traballar en campamentos, actividades de lecer educativo, ludotecas ou programas de conciliación, entre outros.

Esta iniciativa súmase ás diversas accións impulsadas pola Concellería de Xuventude co obxectivo de ofrecer alternativas formativas útiles, accesibles e adaptadas ás necesidades actuais da xuventude porriñesa.

O Concello do Porriño apoia a participación da mocidade local no proxecto Pegadas

 

  • Unha oportunidade transformadora de formación e camiño para mozos e mozas de 18 a 29 anos, totalmente gratuíta

O Porriño, 13 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño súmase á difusión do proxecto Pegadas, coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, que busca mellorar a empregabilidade da mocidade a través dunha experiencia formativa e vivencial única: realizar o Camiño de Santiago Portugués xunto a outros mozos e mozas de Galicia, Portugal e España.

A iniciativa está dirixida a persoas de entre 18 e 29 anos, e ofrece formación online, unha expedición de cinco días polo Camiño e acompañamento profesional. Todo o proceso é totalmente gratuíto, incluíndo a formación, transporte, manutención, aloxamento e material necesario (mochila, chuvasqueiro, camiseta e gorro).

Como participar:

As persoas interesadas deben inscribirse a través da web oficial do proxecto: https://pegadas.eu

Unha vez inscritas, recibirán acceso a unha formación online de 40 horas, centrada en temáticas como novas tecnoloxías, pensamento crítico, emprendemento e sostibilidade. Superada esta etapa, pasarán a formar parte dunha base de datos de participantes elixibles para as expedicións do camiño, nas que estarán acompañados por persoal técnico e formadores especializados.

Datas das expedicións (2025):

  • Xuño: do 16 ao 20 · do 23 ao 27
  • Xullo: do 21 ao 25 · do 28 ao 1 de agosto
  • Setembro: do 1 ao 5 · do 8 ao 12 · do 15 ao 19 · do 22 ao 26 · do 29 ao 3 de outubro

Un proxecto para medrar

“Desde o Concello do Porriño animamos á nosa mocidade a participar nun proxecto que combina formación, mobilidade, experiencias compartidas e valores como o esforzo, a convivencia e o coñecemento do territorio”, destacou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “O proxecto Pegadas é unha oportunidade real para mellorar a empregabilidade e fortalecer a autoestima, as capacidades sociais e profesionais dos nosos mozos e mozas”.

Toda a información e inscricións están dispoñibles na web oficial do proxecto:
👉 https://pegadas.eu

O Concello impulsa a profesionalización da mocidade no sector do tempo libre

  • Os cursos de Director/a e Monitor/a de Tempo Libre, ambos con titulación oficial, capacitarán á mocidade para coordinar e desenvolver actividades educativas en campamentos, ludotecas e outros espazos de lecer.

O Porriño, 3 de maio de 2025.– A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da OMIX, organiza para o ano 2025 dous cursos oficiais de tempo libre que se desenvolverán en formato intensivo e semipresencial no Centro Cultural Municipal do Porriño. Trátase dos cursos de Director/a de Actividades de Tempo Libre e Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, ambos impartidos por Avada S. Coop. e a Escola de Tempo Libre Scolé.

“Queremos dotar á nosa mocidade das ferramentas necesarias para poder acceder ao mercado laboral no ámbito do lecer e o tempo libre, sectores en crecemento e cunha alta demanda de profesionais cualificados”, destacou o alcalde Alejandro Lorenzo, quen puxo en valor a aposta do Concello pola formación de calidade como motor de oportunidades.

O curso de Director/a de Tempo Libre contará cunha parte teórica de 150 horas —80 presenciais e 70 en liña— que se desenvolverá entre os días 12 de maio e 1 de xuño. Posteriormente, os participantes deberán realizar unha fase práctica de 150 horas. Esta formación está homologada pola Xunta de Galicia e capacita oficialmente para coordinar e dirixir actividades de tempo libre en todo o territorio nacional.

Pola súa banda, o curso de Monitor/a de Tempo Libre ofrecerá unha formación teórica de 200 horas (100 presenciais e 100 en liña) e tamén contará cunha fase práctica de 150 horas. As sesións presenciais terán lugar entre o 16 e o 27 de xuño, mentres que a parte telemática se estenderá do 28 de xuño ao 11 de xullo.

O obxectivo é que os mozos e mozas do Porriño conten cunha formación certificada e profesional, que lles permita desenvolver tarefas educativas en campamentos, ludotecas, granxas escola ou centros socioculturais”, explicou o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, quen animou á mocidade a participar activamente nestas iniciativas.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo  a través das seguintes ligazóns:

En ambas accións formativas, darase prioridade ás persoas empadroadas no Concello do Porriño.

“Formarse neste tipo de accións non só abre portas no ámbito laboral, senón que tamén contribúe a fomentar valores de convivencia, respecto e participación social”, engadiu o alcalde Alejandro Lorenzo.

Con estas novas convocatorias, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa educación non formal e co impulso do talento xuvenil, ofrecendo ferramentas útiles para o acceso ao emprego e promovendo valores fundamentais como a responsabilidade, a creatividade e a participación activa na sociedade.

O Porriño celebra o Día europeo da Información Xuvenil poñendo en valor o labor da OMIX

 

Con motivo da celebración do Día Europeo da Información Xuvenil este 17 de abril, o Concello do Porriño súmase á campaña promovida pola Axencia Europea de Información e Asesoramento Xuvenil (ERYICA) baixo o lema #EYID25 – #domino_a_IA, co obxectivo de fomentar entre a mocidade un uso crítico, responsable e creativo da intelixencia artificial, sen esquecer o enfoque humano e educativo dos servizos de información xuvenil.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Porriño, integrada na Rede Galega de Centros de Información Xuvenil, xoga un papel clave na promoción de recursos e servizos que permiten á mocidade tomar decisións informadas sobre a súa educación, emprego, saúde e participación na sociedade.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de dar visibilidade a este tipo de iniciativas:  “Temos a responsabilidade de garantir que os nosos mozos e mozas conten cun acceso real a información que lles permita avanzar con seguridade nas súas decisións vitais. Dende o Concello do Porriño continuaremos apoiando servizos como a OMIX, que son unha ferramenta esencial para o desenvolvemento persoal e profesional da nosa xuventude”

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros, puxo o foco na actualidade da campaña deste ano e no traballo que se desenvolve desde a OMIX:  “Esta campaña de @_eryica axudará a entender tanto os beneficios como os riscos da IA, para que a nosa mocidade poida tomar o control de como configurar o seu mundo. É tamén unha ocasión especial para recoñecer o labor dos traballadores e traballadoras da información xuvenil, que cada día fan posible un acceso á información de forma accesible e personalizada.”

A OMIX do Porriño ofrece asesoramento e información sobre temas como emprego, vivenda, voluntariado, actividades culturais e deportivas, programas e campañas xuvenís, viaxes, carné xove, e moito máis. Conta cun servizo de atención individualizada tanto presencial como por teléfono e correo electrónico, ademais de manter actualizados espazos informativos físicos con documentación de interese. Ademais, estase a traballar na posta en marcha dun novo programa de actividades pensado especialmente para a mocidade do Porriño, que incluirá obradoiros, encontros, formacións e propostas de lecer adaptadas aos seus intereses actuais.

Desde o Concello anímase á mocidade a seguir as redes sociais e participar activamente na celebración desta efeméride empregando os cancelos #EYID25 e #OwnTheAI, sumándose á conversa europea sobre o papel da intelixencia artificial nas súas vidas e no futuro da información xuvenil.

VÍDEO OMIX 2025