A maioría da corporación acordou realizar unha análise conxunta da facturación pendente de pago

A suma de votos da maioría da corporación municipal do Porriño, co voto de calidade do alcalde accidental, rexeitou a proposta do Partido Popular e aceptou a contraproposta do grupo EU SON para analizar no seu conxunto toda a facturación pendente do Concello do Porriño. Acordouse que esa análise inclúa tanto as facturas da conta 4/13 como aquelas que están pendentes porque carezan de partes de traballo, outras deficiencias ou tiveran sido rexeitadas polo sistema “Face”.

A contraproposta de Pedro Ocampo, voceiro de EU SON foi apoiada pola suma dos 8 votos de PSOE, BNG, EU SON e Manuel Carrera, da UDDL, fronte aos 8 votos dos concelleiros do PP que votaron en contra. Ante a ausencia por convalecencia post cirúrxica da alcaldesa titular, Eva García, o alcalde accidental, Pedro Pereira fixo valer o voto de calidade.

De tal xeito que na vindeira semana, convocarase unha xunta de voceiros municipais para planificar como se fará esa análise en conxunto da facturación e se requerirán os informes pertinentes dos servizos técnicos municipais.

O acordo acadado foi a alternativa á proposta do Partido Popular do que partía a petición deste pleno extraordinario celebrado hoxe. O voceiro do grupo maioritario da oposición plantexou os casos da facturación pendente de pago de 25 empresas proveedoras do Concello. Entre elas figuran “Naturgy”; “Eulen”, “Nexia”, “Ascan” “Fluge”, “Aceesca Emprego”, “Gonzalez Couceiro” ou “Narom”, entre outras.

Alejandro Lorenzo matizou hoxe no pleno que a súa proposta contemplaba “revisión de oficio, pago, crédito ou sexa o que fora segundo a normativa vixente e os informes técnicos pertinentes da Secretaría e da Intervención Municipal”.   Ao mesmo tempo, o voceiro do PP, requiriu ademais en cada un dos 25 contratos, un expediente de responsabilidade patrimonial aos ordenadores de cada gasto.  

A proposta do PP foi rebatida por Lourdes Moure, concelleira de Economía e Facenda e voceira do grupo socialista. Acusou ao PP porriñes de “querer entorpecer ata paralizar a actividade económica municipal e para ilo, infunden sospeitas e dubidan dos informes tanto dos técnicos coma dos altos funcionarios, habilitados nacionais, se non están na súa corda”.

A voceira socialista manifestou que “estean tranquilos os proveedores do Concello que van cobrar, aínda que o Partido Popular non lles queira pagar”.

Cami Moreira, polo BNG manifestou que o seu grupo votaba en contra da proposta do PP por que“non temos coñecemento de ilegalidades” aínda que subliñou que “o recoñecemento extraxudial é unha mala praxe que está corrixirse”. E Manuel Carrera, dixo “observar mala fe no PP que está a facer unha oposición xudicializada cando o que procedería sería un esforzo conxunto para esclarecer toda a facturación pendente”.

Nesa mesma liña, o voceiro de EU SON, formulou a contraproposta que finalmente aprobou a maioría da corporación. Ocampo Cardalda baseouse en que aínda “fáltanos documentación” e reclamou que sexan a xunta de voceiros e as comisións municipais as que establezan qué facturas deben pagarse con recoñecemento extraxudicial e qué facturas deben pasar por trámite de revisión de oficio ou de audiencia ás empresas”, manifestou  Ocampo.

O PP retirou dous puntos máis da orde do día do pleno e por unanimidade de toda a corporación acordouse deixar enriba da mesa outra proposta do grupo maioritario da oposición que solicita información sobre as nóminas percibidas pola alcaldesa entre febreiro e maio deste ano. 

“Urbaser” comezou hoxe a prestar o servizo de limpeza viaria no Porriño

A empresa “Urbaser” comezou hoxe, dende as sete da mañá, a prestar o servizo de limpeza viaria no concello do Porriño.
A nova concesionaria subrogouse o persoal da anterior, comprometeuse a aumentar maquinaria e tamén as frecuencias de de limpeza, en especial en Torneiros, segundo precisou Sergio Casal, concelleiro responsable.

O cambio fora acordado pola corporación municipal nun pleno extraordinario celebrado na primeira semana de marzo (antes da declaración do estado de alarma). Aprobouse cos votos favorables de PSOE, PP, EU SON e UDDL e coa abstención dos dous concelleiros do BNG.
A re-adxudicación deste contrato baseouse nunha resolución da Mesa de Contratación do Concello, a raíz dunha sentencia do Tribunal de Contratación Administrativa de Galicia.

INSTRUCIÓNS PARA SOLICITAR A CITA PREVIA PARA O REXISTRO XERAL

Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.

Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:

Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”

Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.

Convocadas catro comisións informativas, preparatorias do pleno municipal do vindeiro martes 30

Mañá venres 26 están convocadas catro comisións informativas, preparatorias do pleno municipal que terá lugar o vindeiro martes 30. A sesión é a ordinaria de xuño que se adiou con motivo de que o mércores 24 fose festivo.

As comisións convocadas serán as de Economía, Urbanismo, Parques e Limpeza, e Seguridade que terán lugar entre as 17 e as 18 horas.

Entre os asuntos que se someterán á consideración dos grupos municipais figura a posible incorporación do Porriño ao Centro de Recollida de Animais (CAAN) dependente da Deputación Provincial e a modificación da ordenanza reguladora do estacionamento (Zona Azul).

Tamén levase a comisión para informar previamente cara ao pleno, a aprobación inicial do crédito extraordinario 2/2020 para recoñecemento extraxudicial de facturas de exercicios anteriores por un importe superior aos dous millóns de euros.

O concelleiro Sergio Casal comprometese a instalar máis contendores e sinalización vertical no Polígono Industrial da Granxa


Sergio Casal, concelleiro responsable de comercio e industria comprometeuse a instalar máis contedores de lixo e mellorar a sinalización vertical no polígono industrial de A Granxa. Casal Quintas asistiu hoxe en representación do Concello do Porriño á reunión da comisión delegada da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial de A Granxa.

O concelleiro e a representación de empresarios do Polígono, encabezados por Indalecio Cuevas e David Sobral, presidente e xerente da Entidade Urbanística de Conservación, abordaron máis asuntos. Ademais dos referidos, Concello e empresarios de A Granxa acordaron facer consultas coa Xunta de Galicia interesando información sobre o estado das obras de conexión da Autovía A-55 coa estrada de Salceda. Tamén determinouse consultar coa empresa adxudicataria do asfaltado da rotonda de entrada ao Polígono.

Por outra banda, Sergio Casal tomou nota das solicitudes de máis zonas verdes, limpeza das táxeas da vía do tren e arranxo de beirarrúas dentro do recinto.
A Entidade Urbanística de Conservación agrupa a centenar e medio de empresas asentadas no medio millón de metros cadrados que ocupa o Polígono Industrial de A Granxa.

Desinfección diaria nos parques infantís do Porriño

Deixamos unha galería de imaxes dos traballos de desinfección dos recintos e artefactos dos parques infantís do Porriño para garantir a seguridade dos rapaces. Esta tarefa será executada a diario por un equipo de 6 operarios, distribuídos no centro e nas parroquias, ás ordes do concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal.


Coa entrada da comunidade autónoma de Galicia na chamada “nova normalidade”, a Xunta de Galicia autorizou a reapertura dos parques infantís que estean ao aire libre. De tal xeito que o Concello do Porriño decidiu reabrir estas instalacións dende onte.

Reábrense os parques infantís do Porriño

Coa entrada da comunidade autónoma de Galicia na chamada “nova normalidade”, a Xunta de Galicia autorizou a reapertura dos parques infantís que esteán ao aire libre. De tal xeito que o Concello do Porriño anuncia que as instalacións serán reabertas a partir de hoxe.
Estas instalacións permaneceron precintadas durante o estado de alarma.


O concelleiro responsable de Medio Ambiente, Sergio Casal indicou que “a diario realizarase unha desinfección de todos os artefactos e recintos dos parques infantís para garantir a seguridade dos rapaces”.

A Concellería de Medio Ambiente acondiciona a zona de ocio do río Louro, á altura do Albergue

Un equipo de xardineiros está a acondicionar a zona urbana do río Louro, preto do Albergue de Peregrinos, segundo pódese comprobar nas imaxes adxuntas.


Trátase dun espazo de ocio e lecer que “estamos a preparar aínda que restan traballos de limpeza que remataremos entre o luns e o martes desta semana”, manifestou Sergio Casal, concelleiro responsable. Aínda restan traballos de mantemento na ponte do Val e de retirada de plásticos e botellas, segundo precisou o concelleiro.

O Porriño en fase 2: medidas de control no acceso ao Concello e reincorporación do persoal nos departamentos municipais

Dende hoxe luns 25, coa entrada de Galicia na fase 2 do plan de desescalada, o Concello do Porriño comeza unha progresiva normalización da súa actividade e servizos.

Unha das novidades é un pórtico de control de temperatura e medidas de hixiene para as persoas que accedan ao interior do edificio consistorial. Un conserxe encargase de controlar o acceso que debe ser perante cita previa.

Dende hoxe restablecese a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:

-para Servizos Sociais, pedir cita no número 986 334621

-para a Unidade de Atención a Drogo dependentes (UAD), no 986 330861

-para a Policía Local, no 620 40 40 40

-para todos o demais servizos, a través de centraliña no número 986 33 5000

 

Hoxe reincorporouse a meirande parte da plantilla. Están exceptuados o persoal pertencente aos colectivos considerados vulnerables e aqueles outros, suxeitos a a algún dos supostos de conciliación.

Acordo entre goberno municipal e sindicatos para a reincorporación por departamentos dos funcionarios e persoal do Concello


Goberno municipal e os representantes sindicais da plantilla de traballadores do Concello do Porriño subscribiron hoxe un acordo para a progresiva reincorporación de funcionarios e demais persoal a partir do vindeiro luns 25 de maio. A negociación rematou hoxe coa firmado do acordo que subscribiu Lourdes Moure, concelleira de Persoal, no nome do goberno municipal, e os delegados da xunta de persoal do Concello.

O documento establece o proceso de reincorporación por etapas que xa está a realizarse dende esta semana e que a partires do vindeiro luns 25 suporá a reincorporación da meirande parte da plantilla. Estarán exceptuados o persoal pertencente aos colectivos vulnerables e aqueles suxeitos a a algún dos supostos de conciliación.

Tamén a partires do vindeiro día 25, restablecerase a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:
-para Servizos Sociais, pedir cita no número 986 334621
-para a Unidade de Atención a Drogo dependentes (UAD), no 986 330861
-para a Policía Local, no 620 40 40 40
-para todos o demais servizos, a través de centraliña no número 986 33 5000

O acordo firmado hoxe tamén determina que a unidade de Persoal do Concello facilitará aos traballadores o material de protección (máscaras, luvas e mamparas) que sexan necesarios e que ademais a disposición de mesas e cadeiras de traballo estarán redistribuídas para gardar a distancia de seguridade (2 metros) entre cada posto de traballo.
A tal fin, o Concello aplica as recomendacións da auditoría realizada pola firma “Cualtys” que supervisa o cumprimento das medidas de seguridade e hixiene no traballo.