O Porriño encara a recta final para contar por fin cun auditorio moderno e versátil

  • A obra do futuro auditorio municipal avanza a bo ritmo e permitirá dotar ao Porriño dun espazo escénico de referencia, adaptado ás necesidades actuais da programación cultural e do tecido asociativo local.

Porriño 18 de marzo de 2026.– A obra do futuro auditorio municipal do Porriño foi hoxe escenario da súa primeira visita institucional, na que participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con representantes do tecido asociativo local vinculado ao ámbito cultural e diversas academias de música e baile.

O novo auditorio permitirá dotar ao municipio dun espazo moderno, versátil e adaptado ás necesidades actuais. O proxecto contempla unha capacidade de máis de 350 butacas, así como escenario, camerinos e instalacións técnicas axeitadas para acoller múltiples actividades culturais ao longo do ano .

A actuación supón un investimento de preto de 2,8 millóns de euros, cun prazo de execución estimado de vinte meses .

Durante a visita, o alcalde puxo en valor a importancia deste proxecto, cualificándoo como un fito histórico para o Porriño, ao tratarse do primeiro auditorio destas características no municipio e unha resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

“Hoxe é un día especialmente significativo para este Concello. Visitamos por primeira vez un auditorio que, ata o de agora, nunca existira no noso municipio”.

O rexedor tamén destacou o impacto que terá esta infraestrutura na vida cultural local, ao ofrecer un espazo estable para o desenvolvemento de actividades e iniciativas impulsadas polo tecido asociativo.

“Nun prazo breve, en menos dun ano, este auditorio estará a disposición de todos os veciños e veciñas, así como das asociacións e colectivos que atoparán aquí un espazo de encontro, cultura e convivencia”.

Lorenzo quixo ademais recoñecer o traballo técnico e profesional que está a facer posible a execución da obra, subliñando a coordinación entre os equipos implicados para garantir o seu correcto desenvolvemento.

O proxecto, segundo explicou, foi resultado dun proceso de análise no que se valoraron diferentes alternativas, tendo en conta condicionantes técnicos, urbanísticos e económicos, ata acadar unha solución que permitirá contar cunha infraestrutura moderna e plenamente integrada no entorno urbano.

O novo auditorio está chamado a converterse nun punto de encontro para asociacións, colectivos e cidadanía en xeral, favorecendo a dinamización cultural do municipio. Neste sentido, desde o Concello destacouse a importancia da implicación do tecido asociativo, que participou nesta primeira visita para coñecer de preto o avance das obras.

Ademais, sinalouse que a evolución dos traballos será especialmente visible nos próximos meses, cun avance significativo que permitirá comezar a visualizar a configuración definitiva do espazo.

Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta pola cultura como eixo fundamental de desenvolvemento, impulsando unha infraestrutura que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a fortalecer a identidade cultural do municipio.

O Porriño saca a licitación o servizo das novas escolas infantís municipais

  • O importe total do contrato ascende a 3.350.701,22 euros por un período inicial de catro anos, ampliables mediante prórroga

Porriño 26 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o servizo das novas escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño, que sumarán un total de 132 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, ampliando de maneira significativa a oferta educativa no municipio.

As escolas contarán con 10 unidades en total —cinco en Pontellas e cinco en Budiño— distribuídas por tramos de idade, garantindo unha atención adaptada ás distintas etapas do primeiro ciclo de educación infantil.

A construción das novas escolas infantís supuxo un investimento superior aos 1,8 millóns de euros, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia con cargo aos fondos Next Generation, ao que se sumou unha achega municipal superior aos 500.000 euros.

Pola súa banda, o contrato para a xestión do servizo ten un importe total de 3.350.701,22 euros para un período inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga. Coa publicación da convocatoria, as empresas especializadas no sector poderán presentar as súas ofertas dentro do procedemento de contratación pública. A adxudicación definitiva do servizo será elevada ao Pleno unha vez completado o proceso.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que esta actuación “é unha aposta clara por dotar de máis servizos ás nosas parroquias” e subliñou que “as familias pagarán exactamente o mesmo que nunha escola da rede Galiña Azul: a atención educativa será gratuíta e os servizos complementarios, como o comedor ou o horario ampliado, terán os mesmos prezos públicos en función da renda. Non haberá ningunha diferenza económica; a única variación será a titularidade do centro, que pasará a ser municipal”.

Ademais, o rexedor avanzou que o Concello continuará ampliando de maneira progresiva a carteira de servizos municipais, incorporando novas iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e reforzando o compromiso do goberno local co benestar do conxunto da veciñanza.

Os viveiros de empresas de Torneiros mellorarán as súas instalacións para atraer o emprendemento

  • Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas

Porriño 26 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño acometerá obras de reforma e acondicionamento nos viveiros de empresas situados no Multicentro de Torneiros, unha actuación orientada a mellorar as instalacións xa existentes e a fortalecer o apoio municipal ás persoas emprendedoras nos seus primeiros pasos empresariais.

 

Os traballos permitirán actualizar os espazos, adaptalos ás necesidades actuais do tecido produtivo e ofrecer contornas profesionais máis modernas, funcionais e competitivas. Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas que inicien a súa actividade no municipio, aos que se lles facilitará o acceso de maneira gratuíta co obxectivo de reducir custos iniciais e favorecer a súa consolidación. As persoas interesadas poderán solicitar información nas oficinas de Porremprego ou presentar a correspondente solicitude a través do Rexistro Municipal do Concello.

 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “a reforma dos viveiros de empresas é unha mostra clara da nosa aposta por apoiar a quen decide emprender no Porriño, ofrecendo instalacións axeitadas e recursos que lles permitan comezar con maiores garantías”. O rexedor destacou que “non se trata só de poñer un local á disposición, senón de crear un entorno favorable que acompañe ás empresas no seu proceso de crecemento e consolidación”.

 

No marco desta estratexia de impulso económico, o Concello prevé ademais a sinatura dun convenio de colaboración coa Federación de Empresas, Autónomos, Comercio e Hostalaría do Porriño, ao que se lle cederá un espazo no propio edificio do Multicentro de Torneiros. A finalidade deste acordo será que a entidade poida ofrecer apoio directo, asesoramento e acompañamento aos proxectos que se instalen no Viveiro, reforzando así a atención ao tecido empresarial local.

 

Segundo explicou Lorenzo, “esta colaboración permitirá que as novas iniciativas conten cun respaldo profesional próximo e permanente, sumando esforzos entre a administración local e o sector empresarial para fortalecer o noso ecosistema económico”. O alcalde incidiu en que “a dinamización do emprendemento é unha prioridade para este goberno, porque significa máis oportunidades, máis actividade económica e máis emprego para o noso municipio”.

 

Con esta actuación, o Concello do Porriño consolida o Multicentro de Torneiros como un espazo de referencia para o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, reafirmando o seu compromiso co crecemento económico sostible e coa creación de oportunidades no ámbito local.

As obras no polideportivo municipal avanzan a bo ritmo coa cuberta das pistas de pádel e a renovación integral da contorna

  • O investimento de case 450.000 euros permitirá utilizar as pistas durante todo o ano e mellorar a eficiencia, accesibilidade e imaxe do polideportivo

O Porriño, 16 de febreiro de 2026.- As obras de mellora integral do Complexo Deportivo Municipal do Porriño avanzan a bo ritmo, coa cuberta das dúas pistas de pádel exteriores e a renovación completa da contorna do polideportivo, nun proxecto cun investimento de case 450.000 euros.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou os traballos, onde destacou a importancia dunha actuación “moi agardada pola veciñanza e polos clubs deportivos que empregan estas instalacións a diario”.

A intervención estrutúrase en dúas grandes liñas. Por unha banda, cubriranse as dúas pistas de pádel exteriores mediante unha estrutura independente que abranguerá tanto as superficies de xogo como as zonas de paso anexas. A solución permitirá manter o carácter aberto e ventilado da instalación, garantindo protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e permitindo o seu uso durante todo o ano.

Por outra banda, acometerase unha transformación integral da contorna exterior do complexo, coa renovación das zonas axardinadas existentes, a creación de novas áreas verdes mediante xardineiras, a instalación de mobiliario urbano e un xardín vertical na fachada acristalada da piscina. Este elemento vexetal mellorará a integración estética do edificio e reducirá o impacto térmico, aumentando a eficiencia enerxética.

As obras inclúen tamén o acondicionamento do chan do ximnasio e a mellora do teito do pavillón 2, optimizando as condicións de seguridade e confort nunhas instalacións moi utilizadas por usuarios de todas as idades.

O investimento total ascende a 448.968,48 euros, dos que 204.404,30 euros proceden do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID II) e o Concello aporta 244.564,18 euros con fondos propios.

Durante a visita, Alejandro Lorenzo subliñou que “esta era unha demanda histórica da veciñanza: poder utilizar as pistas de pádel sen depender do tempo. Ao mesmo tempo, aproveitamos para facer unha mellora integral dun espazo clave para o deporte local, facéndoo máis moderno, eficiente e agradable”.

Con esta actuación, o Concello do Porriño segue avanzando na modernización das infraestruturas deportivas municipais e na creación de espazos públicos de calidade que promovan unha vida activa, saudable e sostible.

Xornada informativa coas asociacións no Porriño para explicar as subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026

  • As asociacións poderían recibir axudas de ata 10.000 euros para financiar os seus investimentos en infraestrutura, equipamento ou obras

O Porriño, 21 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou unha reunión informativa dirixida ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio co obxectivo de dar a coñecer en detalle a convocatoria de subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026, impulsada pola Deputación de Pontevedra. Durante esta xornada expuxéronse os requisitos e o procedemento a seguir para a solicitude destas axudas; lembrouse ademais a documentación necesaria para poder levar a cabo todos os trámites relativos á iniciativa.

Durante o encontro, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explicou ás entidades asistentes as características da convocatoria, que permite acceder a subvencións de ata 10.000 euros por entidade, cun importe mínimo de 6.000 euros, podendo cubrir ata o 100 % do investimento presentado. Así mesmo, informouse de que o prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 1 de abril de 2026, animando ás asociacións a iniciar canto antes a preparación da documentación necesaria.

Neste encontro detallouse tamén que a convocatoria está dirixida a asociacións de veciños, federacións, confederacións ou unións de asociacións veciñais, así como a asociacións de mulleres rurais, sempre que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas están destinadas exclusivamente a investimentos, incluíndo actuacións como obras de mellora de locais sociais, a mellora ou creación de infraestruturas, equipamentos e espazos destinados á actividade das entidades, así como a adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou específico para o desenvolvemento das súas actividades. Tamén se aclarou que son subvencionables determinados gastos vinculados á tramitación da subvención, ás taxas e licenzas necesarias e aos traballos previos de desbroce ou limpeza cando formen parte dunha obra.

No acto aclarouse ademais que será requisito indispensable que a entidade solicitante sexa titular ou conte cun dereito de uso mínimo de cinco anos sobre os inmobles ou terreos nos que se vaian executar os investimentos.

O alcalde sinalou a importancia deste tipo de encontros para acompañar e asesorar ás asociacións locais. “As asociacións son unha peza clave da vida social, comunitaria e cultural do Porriño e das súas parroquias. Desde o Concello consideramos fundamental non só informar destas axudas, senón tamén estar ao carón dos colectivos para resolver dúbidas e facilitarlles o acceso a unha oportunidade que pode mellorar notablemente os seus espazos e recursos”, sinalou o rexedor.

Lorenzo subliñou que “estas subvencións permiten acometer investimentos sen necesidade de achega económica propia, o que supón unha oportunidade moi importante para fortalecer o tecido asociativo e repercutir directamente na calidade de vida da veciñanza”.

Cada entidade poderá presentar unha única solicitude, deberá tramitarse exclusivamente por vía electrónica, achegando o acordo do órgano competente da entidade e o resto da documentación esixida nas bases da convocatoria, incluíndo a memoria ou proxecto técnico cando resulte necesario.

Desde o Concello do Porriño reitérase o compromiso de seguir prestando apoio e asesoramento ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio, animándoas a aproveitar esta liña de financiamento que contribúe á mellora das súas infraestruturas, dos seus equipamentos e ao fortalecemento do tecido asociativo local.

O alcalde do Porriño presenta o balance de 2025: “Un ano histórico de saneamento, crecemento económico e investimento en calidade de vida”

  • Un concello saneado e uns Orzamentos 2026 pensados para reforzar a capacidade de investimento
  • Novo complexo deportivo, escolas infantís e ampliación do entorno do auditorio entre os proxectos clave

O Porriño, 29 de ecembro de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe o balance do ano 2025 nun almorzo informativo cos medios de comunicación, no que destacou un exercicio “histórico, marcado polo saneamento das contas municipais, o dinamismo económico e unha clara aposta por mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Un concello saneado e unha xestión económica rigorosa

Un dos principais fitos do ano foi a consolidación da situación económica e financeira do Concello. Lorenzo explicou que 2025 supuxo un punto de inflexión ao acadarse, por primeira vez, saldo cero na conta 413, correspondente ás facturas pendentes de pagamento por gastos realizados fóra de orzamento ou sen contrato algún, xa que as únicas existentes eran de gobernos anteriores.

Neste proceso de saneamento económico, o Concello partía dunha débeda acumulada de 5.496.979,19 euros en decembro de 2021, que se reduciu ata un saldo de 33.680,97 euros a finais de 2024, quedando totalmente liquidada ao longo de 2025. Este resultado foi posible grazas a unha revisión individualizada de centos de facturas, que permitiu a devolución de máis de 2 millóns de euros en facturas irregulares, duplicadas ou sen contrato, así como a obtención de sentenzas xudiciais favorables que evitaron pagamentos indebidos por importe de 853.648,86 euros.

Na actualidade, a única débeda vixente do Concello corresponde a un préstamo estatal por un importe aproximado de 3 millóns de euros  destinado ao pagamento de facturas herdadas anteriores a 2022.

Neste contexto, o alcalde avanzou que o Concello está a traballar na elaboración dos Orzamentos Municipais de 2026, unhas contas especialmente relevantes ao elaborarse nun escenario de estabilidade financeira tras o proceso de saneamento. Lorenzo explicou que o actual préstamo procedente do Mecanismo de Pago a Proveedores (MPP) está a limitar a capacidade de investimento municipal, polo que o Goberno local estuda distintas opcións financeiras para reforzar a marxe de actuación económica do Concello e afrontar os vindeiros exercicios con maior axilidade, sempre desde a prudencia e o rigor económico.

Crecemento económico e actividade empresarial

No ámbito económico, o alcalde puxo en valor o peso do Porriño como un dos concellos con maior actividade de Galicia, cun PIB superior aos 1.240 millóns de euros, un crecemento anual do 6,6 % e unha industria que representa máis do 50 % da riqueza xerada. “Estes datos reflicten un Porriño dinámico, con máis de 2.200 empresas, emprego e capacidade para atraer investimento”, sinalou Lorenzo.

Vivenda, urbanismo e transformación das parroquias e barrios

En materia de vivenda, o rexedor destacou o avance do proxecto para a construción de 300 novas vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, en colaboración coa Xunta de Galicia, e outras 40 a maiores a través da cesión dunha parcela municipal. A actividade urbanística mantívose tamén nun nivel elevado ao longo de 2025, cun incremento superior ao 10 % no número de licenzas respecto de exercicios anteriores.

Neste contexto, Lorenzo salientou a rexeneración integral de Torneiros, cun investimento próximo aos 2,75 millóns de euros, que permitirá mellorar servizos, accesibilidade, espazos públicos e zonas verdes, transformando de maneira significativa este ámbito do municipio.

Saneamento, servizos e cohesión social

Outro dos eixos fundamentais do balance foi o saneamento, cun investimento acumulado desde 2022 de case 5 millóns de euros e coa creación este ano dunha Concellería específica de Saneamento. “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”, afirmou o alcalde.

Lorenzo explicou que, partindo dos máis de 16 millóns de euros inicialmente necesarios, e tendo en conta a actualización de prezos, o xa executado, o que se está a realizar e o pendente de licitar, a inversión que resta para acadar o 100 % do saneamento elévase a 11.899.632,68 euros. Para facer fronte a este reto, o Concello prevé solicitar unha operación de crédito específica que permita completar os investimentos pendentes, traballando tamén en axudas doutras administracións.

“Este goberno local ten claro que o acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse eses case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias”, subliñou o rexedor.

No ámbito social, o alcalde destacou o apoio ao tecido asociativo do Porriño, con colaboracións coas asociacións culturais e veciñais, comisións de festas, ANPAS, clubs deportivos, así como co comercio local e a hostalaría. Neste sentido, precisou que o Concello colabora economicamente con todas estas asociacións mediante achegas nominativas anuais que superan os 500.000 euros, garantindo a continuidade e calidade das actividades en cada parroquia.

Emprego e formación

Durante 2025, os programas municipais de emprego e formación permitiron que 384 persoas accederan a polo menos un contrato laboral, incluíndo 92 contratacións directas municipais. Ademais, impartíronse 7.150 horas de formación, realizáronse 1.773 sesións de orientación laboral e acadouse unha taxa de inserción laboral do 82 % no Programa Integrado de Emprego. A Bolsa de Emprego Municipal conta actualmente con 7.130 persoas inscritas, consolidándose como unha ferramenta clave para a intermediación laboral.

Poboación e educación

O balance demográfico confirma unha tendencia positiva: o Porriño pasou de 16.997 habitantes en 2005 a 20.995 en 2024, segundo o Padrón Municipal, cunha poboación composta por un 51 % de mulleres e un 49 % de homes. Ao longo de 2025, rexistráronse 115 nacementos no municipio. “Medrar en poboación e manter datos positivos de natalidade é un reflexo de que o Porriño ofrece oportunidades, servizos e calidade de vida”, sinalou Lorenzo.

O alcalde destacou tamén a evolución da UNED do Porriño, que duplicou matrículas, ampliou a súa oferta académica e consolídase como referente comarcal.

Proxectos estratéxicos para 2026

De cara a 2026, Alejandro Lorenzo avanzou varios proxectos clave que permitirán seguir mellorando os servizos e os espazos públicos do municipio. Entre eles, destacou a apertura das escolas infantís de Budiño e Pontellas, un proxecto estratéxico para a conciliación das familias, e tamén o Centro de Día en Atios. 

No ámbito cultural e urbano, o alcalde anunciou a ampliación do entorno do futuro auditorio municipal, cun anfiteatro que contará cun espazo propio de cafetería e restaurante ao aire libre, configurando unha nova área de encontro, lecer e actividade cultural.

No eido deportivo, avanzou o desenvolvemento de novas pistas deportivas infantís e a creación dun novo complexo deportivo nun terreo municipal de arredor de 3.000 metros cadrados, a través dunha cesión dunha urbanización que se está a facer na rúa Antonio Palacios, que levará o nome do adestrador  do Celta porriñés Claudio Giráldez, pensado para o deporte base e a mocidade.

O alcalde concluíu sinalando tamén a importancia do apoio doutras administracións, destacando as axudas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, especialmente en materia de estradas autonómicas e provinciais, así como na execución de escolas infantís, que resultan fundamentais para facer realidade moitos dos proxectos desenvolvidos ao longo do ano.

“O balance de 2025 e os proxectos previstos para 2026 demostran que o Porriño avanza con paso firme, cun concello saneado, máis actividade económica e unha clara aposta polo futuro”, concluíu Lorenzo.

O Porriño aposta pola enerxía limpa cunha inversión de máis de 113.000 euros nun proxecto innovador de autoconsumo colectivo

 

  • O Concello adhírese ao programa “Concellos + Renovables”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e financiado con fondos Next Generation
  • A iniciativa permitirá instalar unha planta fotovoltaica con almacenamento no pavillón municipal e reducir custos enerxéticos e emisións de CO₂

O Porriño, 15 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de adherirse ao proxecto PR-RENOINN Concellos + Renovables I, unha iniciativa innovadora promovida pola Deputación de Pontevedra e presentada ante o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), co obxectivo de impulsar o autoconsumo colectivo con sistemas de almacenamento e garantir a participación de consumidores vulnerables.

O proxecto permitirá avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible, eficiente e tamén inclusivo, reducindo o consumo eléctrico, os custos asociados e as emisións de CO₂, ao tempo que se combate a fenda enerxética.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “este proxecto supón un paso firme na aposta do Concello polas enerxías renovables e pola sustentabilidade. O rexedor destacou ademais que “o autoconsumo colectivo permítenos optimizar os recursos públicos e avanzar cara a un Concello máis eficiente e responsable co medio ambiente”.

O custo total das actuacións previstas ascende a 113.654,09 euros, dos cales 64.440,50 euros serán financiados a través dunha subvención do IDAE con cargo aos fondos Next Generation EU; a Deputación de Pontevedra achegará 24.975 euros, mentres que o Concello do Porriño asumirá os 24.238,59 euros restantes con fondos propios.

Deputación e Concello xa asinaron o convenio para levar a cabo os traballos de instalación e posta en funcionamento dunha instalación fotovoltaica de autoconsumo colectivo no pavillón municipal de capacidade máxima de 99,99 kWp, composta por 185 paneis solares de 540 W, así como dun sistema de almacenamento de enerxía de 50 kWh mediante baterías de litio. A instalación contará tamén cun sistema software de monitorización, que permitirá controlar en tempo real a produción e o consumo enerxético.

O proxecto inclúe ademais a participación obrigatoria de consumidores vulnerables, que representarán polo menos o 10 % da enerxía producida, garantindo así un acceso máis xusto e sostible á enerxía renovable e contribuíndo a reducir a fenda enerxética no municipio.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa transición enerxética, a innovación e a sustentabilidade, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento máis respectuoso co medio ambiente e socialmente responsable.

 

O Concello mellorará a eficiencia enerxética do Centro Cívico cunha inversión de 150.000 euros

 

  • O proxecto permitirá reducir o consumo enerxético e mellorar o confort deste edificio que alberga a Escola Municipal de Música e múltiples aulas que acollen actividades lúdicas e culturais de diferentes asociacións e colectivos

 

O Porriño, 4 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño levará a cabo as obras de mellora da eficiencia enerxética do Centro Cívico, cun orzamento total de 149.950 euros. As intervencións previstas inclúen a mellora dos sistemas de climatización e ventilación na segunda planta, a substitución integral das carpinterías exteriores por outras máis eficientes e o illamento térmico das fachadas, así como a instalación dun novo sistema de iluminación eficiente. No caso concreto da ventilación, o proxecto prevé a instalación dun sistema con recuperador de calor e redes de condutos de impulsión e extracción, co obxectivo de optimizar o confort térmico e a calidade do aire.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que “este proxecto é un paso máis na modernización das nosas infraestruturas municipais e na aposta decidida por reducir o consumo enerxético e as emisións de CO₂. Mellorar a eficiencia do Centro Cívico significa tamén mellorar o confort das veciñas e veciños que fan uso diario deste espazo, ao tempo que reducimos custos de mantemento e contribuímos á sostibilidade ambiental do Porriño”, engade.

O Centro Cívico do Porriño é un espazo de referencia para a veciñanza, que acolle a Escola Municipal de Música, que conta con máis de 150 alumnos, así como diversas asociacións e colectivos locais que empregan as súas instalacións para a realización de cursos e actividades formativas e de lecer. Así, a mellora da eficiencia e do confort do edificio repercutirá directamente no benestar de todas as persoas usuarias.

A actuación está subvencionada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, ao abeiro dunha orde de axudas destinada a promover a eficiencia enerxética en edificios municipais e cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027. A parte subvencionada será do 80% (119.960 euros) tendo que aportar o Concello o 20% restante (29.990 euros). Neste sentido, o rexedor subliña a importancia da colaboración institucional,  “agradecemos o apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte que, a través dos Fondos Feder, fai posible acometer actuacións que doutro xeito serían moi difíciles de financiar só con recursos municipais”.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa sostibilidade e a mellora continua das infraestruturas públicas, avanzando cara a un modelo de xestión máis respectuoso co medio ambiente e máis eficiente no uso dos recursos. As obras no Centro Cívico representan un exemplo claro de como a innovación e a eficiencia enerxética poden ir da man para ofrecer espazos municipais máis confortables, modernos e adaptados ás necesidades actuais da cidadanía.

 

 

 

A xustiza avala ao Concello do Porriño e frea a pretensión do Concello de Vigo de cobrar pola auga de Eiras

 

 

  • Dúas sentenzas do Contencioso Administrativo estiman o recurso do Concello do Porriño declarando nulo o acordo plenario de 2023 do Concello de Vigo e, consecuentemente, as liquidacións emitidas por importe de preto de 150.000 euros
  • O alcalde Alejandro Lorenzo sostén que “pagaremos o que nos corresponda, en concepto de mantemento das infraestruturas, e non o que Vigo decida e impoña unilateralmente” e lembra que “a auga non é de Vigo, Porriño conta cunha concesión outorgada no ano 1962 polo Ministerio de Obras Públicas”
  • O maxistrado-xuíz exhorta a ámbalas administracións ao diálogo en aras de evitar unha “cascada litixiosa”, cuestión á que xa se referiu dende fai anos o Concello do Porriño, ofrecéndose a negociar e chegar a un entendemento, sen obter nunca resposta por parte de Vigo

O Porriño, 3 de decembro de 2025.- O Xulgado do Contencioso-Administrativo vén de emitir dúas sentenzas que dan a razón ao Concello do Porriño fronte ao Concello de Vigo no conflito polos custos asociados ao encoro de Eiras. “A xustiza confirma que Vigo non podía modificar nin impoñer unilateralmente os importes que pretendía cobrarnos, por iso anula o acordo plenario de 2023 e, consecuentemente as liquidacións que foron derivadas del”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

Así, a primeira das resolucións anula o acordo plenario adoptado polo Concello de Vigo o 29 de marzo de 2023, no que Vigo modificaba, de maneira unilateral, os importes que debía asumir O Porriño en función do antigo acordo de 27 de xaneiro de 1998, o cal tamén fora determinado unilateralmente. Aquel acordo de 1998 establecía unha participación nos custos de mantemento e, sobre todo, o pagamento vinculado á construción do canal, que quedou totalmente amortizado no ano 2023. Chegado ese momento, Vigo decidiu actualizar os custos e establecer un novo canon de mantemento, pero fíxoo sen negociación, sen xustificación suficiente e sen competencia para impoñelo unilateralmente, tal e como agora confirma a xustiza.

A segunda sentenza declara que, ao quedar anulado o acordo plenario de 2023, tamén quedan anuladas consecuentemente todas as liquidacións bimensuais derivadas del, que Vigo lle reclamara ao Concello do Porriño durante o ano 2023. En total, son case 150.000 euros en conceptos que non estaban acreditados e que Vigo pretendía cobrar sen base legal válida.

O alcalde do Porriño destacou que “o Concello pagará sempre o que lle corresponda, pero non o que Vigo decida e impoña pola súa conta”, lembrando que “O Porriño non ten que pagar polo subministro de auga, pois para iso xa ten unha concesión outorgada no ano 1962 polo Ministerio de Obras Públicas, senón polo mantemento das infraestruturas de captación e condución e sempre conforme á lei e aos acordos vixentes”.

Lorenzo sinala tamén que o Concello do Porriño leva tempo ofrecéndose a sentar e negociar os posibles pagos, ante o cal nunca obtivo resposta por parte do concello vigués, unha disposición ao diálogo que o propio maxistrado recolle tamén na sentenza. Nel exhórtase ás partes a “sentar adecuadamente, con solidez, os cimentos desta relación xurídica que indudablemente as vincula”, evitando así “unha cascada litixiosa” como a vivida nos últimos anos. O xuíz sostén que “sería óptimo que abandonasen a unilateralidade na determinación da achega, que ambas partes se reunisen e examinasen a cuestión, despexando aspectos como os gastos de mantemento da presa de Eiras”. Tamén indica que Vigo debe actuar con “auténtica transparencia” e poñer á disposición do Porriño a documentación detallada dos gastos reais que xera o mantemento e conservación desta infraestrutura.

Sen dúbida, ámbalas dúas sentenzas son unha boa nova para O Porriño e para os intereses da veciñanza, “seguiremos defendendo o que é xusto e garantindo unha xestión responsable dos recursos públicos”, conclúe Alejandro Lorenzo quen, á súa vez, remarca o feito de que “na propia sentenza se ratifique o que xa vimos pedindo dende fai tempo, a necesidade da existencia dun entendemento entre administracións”.

O Consorcio de Augas do Louro impulsa a dixitalización integral do ciclo da auga cun proxecto de máis de 3,5 millóns de euros

 

  • Instalaranse máis de 4.000 contadores intelixentes, 11 novos sectores para control de fugas de auga potable, 60 caudalímetros, máis de 70 sensores de calidade de auga residual e o deseño dunha web para facilitar información á cidadanía sobre a xestión das instalacións
  • O comité extraordinario celebrado esta mañá analizou tamén a situación do encoro de Eiras e o seu impacto en cada municipio

O Porriño, 25 de novembro de 2025.- O Consorcio de Augas do Louro, integrado polos Concellos do Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas, celebrou hoxe un comité extraordinario no que se aprobou o proxecto de mellora da eficiencia e dixitalización do ciclo urbano da auga. A obra, que sae a licitación e conta cun prazo máximo de execución de seis meses, supón un investimento total de 3.574.817,99 euros, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), no marco da segunda convocatoria do PERTE promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O proxecto ten como obxectivo principal a implantación de solucións tecnolóxicas avanzadas para a sensorización, automatización, control remoto e análise de datos en tempo real de todas as instalacións do ciclo da auga xestionadas polo Consorcio, desde a captación ata a depuración. Este avance permitirá optimizar a xestión integral da auga, reducir perdas e consumo enerxético, mellorar a transparencia e trazabilidade dos procesos e garantir unha resposta rápida ante incidencias, cumprindo ademais coas esixencias da nova normativa europea sobre protección do dominio público hidráulico.

Entre as accións concretas previstas destacan a instalación de case 4.100 contadores intelixentes para usuarios domésticos, grandes consumidores e instalacións municipais, a creación de 11 novos sectores para control de fugas de auga potable, a colocación de 60 caudalímetros en estacións de bombeo de augas residuais e máis de 70 sensores de calidade de auga residual vertida, co fin de mellorar o control da rede de saneamento. Adicionalmente, instalaranse dúas plantas solares fotovoltaicas nas potabilizadoras de Mos e Tui e desenvolverase un deseño web para facilitar á cidadanía o acceso á información sobre a xestión das instalacións.

Todas estas medidas contribúen aos obxectivos establecidos na Planificación Hidrolóxica 2022-2027 da Demarcación Miño-Sil, promovendo o bo estado do dominio público hidráulico, reducindo a contaminación e aumentando a eficiencia e sustentabilidade dos servizos.

Coa aprobación deste investimento e o impulso das actuacións do PERTE, o Consorcio de Augas do Louro dá un paso decisivo cara á xestión intelixente e sostible do ciclo integral da auga, converténdose nun modelo replicable para outras entidades xestoras.

Coordinación e responsabilidade na xestión das infraestruturas de Eiras

No segundo punto da orde do día, os alcaldes dos concellos membros: Porriño, Alejandro Lorenzo, tamén presidente do Consorcio; Mos, Nidia Arévalo; Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e Tui, Enrique Cabaleiro, analizaron a situación actual do encoro de Eiras e o seu impacto en cada municipio, estudando posibles solucións coordinadas para garantir o abastecemento presente e futuro. Durante a sesión acordouse solicitar unha xuntanza interinstitucional para estudar a posible creación dunha mancomunidade, que permita fortalecer a cooperación entre administracións e garantir a seguridade hídrica de forma sustentable e estratéxica.

Como presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo trasladou unha mensaxe de claridade e responsabilidade en relación ao conflito aberto co Concello de Vigo e á situación da presa de Eiras. Así, explicou durante a celebración do comité que en relación á situación das válvulas e ao mantemento da presa de Eiras, “quero ser moi claro: estamos falando de infraestruturas críticas para o abastecemento de auga. E aquí quero subliñar algo fundamental: o Consorcio de Augas do Louro está formado por catro concellos —O Porriño, Salceda, Mos e Tui—, e todos, absolutamente todos, debemos ser partícipes de calquera obra, mellora ou actuación que se leve a cabo. Non se pode tomar decisións unilateralmente. O Consorcio é un órgano de cooperación e así debe funcionar”.

Lorenzo sinalou que se hai informes técnicos que acreditan deterioro ou risco nas infraestruturas, “o responsable é actuar, planificar e coordinarse entre todas as administracións implicadas. O que non pode ocorrer é que quen ten a competencia directa sobre a manipulación e vixilancia das válvulas non asuma esa responsabilidade. A seguridade do sistema non pode depender de improvisacións nin de actuacións tardías”. Neste sentido, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, presente tamén no comité extraordinario desta mañá, asegurou que “é o Concello de Vigo o que manipula exclusivamente as válvulas”.

“Seguiremos defendendo os nosos seus dereitos, colaborando nas solucións e cumprindo coas nosas obrigas. Pero tamén imos defender o que é xusto, o que é legal e o que corresponde. O noso compromiso é coa veciñanza, coa seguridade do abastecemento e coa xestión responsable dos recursos públicos. A través do Consorcio seremos parte nesta defensa dun ben público que é de todos e de todas como é a auga”, concluíu Alejandro Lorenzo.