A alcaldesa chama a “evitar alarmismos” en Atios cos movementos de terras

Eva García presidiu hoxe unha reunión informativa entre veciños de Atios; propietarios da canteira Triángulo; a empresa “Lonza” e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira. O obxectivo da reunión, celebrada no Concello, era “evitar o alarmismo entre a veciñanza de Atios e proporcionar información completa sobre as actuacións”, explicou a alcaldesa.

García de la Torre lembrou que estes movementos de terras “están suxeitos a estritos protocolos de rastrexabilidade”.

A alcaldesa indicou que se informou aos veciños de Atios de que as terras procedentes das obras de ampliación da industria “Lonza” “contan cunha certificación analítica que demostra que son inertes e aptas para a restauración da canteira de Atios, que as está a recibir “, declarou Eva García.

“Non obstante, informouse aos veciños de Atios de que en canto cheguen ao Concello, os resultados das análises que a Xunta de Galicia realiza dentro das súas competencias e en virtude das queixas veciñais do pasado venres, serán informados”, concluíu.

 

Engadimos audio coas declaracións da alcaldesa

A piques de rematar o pavimentado do Camiño do Casal de Vello en Torneiros

 

A construtora “Covsa”, adxudicataria do proxecto de mellora, está a piques de rematar a pavimentación do Camiño de Casal de Vello, na parroquia de Torneiros.

Segundo informou a Concellería de Infraestruturas dirixida por Pedro Pereira, “as obras de asfaltado concluirán esta semana e só quedará a execución de cunetas e o levantamento das tapas das arquetas”.

A obra está financiada a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural. Para iso dispúxose dun orzamento duns 59.000 euros.

Convocadas catro comisións informativas, preparatorias do próximo pleno municipal ordinario

Este mércores 22 convocáronse catro comisións informativas. Trátase das comisións municipais de Urbanismo; Limpeza; Economía, e de Contas, a celebrarse entre as 18:00 e as 19:00 horas.

Prepararán os asuntos do próximo pleno ordinario de setembro que terá lugar o día 29, ás 18:00 horas.
Adxuntamos en “pdf” as convocatorias e as axendas das catro comisións.

Comisión de Contas setembro 2021

Comisión de Economia setembro 2021

Comisión de Limpeza setembro 2021

Comisión de Urbanismo septiembre 2021

Comezou o proceso de valoración das 6 plicas presentadas para o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez

 

Este mediodía reuniuse a mesa de contratación que decidirá o proceso de licitación e adxudicación do proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no barrio de San Bieito.

Media ducia de empresas presentaron as ofertas que agora serán valoradas polos técnicos municipais. No prazo de dúas/tres semanas, a mesa volverase reunir para coñecer as valoracións técnicas e as ofertas económicas.

O proxecto de humanización contempla unha actuación no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.

As obras consistirán no levantamento do pavimento, tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; preinstalación para as telecomunicacións e a rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.

O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € amais do IVE do 21% correspondente. A obra será financiada cunha subvención do Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial.

 

En execución as obras de saneamento de Corzón, en Pontellas

O Concello do Porriño informa que xa están en execución as obras de saneamento no núcleo de Corzón, na parroquia de Pontellas.
A previsión é que estarán rematadas a finais de setembro, segundo anuncia a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.
O proxecto en execución ten un orzamento total de preto de 56.000 euros e saíu a licitación no pasado mes de xuño. Trátase dunha obra financiada polo “Plan Concellos 2021” da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

A Concellería de Infraestruturas anuncia a mellora de firme do Camiño Veciñal de Casal de Vello (Torneiros)

 

O Concello do Porriño acomete a mellora do firme de rodadura no Camiño Veciñal de Casal de Vello, en Torneiros, segundo o proxecto en execución que desenvolve a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.
Está obra adxudicouse a COVSA e esta financiada ao amparo do PLAN MARCO da Consellería de Medio Rural. Dispón dun orzamento total de 58.729 euros (IVE incluído).
A empresa construtora realizou tarefas previas de limpeza e comezará a asfaltar a partires do 1 de setembro. Os traballos mellorarán unha lonxitude de preto de 850 metros do devandito camiño veciñal.

 

Proxectase instalar lombos e pasos de peóns sobreelevados na estrada provincial 2401, entre Porriño e Mosende

O Servizo de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra fixo chegar ao Concello do Porriño as actuacións previstas no “III Plan Móvese” para aumentar a seguridade viaria nas estradas provinciais que, no que atinxe a este municipio, proxectan instalar “lombos” e pasos de peóns sobreelevados, na E.P. 2401. Concretamente nun treito de 5 quilómetros entre O Porriño e Mosende, proxéctanse 5 redutores físicos de velocidade (lombos) e 8 pasos de peóns sobreelevados.

Ademais estas actuacións de calmado do tráfico levarán aparelladas pequenas reformas dos tramos de beirarrúas e dos espazos de aparcadoiro ao carón dos pasos de peóns para facilitar a visibilidade neses treitos da estrada., como se pode apreciar no gráfico adxunto

As actuacións definidas polos técnicos da Deputación son produto dun proceso participativo co Concello do Porriño e despois dun traballo de campo para analizar as necesidades demandadas para deseñar as solucións técnicas en cada caso.

O Concello outorga achegas a 14 comunidades de traída de augas por un importe global de 77.607€

O Concello do Porriño anuncia a concesión de achegas a catorce comunidades de traídas de augas do municipio por un importe global que suma 77.607 €, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira. Este departamento convocou por segundo ano consecutivo este lote de achegas municipais ao que se presentaron catorce comunidades. Todos os solicitantes foron aceptados e non quedou ninguén excluído xa que cumprían cos criterios recollidos na convocatoria.

Recibiran as achegas as comunidades de Cerquido; San Jorge-Mosende; Chan-Casal-Orbenlle; A Pereira-Torneiros; Atios; Cruz-Budiño; Rozadas-Eirís; Carracido; Chenlo; Vitureira-Budiño; Cans; A Graña-Cans e Torneiros. Aínda resta unha solicitude máis que corresponde á comunidade de usuarios zona centro de Atios, que dispón dun prazo dun mes para a subsanación da documentación aportada, segundo explicou o concelleiro Pereira Fernández.  

O Concello do Porriño destinou para este exercicio 2021 un importe total de 95.000 €. A convocatoria publicouse en marzo no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo e ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprende a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 euros por peticionario.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros en achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, polo que este ano 2021 incrementouse tanto o número de comunidades beneficiadas como o importe total das achegas concedidas pola comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por técnicos municipais.

Rematado o acondicionamento da rotonda de Antonio Palacios, sen custe para o erario municipal

A Concellería de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Pedro Pereira, comunica o remate dos traballos realizados estes días na rotonda de confluencia de Antonio Palacios coa rúa Domingo Bueno e a avenida de Galicia.

Consistiron no rebaixe dos bordillos e do adoquín perimetral. A reforma da rotonda realizouse a solicitude da empresa “Citic Censa” para facilitar o paso de camións. A configuración anterior da rotonda, cos bordes altos, impedía ou dificultaba o paso de transportes con pezas especiais de grandes dimensións. O problema radicaba en que os vehículos pesados tiñan moi complicado o radio de xiro entre as rúas Domingo Bueno e Antonio Palacios.

Precisamente ao longo do mes de xullo, “Citic Censa” ten que atender varios pedidos de pezas especiais que se teñen que trasladar ao Porto de Vigo.

As obras de reforma da rotonda, co rebaixe de bordes e adoquíns realizaronse e financiaronse pola propia empresa “Citic Censa”. Pola súa banda, o Concello aproveitará para acondicionar a zona verde da rotonda durante o mes de xullo, segundo informou o concelleiro Pedro Pereira.

O Concello licita o proxecto de saneamento no núcleo rural do Picouzo (Budiño)

O proxecto para dotar de saneamento ao núcleo rural do Picouzo, na parroquia de Budiño, atópase en fase de licitación polo Concello do Porriño. A actuación requirirá dun investimento de 352.972 euros, co IVE incluído e un prazo de execución de 3 meses, a partir da adxudicación.  

A Concellería de Infraestruturas que dirixe o nacionalista Pedro Pereira é a responsable desta actuación que persegue conectar esta zona de alta densidade de vivendas e na que está situado o Colexio Público da Cruz. Coa execución deste proxecto “pretendemos dar resposta a unha antiga demanda dos veciños e vecinas do barrio e resolver a falla de conexión á rede de saneamento do centro docente de Budiño”, manifestou Pedro Pereira.

Para conectar O Picouzo coas redes de suministro e saneamento xerais do Porriño, proxectanse a instalación de catro grandes colectores de 542, 370, 404 e 1.010 metros máis colectores de tramo, de tal xeito que se instalarán preto de dous quilómetros de tuberías. Un deses grandes colectores, o número 4 segundo se describe no proxecto, descorrerá polas inmediacións da estrada PO-510, de titularidade autonómica. O concelleiro Pedro Pereira xa mantivo reunión coa Xunta de Galicia para acadar informe favorable autorizando a súa execución. “Esta autorización da Xunta é moi importante para poder executar todos os colectores proxectados por gravidade e así evitar estacións de bombeo”, segundo explicou o responsable municipal de Infraestruturas.