A Concellería de Infraestruturas licita o saneamento de Corzón, en Pontellas

 

O Concello do Porriño anuncia que a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira (BNG) vai executar obras de saneamento en Corzón, parroquia de Pontellas.

O proxecto de rede de saneamento atópase actualmente en fase de licitación. O prazo de presentación de ofertas aínda está aberto e rematará o mércores 9 de xuño.

O orzamento total, base da licitación, é de 56.129 €  

Esta obra está financiada polo “Plan Concellos 2021” da Deputación Provincial de Pontevedra.

A partir da adxudicación, a data aproximada de inicio das obras será no mes de setembro, segundo a previsión que manexa o concelleiro Pedro Pereira. O prazo para a execución dos traballos estímase en tres meses.

 

O Porriño proxecta un gran parque público no Louro

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Patrimonio e Urbanismo dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, anuncia que chegou a un acordo para a compra de aproximadamente 20.000 metros cadrados de terreos na contorna do río Louro.

Pedro Pereira ven de formalizar un acordo de compra con persoas propietarias de parcelas próximas ao río que permitirán crear un parque público tan necesario na contorna do Louro para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“Temos que apostar por abrir o río para as persoas. Pensamos que a contorna do Louro ten que ser a gran zona verde e de lecer do centro urbano do Porriño. Este  é o primeiro paso necesario para transformar este entorno. Queremos proxectar un parque público na zona, que gañe máis espazos para a xente e no que instalar novos equipamentos”, apuntou  Pedro Pereira.

Na imaxe adxunta pódese observar as parcelas que vai adquirir o Concello