Participantes do programa recolleron hoxe os seus diplomas formativos da man do alcalde, Alejandro Lorenzo.
Participantes do programa recolleron hoxe os seus diplomas formativos da man do alcalde, Alejandro Lorenzo.
Porremprego Cualifica II forma a 10 persoas desempregadas na implantación de tecnoloxías da información e comunicación e en economía dixital na administración
O Concello do Porriño incorporou hoxe a 17 traballadoras/es que reforzarán equipos en diferentes servizos municipais.
O Departamento de Vías e Obras conta desde hoxe con cinco incorporacións: un oficial 1ª de carpintería, un oficial 1ª de soldadura, un oficial 1ª de albanelería e dous peóns de obra pública. Pola súa banda, o Departamento de parques, xardíns e limpeza conta con seis novos peóns forestais. E para departamentos e instalacións municipais contase con tres conserxes, unha publicista e un analista de xestión e organización ou estatística.
Todas estas contratacións supuxeron unha inversión de 292.000 euros, dos cales 211.000 foron a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra e 81.000 euros de aportación municipal.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, déronlle hoxe a benvida ao seu novo posto de traballo.
Ambos representantes municipais destacaron a oportunidade que estas incorporacións supoñen para activar o emprego e tamén para poder dar un mellor servizo á veciñanza. “O voso traballo é moi necesario e estamos encantados de que formedes parte do noso equipo”.
Comezar o día cun almorzo saudable, variado e equilibrado é clave para afrontalo con enerxía. Por iso, a adquisición de hábitos de alimentación saudable entre os máis pequenos é parte importante da súa educación.
Baixo esta premisa, o alumnado-traballador da especialidade de cociña de “Porremprego Cualifica II”, preparou e serviu hoxe un almorzo saudable para os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios de Torneiros. Esta actividade está enmarcada dentro da obra a realizar no obradoiro de emprego e nela tamén participarán usuarios e usuarios da unidade de día de AFAGA e o alumnado do CEIP da Ribeira.
Hoxe foi a primeira xornada nas instalacións habilitadas para cociña e hostalería no Multiusos de Torneiros e na mesma participaron máis de 20 nenos e nenas, acompañados polos seus profes, polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e as concelleiras Rosario Costas e Teresa Veloso. Disfrutaron dun nutritivo menú cargado de enerxía que incluía propostas doces e salgadas, xugos naturais e froita.
“Con sinerxias como estas que se crean entre os centros educativos e o obradoiro de emprego os pequenos e pequenas descubren a importancia de ter unha alimentación saudable e tamén coñecen o labor da especializade de cociña que se imparte neste obradoiro”, explicou o alcalde
O Concello do Porriño sumará a 17 novos/as traballadores/as ao seu cadro de persoal no marco do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
A administración local recibirá 211.000 euros do ente provincial para a contratación de persoas que se atopen en situación e desemprego, tal e como vén de aprobarse na súa Xunta de Goberno. Isto supón o 72,30 % do orzamento total, financiándose o restante con fondos municipais.
Serán concretamente 6 peóns forestais, 3 conserxes, 2 peóns de obras públicas, 1 analista de xestión, 1 publicista, 1 auxiliar de enfermería, 1 oficial de albanelería, 1 oficial de soldador e 1 oficial de carpintería. Todos eles engrosarán o persoal dos diferentes departamentos municipais.
“Con estas incorporacións poderemos mellorar o servizo que prestamos aos cidadáns e atender as súas necesidades como corresponde. Moitas veces nos vemos atados de mans por non contar co persoal suficiente para dar a resposta que queremos e debemos dar, por iso serán de gran axuda para nós”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
As persoas interesadas deben estar inscritos no Servizo Público de Emprego , xa que será este organismo o fará a preselección.
O Concello do Porriño atópase na fase de selección de participantes para unha nova iniciativa de emprego e formación. Trátase dun Programa Integrado de Emprego dirixido a persoas menores de 30 anos desempregadas con baixa cualificación, mulleres desempregadas, persoas menores de 30 anos desempregadas cualificadas e parados de longa duración para o cal se convocan un total de 100 prazas.
Unha vez rematado o programa, en decembro de 2024, existe un compromiso de inserción laboral do 45% dos participantes, os cales ao longo de todo ano realizarán diversas accións destinadas todas elas a mellorar a súa formación e empregabilidade. “Dende o Concello poñemos en marcha unha nova ferramenta dirixida á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo.
Unha vez seleccionadas as persoas participantes en formar parte do proxecto, comezarase coa realización de accións de información, orientación e asesoramento para a procura de emprego. Ditas accións teñen carácter transversal a todas as actuacións do programa e consisten nun seguimento personalizado de inserción adaptado e individualizado para cada unha das persoas desempregadas.
Por outra banda, tamén se impartirá formación, coa organización de diversos cursos. De xeito complementario coas accións anteriores, levarase a cabo técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea. Tamén se desenvolverán talleres nos que adestren as habilidades sociolaborais e outros que funcionen como simulacións de entrevistas.
Outras das accións a executar dentro do PIE serán a de fomento da capacidade emprendedor, prospección empresarial e obradoiros sobre mobilidade laboral. Ademais, realizarase un casamento axeitado entre oferta e demanda, recollendo a oferta existente na contorna e seleccionando as persoas candidatas idóneas para cubrila.
Unha vez feita a formación teórica e práctica, complementarase coa realización de prácticas profesionais en empresas colaboradoras baixo a supervisión dun titor.
Para a posta en marcha deste PIE, o Concello do Porriño conta cunha subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de 220.000 euros, que xunto cos 55.000 euros de aportación municipal, fai unha inversión total de 275.000 euros
O obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica”, impulsado polo Concello do Porriño co apoio da Xunta de Galicia, chegou hoxe ao seu fin. A actividade permitiu a formación de 20 persoas desempregadas en dúas especialidades con moita demanda no Porriño e contorna, relacionadas coa cociña e coa atención sociosanitaria a persoas dependentes, que hoxe recibiron os seus diplomas.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o Secretario Xeral de Emprego, Alberto Fuentes, acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, e a directora do obradoiro, Marita Pintos, participaron do acto de clausura. Tamén estiveron presentes o presidente da Entidade Urbanística A Granxa, Indalecio Cuevas, David Sobral, secretario xeral de Fegape, e outros representantes da industria e da hostalería local.
Tal e como explicou a concelleira, este obradoiro abre as portas ao mercado laboral a estas persoas en situación de desemprego, ao tempo que forman a profesionais cualificados que melloran a calidade do servizo que se presta nestas áreas. “Son unha taboa de salvación para moitas persoas desempregadas”, apuntou.
Os/as alumnos/as traballadores/as contan con 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade de inserción laboral na contorna. Ao remate dos obradoiros, obteñen un certificado de profesionalidade.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, incidiu en que O Porriño necesita profesionais cualificados nestes dous sectores, e por iso se apostou por formar nestas dúas especialidades, ambas con moita demanda e convidou aos hostaleiros e empresarios asistentes “a coñecer de primeira man a capacidade e valía destes profesionais para darlles a oportunidade acceder ao mundo laboral no noso pobo”. O rexedor destacou tamén o labor social que desempeñaron dende a especialidade cociña “coa posta en marcha dun comedor social e iniciativas como a comida solidaria de Nadal, que fixeron do Porriño un pobo aínda máis solidario” e concluíu reiterando que “o emprego é liberdade, autonomía e a máis valiosa das políticas sociais, e para iso a formación é clave. Por iso seguiremos apostando por políticas activas de formación e emprego”.
No mesmo sentido se expresou a conselleira, Elena Rivo, incidindo en que “o emprego abre as portas do benestar social” e destacando a aposta do goberno galego pola formación, “queremos que dar traballo en Galicia e contar con profesionais cualificados é esencial”.
Ao remate do acto, hostaleiros e empresarios participaron dunha xornada de portas abertas na que coñeceron as instalacións e puideron degustar uns petiscos cociñados polo alumnado da especialidade de cociña.
Porriño albergará un dos 15 polos de emprendemento e apoio ao emprego postos en marcha pola Xunta de Galicia antes de que remate 2023. Actualmente están operativos oito e o da capital da Louriña sería o segundo na provincia, que abriría as súas portas a partir de outubro, durante o último trimestre do ano. Así o aseguraba esta mañá o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, nunha visita á vila na que estivo acompañado polo alcalde, Alejandro Lorenzo e na que puido comprobar o avance das obras para a posta en marcha desta oficina situada no número 9 da rúa Ramiráns, no caso urbano porriñés.
O obxectivo desta rede é impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa contorna, e na que o usuario atopará acompañamento continuado, unha metodoloxía común validada e adaptada a cada proxecto e titorización con profesionais de primeiro nivel.
“É unha gran nova para Porriño poder contar un espazo que integre todas as ferramentas que existen na actualidade para apoiar as iniciativas emprendedoras, xa que estas son clave para fortalecer a economía local”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Apostar polo emprendemento é apostar polo futuro”.
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego está dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación. Así, presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Nese senso, dos case 500 proxectos asesorados ata o de agora, máis de 400 atópanse activos.
O do Porriño será o Polo de emprendemento Pontevedra Leste e Sur, sumándose así ao de Silleda, Pontevedra Norte e Rías Baixas, cuxa área xeográfica de actuación son as comarcas do Deza, Caldas e O Salnés. Nestes centros ofrécense, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado, espazos de traballo temporal e networking, captación de investimento e financiamento e orientación, asesoramento e recursos físicos. As persoas usuarias, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.