O desemprego descendeu en Porriño en preto dun milleiro de persoas na última década

A Concellería de Emprego e Promoción Económica que dirixe David Alonso fixo público un balance sobre a evolución do paro no Porriño na última década. Os datos indican que entre 2011 e 2021, preto dun milleiro de persoas en Porriño abandonaron as listas do paro e conseguiron traballar.

En concreto en 2011, o número de parados rexistrados en Porriño era de 2.311 desempregados, namentres que en 2021 (con datos ata 30 de novembro) é de 1.391 desempregados.

Como se pode apreciar no gráfico adxunto, o peor dato de paro anual rexistrouse no Porriño en 2013 cando se alcanzou o teito con 2.649 desempregados. A tendencia a partir de 2014 comezou a mellorar e só tivo unha ruptura en 2020, debido á pandemia, cando pasou a 1.713. Pola contra, este 2021 foi un ano de manifesta recuperación, con continuos descensos do número de parados de xaneiro a novembro, como acreditan os datos do Instituto Galego de Estatística e Consellería de Emprego da Xunta de Galicia.

O concelleiro David Alonso subliñou a súa satisfacción polos datos e “congratulámonos de que as accións realizadas polo noso departamento están a dar os seus froitos. Alonso Bargiela lembrou que decidirá dotar con máis persoal ao departamento para as tarefas de orientación laboral e prospección.

O concelleiro tamén valorou a importancia que están a ter os programas de formación como o que remata esta semana en Porremprego coa entrega de diplomas aos participantes que realizarán o venres o alcalde accidental, Pedro Pereira e o propio David Alonso aos participantes nos cursos de estacións de servizo, manipulador de alimentos, mozo de almacén, busca activa de emprego, básico de limpeza industrial e electromecánica básica.

Alonso tamén destacou a labor que fai “Porriño Accede”, o programa de prospección e formación municipal, que organiza cursos de formación con prácticas en empresas e que leva atendidos a 93 usuarios/as no que vai de ano, acadando a inserción laboral de 63 persoas en empresas do Porriño.

Os 20 alumnos do obradoiro “Porriño Labora” formaranse en carpintería e construción e traballarán na mellora do Paseo do Louro e a antiga escola de Covelo-Atios

 

O Concello do Porriño informa do comezo dun novo obradoiro de emprego que leva o nome de “Porriño Labora”. O Concelleiro de Emprego e Formación David Alonso, deu a benvida ao equipo directivo e docente e aos 20 alumnos que se formarán nas especialidades de Carpintería e Construción.

No mes de setembro a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia concedíalle unha axuda de 346.096 € ao Concello do Porriño para a posta en funcionamento deste obradoiro “Porriño Labora”.

O plan de formación é o seguinte:
-Na especialidade de CARPINTERÍA: traballarán no acondicionamento funcional e estético do Paseo do Río Louro. Realizaranse reparacións no valado de madeira existente no paseo, nos tramos das pontes en mal estado, recuperaranse os bancos existentes deteriorados polo paso de tempo e o vandalismo; e nos tramos existentes con pavimento de madeira.

-Na especialidade de CONSTRUCIÓN: realizarán a súa formación traballando na reforma da antiga escola de Covelo na parroquia de Atios, que está a realizarse en tres fases, debido á complexidade da obra. Nesta fase, os alumnos de “Porriño Labora” van desenvolver traballos de instalación do saneamento e os aparatos sanitarios, a instalación de toda a fontanería, a instalación de ventilación e dun sistema de climatización, incluíndo os condutos de aire. Tamén van rematar os traballos pendentes no interior do edificio consistentes na instalación do falso teito e pintado das zonas necesarias, así como o revestimento e pintado no exterior do inmoble.

 

Obradoiro de emprego “Porriño Labora”

A Concellería de Emprego e Promoción Económica do Concello do Porriño vai a desenvolver o Obradoiro de Emprego “Porriño Labora” no que se impartirán as especialidades formativas:

Madeira:

Nivel 1: (MAMD0209) TRABALLOS DE CARPINTERÍA E MOBLES (MAMD0109), APLICACIÓN DE BARNICES E LACAS EN ELEMENTOS DE CARPINTERIA E MOBLE.

Nivel 2: (MAMR0308) MECANIZADO DE MADEIRA E DERIVADOS, (MAMS0108) INSTALACIÓN DE ELEMENTOS DE CARPINTERÍA.

Albanelería-Fontanería-Climatización:

Nivel 1: (EOCB0109) OPERACIÓNS AUXILIARES DE REVESTIMENTOS CONTINUOS EN CONSTRUCCIÓN, (IMAI0108) OPERACIÓNS DE FONTANERÍA E CALEFACCIÓN-CLIMATIZACIÓN DOMÉSTICA.

Os requisitos que hai que cumprir para poder participar como alumno/a-traballador/a neste Obradoiro serán os seguintes:

– Estar dado de alta na oficina de emprego de O Porriño como demandante de formación nalgunha de ditas especialidades.

– Non se require formación prevía.

– Os colectivos con máis dificultades na inserción laboral terán prioridade.

As persoas que estean interesadas poderán inscribirse na pre-selección de dúas maneiras:

– Cubrindo unha solicitude acudindo a oficina de Porremprego do Concello do Porriño sita no Edificio Multiusos de Torneiros – Ribeira, s/n.

– Ou enviando un e-mail á oficina de emprego do Porriño a dirección oficina.emprego.porrino@xunta.gal no que se solicita poder participar na pre-selección de alumnos/as para Obradoiro de Emprego “Porriño Labora”, indicando nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono, e-mail e especialidade que escolle.

O Alumnado traballador que se seleccione percibirá o salario mínimo interprofesional cun contrato de formación e aprendizaxe de 9 meses de duración.

 

A xunta de voceiros municipais debateu novas propostas de axuda á economía local e futuros convenios coas comunidades de montes

 

O alcalde accidental, Pedro Pereira presidiu hoxe a reunión da xunta de voceiros municipais que abordou dous asuntos: novas propostas de axudas á economía local e a negociación de convenios coas comunidades de montes.
O concelleiro de Promoción Económica, David Alonso solicitou aos restantes grupos da corporación que fixeran as súas propostas sobre que destino darlle aos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid que ao longo deste ano repartiu o Concello entre establecementos de hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que as solicitaron. A partida era de 140.000 € dos que se entregaron achegas por importe de 112.280 € polo que a cantidade nos disposta é de preto de 28.000 €.
Acordouse que o concelleiro daralle forma a unha proposta para habilitar unha convocatoria de axudas á que poderán presentarse establecementos, autónomos e micro empresas que non tiveran recibido anteriormente achegas desta liña de axudas ”Porriño Impulsa”.
Por outra banda, Pedro Pereira, en condición de concelleiro de Patrimonio Municipal informou aos voceiros dos grupos da corporación que está a negociar coas comunidades de montes. Trasladoulles un borrador de convenio coa comunidade de montes de Budiño que establece unha cesión de uso dos locais namentres non haxa unha resolución xudicial firme. Pereira Fernández informoulles que tamén está a traballar e negociar outro convenio similar coa comunidade de montes de Atios.

 

Convocada xunta de voceiros municipais para debater novas propostas de axudas á economía local e convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño

O xoves 5 celebrarase xunta de voceiros municipais, convocada ás 12,30 horas, con dous asuntos na orde do día que se comunicou aos grupos políticos da corporación.

Por unha banda trasladase á consideración dos voceiros municipais, a proposta de convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño, negociados polo concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira.

E por outro lado, por iniciativa do concelleiro de Promoción Económica, David Alonso debateranse novas propostas de axuda á hostalería e outros sectores da economía local cos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid, dotado con 140.000 euros que se habilitaron polo Concello para este exercicio. Dese total abonáronse nestes meses trancorridos, 112.280 euros en axudas económicas directas á hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que se destinaron polos solicitantes a pagos de alugueres, hipotecas, mercadorías, subministracións e gastos xerais. 

De xeito que hai un sobrante de algo máis de 27.000 euros para destinar ás novas propostas de axudas que se traten pola xunta de voceiros municipais. 

O programa municipal de inserción laboral “Porriño Accede” acada colocar 42 persoas no primeiro semestre do ano

 

A Concellería de Emprego que dirixe o concelleiro David Alonso ven de facer balanzo dos resultados acadados no primeiro semestre deste ano polo programa municipal de inserción laboral “Porriño Accede”. Dos 75 usuarios que teñen participado ata xuño nos programas de formación, 42 persoas obtiveron emprego nas dez empresas colaboradoras.
As empresas que están a colaborar co programa municipal “Porriño Accede” son “PSA Citroen”, “Staroil”, “Asientos de Galicia”, “Chousal”, “Megalta”, “Plenoil”, “Fegoblan”, “Zoka”, Valver” e “Narwhall Boats”.
A xuízo do concelleiro “as cifras de ocupación son lixeiramente mellores das obtidas en 2020”. “Coidamos que é debido ao impacto da crise dos micro chips que afecta ao sector da automoción que é o tractor que tira en maior medida do emprego no noso concello”, engadiu David Alonso.
O concelleiro anunciou que en agosto continuarán as formacións con cursos presenciais nas instalacións de “Porremprego” “enfocados aos segmentos con máis demanda de emprego actualmente como son gasolineiras e operarios de almacén”, rematou David Alonso.

 

A Asociación de Panadeiros presentou ao Concello o rexistro “Pan do Porriño”, outorgado pola Oficina Española de Patentes e Marcas

 

A Asociación de Panadeiros presentou ao Concello, o rexistro “Pan do Porriño” outorgado pola Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. David Alonso, concelleiro de Promoción Económica e Turismo; e Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas, en representación do Concello, recibiron un exemplar do título acreditativo da marca “Pan do Porriño” que lucirá a partir de hoxe nas oito panaderías que promoveron esta marca e adheríronse ao selo. Son “Forno de Mosende”, “Chinchina”, “Argibay” “Amaquía” “O Progreso”, “Erundina”, Milagros” e “Panadería Torneiros”.

Cinco dos oito panadeiros acudiron hoxe a presentar o rexistro e agradecer ao Concello o seu apoio a “unha reivindicación que levou moitos anos de traballo e xestións ata acadar este recoñecemento”, segundo explicou José Manuel Fernández, presidente da Asociación e propietario de “Forno de Mosende”.

Na mesma liña, reivindicando a necesidade de recuperar a Festa do Pan e de atopar outros instrumentos de promoción nacional e internacional do Pan do Porriño, manifestáronse José Manuel Fernández (“Chinchina”); Claudio Argibay “Panaderia Argibay), Luis Miguel Iglesias (“Amaquía”) e José Carlos Fernández (“O Progreso”).

Pola súa banda a concelleira de Cultura e Festas expresou a súa satisfacción por “este empoderamento do Pan do Porriño por que é moi importante que se ligue a identidade da bola do pan co Porriño e con todas as actividades culturais e festivas que fagamos”.

David Alonso manifestou que “benvido sexa este recoñecemento dunha tradición histórica”. O concelleiro de Promoción Económica subliñou que as oito panaderías que integran a Asociación e lucirán o selo “xeran case cen postos de traballo no pobo o que supón unha fonte de ingresos para moitas familias”.

Tanto Cami Moreira como David Alonso comprometéronse coa Asociación a manter reunións nos vindeiros días para reanudar neste ano a celebración da Festa do Pan (probablemente en outubro) e lanzar outras iniciativas de promoción e coñecemento do “Pan do Porriño”. 

 

O goberno municipal levará ao pleno o regulamento de tele traballo para os empregados do Concello

O goberno municipal porriñés levará para a súa aprobación plenaria na vindeira sesión da corporación, o regulamento de tele traballo con Concello. O texto da proposta será trasladado mañá mércores aos demais grupos políticos da corporación na comisión municipal de Economía, Facenda e Persoal que deberá ditaminar o asunto para o pleno do vindeiro mércores 30 de xuño.

O regulamento para a prestación en réxime de tele traballo no Concello do Porriño aprobouse por unanimidade de todos os sindicatos despois das negociacións mantidas con Lourdes Moure, concelleira socialista, responsable de Persoal e Facenda.

Como principais criterios, o regulamento establece que non todos os servizos municipais serán susceptibles de tele traballar; nos que sexa posible deberá limitarse ao 50% dos empregados; e finalmente, establece que non se poderá superar un máximo de 2 días de tele traballo por semana.

Se a proposta que se leva a pleno acada o respaldo da maioría da corporación, o regulamento de tele traballo para os empregados municipais do Porriño entraría en vigor a partir do 15 de setembro.

Por outra banda, esta semana haberá outras comisións informativas previas ao vindeiro pleno. O mércores tamén convocouse comisión de Parques e Limpeza. E o xoves haberá comisións de Urbanismo e de Contas.

Deixamos ligazón cos “pdf” das comisións convocadas para o mércores.

Comisión de Economia

Comisión Limpeza Viaria

Concedido o primeiro lote de axudas económicas directas do Concello á hostalería, comercio e autónomos por un importe de 60.926 €

O tribunal de avaliación formado por técnicas municipais e presidido polo concelleiro de Emprego, David Alonso resolveu hoxe o primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.

Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan a presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.