O Porriño achega a formación en primeiros auxilios á veciñanza con novas charlas de Protección Civil en Pontellas e Budiño

  • Dúas sesións gratuítas en maio permitirán aprender a actuar ante situacións de emerxencia como paradas cardiorrespiratorias, afogamentos ou ictus

O Porriño,  2 de maio de 2026.– Saber como actuar nos primeiros minutos dunha emerxencia pode marcar a diferenza. Con esta premisa, o Concello do Porriño, a través de Protección Civil, segue a impulsar unha iniciativa formativa aberta á cidadanía: un ciclo de charlas de primeiros auxilios que xa teñen pasado por diferentes parroquias e que  se desenvolverá durante o mes de maio en Pontellas e Budiño.

En concreto, as charlas, de carácter gratuíto, celebraranse o martes 5 de maio a partir das 17:00 horas na Asociación Cultural de Pontellas e o martes 19 de maio, tamén desde as 17:00 horas, na Asociación Cultural O Mosteiro de Budiño. Dous espazos de encontro nos que o coñecemento se compartirá de maneira práctica e participativa, facilitando que calquera persoa poida adquirir habilidades fundamentais para actuar ante unha emerxencia.

Baixo o lema “Aprende a salvar vidas”, estas sesións teñen como obxectivo dotar á veciñanza de coñecementos básicos e ferramentas prácticas para responder con seguridade ante situacións críticas como unha parada cardiorrespiratoria, un atragoamento, queimaduras, cortes ou un posible ictus. Unha formación accesible e útil que busca achegar a prevención e a intervención básica ao día a día da cidadanía.

A través desta iniciativa, o Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa seguridade e o benestar da súa veciñanza, promovendo a formación como ferramenta clave para salvar vidas. “Unha aposta por unha cidadanía máis preparada, consciente e capaz de responder con eficacia nos momentos nos que cada segundo conta”, apunta o alcalde, Alejando Lorenzo.

O Porriño potenciará o emprego e o coidado das parroquias co novo obradoiro dual “O Porriño Eco-Necta”

  • O Concello recibe unha subvención de máis de 450.000 euros para formar a 20 persoas desempregadas en especialidades forestais e tecnolóxicas
  • Os interesados poden inscribirse xa na oficina de Emprego

O Porriño, 22 de abril de 2026. O Concello do Porriño dá un paso máis na súa aposta pola formación profesional e a inserción laboral coa posta en marcha do novo obradoiro dual de emprego “O Porriño Eco-Necta”. Este proxecto, que conta cun investimento de 454.552 euros concedidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración , permitirá que 20 veciños e veciñas do municipio accedan a un contrato de traballo de nove meses mentres se forman en sectores con alta demanda.

Melloras directas nas nosas parroquias

Un dos piares fundamentais deste obradoiro será a especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Desde o goberno local destacan o impacto positivo que esta formación terá nas parroquias. Os alumnos-traballadores realizarán tarefas esenciais para a seguridade e o mantemento do contorno, tales como:

  • Limpeza e accesibilidade: Mantemento de camiños municipais, marxes e drenaxes nas parroquias de Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Torneiros e O Porriño.
  • Prevención de incendios: Traballos forestais en parcelas municipais e o mantemento das faixas secundarias de titularidade pública en Atios, Budiño e

Novas tecnoloxías ao servizo da cidadanía

Ademais da vertente forestal, o obradoiro inclúe a especialidade de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, na que outros 10 alumnos traballarán na creación dunha nova App municipal para mellorar a comunicación directa entre a cidadanía e o Concello.

Inscrición aberta na Oficina de Emprego

O proxecto arrancará oficialmente o vindeiro 1 de xuño de 2026. Todas as persoas interesadas en participar neste programa formativo e de emprego poden acudir xa á oficina de emprego para solicitar a súa inscrición ou verificar que figuran como demandantes nas especialidades mencionadas.

“Con esta iniciativa, O Porriño non só ofrece unha oportunidade de futuro a persoas en desemprego, senón que inviste no coidado do noso patrimonio natural en todas as parroquias e na modernización dos servizos municipais”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo.

O Concello do Porriño impulsa a capacitación dixital da veciñanza con novos cursos gratuítos do programa YoConecto

  • A iniciativa, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, ofrece formación práctica en internet, banca dixital e seguridade en liña, con especial atención ás persoas maiores

O Porriño, 16 de abril de 2026.– O Concello do Porriño continúa a apostar pola inclusión dixital e a formación tecnolóxica da súa veciñanza coa posta en marcha dunha nova edición do programa “YoConecto”, unha iniciativa que ofrece cursos presenciais gratuítos orientados a mellorar as competencias dixitais da cidadanía.

O primeiro, titulado “O teu currículo dixital”, celebrarase do 11 ao 14 de maio en horario de 10.00 a 13.00 horas, e permitirá ás persoas participantes mellorar as súas habilidades para a busca de emprego no ámbito dixital. O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de abril.

O segundo curso, “A túa banca dixital. Compras seguras en liña”, terá lugar do 18 ao 21 de maio, tamén en horario de 10.00 a 13.00 horas, e está especialmente dirixido a persoas maiores de 60 anos, co obxectivo de fomentar un uso seguro e autónomo dos servizos financeiros dixitais. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 29 de abril.

O programa abrangue diferentes ámbitos clave do uso das novas tecnoloxías, como a iniciación ao acceso e xestión da administración electrónica e a banca dixital a través de internet, así como o uso de aplicacións de videoconferencias e redes sociais. Ademais, inclúe formación específica en internet seguro, centrada na privacidade, a protección de datos e a seguridade dixital, así como no benestar dixital e no uso responsable da rede. Tamén se abordarán aplicacións orientadas á saúde e ao lecer.

Baixo o lema “Conecta co teu mundo dixital”, esta proposta formativa permitirá ás persoas participantes descubrir como a tecnoloxía pode contribuír a mellorar a súa vida cotiá, a través de contidos prácticos adaptados a todos os niveis e con certificación final.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico administracion@porremprego.org ou no teléfono 986 338 217.

Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e enmárcase nos esforzos do Concello do Porriño por reducir a fenda dixital e garantir que toda a cidadanía, independentemente da súa idade ou  nivel de coñecementos, poida acceder ás oportunidades que ofrece o entorno dixital.

A OMIX do Porriño abre o prazo de inscrición para o curso oficial de monitor/a de tempo libre

  • Con 200 horas teóricas e 150 prácticas, desenvolverase en formato intensivo semipresencial nas fins de semana

O Porriño, 10 de abril de 2026. A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da OMIX, organiza un curso oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre en formato intensivo semipresencial, que se desenvolverá nas fins de semana entre o 15 de maio e o 7 de xuño no Centro Cultural Municipal do Porriño.

A formación consta de 200 horas teóricas (presenciais e en liña) e 150 horas de prácticas. Ao rematar, obterase o título oficial, imprescindible para traballar en ámbitos como campamentos, ludotecas, extraescolares ou centros socioculturais.

O curso será impartido pola ETL Scolé, con profesionais de entidades como Avada, Xesta Brava ou NaiGaia. As sesións presenciais terán lugar os venres pola tarde e sábados e domingos en xornada completa nas datas indicadas no Centro Cultural Municipal do Porriño (Avda. Domingo Bueno, nº 9).

O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de abril, con prioridade para persoas empadroadas no Porriño.

Inscricións: https://forms.gle/RUKe68LgQehuXmRj7 Máis info: escoladetempolibre@avada.gal | 648 87 26 09

As persoas que finalicen o curso obterán o título oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, adquirindo as competencias necesarias para dirixir e dinamizar grupos de diferentes idades, así como para educar, coidar e promover actividades de lecer educativo.

Este título constitúe un requisito imprescindible para traballar en ámbitos como campamentos, programas de conciliación, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, actividades extraescolares, centros socioculturais ou establecementos turísticos, entre outros.

Para máis información: escoladetempolibre@avada.gal 648 87 26 09

O Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa empregabilidade moza acollendo alumnado de FP do IES Ribeira do Louro

  • Tres estudantes do Ciclo Básico de Reforma e Mantemento de Edificios realizan as súas prácticas en servizos municipais, contribuíndo á mellora do contorno urbano.
  • O alcalde destaca a importancia de que os mozos e mozas se formen nun sector con alta demanda laboral como é a construción e a reforma.

O Porriño, 1 de abril de 2026. O IES Ribeira do Louro segue afianzándose como centro de referencia na formación profesional vinculada ao sector da construción, un ámbito cunha alta demanda laboral e excelentes perspectivas de futuro, e o Concello do Porriño continúa a consolidarse como un espazo de aprendizaxe e inserción laboral para a mocidade local. Nesta ocasión, o goberno municipal amosa o seu apoio ao IES Ribeira do Louro a través do Ciclo Básico de Reforma e Mantemento de Edificios, cuxa terceira promoción está xa a demostrar a súa valía no mercado de traballo.

O Ciclo Básico de Reforma e Mantemento de Edificios forma alumnado capaz de incorporarse a unha ampla variedade de tarefas dentro do sector: desde empresas con obra nova, pasando por obras de mantemento e reforma, e terminando con empresas de decoración e acabados.

Este curso, todos os estudantes de 2º curso están a realizar prácticas en diversas empresas e entidades colaboradoras, demostrando a súa implicación, interese e capacidade de adaptación. A experiencia está a resultar un paso decisivo na súa traxectoria profesional, e a maioría deles terá acceso directo ao mercado laboral en canto finalice o ciclo, dada a forte demanda existente.

Entre estas colaboracións destaca a presenza de tres alumnos que están a desenvolver a súa formación en práctica no Concello do Porriño, contribuíndo ao mantemento e mellora do entorno urbano.

Gabriel, “un alumno enérxico e sempre disposto a aprender, destaca pola súa puntualidade e compromiso”, destaca a súa tutora Eva Groba, xa que a pesar de vivir preto do seu lugar de prácticas, cada día é o primeiro en chagar para comezar con calma e responsabilidade. Os profesionais que o acompañan subliñan a súa motivación e as súas ganas de traballar.

Ethan ten clarísimo o seu futuro profesional: a súa paixón é a construción. O seu obxectivo é converterse en albanel e incorporarse a unha pequena empresa, seguindo a tradición familiar, inspirándose, segundo conta, no oficio do seu avó. Nas prácticas está demostrando destreza, interese e unha vocación moi marcada polo traballo ben feito.

Andrei, máis tímido pero igual de constante, está especialmente ilusionado coa oportunidade de contribuír á mellora do seu propio concello. As tarefas de reparación de xardineiras, pintado de reixas e outros traballos de mantemento nas rúas de O Porriño permítenlle ver o impacto directo do seu esforzo. Contento coa experiencia, afirma que lle gustaría seguir os pasos do seu pai e continuar formándose e traballando no sector da construción.

A través destes exemplos, o IES Ribeira do Louro reafirma a importancia da FP como vía de acceso real ao emprego e como ferramenta esencial para formar profesionais preparados, responsables e capaces de responder ás necesidades dunha área en constante crecemento.

Esta colaboración permite que o alumnado aplique os coñecementos adquiridos na aula nun contorno real, ao tempo que prestan un servizo directo á cidadanía.

Un sector de futuro

O sector da construción, a reforma e a decoración vive un momento de gran dinamismo e demanda de profesionais. Desde o Concello, valórase moi positivamente que o IES Ribeira do Louro aposte por esta formación, que garante unha saída laboral case inmediata para os seus estudantes.

“É un orgullo ver como o noso alumnado se implica na mellora do Porriño mentres constrúen o seu propio futuro profesional”, destaca o alcalde, Alejandro Lorenzo, desde o goberno local. “A FP é unha peza clave para o desenvolvemento económico da nosa vila e sempre terá as portas do Concello abertas para colaborar na formación de novos especialistas”.

Con iniciativas coma esta, o Concello do Porriño e o IES Ribeira do Louro reafirman a súa alianza estratéxica para fomentar o emprego mozo e poñer en valor os oficios vinculados á construción e ao mantemento de edificios.

O proxecto CONSTIC impulsa a presenza feminina nos sectores da construción e as TIC a través do documental “Terra de Canteiras”

  • Trátase dun proxecto con fondos europeos liderado dende o IES Ribeira do Louro do Porriño, coa colaboracion do Concello e empresas líderes do sector como Coperfi

O vídeo “Terra de Canteiras” narra a historia da pedra desde a súa extracción na canteira ata a súa incorporación na obra. Ao longo deste percorrido, móstranse diferentes perfís profesionais, na súa maioría de mulleres que traballan nas fases de extracción, transformación, deseño e construción

O Porriño, 25 de marzo de 2026.- O IES Ribeira do Louro, en colaboración con empresas líderes do sector e o Concello do Porriño, presentou hoxe CONSTIC, unha estratexia integral deseñada para mellorar as competencias e o acceso das mulleres aos sectores da construción e as TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación).

Como punta de lanza desta iniciativa, presentouse o vídeo “Terra de Canteiras”. Esta peza audiovisual realiza un percorrido emocional e técnico pola vida dunha pedra: desde a súa extracción na canteira ata a súa colocación final en obra. O fío condutor son os testemuños de mulleres que ocupan postos clave en toda a cadea de valor: operarias de extracción, enxeñeiras, arquitectas e empresarias que lideran o sector desde a innovación.

Fíxose nun acto no salón de plenos do Porriño, onde estiveron presentes, ademais do equipo directivo do centro educativo porriñés, o alcalde do municipio, a concelleira de Educación ou o delegado territorial da Consellería de Educación.

“Trátase de visibilizar o talento que xa existe e de inspirar ás novas xeracións, en especial ás mulleres, para que vexan nestes sectores tradicionais, pero á súa vez cheos de innovación, unha oportunidade de futuro vinculada á tecnoloxía”, explicou o alcalde neste evento que, neste mes de marzo, enmárcase nos actos en torno ao 8M. “Grazas ao proxecto CONSTIC, estamos demostrando que esa tradición non é cousa do pasado, senón un motor de futuro que debe ser innovador, tecnolóxico e, por riba de todo, igualitario”. O rexidor destacou tamén a importancia da pedra e da arquitectura no “pasado, presente e futuro do Porriño” e ensalzou o labor que se está a realizar tanto desde a formación como no ámbito da empresa privada.

No salón de plenos tamén estiveron as verdadeiras protagonistas do vídeo e do proxecto: Alba, Pili e Ari, alumnas do IES; Milagros, exalumna e primeira muller da promoción da pedra; e Eva Groba, profesora do centro, que participaron nunha mesa redonda.

Que é CONSTIC?

CONSTIC é “unha estratexia conxunta para a mellora de competencias e acceso da muller nos sectores TIC e construción”, visibilizando as grandes profesionais que xa traballan neles. Un proxecto que nace do IES Ribeira do Louro en asociación con o IES Dr. Lluís Simarro en Xàtiva, o IES Abastos en Valencia e Atin Services no Porriño; coa colaboración de importantes empresas do sector como Coperfi, Minera de Rocas, e Godoy Maceira, e do Concello do Porriño para mellorar os sistemas de formación e o acceso das mulleres na construción e TIC, co obxectivo de fomentar a súa incorporación a estas especialidades.

Este proxecto, financiado pola Unión Europea con fondos NEXT GENERATION EU, pretende mellorar os sistemas de Formación Profesional en Construción e TIC, fomentar o acceso de mulleres a estas especialidades e impulsar a innovación educativa cun enfoque de igualdade de xénero.

Os ciclos

As alumnas que aparecen no vídeo cursaron o Ciclo Medio Dual Intensivo de Pedra Natural que imparte o IES Ribeira do Louro en convenio coas empresas do clúster do Granito e con prácticas remuneradas nestas empresas do sector, nas que os alumnos e alumnas cobran xa 800€ euros mensuais.

O vídeo

Para iso, unha das súas primeiras iniciativas é o vídeo “Terra de Canteiras”, unha peza audiovisual que narra a historia dunha pedra desde a súa extracción na canteira ata a súa incorporación na obra. Ao longo deste percorrido, móstranse diferentes perfís profesionais, na súa maioría de mulleres que traballan nas fases de extracción, transformación, deseño e construción.

O vídeo lévanos por todo o proceso: con el viaxamos a través do relato de operarias polas fases de extracción e procesamento nas canteiras e empresas do sector; con enxeñeiras e arquitectas no proceso de deseño e especificacións técnicas, e con empresarias que tamén lideran o sector. Trátase de visibilizar este talento, inspirar a economía sostible e construír un futuro con igualdade en sectores tradicionais a través da innovación e a tecnoloxía.

Ligazón do vídeo:

 

O Porriño convértese no aliado das familias esta Semana Santa con campamentos e obradoiros

  • Ao campamento de Semana Santa súmase o obradoiro de programación e tecnoloxía

24 de marzo de 2026, O Porriño. O Concello do Porriño prepara unha Semana Santa de conciliación familiar e de actividades para a cativada a través de diferentes propostas, como o campamento que se desenvolverá no colexio José Fernández López ou un novo obradoiro de programación e tecnoloxía que se impartirá na aula CeMIT do Multiusos de Torneiros.

No caso deste obradoiro, terá lugar os días 30 e 31 de marzo (luns e martes de Semana Santa) e 1 e 6 de abril (mércores de Semana Santa e luns de Pascoa), e está dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Son obradoiros de balde que se desenvolverán en colaboración coa rede CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica). A programación é unha mostra da colaboración das concellarías de Formación, Política Social e Educación.

“A nosa aposta son actividades que axuden á conciliación e que, ao mesmo tempo, permitan que os máis pequenos e pequenas desfruten dun tempo de ocio educativo, compartindo experiencias e aprendizaxes nunha contorna segura”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Explicou, no caso concreto dos obradoiros, que conseguen “que os máis pequenos aprendan xogando e tamén que nais e pais poidan conciliar”. Pola súa parte, a concelleira de Formación, Teresa Veloso, destacou a importancia deste achegamento ás novas tecnoloxías de forma controlada na infancia. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico cemit.oporrino@xunta.gal.

Os campamentos

Celebraranse no CEIP Xosé Fernández López en horario de 8:30 a 14:30 horas, os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ambos inclusive, tendo prioridade aqueles que estean empadroados no Porriño.

A través desta proposta, o goberno municipal ofrece ás familias un espazo seguro, educativo e lúdico no que a cativada poderá compartir tempo cos seus iguais e participar en diferentes dinámicas durante as súas vacacións escolares, mentres as súas nais, pais ou titores cumpren coas súas responsabilidades. A listaxe provisional de admitidos está dispoñible premendo na seguinte ligazón:

LISTADO PROVISIONAL CAMPAMENTO SEMANA SANTA 2026

Aula CEMIT

A Aula CeMIT, integrada na rede da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é un espazo público de referencia para o impulso das competencias dixitais no municipio, facilitando o acceso á tecnoloxía e promovendo a inclusión dixital.

Ademais destes obradoiros específicos para a mocidade, a aula ofrece cursos básicos de alfabetización dixital, formación específica en ferramentas ofimáticas como Word, Excel ou Access, así como accións formativas vinculadas ao emprego e ás novas tendencias tecnolóxicas. Entre elas inclúense propostas orientadas á creación de videoxogos, iniciación á robótica ou coñecementos prácticos sobre o uso de teléfonos móbiles e tablets.

Ademais da formación regrada, a veciñanza poderá facer uso dos equipos informáticos da aula co acompañamento dun técnico especializado, que prestará apoio personalizado para resolver dúbidas, realizar trámites electrónicos ou mellorar as habilidades dixitais.

Horario

O horario de funcionamento é de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas, ampliándose tamén aos xoves pola tarde de 15:00 a 19:00 horas, co obxectivo de facilitar o acceso ao maior número posible de persoas usuarias.

 

 

 

 

O Multiusos de Torneiros acolle novos obradoiros para achegar a tecnoloxía á cidadanía

  • O Concello do Porriño, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, pon en marcha no Multiusos de Torneiros dous novos obradoiros de formación dixital dirixidos á veciñanza en xeral e ás persoas maiores de 60 anos.
  • As actividades desenvolveranse durante o mes de abril en horario de mañá, con continuidade en maio e xuño, e requiren inscrición previa dentro dos prazos establecidos.

Porriño 18 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño continúa reforzando o seu compromiso coa formación tecnolóxica da cidadanía coa posta en marcha de dous novos obradoiros en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios. Estas accións formativas están dirixidas tanto á veciñanza en xeral como, de maneira específica, ás persoas maiores de 60 anos, co obxectivo de reducir a fenda dixital e fomentar o uso seguro e práctico das novas tecnoloxías.

Os cursos desenvolveranse no Multicentro de Torneiros en horario de mañá ao longo do mes de abril, con continuidade prevista durante os meses de maio e xuño.

Por unha banda, impartirase o obradoiro “Apps útiles para a xestión de trámites en internet”, que terá lugar do 13 ao 16 de abril, en horario de 10:00 a 13:00 horas. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente ata o día 24 .

Por outra, está programado o curso “Iniciación ao mundo dixital”, dirixido a maiores de 60 anos, que se desenvolverá do 20 ao 23 de abril no mesmo horario. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 30 .

Ambas iniciativas ofrecerán formación práctica sobre o uso de internet, administración electrónica, aplicacións móbiles, seguridade dixital e ferramentas de comunicación, facilitando así a autonomía dixital da cidadanía.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia destas accións formativas: “Seguimos apostando por achegar a tecnoloxía a toda a veciñanza, especialmente ás persoas maiores, para que ninguén quede atrás nun mundo cada vez máis dixital. Estes obradoiros non só proporcionan coñecementos, senón tamén confianza e autonomía no uso das ferramentas tecnolóxicas”.

Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, Teresa Veloso, subliñou que “a colaboración coa Fundación Cibervoluntarios permítenos ofrecer unha formación de calidade, accesible e adaptada ás necesidades reais da poboación”.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web www.yoconecto.org,  no teléfono 986 33 82 17 ou tamén a través do correo electrónico administracion@porremprego.org, dentro dos prazos establecidos para cada curso.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía mediante a formación e o acceso ás novas tecnoloxías.

Quince novas contratacións permitirán reforzar obras, mantemento e servizos municipais no Porriño

  • A actuación conta cun investimento de case 275.000 euros para financiar contratacións cunha duración de nove meses

Porriño 9 de marzo de 2026.– O Concello do Porriño impulsa a contratación de 15 persoas desempregadas a través da liña de Activación do Emprego do Programa + Provincia da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa permitirá reforzar diferentes servizos municipais e crear novas oportunidades laborais no municipio.

A actuación conta cun investimento de case 275.000 euros, financiados pola Deputación de Pontevedra e cofinanciados polo Concello do Porriño, destinados á contratación de persoal durante nove meses para apoiar o funcionamento de distintos departamentos municipais. As incorporacións permitirán reforzar os departamentos de obras e mantemento coa chegada de profesionais de diferentes especialidades, entre eles oficiais de carpintería, albanelaría, palistas e operarios de obra, que realizarán tarefas de conservación de infraestruturas e espazos públicos. Ademais, contrataranse peóns forestais para traballos de roza, limpeza e acondicionamento de terreos, así como un auxiliar administrativo para o departamento de Cultura.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este programa permítenos reforzar servizos municipais ao tempo que ofrecemos novas oportunidades laborais a persoas do noso municipio”. “Trátase dunha iniciativa moi importante porque combina a mellora dos servizos públicos coa activación do emprego local, algo fundamental para seguir avanzando como concello”, engadiu o rexedor.

As persoas interesadas en participar no proceso de selección deberán estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. Para máis información, poden dirixirse ás oficinas de Porremprego, onde se facilitará o código de ocupación correspondente.

Este reforzo dos servizos municipais complétase ademais coa recente incorporación de sete operarios de obras e servizos como funcionarios de carreira, que pasan a ocupar prazas estruturais nas áreas de Vías, Obras e Servizos Básicos e Deportes, consolidando así o persoal municipal destinado ao mantemento e funcionamento das instalacións e infraestruturas locais.

Deste xeito, o Concello do Porriño continúa reforzando os servizos municipais combinando a incorporación de persoal estrutural coa posta en marcha de programas de emprego que permiten apoiar diferentes áreas municipais e ofrecer novas oportunidades laborais a persoas demandantes de emprego.

A Aula CeMIT do Porriño amplía horario e reforza a súa oferta formativa en competencias dixitais

  • O espazo municipal de Torneiros incorpora novos cursos de alfabetización tecnolóxica, ofimática, robótica e ferramentas dixitais para mellorar a empregabilidade e a inclusión da veciñanza

Porriño, 4 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño reforza a súa aposta pola formación dixital coa renovación da actividade da Aula CeMIT, situada no Multiusos de Torneiros, ampliando o seu horario de atención e incorporando unha oferta formativa máis ampla e adaptada ás necesidades actuais da veciñanza.

A Aula CeMIT, integrada na rede da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, consolídase como un espazo público de referencia para o impulso das competencias dixitais no municipio, facilitando o acceso á tecnoloxía e promovendo a inclusión dixital.

A partir de agora, a aula ofrecerá cursos básicos de alfabetización dixital, formación específica en ferramentas ofimáticas como Word, Excel ou Access, así como accións formativas vinculadas ao emprego e ás novas tendencias tecnolóxicas. Entre elas inclúense propostas orientadas á creación de videoxogos, iniciación á robótica ou coñecementos prácticos sobre o uso de teléfonos móbiles e tablets.

Ademais da formación regrada, a veciñanza poderá facer uso dos equipos informáticos da aula co acompañamento dun técnico especializado, que prestará apoio personalizado para resolver dúbidas, realizar trámites electrónicos ou mellorar as habilidades dixitais.

O horario de funcionamento será de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas, ampliándose tamén aos xoves pola tarde de 15:00 a 19:00 horas, co obxectivo de facilitar o acceso ao maior número posible de persoas usuarias.

Entre os contidos que se abordarán destacan cuestións prácticas e de utilidade diaria, especialmente dirixidas ás persoas maiores, como as compras por internet, o uso seguro da banca electrónica, a xestión responsable das redes sociais ou o acceso a servizos dixitais como a e-saúde e a formación en liña.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “nun contexto no que a dixitalización avanza a gran velocidade, é fundamental que desde as administracións públicas facilitemos ferramentas para que ninguén quede atrás. A Aula CeMIT é un recurso clave para mellorar a empregabilidade, fomentar a autonomía persoal e garantir un acceso seguro ás novas tecnoloxías”.

Con esta renovación, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa modernización e coa formación continua, promovendo unha cidadanía máis preparada, autónoma e adaptada aos retos dun mundo cada vez máis dixital.