Desde a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración ca Deputación Provincial de Pontevedra, ponse en marcha o programa ‘Deporuarte’, dirixido a mozas e mozos maiores de 12 anos.
O mesmo ten como obxectivo que estes aprendan e desenvolver a súa creatividade nalgunhas das principais expresións da cultura urbana a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte as e os participantes coñecerán disciplinas coma breakdance, turntablism Dj, beatbox, graffiti e personalización de gorras.
Ademais, o programa terá nesta nova edición un compoñente inclusivo para que as mozas e mozos e as monitoras e monitores con diversidade funcional poidan participar nas actividades de ‘DepoRúarte’.
Os obradoiros desenvolveranse este sábado, día 7 de outubro de 5 a 8 da tarde horas, coas actividades de música, baile e pintura urbana na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
O Porriño liderou en setembro a creación de emprego na Área Metropolitana de Vigo e, xunto con Vila de Cruces, a baixada do paro, non so na provincia de Pontevedra, senón en toda Galicia. A finais do mes pasado había na vila 1.654 persoas desempregadas, unha realidade que non se vía dende hai case unha década.
Dacordo cos datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Goberno de Galicia, a taxa de desemprego situouse no Porriño no 18%, 6 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara o seu mandato, cando a porcentaxe do paro estaba no Porriño por riba do 24% e 2.139 veciñas e veciños estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.
En relación co mes de setembro de 2016, o número de persoas anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.836 a 1.654, o que supón que hai 182 traballadoras e traballadores máis no concello. Neste tempo o paro caeu 5,4 puntos nun so ano.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, reitera, “como xa veño facendo dende que tomara posesión, o Goberno local do Porriño ten coma a súa primeira prioridade a creación de postos de traballo”. García de la Torre, subliña que este obxectivo pasa “sen dúbida, como estamos a ver, pola formación que aumenta as posibilidades de atopar un emprego das porriñesas e porriñeses que están no paro”.
Pola súa banda, a concelleira de Emprego, a socialista Soledad Girón, asegura que “as propostas, actividades desenroladas neste mandato para conquerir este obxectivo están a funcionar”. Girón lembra entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.
Tamén influíron, “especialmente”, os ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de fondos municipais, de máis de 600.000 euros no que vai deste ano, así como o feito de chegar a entendementos con outras administracións, o cal facilitou a obtención de axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade de moitas persoas.
O concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata a PO-331, no lugar de Atín, para supervisar o avance das obras da senda peonil e ciclista que a Administración galega executa nesta estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 1+890 e 2+810, ao seu paso polos concellos de Mos e O Porriño.
Durante a visita constataron que os traballos avanzan a bo ritmo e que as obras iniciadas o pasado 2 de setembro poderían estar finalizadas no vindeiro mes de novembro. Esta actuación conta cun orzamento de máis de 378.000 euros, e enmárcase no Plan de sendas de Galicia que na comarca de Vigo proxecta 11 treitos, que foron definidos en 9 proxectos de construción. A Axencia Galega de Infraestruturas executará 12,5 quilómetros de novas sendas nesta bisbarra, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros, para o que conta co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.
A senda na estrada PO-331 dará continuidade ao itinerario peonil existente no núcleo do Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín.
A intervención iníciase na marxe esquerda da estrada, na que se construirá unha senda da 933 metros de lonxitude, desde as proximidades do Colexio Santo Tomás no que finalizan as actuais beirarrúas, ata a ponte sobre a AP-9, pasando pola intersección existente coa estrada a Pereiras–Tameiga.
Pola marxe dereita da PO-331, a obra terá unha lonxitude de 200 metros e comezará na intersección coa estrada municipal Pereiras- Tameiga, dado que ata este punto xa existe beirarrúa. A senda nesta marxe desviarase da estrada nos últimos 80 metros ata o acceso ao centro escolar de Atín. Neste último tramo terá un ancho de tres metros. Coa execución desta senda existirá un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da vía que comunicará os dous centros de ensinanza co Porriño.
Tamén se proxecta a mellora da intersección entre a PO-331 e a estrada Pereira-Tameiga, na que se construirá unha semiglorieta para facilitar os xiros á esquerda neste punto.
A Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, presentou este venres dous proxectos que se desenrolarán nos centros educativos do Porriño e que teñen coma obxectivo o de impulsar, “dende as ideades máis temperás” o concepto de igualdade.
O primeiro deles, destinado a cativas e cativas de 5 anos, que cursan Educación Infantil, quere “quitar as etiquetas” de xénero empregando para eles os xoguetes e as profesións de xeito que as pequenas e pequenos visualicen e perciban unha realidade que xa superada: que non hai xoguetes ou profesións que sexan diferenciadas para homes e para mulleres.
Unha segunda actividade estará destinada a alumnas e alumnos de 6º de Primaria e terá coma obxectivos a eliminación do ‘Bulling’, o acoso escolar, usando o que se coñece coma ‘Mapa de Empatía’ que pon o foco deste problema na persoas acosada e no seu acosador ou acosadora, de xeito que as rapazas e rapaces se poñan no pel delas.
Os mesmos estudantes traballarán, en equipo, cunha APP que lles permitirá fomentar a creatividade tendo coma referencia o xénero.
Polo que atangue a Educación Secundaria, a Concellería de Igualdade impulsa un programa para a Prevención da Violencia de Xénero en Adolescentes, no que os protagonistas son as rapazas e rapaces de 2º e 3º.
A súa finalidade es que sexan elas e eles mesmos os que o desenrolen e o xestionen como queiran para chegar ás conclusións e deducións propias debatendo sobre certos roles que teñen que ver con este problema.
A necesidade de poñer en marcha este proxecto veu dado polas conclusións dun estudo sobre a Violencia de Xénero nestas idades que aportaron datos tan preocupantes como que en España número de adolescentes con problemas relacionados coa violencia de xénero aumentou nun 50% no último ano; máis de 2.000 adolescentes contan con protección coma vítimas deste tipo de maltrato; un 12,2% de menores de 18 está sometido a medidas policiais neste ámbito.
Aínda que o 96% das chicas e o 92% dos chicos rexeiten a violencia de xénero, non recoñecen que haxa este tipo de violencia en actitudes ou comportamentos coma o control por parte da súa parella do seu teléfono móbil ou o seu xeito de vestir.
O 60% das rapazas que denuncian este comportamento non recoñecen que son elas as vítimas; as primeiras relacións sexuais consúmanse con 12-13 anos e nesa mesma idade moitas rapazas e rapaces xa tiveron contacto co alcohol e as drogas.
“O feito de que o 27,7% dos centros, o 39,9% das profesoras e profesores traballen nestes temas e que a metade dos adolescentes sinalen que lles falaron nos seus centros educativos de violencia de xénero, fai que os institutos sexan o lugar máis axeitado e convinte para impulsar este programa”, indica Soledad Girón.
Este martes, día 19, dentro da programación das ‘Festas do Cristo 2017’, ás 10 da noite, na Carpa do Roxy, actuación de Antonio Serrano e o mércores, día 20, no mesmo lugar, sesión dobre: ás 8 da tarde Cándido Pazó e o seu espectáculo de humor e, ás 10, Concerto de Xoana e MQM Band.
Antonio Serrano é un virtuoso do seu instrumento, unha das maiores promesas do jazz español actual e un dos músicos de sesión máis solicitados do país. Dotado dunha asombrosa facilidade técnica e uns profundos coñecementos teóricos, Serrano mostra así mesmo unha enorme versatilidade musical que queda fielmente reflectida no seu amplo historial de colaboracións. O armonicista móvese con idéntica soltura en ámbitos musicais tan distantes entre si como o jazz, flamenco, pop e clásica.
Compartiu escenario con grandes artistas como Barbara Hendricks ou Placido Domingo, con orquestras sinfónicas de toda Europa, a Wynton Marsalis, Lou Bennet oToots Thielemans a Vicente Amigo, Clarles Benavent e o gran Paco de Lucía entre moitos outros.
Cándido Pazó (Vigo, 1960), é un actor, autor teatral, guionista de series televisivas e director de escena con numerosos espectáculos estreados e premiados, entre os que destacan: O Merlo Branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil 1989) Commedia, un xoguete para Goldoni …
É autor da maior parte das súas historias -inda que tamén as recolle da tradición e da literatura- e ten querencia polo chamado conto tabernario ou de tertulia: enfiados de anécdotas, sucesos e personaxes dos que demostran que a realidade supera á ficción.
Aos seus 18 anos, Xoana está inmersa nun proxecto musical que ten coma principal aliada á lingua galega, promocionando o uso desta coa axuda de ritmos coma o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. En proceso está Dardos, o disco co que pretende irromper no mundo da música e utilizar esta coma un medio de denuncia. Todas as cancións xiran arredor de temas actuais que precisan ser escoitados e que mellor que a música para invitar a realizar cambios!
O vindeiro sábado, día 23, ás 12 e media do mediodía, na Praza de Antonio Palacios, o escritor Diego Giráldez, será o encargado de ler o pregón co que darán comezo as Festas do Cristo 2017.
Diego Giráldez (O Porriño, 1976), é licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal ‘A Peneira’ dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, ‘Kalaikia’ a nivel galego. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais ‘A Nosa Terra’ e ‘Xornal de Galicia’ e, a través de reportaxes culturais, co El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública -formando parte do seu consello de redacción- e na revista ‘Luzes’.
Ten varios libros publicados relacionados coa historia do Porriño, dirixiu a revista de recuperación histórica local ‘Malladoura’ e fundou e dirixiu o ‘CanZine’, a publicación oficial do Festival de Cans.
En 2016, a editorial Xerais publicou o seu primeiro traballo literario “Galería de saldos”.
En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e en 2016 gañou o premio literario “Manuel Murguía”, o máis importante certame de relato curto de Galicia. Nos premios “Fervenzas Literarias” de 2016, o seu libro “Galería de saldos” foi elixido polos lectores o segundo mellor traballo de narrativa galega e Diego Giráldez “mellor autor galego do ano”.
A Concellería de Emprego e Benestar, que dirixe Soledad Girón, impulsa a sinatura de 20 contratos laborais a outras tantas veciñas e veciños do Porriño que na actualidade están percibindo a Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).
A diferencia doutros anos, nesta ocasión a duración dos contratos aumenta ata 1 ano e serán a tempo completo. Ata o dagora os mesmos eran por un período de 7 meses e abranguían o 75% da xornada laboral.
Soledad Giron explica que para facer posible este incremento de duración, á cantidade que aporta o Goberno galego para a realización dos mesmos, 119.463,4€, o Concello do Porriño, por medio da Concellería de Emprego, engade 160.000€ máis que cobren, os 5 meses de duración dos traballos que quedaban ata completar o ano, e o 25% que restaba para que a contratación pasase do 75% a ser a xornada completa.
A concelleira salienta a importancia que ten a dobre ampliación da duración destes contratos dado que as persoas que traballen este ano a tempo completo adquirirán, ademais da experiencia laboral, uns dereitos, á finalización do contrato, que son moi distintos aos que outorgaban contratos de 7 meses ao 75% da xornada.
Soledad reitera, de novo, que “a creación de emprego segue a ser a principal prioridade do Goberno local” e que neste eido fará todos os esforzos e impulsará, coma ven facendo, todas as iniciativas que faciliten a creación de postos de traballo no Porriño.
Por último, indica que as persoas que asinen estes contratos empezarán a traballar xa en outubro.
O Concello colaborará coa celebración do ‘Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco’, impulsada dende o Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño.
Este xoves a alcaldesa, Eva García de la Torre, e a concelleira de Educación, Lourdes Moure, mantiveron unha xuntanza coas organizadoras deste evento, programado para o vindeiro 16 de outubro, que pretende chegar ás alumnas e alumnos dos centros dos concellos as que presta servizo o PAC: Mos, Salceda e O Porriño.
Unha das impulsoras desta celebración, a doutora do PAC Montserrar Rodríguez Cabaleiro, explicou á alcaldesa e á concelleira de Educación que o acto farase en colaboración grupo musical “As Maimiñas” e consistirá nunha actividade lúdica para concienciar ás rapazas e rapaces da importancia de saber que “so coas túas mans podes salvar vidas”, ‘As túas mans salvan vidas’, e lograr que adquiran os coñecementos básicos de reanimación para poder axudar e reaccionar nun caso de morte súbita.
A doutora Rodríguez salientou a importancia deste aprendizaxe dende os primeiros anos e de levar a mesma aos colexios, “polos que pasa o cen por cen da poboación” e nos que é posible que aprendan a técnica dunha reanimación cardiopulmonar (RCP), cómo actuar diante dun paro cardíaco e a quen chamar para pedir axuda.
A actuación dentro dos primeiros 5 minutos despois dunha parada cardíaca é transcendental e pode marcar a diferencia entre manter a unha persoa con vida ou que morra.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira e Educación, Lourdes Moure, asistiu este luns no CEIP Fernández López ao inicio das clases en Infantil e Primaria. Acompañadas polo director do centro, Benito Rodríguez, estiveron nunha das clases de Primaria na que aproveitaron para falar coas cativas e cativos que afrontaban hoxe o seu primeiro día da ‘Volta ao colexio’.
A alcaldesa subliñou que nos centros educativos do Porriño cursan os seus estudos uns 520 alumnas e alumnos de Infantil e 1.200 de Primaria e indicou que o número de estudantes medrara neste curso en preto de 180 nos colexios da vila, “un dato que reafirma o feito de que O Porriño é o concello que máis medra de toda Galicia”.
Eva García de la Torre insistiu, unha vez máis, nas necesidades que teñen os centros educativos porriñeses en xeral e, en concreto a esixencia “urxente” de mellorar e ampliar as instalacións do CEIP Fernández López e esixiu, de novo, ao Goberno de Galicia, “que ten as competencias en Educación”, que atenda esta demanda.
A alcaldesa reiterou que “o Goberno local seguirá a facer todo o que estea na súa man” para que as profesoras e profesores dos colexios do Porriño teñan todos os recursos que precisen para que a formación que imparten “siga tendo este altísimo nivel”, e para que as rapazas e rapaces dispoñan de canto sexa preciso para a súa educación.
García de la Torre lembrou con emoción a María Ferreira, a novísima profesora do Colexio Santo Tomás, quen perdeu a vida nun accidente no Angliru, e trasladou a súa familia e aos seus amigos “todo o meu agarimo e o apoio, meu, de toda a Corporación e todas e cada unha das veciñas e dos veciños do Porriño”.