En relación coa nota publicada no xornal de onte, 9  de agosto de 2018, polo Partido Popular do Porriño, en boca do seu concelleiro e presidente local, Manuel Alejandro Lorenzo, sobre as políticas de emprego no Concello do Porriño, como concelleira responsable dese área, quero sinalar:

O señor Manuel Alejandro non di a verdade ao asegurar que “o Concello puido dar emprego a 27 persoas durante todo este ano” polo Plan da Deputación.

Resulta sorprendente ademais que o faga, quen foi concelleiro de Emprego no anterior goberno, pois, pola súa experiencia neste tema, sabe perfectamente que esa afirmación é falsa. Polo tanto, non cabe máis conclusión que entender que, nun asunto tan delicado como é o desemprego e a traxedia persoal para quen o padece, preferiu buscar un titular vistoso pero falso que lle axude na súa carreira política como candidato previsible do PP ás eleccións locais do vindeiro ano.

Invito ao PP local e ao seu presidente, a nomear un só concello da provincia que, coa convocatoria da Deputación Provincial, contratara, aínda que fora unha soa persoa, durante todo o ano. Non o hai, porque é imposible e a orde nin tan sequera contempla esa posibilidade, nin por fondos nin por prazos.

O 3 de xaneiro, cando sae a orde, o que se inicia é o proceso regulamentado, transparente e público, para optar á concesión se subvencións e, unha vez concedida, ao proceso de preselección de candidatas  e candidatos que se fai polos servizos do Servizo Galego de Emprego (antigo INEM) e a elaboración dunhas bases e inicio do proceso de selección de candidatas e candidatos polos servizos de contratación do Concello. Trámites xustos, regulamentarios e fiscalizados que impiden que sexan contratos a partir da saída da orde.

O candidato do PP e o seu partido, que teñen experiencia de moitos anos de  goberno no Concello, saben que é así e que están, polo tanto falseando a realidade e creando expectativas falsas a un colectivo, a das persoas desempregadas, que merecen información real e contrastada.

Dende que estamos gobernando, cunha “nefasta xestión en materia de emprego” (según o señor Alejandro), as cifras contrastadas de paro no Porriño baixaron do 23,1 % que deixaron ao 15% . Sendo nos últimos sete meses, con datos oficiais da Xunta, onde se acadou un 3% desa baixada, a maior de toda a Área Metropolitana. Iso amosa que O Porriño ten poder de recuperación na crise e que o Concello, xunto con outras instancias, ten mellorado a capacidade de xerar emprego para as súas veciñas e veciños.

Ademais, polo que a nosa xestión respecta, se ten mellorado substancialmente a colaboración coas empresas radicadas no Porriño, con plans de formación e inserción conveniados, que teñen dado froito en mellores condicións de contratos e estabilidade. O ‘Plan Accede’, creado polo noso goberno, é a proba máis obxectiva desa mellora.

Nós confiamos nunha actuación rigorosa e transparente en materia de emprego, á que todos os cidadáns poidan acceder en igualdade de condicións, frente á política de “pásese pola Alcaldía e o alcalde chama para buscarlle algo e vostede queda a deber o favor” que vostedes non só practicaban senón que se gababan da mesma en declaracións a medios locais e nacionais.

Nós confiamos en por en valor o servicio de emprego e confiar no bo labor profesional das traballadoras e traballadores que pertencen a este servizo e darlle a calidade do que realmente é e debe ser un servizo público e non unha axencia clientelar de quen detenta o goberno.

Nós actuamos e adicamos os nosos esforzos a tentar que os grupos máis vulnerabeis dentro do colectivo de persoas sen emprego (mulleres en formación e parados de longa duración, principalmente) poidan acceder ao traballo e, como as cifras demostran, o labor está sendo exitoso. Mellorable pero exitoso. En nada melloraría, sen dúbida, en voltar á dirección que vostedes lle deron cando gobernaron.

Recuperamos a concesión de obradoiros de emprego pola Xunta de Galicia, voltamos a por en marcha o PIEM (adicado a fomentar o emprego para mulleres) que vostedes deixaron desactivado e, por imposibildade de prazos de tramitación, si tivemos que renunciar a algún curso de ADF, como vostede mesmo renunciou no ano 2014, sendo concelleiro de emprego.