11 porriñesas en situación de desemprego consiguen traballo logo de completar a súa formación coma soldadoras nos programas impulsados pola Concellería de Emprego

16 persoas en situación de desemprego veñen de rematar a primeira parte da formación do Curso de Soldadura, organizado pola Concellería de Emprego e Igualdade, que dirixe Soledad Girón, e que tivo unha duración de 40 horas.

Todas e todos empezaron este mesmo luns semana as prácticas, que durarán ate ao 22 de maio, en varias empresas do Porriño, a meirande parte deles, 12 exactamente, en Gestamp, grupo internacional adicado ao deseño, desenrolo e fabricación de compoñentes metálicos para o automóvil que ten un plantel de 407 empregadas en empregados no Porriño, de cara a súa posible integración laboral nas mesmas.

A metade dos participantes neste curso forman parte do Programa ‘Porriño Accede’, posto en marcha polo Goberno local e que mediante convenios asinados con empresas, especialmente dos polígonos industriais do Porriño, deseña programas de formación específicos adaptados ás necesidades de persoal desas empresas.

Estes acordos entre o Concello do Porriño con diferentes compañías fixo posible que o ano pasado das 120 persoas que estaban neste programa  67 atoparan traballo logo de rematar a súa formación, o cal representa preto dun 56% do total, unha porcentaxe que chega ao 73%-preto de dous de cada tres- en canto se refire a sinatura de contratos laborais en empresas da automoción.

A outra metade proceden do Plan Integral de Emprego para Mulleres (PIEM), no que están integradas 85 porriñesas, na súa maioría menores de 30 anos, sen cualificación profesional.

11 integrantes do PIEM están xa traballando en Viza automoción

Once das integrantes do Plan Integral de Emprego para Mulleres, que tamén se formaran nun taller de soldadura, están traballando na actualidade  en Viza Automoción, logo do convenio subscrito co Concello para a formación das mesmas a a súa incorporación coma soldadoras nesta compañía, que na actualidade emprega a 500 traballadores e traballadoras na súa planta do Porriño e que subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Máis da metade das persoas en paro que participaron o ano pasado en ‘Porriño Accede’ están traballando unha porcentaxe que e case do 74% entre aquelas que recibiron formación para o sector da automoción

O 56% das persoas en situación de desemprego que participaron o ano pasado no programa ‘Porriño Accede’, impulsado polo Goberno local a traveso da Concellería de Emprego, están traballando, unha porcentaxe que no caso daquelas que recibiron formación específica para desempeñarse no sector da automoción achégase ao 74%.

En conxunto, en 2017, un total de 67 persoas atoparon traballo logo de ter completado este programa, o que representa o 55,8% de todas e todos os participantes no mesmo, unha proporción que no caso das industrias do sector da automoción é do 73,3% -con 55 insercións de 75 alumnas e alumnos-.

‘Porriño Accede’ é un programa municipal de formación con prácticas en empresas, dirixido ás desempregadas e desempregados do Porriño, que proporciona accións formativas de calidade tendo en conta, ao mesmo tempo,as necesidades de emprego das empresas.

O obxectivo é facilitar a inserción ou a volta ao mercado laboral de persoas que están en situación de desemprego para o cal asínanse convenios, con diferentes compañías de distintos sectores, por medio dos cales o Concello do Porriño asume o custo da formación e estas firmas achegan o persoal especializado encargado de impartir a mesma.

En 2017 participaron neste programa 15 empresas, 8 delas do sector da automoción, por medio dun programa deseñado á medida. Ao mesmo tempo, ás empresas que o desexen tamén poden participar neste programa coa acollida de aspirantes en termos máis axustados, previa formación polo Concello, no marco dun programa avanzado pola empresa que asume o rol de promotora.

Este é o caso do compromiso asumido por Ti Automotive, radicada no Porriño, á que a alcaldesa, Eva García de la Torre, e a concelleira de Emprego, fixeron unha visita o venres pasado, que acolleu e contratou a participantes no programa ‘Porriño Accede’ ofrecendo máis dunha oportunidade laboral a porriñesas e porriñeses que hoxe teñen un posto de traballo.

Eva García de la Torre subliña que por medio de ‘Porriño Accede’, “proporciónase unha alternativa real a colectivos de difícil reinserción laboral pois permite formar a persoas desempregadas en postos demandado polas empresas, garantindo, deste xeito, o acceso ao mercado laboral”.

@depo_es e @PorrinoConcello apostan pola formación e a iniciativa por medio de ‘DepoEmprende II’

A deputada provincial delegada de Emprego, Montserrat Magallanes, e a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade do Porriño, Soledad Girón,asistiron no Multiusos de Torneiros, á charla ‘Talento emprendedor’, que forma parte do proxecto ‘DepoEMPRENDEII’, impulsado pola Deputación de Pontevedra.
 
‘DepoEmprende II’ ten coma finalidade fomentar o emprendemento, entendendo que é un dos factores clave na economía do coñecemento, e d cal poderán beneficiarse 135 persoas menores de 30 anos de toda a provincia de Pontevedra que non estean ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

O Concello e Viza Automoción colaboran para a formación dun grupo de mulleres de cara á sua incorporación a esta compañía

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón, visitaron a planta de Viza Automoción, radicada no Polígono de As Gándaras, logo do acordo acadado para a formación, por parte de Viza, dun grupo de mulleres desempregadas de cara a súa posible incorporación coma soldadoras a esta compañía.

Viza é unha empresa punteira no deseño e fabricación de estruturas metálicas de asentos para a industria do automóbil, de capital cento por cento galego, integrada por 500 traballadores e traballadoras na súa planta do Porriño e que subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Este grupo de mulleres, que están en situación de desemprego, recibirá formación teórica e, principalmente, práctica, nas instalacións da empresa, formación que é o cerne das accións do  Plan Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM), co-financiado cun total de 255.000€ pola  Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, e que ten coma obxectivo  a mellora a incorporación no mercado laboral das porriñesas que están na procura de emprego.

O Porriño lidera, por detrás de Vigo, a baixada do paro en febreiro na Área Metropolitana viguesa

O Porriño lidera, so por detrás de Vigo,a baixada do paro en febreiro na Àrea Metropolitana viguesa. A finais do pasado mes pasado había na vila 1.666 persoas desempregadas, 168 menos que en febreiro de 2017.

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,9%, en total 5,2 puntos menos que no inicio da xestión do actual Goberno Local cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo,473 máis que na actualidade.

En relación co mes de febreiro de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.834 a 1.666, o que supón que hai 168 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu en 2,5 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña, unha vez maís a necesidade de seguir adiante coas medidas adoptadas pola Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Giró, grazas as que hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou incorporáronse ao mesmo.

O Concello impulsa o Plan Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM), dirixido a 85 veciñas menores de 30 anos e sen cualificación profesional, de cara a súa volta ao mercado de traballo ou a súa inserción laboral

O Concello do Porriño porá en marcha o Plan Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM) nos vindeiros meses. Este programa, co-financiado entre a Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, “vai dirixido a un total de 85 mulleres, especialmente mulleres novas, menores de 30 anos e sen cualificación profesional”, como sinala a concelleira de Emprego e Igualdade, Soledad Girón.

O PIEM, engade a concelleira, ten como obxectivo afrontar o desemprego no Porriño “e, máis concretamente, combater a profunda fenda que afecta ás mulleres”. Para atallar esta situación,  levaranse adiante accións de orientación laboral e accións formativas, con prácticas en empresas, que permitirán mellorar as competencias profesionais e as posibilidades de inserción das usuarias no mercado laboral.

Para a participación no PIEM, as interesadas deberán poñerse en contacto coas oficinas da Concellería de Formación e Emprego  no Multicentro de Torneiros.

O paro baixou no Porriño en decembro por noveno mes no ano 2017 e a finais de ano traballaban 521 persoas máis que cando o actual Goberno local empezara a súa xestión

O paro descendeu por cuarto mes consecutivo no Porriño e a finais do pasado mes de decembro había na vila 1.618 persoas desempregadas, un dato que non se coñecía dende hai unha década.

Segundo os datos publicados este mércores polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,4%, en total 5,6 puntos menos que no inicio da xestión do actual Goberno Local cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, 521 máis que na actualidade.

En relación co mes de decembro de 2016, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.844 a 1.618, o que supón que hai 226 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu en máis de 2,5 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña a importancia das medidas que se están a tomar dende a Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón,entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Tamén están a facilitar o descenso do paro os ‘Plans de Emprego’, posibles grazas ao investimento de máis de 600.000€ de fondos municipais, e os acordos con outras administracións, obtendo axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade das veciñas e veciños do Porriño, e pon coma exemplo o recen aprobado ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM), que conta cunha importantes achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

As traballadoras e traballadores de Maderas Iglesias tentan que os grupos políticos do Parlamento de Galicia eviten o despido de 140 empregados ou o peche da empresa

A primeira hora da maña representantes das traballadoras de Maderas Iglesias, que este xoves levaron as súas demandas a Compostela, mantiveron un encontro con representantes dos grupos políticos no Parlamento de Galicia e, posteriormente, tentaron reunirse con responsábeis do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que só recibiu a 7 representantes do comité, pero non permitiu que participaran na xuntanza nin alcaldes, concelleiros, entre eles varios do Porriño, como o responsábel de Tráfico Orlando Márquez, nin asesores das organizacións sindicais.

O pasado día 12 de decembro comezaron as negociacións entre a representación dos traballadores e a dirección da empresa na que, segundo explica o presidente do comité, Vicente Morales, os xestores de Maderas Iglesias puxeron sobre a mesa a liquidación de 140 postos de traballo dos 249 cos que conta na actualidade, ou a liquidación de todos, se esta proposta non se acepta. “A empresa dá un prazo do 12 ao 30 de xaneiro para chegar a un acordo, pero non garante que vaia cumprir”.

Por iso trasladaron a súa protesta e demandas ao Parlamento de Galicia, co obxectivo de “salvar a empresa e garantir os postos de traballo”. Para elo demandan o apoio do Parlamento cun “compromiso político”

A situación para o persoal, que denuncia que vén padecendo atrasos nos cobros das súas nóminas desde hai tempo, é moi delicada. “Hai traballadoras e traballadores  ás que está axudando o propio Concello. Até o de agora cobrabas o 10, o 15 ou máis do 20. Iso para unha familia que teña unha hipoteca, repercute en todo”, lamenta o presidente do comité.

Morales lembra que Maderas Iglesias chegou a ter máis de 800 traballadores e que concellos da zona e asesores cren que é viábel. Por iso reclama que se lles aclare exactamente cal é a situación. “A información que temos é o que nos conta o empresario”, afirma, e se non se fai algo antes, ou se acepta o acordo de liquidar os 140 postos de traballo ou a empresa pecharía o día 13 de febreiro.

Hoxe mesmo, o deputado socialista por Pontevedra, Abel Losada, rexistrou no propio Parlamento varias preguntas dirixidas ao Goberno de Galicia nas que pide ao mesmo que aclare qué xestións ten feito para cumprir o mandato do Parlamento, aprobado por unanimidade, para cooperar na busca de solucións aos problemas económicos e laborais de Maderas Iglesias.

Así mesmo, Losada pide ao Goberno galego que diga si é consciente do problema social e laboral que arrastra dende hai anos a empresa Maderas Iglesias; se sabe da importancia social e económica que o emprego desta empresa, maioritariamente feminino, ten para as comarcas do sur da provincia de Pontevedra e  se a Xunta de Galicia exerceu algún tipo de control específico os recursos públicos concedidos a esta empresa, a pesar dos problemas laborais e financeiros que presenta dende hai anos.

O persoal da empresa porriñesa Maderas Iglesias mobilizarase en Santiago en defensa da continuidade da empresa

O cadro de persoal da Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en situación crítica, trasladará a Santiago as mobilizacións en defensa da continuidade da compañía.

O comité convocou unha xornada de folga o vindeiro xoves, día 28, para que todos os traballadores poidan participar nas concentracións previstas ese día diante do Parlamento de Galicia e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Un grupo de alcaldes das comarcas da Louriña e do Condado acompañarán as empregados a Compostela para apoiar as súas reivindicacións, conscientes de que se trata dunha compañía estratéxica para a zona e da que dependen centos de familias.

Está previsto que ese día a representación do cadro de persoal manteña xuntanzas no Parlamento cos distintos grupos políticos a partir das 10 e media da mañá, mentres que os traballadores permanecerán concentrados ás portas do edificio.

Posteriormente, por volta das 12:30 horas, trasladaranse até a sede do Igape -onde tamén desenvolverán unha protesta- para manter unha reunión cos seus responsábeis co obxectivo de buscar unha solución que garanta a viabilidade da empresa.

Dende o comité anuncian que o vindeiro 12 de xaneiro foron convocados a unha xuntanza coa empresa para comunicarlles os nomes das 140 empregados ás que lles aplicarán o ERE extintivo.

“A partir de aí abrirán unha negociación até o 25 de febreiro, data na que presentarían formalmente o ERE”. Con todo, a intención do comité e paralizar esta medida e lograr a viabilidade dunha compañía que emprega na actualidade a 250 persoas, das que o 85% son mulleres.