Volta ao cole con normalidade

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, acompañaron hoxe ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares e aos directores e directoras dos centros educativos do Porriño no acto de inauguración do curso escolar no municipio.

Este ano, o acto realizouse no CEIP da Ribeira, en Torneiros, un centro que acolle a nenos e nenas das parroquias de Torneiros, Chenlo e Pontellas.

“Recuperamos a normalidade nas aulas tras dous anos marcados polas restricións da pandemia, os nenos e nenas poden verse as caras, xogar e abrazarse, con precaucións por suposto, pero poderán volver a ser nenos”, afirmou o alcalde, quen agradeceu aos profesores e profesoras “o enorme traballo que fixestes en momentos tan difíciles, tanto vós como as ANPAS”. “Gracias a vós todo foi máis sinxelo para eles e moito menos traumático”, apuntou.

O rexedor aproveitou para reiterar o apoio do Concello do Porriño aos equipos directivos. “Tedes a nosa man tendida para o que precisedes”, concluíu, “Os nosos centros precisan moitas melloras e traballaremos para todas elas se leven a cabo”. Lorenzo quixo poñer en valor o labor da concelleira de Educación, Carolina González, que compaxina a súa labor de docente coa de concelleira e “traballa moi duro para atender todas as necesidades de todos os centros do Porriño, cunha máxima sempre: os nosos nenos e nenas merecen unha educación pública de calidade”.

O Porriño súmase ao programa de dixitalización para mulleres “Galegas Dixitais”

O Concello do Porriño vén de formalizar a súa colaboración co programa de formación “Galegas Dixitais”, cuxo principal obxectivo é mellorar as capacidades dixitais de mulleres que se atopan en situación de desemprego ou que simplemente queren mellorar a súa capacidade de empregabilidade, ademais de impulsar o emprendemento no Porriño e contribuír a reducir a fenda de xénero.  

A actividade é totalmente gratuíta, xa que está impulsada Xunta de Galicia e financiada polos Fondos Europeos NextGenerationEU  e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A formación agrúpase nos seguintes bloques temáticos:

• Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración

• Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración

• Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración

O programa desenvolverase de luns a venres, en horario de 9h a 14h, no Multiusos de Torneiros. Dará comezo o 3 de outubro e finalizará o 14 de novembro.

Xunto co material didáctico, e co fin de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil co que poderán poñer en práctica todo o aprendido.

Para máis información pode contactar chamando 986 338 217 ou por whatsapp no 604 039 575.  

José Luis Baños de Cos gaña o V Premio Roberto Vidal Bolaño

A quinta edición do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño xa ten gañador: José Luis Baños de Cos, coa súa obra “Lume”.

Reunido o xurado do certame, organizado polo IES Ribeira do Louro e a editorial Galaxia en colaboración co Concello do Porriño, decidiu por unanimidade outorgarlle o premio ao ser unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.

O xurado, formado polo dramaturgo Ernesto Is, a actriz Cecilia Vázquez, o profesor do IES Ribeira do Louro, Delio García, e Raquel Castro, como secretaria, destacou da peza que sexa unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais , como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todas as persoaxes sofren as consecuencias. A escrita, cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dalle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social.

Fotografía do autor: Eva Camba

Melloras en centros educativos do Porriño coincidindo coas vacacións estivais

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, informaron hoxe das melloras que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia está a realizar en centros escolares do municipio aproveitando as vacacións estivais.

Trátase do CEIP Xosé Fernández López, CPI da Ribeira e IES Pino Manso e a inversión ascende a 344.240 euros.

No que respecta ao CEIP Xosé Fernández López as melloras consistirán na renovación da iluminación das instalacións cun orzamento de 86.228 euros. As antigas luminarias, algunhas fluorescentes e outras de tipo LED pero sen regulación, substituiranse  por outras maior eficiencia, de tecnoloxía LED que permita unha maior calidade da iluminación e un importante aforro de enerxía  ao contar cunha maior eficiencia enerxética.

No CPI da Ribeira, en Torneiros, estase a acometer a reforma da instalación de fontanería. As obras contan cun orzamento de 41.000 euros e pasan pola substitución das tubaxes de ferro que compoñen a actual instalación de a construción dun colector. Pretendese así poñer fin ao problema que presentaba a actual tubaxe de ferro galvanizado que, co paso do tempo e maila acción do cloro residente na auga, estaba oxidada.

Por outra banda, no IES Pino Manso instalarase un ascensor exterior que pretende resolver os problemas de acceso ao centro que presenta o edificio e eliminar as barreiras arquitectónicas coas que os usuarios/as se enfrentan. As obras ascenden a 217.022 euros  que se suman aos  1.155.187 euros que invertiu a administración autonómica na reforma integral que se está a executar no centro.

“As melloras nos centros educativos son esenciais e urxentes”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Os nenos e nenas do Porriño teñen dereito e estudar nas mellores condicións e por iso estas intervencións son prioritarias. Quedan moitas cousas por facer e traballamos para facelas á maior brevidade posible, en contacto sempre coa consellería para resolver as demandas da nosa comunidade educativa”.

“Ti si eres un bo peixe” promove o consumo de peixe entre os máis pequenos

O obradoiro de alimentación saudable “Ti si que es un bo peixe!” chega ao Porriño o vindeiro 15 de xullo. A iniciativa, impulsada pola Consellería do Mar en colaboración co Concello do Porriño, está dirixida aos cativos e cativas de entre 3 e 14 anos e é totalmente gratuíta.  

O obxectivo principal desta actividade é fomentar o consumo de produtos frescos da pesca e da acuicultura entre a poboación infantil e xuvenil á vez que se conciencia sobre a necesidade de equilibrar as dietas neste sector da poboación.

A tal fin, dun xeito lúdico, daráselle información sobre 9 especies mariñas de amplo consumo en Galicia, e indicarase o seu hábitat, forma de recolección ou pesca e método de consumo. O vehículo condutor será a música, con cancións e coreografías deseñadas especialmente para esta campaña.

“O incremento do consumo de peixe e produtos do mar entre os máis cativos, polas súas importantes calidades nutricionais, preséntase como unha ferramenta eficaz para mellorar a súa dieta, xa que estes constitúen unha excelente fonte de nutrintes saudables”, explicou a concelleira Antía Carrera, “De aí a importancia de que fomentar o seu consumo entre eles”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, animou aos nenos e nenas a participar desta actividade e “afondar no coñecemento das especies de peixe máis comúns e tamén do noso papel como consumidores á hora de preservar os recursos do mar”.

O obradoiro desenvolverase no Centro Cultural a partir das 9:30 h e as prazas son limitadas polo que se require inscrición previa (a través do email gabinete.alcaldia@oporrino.org).

A Escola Municipal de Música abre o prazo de matrícula a novos alumnos

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo de inscrición previa para o curso 2022/2023. Poderase solicitar praza entre o 1 de xullo e o 19 de xullo.

A folla de solicitude de inscrición pódese descargar da páxina web do Concello ou recoller no Centro Cultural Municipal de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Unha vez cuberta, poderase de modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño,  de luns a  venres (de 9 h a 14 h), ou de modo telemático a través da Sede Electrónica do Concello do Porriño.

Cabe destacar que a orde de entrega da inscrición será determinante na orde de matrícula.

 A oferta da Escola Municipal do Porriño é a que se indica:

  • Música e movemento, para nenos e nenas dende os 4 anos.
  • Linguaxe musical para nenas/os, mozas/os e persoas adultas.
  • As especialidades son: violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional.
  • Tamén conta con agrupacións como a banda de música, a orquestra de corda, o grupo de música tradicional, a coral infantil e  a coral polifónica de persoas adultas.

A matrícula realizarase no mes de setembro, despois da publicación das listas das persoas admitidas.

Reserva solicitude praza Escola Municipal de Música

Festa de Fin de Curso Escolar!

Esta tarde celebramos a gran Festa de Fin de Curso Escolar no Porriño! 

A partir das 17 h instalarase un tobogán de auga na rúa Antonio Palacios (dende a de Fran ata o Concello)

Ás 20 h no parque do Cristo comezará a Festa da Escuma e a música soará para dar a benvida ás vacacións de verán. 

Os nenos e nenas que queiran participar tan só terán que traer bañador, toalla e ganas de pasalo ben! 

Aceesca acolleu a última das sesións de terapia con cans impulsadas polo Concello

O centro de día de Aceesca acolleu hoxe a última das sesións de educación asistida con cans de terapias impulsadas pola concellería de Educación do Concello do Porriño.

Nesta actividade participaron preto de 400 escolares de infantil de todo o municipio e tamén do centro de día de Aceesca,  co obxectivo de trasladar os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares traballar de forma transversal a educación en valores e o coidado responsable de mascotas.

Gofre, Trece e Fox, os tres cans que participaron nesta experiencia de concienciación e mellora da convivencia, visitaron durante tres meses aos usuarios e usuarias de Aceesca. Unha vez á semana achegábanse ao centro a compartir cos diferentes grupos actividades deseñadas dependendo das súas necesidades específicas.

 

Despedimos o curso escolar cunha gran festa

Esta semana chegan as vacacións escolares e o Concello do Porriño quere celebralo cunha festa do máis divertido da que poderán disfrutar todos os nenos e nenas do Porriño.

O vindeiro xoves, 23 de xuño, a praza Arquitecto Antonio Palacios será escenario dunha tarde de reencontros e xogos coa que despedir xuntos o curso. A partir das 17 h un DJ animará a festa na que haberá un gran tobogán de auga e festa da escuma.