O pavillón do IES Ribeira do Louro xa leva o nome de Tania Rodríguez Estévez

O pavillón deportivo do IES Ribeira do Louro leva xa o nome de Tania Rodríguez Estévez, árbitra de balonmán de élite que foi alumna do centro educativo.

O acto de descuberta da placa, celebrado hoxe no instituto de Torneiros, dá cumprimento á proposta da Comisión de Igualdade aprobada por unanimidade do claustro, coa que se rende homenaxe a Tania non só pola súa traxectoria profesional e deportiva senón tamén pola súa contribución a visibilizar o empoderamento da muller en deportes maioritarios e, erroneamente, considerados masculinos.

Ao evento acudiron, ademais do alumnado do centro, a directora, Juana Muñoz, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Deporte, Educación e Igualdade, Abel Estévez e Carolina González, respectivamente, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, que foi adestrador de Tania no Balonmán Porriño durante anos, destacou dela a súa “responsabilidade, tesón e capacidade”, cualidades que garantizaban “o seu ascenso meteórico en todo o que se propoña”. Estévez quixo poñer en valor a traxectoria da porriñesa xa que “cando falamos dun deporte minoritario como o balonmán, chegar a onde chegou Tania quere decir que o fas ben. Moitas veces falamos dos teitos de cristal e estes en determinados deportes son teitos de pedra. Coa súa determinación e esforzo Tania rompeu con eles”.

Na mesma liña se manifestou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, que desexou moita a sorte á homenaxeada en todo o que se propoña e salientou que “as mulleres que como Tania chegan a lugares onde hai pouco tempo era imposible chegar merecen todos os recoñecementos”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer a Tania como exemplo para as novas xeracións. “Mulleres como ela que loitan polo que queren sen aceptar límites nen estereotipos deben ser referentes para a mocidade de hoxe”, afirmou, “Por iso é moi importante o que hoxe está pasando aquí, demostra que ningún ámbito é nin pode ser un `mundo de homes´ e que celebrar os éxitos de mulleres como Tania é puxar pola igualdade”.

Pola súa banda, Tania agradeceu enormemente este xesto do instituto no que cursou os seus estudos da ESO e ciclo superior de Administración e Finanzas, e en xeral, o xesto do seu pobo, O Porriño. “Os meus éxitos parten do Porriño, a nosa arbitraxe nace no Balonmán Porriño e iso o teño sempre moi presente”, afirmou.

Tras ser entrevistada polos alumnos e alumnas do centro, Tania Rodríguez descubriu entre aplausos a placa co seu nome ás portas do pavillón.

Unha recoñecida árbitra de balonmán na máxima categoría

A traxectoria deportiva e profesional de Tania Rodríguez Estévez, veciña da parroquia de Budiño, está vinculada dende sempre ao balonmán. Comezou a dar os seus pasos no club porriñés, onde pechou algúns dos grandes logros deportivos do club: formou parte do equipo que se alzou co subampionato de España Xuvenil e participou na fase de ascenso do primeiro equipo, chegando a debutar en División de Honra.

Tania é unha recoñecida árbitra de balonmán e destacou por ser, xunto coa súa compañeira, Lorena García, a primeira parella arbitral de mulleres que pitou un partido de ASOBAL, a máxima categoría deste deporte.  A día de hoxe, é árbitra de élite nacional e internacional.

O alumnado porriñés aprende ao ritmo da eco percusión

323 alumnos/as de de 5º e 6º de primaria do Porriño amplían a súa formación cun obradoiro de eco-percusión no que aprenden nocións básicas sobre como tocar a caixa, o tambor e a batería.

A actividade, organizada pola concellería de Educación a través da OMIX, comezou hoxe no CEIP Cruz Budiño, e contou coa participación do alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González.

O rexedor animouse a tocar un tema cos nenos e nenas, desenfundou as baquetas e, como se foran unha banda ben consolidada, ofreceron xuntos unha batucada de luxo.

“É marabilloso ver como en apenas unha hora os pequenos e pequenas son capaces de facer soar uns bidóns de plástico…”, explicou o rexedor, que adiantou que “Cando rematen os obradoiros todos os colexios formarán unha gran banda de percusión con material reciclado, e ofrecerán un concerto na praza do Concello para amosar o aprendido: as técnicas de agarre, golpeo, lateralidade, coordinación e uso da percusión vocal e corporal”.

Cabe destacar que, como apuntou o alcalde, nos obradoiro só interveñen instrumentos procedentes de materiais reciclados. Estes materiais anteriormente referidos, tamén cotidiáfonos, poden ser botes de pintura, latas, tubaxes, bidóns…. A metodoloxía empregada é a propia e xenuína do Proxecto Ecopercussión, mesturando elementos de percusión vocal con exercicios de coordinación e patróns polirítmicos afrolatinos.  

“A actividade desenvolverase durante todo o mes de maio nos centro de educación primaria e Aceesca”, apuntou a concelleira, “Consta de dúas partes, os obradoiros en cada centro  e o concerto final que se celebrará na Praza Arquitecto Antonio Palacios para o disfrute do público en xeral”.

 

O Concello acomete melloras nos centros escolares aproveitando as vacacións de Semana Santa

Aproveitando as vacacións de Semana Santa, o Concello do Porriño levou a cabo melloras nos centros educativos do municipio.

Operarios municipais levaron a cabo as reformas demandadas pola comunidade educativa, ademais de pequenas actuacións necesarias para garantir a seguridade e accesibilidade.

Entre elas, a reparación da baixante e canalización de pluviais do pavillón do CEIP Plurilingüe de Atios, o acondicionamento de parte do patio do CEIP Cruz Budiño,  e a execución do acceso adaptado no IES Pino Manso e no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, onde tamén se acometeu a mellora de varias portas do ximnasio e a reforma do coñecido Kiosko para transformalo na Biblioteca de Patio.

Ademais, leváronse a cabo traballos de poda e xardinería nos diferentes centros. Ao término das vacacións as melloras nos centros escolares continuarán tal e como están programadas polo Goberno Local.

“Que os nenos e nenas do Porriño poidan cursar os seus estudios nas mellores condicións é  unha prioridade para este goberno”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Apostamos por unha educación pública de calidade e no marco das nosas competencias non escatimaremos esforzos para que así sexa”.

 

O proxecto ECOYOUTH no Porriño: colaboración na educación e na sustentabilidade

Os participantes no proxecto EcoYouth, coordinado polo Concello do Porriño e financiado con fondos da Unión Europea, foron recibidos onte na casa consistorial do Porriño pola alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Educación, Carolina González, e a concelleira Lourdes Moure.

Trátase dunha iniciativa na que participan o instituto porriñés Ribeira do Louro, a Universidade de Cabo Verde e asociacións de Portugal e Mozambique, que ten como obxectivo promover o empoderamento da mocidade na loita contra o cambio climático nos países participantes no proxecto.

As diferentes delegacións estarán no Porriño ata o venres desenvolvendo diferentes accións e actividades e seminarios dirixidos a empoderar á mocidade para facilitar a transición ecolóxica.

A primeira delas, tivo lugar esta mañá. Os participantes no proxecto visitaron as instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable dos Valos e a Estación Depuradora de Augas Residuais, en Guillarei.

O alcalde e a concelleira de Educación acompañáronos nesta primeira xornada onde profundizaron na xestión de residuos, a depuración e o ciclo integral da auga.

“Esta experiencia está a ser moi enriquecedora, non só para eles, tamén para nós”, afirmou o rexedor, “O coñecemento e os valores medioambientais son a base deste proxecto, pero tamén o é a convivencia que reforza sen dúbida a aprendizaxe”.

45 nenas e nenos participan no Campamento de Semana Santa

45 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos participaron hoxe na primeira xornada do Campamento de Semana Santa do Concello do Porriño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, achegáronse ata o pavillón municipal, onde se está a desenvolver a actividade, para darlles a benvida e desexarlles que disfruten ao máximo da experiencia.

As cativas e cativos levarán a cabo moitas actividades dirixidas a fortalecer as súas habilidades, potenciar a súa seguridade e autoestima e traballar os valores de cooperación, igualdade, solidariedade e respecto.

O campamento desenvolverase os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá.

 

O alcalde súmase á celebración do Día do Pobo Xitano no CEIP da Ribeira

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira, Antía Carrera, participaron hoxe na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano do CEIP da Ribeira, en Torneiros.

Como cada 8 de abril, conmemórase o Primeiro Congreso Mundial Romaní-Xitano que tivo lugar en Londres, no ano 1971, e no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.

O rexedor quixo unirse a unha celebración “que segue a ser moi necesaria para rematar dunha vez por todas coa discriminación e a estigmatización deste pobo e poñer en valor a súa cultura e historia”. Neste sentido salientou a importancia de que dende os colexios se traballe en valores para contribuír a crear unha sociedade máis xusta. “Colexios como CEIP da Ribeira son un exemplo de integración, sensibilización social e convivencia. Un colexio de todas/os e para todas/os no que as nenas e nenos poñen en valor o orgullo da súa identidade e valores xitanos”, apuntou Lorenzo.

O alumnado deu a benvida ao alcalde e agasallouno con traballos feitos por eles mesmos.  Prepararon un programa de actuacións que foron dende lcturas de poemas de Lorca, exposicións dos seus valores e principios e, como non podía ser doutro xeito, música e baile. Lorenzo, non dubidou en arrancarse e bailar flamenco ao son dos caixóns, guitarras e tacóns.

 

Aberto o prazo de inscrición do Campamento de Semana Santa

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición do Campamento de Semana Santa 2022, dirixido ás nenas e nenos do municipio de entre 3 e 12 anos cumpridos. Desenvolverase en instalacións municipais os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá (9h-14h). 

“Con esta iniciativa preténdese potenciar a seguridade e autoestima dos máis pequenos da casa, fortalecer as súas habilidades, eliminar os seus medos e potenciar neles valores de cooperación, igualdade, solidariedade e respecto”, explicou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que se trata dun “espazo de convivencia, de aprendizaxe e de ocio para os nenos e nenas e, á vez, unha opción para a conciliación, xa que nestas datas para moitas familias xorde a necesidade de atopar un lugar seguro no que as súas fillas e fillos poidan disfrutar das vacacións mentres eles traballan”.

O prazo de inscripción abrirase o luns 4 de abril  e hai 40 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deben dirixirse ao Rexistro do Concello onde se lles facilitará a folla de inscrición e toda a información complementaria.

No caso de existir máis demandas que prazas, estas cubriranse seguindo o baremo de puntuación establecido: FOLLA DE BAREMOS 

Descarga o formulario de inscrición: 

FORMULARIO DE SOLICITUDE DE INSCRICIÓN

Escolares do Porriño deseñan o seu “Plan de acción para o futuro”

Un total de 183 alumnas/os de 3º e 4º da ESO dos centros de educación secundaria do Porriño participan estes días no Obradoiro sobre novas profesións “Plan de acción para o meu futuro” organizado pola concellería de Educación, que dirixe Carolina González, a través da OMIX.

A actividade de Mentoring para adolescentes ten como obxectivo ensinar ás/os mozas/os a tomar boas decisión sobre o seu futuro, nun momento clave da súa etapa formativa no que teñen que elexir entre moitas opcións de desenvolvemento profesional.

“Neste obradoiro traballan no seu proceso de autocoñecemento para que detectar as súas fortalezas e intereses”, explicou a concelleira, “Tamén descubrirán novas profesións que nin siquera existían fai uns anos e o papel que da tecnoloxía e a dixitalización nelas, ademais de coñecer como estudiar e traballar en Galicia”.

Laura Romero, gañadora do concurso de carteis da Xunta para conmemorar o 8M

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, acompañaron hoxe á porriñesa Laura Romero que recibiu un dos premios do concurso escolar de carteis que cada ano convoca a Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller.

O deseño de Laura, alumna de 3º da ESO do IES Ribeira do Louro, fíxose co primeiro premio na 3ª categoría dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP.  Na actual edición presentáronse 57 traballos e tanto as creación que quedaron nos primeiros postos, como é o caso de Laura, como as dos segundos, ilustran a campaña que polo 8-M está a desenvolver a Xunta para divulgar que a igualdade tamén está nas nosas mans.

“As nosas pegadas fan o camiño cara a igualdade” foi o lema elixido pola porriñesa para facer a súa proposta, e sobre el impresas varias das súas pegadas en diferentes cores, deseños e direccións.  Laura amosouse moi orgullosa do seu logro e tamén os seus compañeiros de clase, que a acompañaron a recibir o premio.

“Laura representa hoxe á mocidade do Porriño, que da un paso adiante sempre cando se trata de reclamar cuestións tan importantes como a tolerancia e o respecto”, apuntou o rexedor que a felicitou polo seu merecido recoñecemento e por loitar “por un mundo en igualdade de dereitos e de oportunidades sen discriminación de ningún tipo por razón de xénero”.

As nenas e nenos visten de Entroido O Porriño

O Entroido segue a encher de ledicia e cor as rúas do Porriño.  Despois do vistoso desfile do sábado, que congregou na vila a miles de persoas, continúa a programación deseñada pola concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez.

A proposta do Concello do Porriño para estas festas está pensada para todos os públicos. Fíxose un importante esforzo por incluir actividades para o público infantil e familiar contando co periodo vacacional dos máis pequenos.  Unha delas, o Obradoiro de Máscaras para Nenas e Nenos que esta mañá impartiu a Asociación “O Porriño Arte”.

Dende as 11h, pequenas e pequenos artistas tomaron a Praza Arquitecto Antonio Palacios armados con ceras, rotuladores, purpurina e toda clase de materais plásticos para confeccionar as súas máscaras de Entroido coa axuda das pintoras e pintores da asociación.

Martes de Entroido: Desfile de comparsas

A programación de Entroido continúa este martes. Como é tradición, as comparsas lucirán de novo os seus disfraces polas rúas do Porriño. Serán 8 as que desfilen e o farán polo percorrido habitual.

Ás 18 h sairán do Pabillón Municipal  e marcharán pola rúa Antonio Palacios, Avda. Domingo Bueno, Travesía Fernández Áreal, Manuel Rodríguez e Ramón González. Amenizarán o desfile a Batucada Oledum de Coio, as charangas Anchoa e Vai de Baile,  Os Beretes e os Cabezudos.