A Biblioteca Municipal do Porriño pechará o mes de agosto polas tardes e aproveitará para adaptarse á nova Rede de Bibliotecas de Galicia

A Biblioteca Municipal do Porriño foi escollida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para integrarse na renovada Rede de Bibliotecas de Galicia baseada na plataforma Koha, un software libre de código aberto. Grazas aos novos cambios que se porán en marcha este verán, a biblioteca porriñesa poderá ofrecer ás súas usuarias e usuarios novos servizos e novas facilidades.

Este importante proxecto permitirá establecer un carné único de lector válido para todas as bibliotecas públicas desta rede, polo que os usuarios e usuarias da institución porriñesa pasarán automáticamente a poder usar os servizos de máis de 70 bibliotecas de toda Galicia. Ademáis, a Biblioteca do Porriño integrará a súa base de datos no catálogo colectivo da Rede, polo que os seus usuarios e usuarias poderán consultar e acceder nunha única páxina web a milleiros de novos recursos dispoñibles, entre eles, á colección de libros electrónicos da plataforma dixital GaliciaLe. Ademáis, poderase acceder a un espazo personal online para consultar históricos de préstamo, realizar reservas, renovacións e outras funcionalidades, e ampliarase o número máximo de préstamos dende os tres exemplares actuais a cinco.

Este novo impulso aos servizos bibliotecarios suporá un notable esforzo técnico e de mellora tecnolóxica, polo que a biblioteca aproveitará a menor afluencia de visitantes no mes de agosto para levalos a cabo.

Deste xeito, dende o 7 de agosto ao 1 de setembro pechará en horario de tarde, permanecendo aberta polas mañás entre as 08:00 e as 14:00 de luns a venres. A biblioteca e o Concello do Porriño queren agradecer a todos os seus usuarios e usuarias a súa comprensión por este cambio puntual, motivado pola posta en marcha destes novos servizos e funcionalidades dos que poderán disfrutar xa a partir do mes de setembro.

Felipe VI preside no Porriño os actos do 50 Aniversario de AIMEN

Felipe VI presidiu este luns no Porriño os actos de celebración do 50 aniversario de Aimen Centro Tecnolóxico. O Xefe do Estado coñeceu tres novos tipos de soldaura láser e un robot de asistencia para a recuperación da funcionalidade de doentes que teñen daño cerebral.

Felipe VI, foi recibido polo alcalde accidental do Porriño, Manuel Carrera, polo presidente do Goberno de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pola minitra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, entre outras autoridades.

O centro AIMEN, radicado no Porriño, é un referente europeo no campo láser e na investigación de mateirais usados na aeronáutica, o naval e a automoción, como sinalaron os seus responsábeis.

O Rei viaxou de seguido a Vigo para almorzar no Círculo de Empresarios de Galicia que celebra os seus 25 anos de historia.

O alcalde accidental, Manuel Carrera, e as concelleiras Lourdes Moure e Soledad Girón asisten ao acto de balance dos 2 anos de goberno da Deputación

O alcalde accidental, Manuel Carrera, e as concelleiras Lourdes Moure e Soledad Girón, asistiron este venres, en representación do Goberno local do Porriño, ao acto no que os responsábeis da Deputación fixeron balance dos seus dous primeiros anos á fronte da institución provincial.

No acto, o vicepresidente, César Mosquera, e a presidenta, Carmela Silva, subliñaron a colaboración cos concellos da provincia, a defensa do municipalismo e dos dereitos de todas as persoas e apostaron por unha “xestión baseada na transparencia, participación, a escoita activa ao conxunto da sociedade, que ven de derrubar privilexios e respectar a autonomía dos concellos”.

Dacordo cos datos do Plan Concellos, o Concello do Porriño recibiu o ano pasado 974.964 € e neste 2017 a cantidade podería chegar a 1,5 millóns.

Felipe VI estará no Porriño o vindeiro luns, día 17 de xullo

Felipe VI presidirá no Porriño, os actos do 50 aniversario de AIMEN Centro Tecnolóxico, o vindeiro luns, 17 de xullo, dende as 11:45 horas, no Centro de Aplicacións Láser de AIMEN,  no Polígono Industrial Cataboi.

O Rei  realizará un percorrido polas instalacións do Centro e, ao remate, estará presente nun coctel no que saudará aos invitados.

Membros da ANPA do CPI da Ribeira, xunto coa concelleira Lourdes Moure, expresan no Parlamento a súa oposición ao peche das aulas da ESO

Integrantes da ANPA do CPI da Ribeira, encabezados pola súa presidenta, Cristina Rodríguez, acompañados pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, desprazáronse este martes a Santiago para estar presentes no Parlamento de Galicia na intervención do conselleiro de Cultura, Educación y Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, en relación co peche das aulas da ESO deste centro de Torneiros.

O conselleiro, maila aos argumentos expostos en contra do peche destas aulas– e das do CEIP Emilio Navasqüés, de Outes, CPI Tomás de Lemos, de Ribadavia, e do CPI Monte Caxado, de As Pontes, nos que a Consellería de Educación decidiu tamén prescindir do Ensino Secundario- reafirmouse na súa determinación, o cal foi acollido polos representantes destes centros cunha concentración diante do Parlamento con berros a prol do Ensino Público e en contra desta decisión que, a seu xuízo, “prexudica ás alumnas e alumnos e vai en contra do traballo educativo que se viña facendo nestes colexios”.

Para a concelleira Lourdes Moure, esta decisión, “como xa expresara por maioría o Pleno do Concello do Porriño e moitos porriñeses nunha manifestación convocada pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos, é un golpe con so para a educación pública, gratuíta e de calidade, senón, e moi importante, para a integración”.

Moure lembrou que  o 35% dos estudantes do CPI da Ribeira son de etnia xitana, e que o centro contribuíu ao longo dos anos  “á integración do colectivo na vida e actividades do concello, á eliminación do absentismo escolar” ou a participación do alumnado, tanto nenas como nenos, nas actividades extra escolares, “que pasou do 3% en 2009 ao 80% este mesmo ano”.

A concelleira alertou de que o peche do curso da ESO do CPI Ribeira “suporá un retroceso no camiño que permitiu que as rapazas e rapaces de etnia xitana non so rematen Secundaria senón que segan cos seus estudos de Bacharelato”.

Convocado o Certame de Fotografía ‘Viaxando’ 2017

Un ano máis, Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) DO Porriño, A Guarda, Gondomar, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, Baiona e o Espazo Xove de Tui, organizan o Certame de Fotografía Viaxando, que este ano chega a súa 11º edición.

Este concurso está destinado a mozos e mozas de 12 a 35 anos, sendo a data límite de presentación das fotografías o 22 de setembro de 2017.

O tamaño das fotografías debe ser de 20×30 centímetros e a temática ten que ter relación co título do certame, “Viaxando”. Este ano o premio para o gañador, ou gañadora, será unha tablet.

As persoas interesadas en participar poden obter máis información na OMIX do Porriño, no Centro Cultural Municipal, chamando ao teléfono 986337624 ou enviando un correo ao enderezo omix@oporrino.org.

‘Google Calendar, moito máis que unha axenda’, o vindeiro xoves, día 13 de xullo no Punto SmartPeme do Porriño

O Punto SmartPeme do Porriño celebra o vindeiro xoves, día 13 de xullo, ás 7 da tarde-no Centro Multiusos de Torneiros-, o taller “Google Calendar, moito máis que unha axenda’.

O obxectivo do mesmo é que os directivos e xerentes de Pequenas e Medianas Empresas aprendan a planificar a súa axenda e a dos seus empregados dende esta aplicación na nube, sincronizando Google Calendar, nos seus dispositivos móbiles, coa súa axenda de contactos en Google.

Con esta ferramenta pódense crear moitos calendarios compartidos entre os distintos usuarios da empresa, ou externos, e organizar citas con clientes o provedores, facéndolles invitacións a distintos eventos.

Os contidos deste taller serán:  Planificación das miñas tarefas e xuntanzas; Creación e xestión de almanaques  compartidos cos nosos empregados  ou de perfís distintos dentro da empresa; invitacións a reunións cos nosos clientes ou provedores esixindo a súa aceptación; conexión coa axenda de contactos e Sincronización cos dispositivos móbiles

As persoas interesadas en participar neste taller poden inscribirse no mesmo mandando un correo ao enderezo oporrino.smartpeme@depo.es, chamando ao número de  teléfono 886 20 20 20 ou entrando no portal web SmartPeme  – www.smartpeme.depo.es.

Xa está activo o grupo de ‘Conversa en Alemán’ na Biblioteca Municipal do Porriño

Xa está activo o grupo de conversa en alemán na Biblioteca Municipal do Porriño. Se che interesa o idioma alemán, dende a biblioteca bótante unha man: xa podes ir aos grupos de conversa en alemán que se celebran todos os martes de 6 e media a 7 e media da tarde.

Non tes que inscribirte previamente: soamente tes que presentarte no horario indicado e intervir libremente co resto dos participantes.

Esta actividade está dirixida a persoas que xa teñan un certo dominio da lingua alemá, que queiran perder o medo a falar nese idioma, ou simplemente practicar os seus coñecementos nun ambiente distendido e informal. Non se trata de clases de idioma, senón un espazo no que conversar con outras persoas interesadas.

O grupo de conversa en alemán é un proxecto piloto que a Biblioteca Municipal pon en marcha pensando na programación anual de 2018. Polo de agora trátase dun grupo libre, sen presencia de coordinador e para o cal xa contamos con varios participantes. No caso de que a resposta dos usuarios e usuarias sexa axeitada, a Biblioteca Municipal incluirá un grupo de conversa coordinado con profesor na súa programación de 2018.

Novos obradoiros da Aula SmartPeme do Porriño, durante o mes de xullo

A aula de SmartPeme do Porriño organiza, ao longo do mes de xullo , distintas sesións de capacitación tecnolóxica gratuitas que terán lugar punto SmartPeme de referencia, situado no Multicentro do Concello en Torneiros.

Os obradoiros empezan o luns, día 3 de xullo, ás 7 da tarde con ‘Desenvolve a túa propia estratexia de e-mail marketing’; de seguido, o día 5, á mesma hora, ‘Redes sociais para a empresa – É Twitter a túa solución?’; seguirá  o xoves 13, tamén ás 7 da tarde, ‘Google Calendar, moito máis que unha axenda’; cinco días máis tarde, o martes 18, ás 19:00 h., ‘Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais’; o xoves, día 20, tamén ás 7,  ‘Comercializa os teus servizos a través das redes sociais’, e rematará o mércores 26, á mesma hora, con ‘Elixe a túa plataforma de comercio electrónico’

Para asistir ós eventos, pregámosvos que reservedes a vosa praza: para isto, tedes á vosa disposición as seguintes canles: elefónico:, chamando ao 886 20 20 20, por correo electrónico, no enderezo oporrino.smartpeme@depo.es, ou entrando na web  www.smartpeme.depo.es

Novos cursos de dinamización tecnolóxica na Aula CeMIT do Porriño

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Porriño celebrará cursos de dinamización de diversas temáticas.

Impartiranse actividades como “Iniciación á Informática”, “Iniciación a Internet”, “ Creación dunha conta de correo electrónico”, “Redes Sociais” ou “Procura de Emprego”.

A Aula CeMIT comeza a súa actividade cunha emitindo unha charla denominada “Aplicacións móbiles para coidar a túa saúde. Controla a túa actividade física e a túa alimentación co teu móbil ou tablet”; que se se celebrará o este venres día 30 de xuño, en horario de 11:00 a 12:30 horas.

Para poder participar é necesario inscribirse e pode facerse chamando ao seguinte teléfono 986348944.

Estas actividades da Aula CeMIT do Porriño desenvolveranse están destinadas tanto a cidadanía como a empresas e emprendedores. Ademais a aula conta co servizo de “aula aberta” mediante o cal a cidadanía pode acceder aos equipos con conexión a internet co apoio do persoal da aula.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades as persoas interesadas poden dirixirse á Aula CeMIT do Porriño, que está no Multicentro de Torneiros, entrar na páxina web https://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 986 348944, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.oporrino@xunta.es