Concello do Porriño, consorcio de empresarios de A Granxa e Zona Franca acordar retomar o proxecto dunha gardería no polígono industrial

A alcaldesa Eva García e directivos da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial de A Granxa retomaron o proxecto de construir unha gardería infantil. Nun recente encontro que mantiveron (ó que corresponde a foto adxunta) acordouse elixir a parcela 256-C para o que o pasado 4 de setembro “Zona Franca” solicitou do Concello de Porriño que confirmase que cabía darlle ese uso.
A proposta xa conta cos informes favorables da arquitecta e do secretario do Concello do Porriño polo que administración municipal e empresarios do polígono poden reemprender as xestións para acadar fondos económicos para a construcción da gardería.
O proxecto experimentou un pulo transcendental a partires da implicación do Consorcio da Zona Franca que cede a parcela e solicitou o cambio de uso que veñen de informar favorablemente os servizos técnicos municipais.
Agora corresponde ós empresarios do Polígono solicitar novamente a subvención da Xunta de Galicia pois renunciaran á que tiñan concedida de 200.000 euros por que non eran quén de acometer e rematar o proxecto anterior na data esixida pola administración autonómica que é o vindeiro 31 de outubro. Asimesmo corresponderá a Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial, a execución da obra e o seguimento da actividade.

A concelleira de Educación mantivo ante a Anpa da “Galiña Azul” de Torneiros e a representante da Xunta de Galicia que o Concello “cumpriu” coas obras de reforma

Lourdes Moure, concelleira de Educación asistiu esta tarde a unha reunión coas Anpas das garderías de Porriño. Un encontro no que apareceu Carmen García Campelo, xerente adxunta do Consorcio Galego de Servizos Sociais de Igualdade e Benestar, cuia participación non estaba prevista, a raíz do contencioso xurdido coa “Galiña Azul” de Torneiros.
A concelleira mantivo que o Concello do Porriño “ten cumprido co proxecto inicial de reforma que foi aceptado polo Consorcio con data 14 de agosto, case que un mes despois de que fora remitido polo Concello á Xunta de Galicia”.
Lourdes Moure repitiu que o Concello do Porriño “fixo en en dúas semanas esas obras de mellora pero o Consorcio comezou a poñer reparos, trabas e pedir máis cousas que non estaban no proxecto nin contaban con orzamento”. “A pesar de eses atrancos, o Concello vai rematar o sábado coas obras de reforma, incluidas as ampliacións exisidas polo Consorcio, e a partir do vindeiro luns 16, despois da limpeza xeral da gardería, a Xunta deberá decidir cando abre a Galiza Azul de Torneiros”, rematou Lourdes Moure.


A concelleira evitou entrar en polémicas nin con a presidenta e directivos da Anpa da “Galiña Azul” de Torneiros nin coa xerente adxunta do Consorcio.
Antes de abandonar a reunión unha vez explicada a versión do Concello de Porriño, a concelleira avisou á representante da Xunta de que “a partir de agora será a administración autonómica que é a titular da gardería, a que deberá de contratar e executar calquera outra obra ou mellora nesa instalación”, rematou Lourdes Moure.

O CEIP DE ATIOS ACOLLEU O ACTO OFICIAL DE APERTURA DO CURSO ESCOLAR 2019-2020 NO PORRIÑO

Lourdes Moure, concelleira de Educación presidiu hoxe o acto oficial de apertura do curso escolar na vila de Porriño. Para este curso 2019/2020 a previsión da comunidade educativa porriñesa é que estean escolarizados nos sete colexios, no centro Aceesca e nos dous institutos, unha cifra superior ós 3.000 rapaces e rapazas.
O acto de apertura se celebrou no CEIP de Atios, con asistencia de directores de centros docentes e representantes das Anpas. Roberto Devesa, director do colexio anfitrión nesta quenda, agradeceu ó Concello de Porriño, a Consellería de Educación e ós pais e nais de alumnos o esforzo común que realizaron para acometer as obras de mellora neste CEIP, tanto nas instalacións educativas como no pabellón deportivo.


Na mesma liña falou Fabián Vázquez, presidente da Anpa que instou a alumnos e profesores a manter un nivel permanente de esforzo.
Pola súa banda Lourdes Moure garantiu que o Concello de Porriño vai continuar coas políticas de apoio á comunidade educativa que “por certo coma esta de Porriño coido que non hai outra tan activa”, dixou.
“Imos seguir coa Semana Branca para que os escolares de todos os colexios do Porriño que o desexen vaian á neve como fixemos nos últimos catro anos nunha iniciativa pioneira neste concello”, manifestou Lourdes Moure que anunciou que se aumentará esa partida nos Orzamentos Municipais para o vindeiro ano.


Lourdes Moure lembrou ós presentes que Porriño é Cidade Amiga da Infancia “o que obriga a manter políticas activas a prol dos nenos que se plasmen nos plenos municipais infantis que seguiremos celebrando”. E por último a concelleira de Educación reivindicou os irmandamentos coas vilas de Fronçac (Francia) e Vrgorac (Croacia) para fomentar a aprendizaxe de francés e inglés para os nenos e nenas de Porriño.

Os concellos do Porriño e Tomiño colaboran na mellora das políticas de infancia nos seus territorios

Os Concellos de Porriño e Tomiño, ambos declarados “Cidades Amigas da Infancia” pola UNICEF, van colaborar mutuamente en políticas para os nenos e nenas nos seus territorios. Así estableceuse despois dunha primeira reunión de traballo que mantiveron na casa consistorial porriñesa.

A alcaldesa de Porriño, Eva García acompañada pola concelleira de Educación Lourdes Moure recibiron á Concelleira de Xuventude do Concello de Tomiño Fátima Rodríguez. Na reunión de traballo, na que participou tamén persoal técnicos de ambos concellos, acordouse compartir información, resolver dúbidas e por en común o traballo que se está a realizar en cada concello en materia de infancia.

A representación de Porriño explicou polo miúdo as boas prácticas que están a desenvolverse desde o Concello no ámbito da participación infantil e adolescente. A colaboración con Tomiño é unha posibilidade que pode implementarse noutras localidades para traballar de xeito coordinado con outros concellos que foron tamén recoñecidos en 2018 como “Cidades Amigas da Infancia” por parte de UNICEF, como por exemplo Redondela.

A alcaldesa inicia con “Nueva Pescanova” unha rolda de visitas a empresas asentadas nos polígonos industriais de Porriño

A Alcaldesa Eva García iniciou cunha reunión nas instalacións de “Nueva Pescanova” no polígono de As Gándaras, unha rolda de visitas ás principais empresas radicadas en Porriño que vai desenrolar ó longo deste mandato.

No encontro con Santiago Gómara, director da fábrica, tamén participaron Sergio Casal, concelleiro de Limpeza, Parques e Xardíns; Enrique Vaqueiro, xefe do gabinete da Alcaldía e David Sobral, xerente dos polígonos industriais de A Granxa e As Gándaras. 

Santiago Gómara trasladou á alcaldesa unha serie de peticións vencelladas con mantenemento do polígono, limpeza, estado dos viais como espazos de aparcamento, así como outras demandas máis complexas. Entre elas a posibilidade de ampliación da estrada de acceso ó polígono na curva que aparece nunha imaxe adxunta onde os camións pasan moi xustos, xusto antes da recta do polígono.

 

O Catrastro insta ó Concello de Porriño a acometer unha revisión pendente dende hai 34 anos

Fernando Baena, xerente da Oficina do Catastro para a provincia de Pontevedra, reuniuse hai uns días coa alcaldesa Eva García, membros do equipo de goberno e staff técnico do Concello para prantexar “a urxente necesidade de abordar unha revisión dos valores catastrais no termo municipal”.

Segundo as explicacións de Baena, o Catastro advirte ó Concello de Porriño de que o retraso en revisar a ponencia de valores que está vixente dende 1985, “constitue un agravio comparativo cos outros concellos da provincia xa que existe a obriga legal de revisión cada cinco ou dez anos”.

Durante estes 34 anos intentouse actualizar os valores catastrais no periódo 2003/2010 pero a proposta de revisión tumbouse por falla de apoio político pola maioría da corporación municipal.

Neste novo mandato, o equipo de goberno do Concello ante esta advertencia do Catastro convocará cando se reanude o novo curso político, á volta das vacacións, unha xuntanza de portavoces para trasladar este asunto ós voceiros dos restantes grupos municipais da corporación e procurar un consenso o máis amplo posible para afrontar a revisión catastral.

“Debería acometerse unha actualización dos valores catastrais que son os que se empregan para determinar o Imposto de Bens Inmobles (IBI)  tanto nas construccións urbanas como no rural así como nos polígonos industriais que non cotizan –agás no de As Gándaras- posto que resulta evidente que nestes 34 anos transcurridos Porriño medrou moítisimo tanto en poboación como en inmobles, particularmente nos asentamentos industriais existestes no termo municipal”, indicou a alcaldesa.

Nestas tres décadas transcorridas a poboación aumentou máis de 5.000 habitantes polo que Eva García engadiu  que “a máis veciños no Porriño, hai máis demanda de servizos públicos pero acontece que a maior fonte de financiación do Concello que son os ingresos por impostos, de xeito sobranceiro polo IBI, está menoscabada pola falta de actualización do Catastro” explicou a alcaldesa.

A xuizo de Eva García “a situación máis rechamante dase nos polígonos de promoción industrial (PPI´s) que proliferaron nestas tres décadas e que non cotizan IBI e por tanto as empresas radicadas neles non contribuen ni cumpren co principio de igualdade”, engadiu Eva García de la Torre. Tamén suliñou Eva García “a necesidade de correxir situacións de agravio comparativo como a que se da, por exemplo, entre Torneiros, unha das zonas máis deprimidas do termo municipal onde os veciños están a pagar percentualmente máis IBI que os veciños do centro de Porriño onde o valor de mercado das vivendas é indiscutiblemente moito maior”.

O Concello de Porriño recaudou en 2018 algo máis de 1,7 millóns de euros polo IBI. Estimase que a inclusión das numerosas altas que se producirían xunto coa actualizaciñon de valores podería supoñer triplicar esa recaudación o que redundaría en máis capacidade orzamentaria para atender e mellorar servizos para a comunidade. 

Afrontaráse neste verán unha reforma máis ambiciosa da Gardería de Torneiros

A alcaldesa do Porriño, Eva García e a concelleira de Educación, Lourdes Moure mantiveron unha reunión de traballo na gardería de Torneiros coa xerente adxunta do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Carmen García Campelo.
Neste centro, integrado na rede autonómica “A Galiña Azul”, tense que rematar os arranxos de pintura que quedaban pendentes dos efectos das inundacións de hai dous anos. Pero ademáis o Concello do Porriño propuxo acometer unha serie de obras de mellora e axeitamento das instalacións que acadaron o pleno acordo coa representante da Xunta de Galicia. Estas obras acometeránse durante o verán e serán costeadas polo Concello do Porriño con cargo á partida de cofinanciación.

Obradoiros na “SmartPeme” de Porriño para esta semana

Ó longo desta semana terán lugar dous obradoiros na “SmartePeme” de Porriño para que os interesados melloren o uso das novas tecnoloxías, nas instalacións do Multiusos de Torneiros.
Mañá martes o obradoiro tratará de “Pluggings de WordPress para mellorar a túa web”. En horario de sete da tarde ás nove da noite.
O xoves 18, tamén na mesma franxa horaria, impartiráse un obradoiro titulado “Emprego de video nas redes sociais: Youtube”.
Para os interesados (autónomos, emprendedores e microempresas) poden inscribirse: chamando por teléfono ó 886 202 020 ou enviando un correo a oporrino.smartpeme@depo.es

PLENO DE ORGANIZACIÓN DA NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL: HABERA SEIS ADICACIÓNS EXCLUSIVAS COAS MESMAS RETRIBUCIÓNS DO 2018

A Corporación Local de Porriño terá catro grupos políticos (PP, PSOE, BNG y EU Son) e un concelleiro polo grupo mixto que será Manuel Carrera. Conforme a lexislación vixente Carrera non pode constituirse en grupo político da UDDL por ter tan só un concelleiro.
Asimesmo determinaronse os voceiros de cada grupo: polo PP, Manuel Alejandro Lorenzo; polo PSOE, Lourdes Moure; polo BNG, Pedro Pereira; por EU Son Porriño, Pedro Ocampo y Manuel Carrera polo grupo mixto.
A sesión tamén determinou por maioría (PSOE, BNG, EU Son e Carrera) a periodicidade dos plenos corporativos que serán mensuais, o último mércores, ás 18 horas. Na semana anterior e tamén en mércores, terán lugar as reunións das comisións municipais informativas. En ambos puntos, o PP abstívose porque entendía mellor celebrar plenos cada dous meses e do mesmo xeito coas comisóns.
Finalmente haberá sete comisións informativas:
Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Infraestructuras
Economía, Fazenda e Persoal
Contas
Seguridade, Policía, Protección Civil e Mobilidade
Parques, Xardíns, Limpeza, Industria e Mercados
Deportes, Cultura, Xuventude e Festas
E finalmenete Servizos Sociais e Igualdade.
En cada comisión o PP terá 4 concelleiros; PSOE, 2; BNG, 1; EU Son, 1 e Grupo Mixto, 1.

O derradeiro punto da orde do día determinaba as adicacións e retribucións do mebros do goberno municipal.
Haberá 6 adicacións exclusivas que corresponden á Alcaldesa Eva García e ós concelleiros Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso, polo PSOE, e Pedro Pereira e Ana Belén Crespo, polo BNG como resultado do pacto de goberno que está prácticamente negociado entre ambas as dúas forzas políticas.

As retribucións dos membros do goberno municipal serán as mesmas contempladas no Orzamento Municipal en vigor sen o incremento que debería engadirse polo que determina o Real Decreto 24/2018. Ese natiz deu lugar a un debate intenso entre os voceiros do BNG e EU Son.
Finalmente Os votos dos 8 concelleiros do PP e os 2 de EU Son Porriño, derrotaron a proposta que votaban PSOE, BNG e Manuel Carrera.
Deste xeito e ata a elaboración dun novo orzamento Municipal, as retribucións dos membros do goberno serán as mesmas que tiñan en 2018.

Entrega da segunda edición do Premio Roberto Vidal Bolaño

O Concello de Porriño lembra que este sábado 29 terá lugar a entrega do II Premio “Roberto Vidal Bolaño” para textos teatrais inéditos, escritos en galego, dotado cun premio económico de 2.000 €.

O premio corresponderá a Ana Abad de Larriva pola obra “A sombra das árbores”, segundo o fallo do xurado, coñecido hai días, ó que se dará lectura durante a ceremonia. Comezará ás 19 horas no Instituto de Ensino Secundario Ribeira do Louro coas intervencións do escritor Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia; Delio García Represas, profesor do IES Ribeira do Louro, e Lourdes Moure, concelleira de Educación.

O Concello sumouse a partir deste ano á organización do certame que convocaron o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia. Precisamente a editorial asinará coa gañadora do premio o correspondente contrato para a edición da obra galardoada.