O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño estrea o seu propio perfil en Instagram

O obxectivo é ofrecer unha nova canle de comunicación coa poboación máis nova do concello e darlle maior visibilidade ao traballo realizado polo Consello Municipal da Infancia e da Adolescencia do Porriño que é un órgano de participación que ven funcionando nesta vila mesmo antes do seu recoñecemento como “Cidade amiga da infancia” por parte de UNICEF, dende 2018.

A iniciativa enmárcase nas actividades previstas para este mes de novembro en relación a conmemoración do Día dos Dereitos da Infancia, e que inclúe a dinamización da participación nos centros educativos, a participación dun representante do consello no encontro autonómico do día 17, a celebración dun pleno infantil o propio día 20 de novembro, e a iluminación da fachada do concello ese mesmo día.

Trátase dunha nova canle de participación na que nenas, nenos e adolescentes do Porriño poderán coñecer o traballo que realiza este órgano consultivo municipal, formado por representantes de todos os centros educativos do concello.

O perfil xa está activo en https://www.instagram.com/infanciadoporrino/ e para dalo a coñecer, dende a Concellería de Educación do Concello do Porriño e a Oficina de Información Xuvenil (OMIX) que son os impulsores desta iniciativa dos propios rapaces, organizaron unha votación. Trátase de elixir o que será o logotipo que represente ao Consello Municipal de Infancia e Adolescencia en cada un dos seus actos.

Para participar na votación teredes que seguir a este perfil en Instagram e comentar cal é o logotipo que máis vos gusta.

Exposición dos calacús de Samaín decorados por nenos e nenas do Porriño

 

A Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, coa ocasión do Samaín  anuncia que mañá sábado exporanse na rúas e nos arredores da Casa Consistorial, as cabazas decoradas por escolares de Primaria dos colexios do Porriño.

A temática  foi  libre e o material decorativo tamén. Non houbo restricións técnicas nin materiais, segundo informou a OMIX.

Os traballos xa rematados, un total de 205 cabazas, recolléronse hoxe venres en cada colexio participante.

Mañá sábado estarán expostos nas rúas da vila dende ás 12:00 ata ás 22 30 horas, a consecuencia da restrición horaria imposta polo toque de queda vixente na comunidade autónoma.
 
Entre as 22,30 e as 22,45 do sábado 31 de outubro, as/os nenas/nenos/pais/nais, que así o desexen poderán pasar a recuperar as súas cabazas. Por tratarse de pezas perecedoiras o concello non se fai responsable da súa integridade.
 
Os demais traballos serán recollidos por persoal do Concello para a súa posterior reciclaxe.

 

O IES Ribeira do Louro acolleu unha acción polo clima do programa “DepoRúARTE”

 

A alcaldesa Eva García e a concelleira de Educación, Lourdes Moure compartiron visita con Olga García, deputada delegada de Cohesión Social, ao Instituto de Ensino Secundario Ribeira do Louro onde presenciaron o resultado final dunha “Acción polo Clima” realizada por alumnos e alumnas.


A intervención artística formou parte das actividades promovidas pola Deputación Provincial a través do programa “DepoRúARTE 2020” que ten por finalidade levar a cabo actividades educativas e de lecer que reforcen a conciencia pública do colectivo xuvenil.
No caso da acción no IES porriñés, consistiu nun mural pintado nunha das paredes do patio do centro docente por 19 alumnas e alumnos do curso 3º A da ESO.

 

 

O “Pinta Muros” continúa o seu periplo polos centros docentes do Porriño

 

A actividade “O Pinta Muros” que promove o Concello do Porriño, a través da OMIX, segue o seu percorrido polos colexios e institutos do termo municipal. Hoxe fixo escala no CEIP de Atios onde os escolares pintaron un mural colaborativo co nome do centro docente nunha das paredes na zona dos patios que estaba moi deteriorada.

Lourdes Moure, concelleira de Educación e Noelia de la Fuente, responsable da OMIX acudiron a mediodía a presenciar a actividade.

  

“O Pinta Muros”, é unha iniciativa dirixida pola Concellería de Educación que se desenvolve en colaboración coa Asociación “Vella Escola”, programa a elaboración dun mural artístico colaborativo de 15m2 aproximadamente, con temáticas relacionadas coas problemáticas sociais actuais (igualdade, medio ambiente, ocio saudable…), usando unha metodoloxía que promove a participación activa da mocidade en iniciativas de ocio educativo inclusivo.

Desenvolvese ao longo deste mes de outubro,  dentro do horario lectivo ata acadar unha participación total de preto de 350  mozas e mozos con idades a partir dos 9 anos, de todos os colexios e institutos porriñeses e o centro de educación especial “Aceesca”.

 

A concelleira de Educación reclama á Xunta de Galicia información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes do Porriño


Lourdes Moure, concelleira de Educación reclamou no nome do Concello do Porriño á Xunta de Galicia “información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes da vila”.

A concelleira expresou “o malestar fronte á Consellería de Sanidade pola falta de información que temos sobre a incidencia do Covid no concello e particularmente na parte que me toca, na comunidade educativa”. Lourdes Moure lembrou que tivemos casos en dous centros, “Aceesca” e no CEIP “Fernández López” dos que “enterámonos de xeito extraoficial e a través de terceiros”, engadiu a concelleira.

Lourdes Moure manifestou que a súa Concellería tamén trasladará este malestar á FEGAMP para sumarnos aos demais concellos que tamén reclaman á Xunta de Galicia información diaria da incidencia do Covid nos nosos axuntamentos”.

Moure Varela lembrou que concellos como O Porriño “estamos a facer un esforzo orzamentario moi importante en asumir tarefas como a desinfección diaria de colexios e garderías aínda de que se trata dunha competencia impropia que asumimos pola seguridade dos nosos nenos e nenas”, rematou.

A concelleira de Educación entrega un lote de máscaras de protección aos centros de ensino da vila

A concelleira de Educación Lourdes Moure fixo entrega hoxe dunha partida de 1.500 máscaras de protección a distribuir entre centros de ensino da vila. Directores e representantes dos colexios Fernández López, Antonio Palacios, Atios, Ribeira, Budiño, Santo Tomás e Hermanos Quiroga; do centro de Aceesca e dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro acudiron ao salón de sesións do Concello onde fíxose a entrega.   

Trátase de parte do lote de 3.000 máscaras de protección enviadas polo Ministerio de Sanidade que corresponderon ao Concello do Porriño segundo o reparto que o Goberno Central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) acordaron. 

Por outra banda, a concelleira aproveitou o encontro para intercambiar impresións cos responsables dos centros educativos sobre o desenvolvemento das tarefas de desinfección de colexios e garderías que onte iniciou o Concello pese a tratarse dunha competencia impropia pois corresponderíalle á Xunta de Galicia.   

 

 

A concelleira de Educación, Lourdes Moure deu máscaras
O conselleiro aproveitou a reunión celebrada no salón de sesións do Concello para intercambiar opinións cos responsables dos centros educativos sobre o avance das tarefas de desinfección en xardíns de infancia e colexios que o Concello asumiu dende o 1 de outubro.

 

O Concello comeza a realizar as desinfeccións diarias nos colexios e garderías públicas que corresponderían á Xunta de Galicia


O Concello do Porriño comeza a partir de hoxe xoves, 1 de outubro, a realizar as desinfeccións diarias dos colexios públicos e das dúas escolas infantís segundo os protocolos anti-covid. Trátase dunha competencia impropia que o Concello realiza pero que non lle corresponde. De xeito que, como outros concellos limítrofes (Gondomar ou Nigrán), realizase polo axuntamento que despois facturará os gastos á Xunta de Galicia que é a administración que ten esa competencia.

A Concellería de Educación que dirixe Lourdes Moure decidiu asumir esas tarefas de desinfección “xa que ante todo, os nenos e nenas son porriñeses e o Concello non vai permitir que estean en situacións de risco”, manifestou.

A tal fin, realizouse un contrato menor para que unha empresa, “Limpezas Cíes”, faga a diario esas desinfeccións nas zonas comúns dos colexios públicos e da escola unitaria de Mosende así como nas “Galiñas Azuis” de Torneiros e rúa Doantes de Sangue.

A vixencia do contrato é ata mediados de decembro, ata que comecen as vacacións de Nadal nos centros de ensino.

3.000 máscaras enviadas polo Goberno Central distribúense polo Concello entre os colectivos máis vulnerables

Unha achega de 3.000 unidades de máscaras de protección enviadas polo Goberno de España segundo o acordo acadado coa FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), chegaron hoxe ao Concello do Porriño.

A Deputación de Pontevedra encargase da recepción e distribución das máscaras para que se repartan entre os concellos da provincia.

A indicación que realizan o Goberno de España e a FEMP é que se entregue este material para que sexa utilizado polos colectivos máis vulnerables xunto con operarios de limpeza, traballadores sociais e policías locais, entre outros. 

Os concelleiros do goberno municipal dos que dependen esas áreas de xestión reunironse esta mañá para recepcionar o envío e por conseguinte iniciar xa o reparto, segundo acordaron os Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso. 

O goberno municipal do Porriño quere amosar o seu agradecemento ao Goberno de España, á FEMP e á Deputación pola súa colaboración.

José Luis Baños de Cos, gañador do III “Premio Roberto Vidal Bolaño” instituido polo Concello do Porriño, Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro

José Luis Baños de Cos é o ganador da terceira edición do premio literario “Roberto Vidal Bolaño”, coa obra titulada “A cámara escura”. O galardón instituído polo Concello do Porriño, a Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro entregouse hoxe pola alcaldesa Eva García nun acto condicionado polos protocolos anti-covid, celebrado no salón de sesión do consistorio porriñés coa asistencia do galardoado.

Baños de Cos é orixinario de Cádiz pero leva asentado en Galicia dende hai anos por razóns de traballo e persoais e “ven de amosar un excelente coñecemento da nosa lingua” como ponderou o xurado do certamen.

Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e secretaria do xurado deu lectura á acta co fallo. O xurado valorou que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade; é un texto actual e eminentemente teatral xa que se lle pode sentir o pulso da escena”.

O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibiu un diploma acreditativo, unha escultura e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia, a partir do ano que ven.

Francisco Castro, director xeral da editorial aproveitou a súa intervención para agradecerlle ao Concello do Porriño “pola súa sensibilidade á hora de apoiar este premio. Hoxe sodes unha das capitais culturais de Galicia no que atinxe ao mundo teatral e por suposto no que é o teatro orientado á mocidade, Porriño ocupa o posto máis elevado”, segundo valorou o director xeral de Editorial Galaxia.

Lourdes Moure, concelleira de Educación que acolleu hai tres anos a proposta que lle trasladaron o Instituto Ribeira do Louro e a editorial, manifestou que “o Concello vai continuar realizando esta achega anual de 2.000 euros e ogallá sexa por moitos anos máis”.

Pechou o acto a alcaldesa que subliñou “o esforzo enorme” realizado polos gobernos municipais que preside dende hai cinco anos o que vencellou con iniciativas como o apoio do Concello a este premio. “Propuxemonos sacar ao Porriño da condición de erial cultural que era dotandolle dunha programación cultural mensual e diferencíada que hoxe calquera veciño pode comprobar e consultar na lona que poñemos na rúa peonil”, manifestou Eva García.