Lourdes Moure, concelleira de Educación inspeccionou hoxe xunto co enxeñeiro municipal e persoal do Parque de Bombeiros, o estado da cuberta do Colexio da Cruz, en Budiño. Dúas zonas do tellado do centro escolar supoñen un serio risco, segundo acreditou un informe da arquitecta municipal que o Concello xa remitiu á Consellería de Educación para que a Xunta de Galicia acometa a correspondente reparación. Tamén a dirección do Colexio solicitou formalmente á Consellería o arranxo urxente da cuberta.

Namentres hoxe procedeuse a sinalizar e valar a zona de máis risco ata que o venres se desmonte a cuberta, a partir das 10 horas. Persoal do parque comarcal de Bombeiros do Porriño en colaboración cos servizos técnicos municipais realizarán a desmontaxe das partes da cuberta que se atopan en peor estado.

A dirección do CEIP da Cruz notificará aos pais e nais de alumnos desta circunstancia e dos cambios nos itinerarios de entrada e saída do centro.