O Concello do Porriño iniciou a fase informativa cunha primeira reunión con diversas asociacións para explicarlles o proxecto sobre mocidade e cambio climático no abeiro do Programa de Desenvolvemento das Capacidades da Mocidade, xestionado directamente pola Comisión Europea e cun orzamento total de 150.000€.
O proxecto internacional liderado polo Concello de Porriño “inclúe accións de capacitación con cursos, seminarios e campamentos formativos, e accións de mobilidade coa organización de eventos no Porriño e nos países participantes que son Portugal, Cabo Verde e Mozambique”, segundo explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Fondos Europeos.
Moure Varela presidiu esta primeira reunión de traballo convocada a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e coa colaboración do profesor Amador Ordóñez, director do proxecto. Asistiron representantes das asociacións: Amas de Casa, “As Mimosas” de Carracido; Centro Cultural de Carracido; e representantes da entidade local menor de Chenlo, Casal Chan Budiño e San Xurxo de Mosende.
Xunto co Concello participan as ong’s ASPEA (Asociación Portuguesa de Protección Ambiental) e a mozambicana ASEJANA (Asociación para a Xuventude e Educación de Adultos de Nampula). Tamén o centro de ensino porriñés IES Ribeira do Louro en representación da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e finalmente a Universidade de Cabo Verde.
O proxecto denominado “EYFEC” (siglas en inglés de “Empowering Youth for Facilitating Ecological Transition”) ten como obxectivo empoderar á mocidade e ás institucións públicas e ás ong’s como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental sostible, obxectivo que cobra especial importancia no contexto actual de crise económica provocada pola pandemia sanitaria.