O Porriño acolle o Campionato de España de Drons de Carreiras

 

  • O alcalde Alejandro Lorenzo desprazouse ata a pista de aeromodelismo en Pontellas onde compite unha vintena de pilotos chegados de toda a xeografía española

O Porriño, 30 de agosto de 2025.- A pista de voo en Quintela, na parroquia de Pontellas, acolle dende a tarde de onte o Campionato de España F9U Drons de Carreiras. Trátase da segunda vez que O Porriño acolle esta competición, da man do Club de Aeromodelismo Furaventos, da que participan unha vintena de pilotos chegados de toda a xeografía española.

Na tarde de onte realizáronse as verificacións e adestramentos libres e xa na xornada de hoxe celebráronse, pola mañá, as probas clasificatorias e quedan para a tarde as mangas finais e posterior entrega de trofeos e premios.

“É un orgullo para O Porriño acoller de novo este campionato, un evento que pon en valor o traballo e a dedicación do Club Furaventos, que promove a paixón polo aeromodelismo e o deporte de precisión. Agradezo aos pilotos e organizadores pola súa implicación e moita sorte a todos nas probas finais. Seguiremos traballando para que O Porriño sexa un referente en eventos de este calibre e un lugar onde se fomente a innovación e o talento”.

A actividade do Club de Aeromodelismo Furaventos continúa a vindeira fin de semana, os días 6 e 7 de setembro, co Furaventos Meeting, un encontro internacional que reunirá a medio cento de pilotos de España, Francia e Portugal no que se exhibirán grandes avións.

O Concello do Porriño recibe ao Slot Club Porriño tras revalidar o título na Masterslot, a carreira de 24 horas máis importante do Scalextric en España

 

O Porriño, 27 de agosto de 2025.– O Concello do Porriño continúa sumando éxitos ao seu palmarés deportivo grazas ao Slot Club Porriño, que vén de proclamarse campión por segundo ano consecutivo da Masterslot, a proba de resistencia máis prestixiosa do panorama nacional de Scalextric, celebrada en Móstoles.

Por este motivo, o alcalde Alejandro Lorenzo recibiu onte no consistorio aos integrantes do equipo: Bruno Romero, Borja Romero e Álvaro Rodríguez, acompañados do fundador do club, Jorge Romero. Na recepción, o rexedor transmitiulles os parabéns por este novo logro deportivo, subliñando “o enorme mérito que ten gañar unha carreira de 24 horas, onde se poñen a proba non só a habilidade e a técnica, senón tamén a constancia, o traballo en equipo e a resistencia física e mental”.

O Slot Club Porriño, fundado en 2001, leva máis de dúas décadas promovendo o slot como disciplina deportiva no municipio. Os irmáns Romero, naturais de Budiño, levan vinculados ao club desde a súa creación e acumulan importantes títulos, especialmente en probas de Rallye-Slot, con varios campionatos de España no haber de Bruno. Pola súa banda, Álvaro Rodríguez, veciño de Ponteareas e membro do club desde 2016, é considerado o especialista en carreiras de resistencia e clave nas dúas vitorias consecutivas na Masterslot.

Na edición deste ano, o equipo logrou superar ao potente Zoo Slot italiano e aos cataláns de SRC Momo, cun cuarto integrante de luxo: o piloto catalán de raíces galegas, Besay Porta.

“O deporte, tamén nas súas disciplinas menos mediáticas, é unha ferramenta fundamental para educar en valores e xerar oportunidades para a nosa mocidade”, sinalou o alcalde. “Estes éxitos son froito dun traballo constante e dun compromiso que nos enche de orgullo como pobo”.

O Slot Club Porriño ten xa a vista posta no seu próximo reto: as 24 horas de Bruxelas, unha proba internacional na que buscarán seguir facendo historia.

Desde o Concello do Porriño queremos desexarlle ao Slot Club Porriño toda a sorte do mundo no seu próximo reto. Estamos convencidos de que, unha vez máis, levarán o nome do Porriño ao máis alto, demostrando que coa paixón, o esforzo e a dedicación, non hai meta inalcanzable.

O compromiso do Concello co deporte seguirá firme, apoiando tanto ás disciplinas tradicionais como a aquelas que, coma o slot, contribúen a enriquecer o tecido deportivo e social do noso municipio.

Tony Pérez álzase co ouro no Campionato Nacional de Flat Track

  • O alcalde Alejandro Lorenzo recibe a este veciño de Pontellas ás portas de subirse ao podio no acto de entrega de trofeos que se celebrará a vindeira fin de semana en Lisboa

O Porriño, 26 de agosto de 2025.- Fai uns meses, o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo desexáballe moita sorte a Tony Pérez Martínez de cara a súa primeira participación como federado nunha competición oficial de motociclismo e hoxe, cumpríndose todas as expectativas, recíbeo no Concello para felicitalo polo gran logro acadado.

Este veciño de Pontellas, de 34 anos, vén de gañar o Campionato Nacional de Flat Track 2025 que, dende maio ata xullo disputouse de norte a sur da xeografía portuguesa. Foi un calendario de seis carreiras puntuables e outras dúas extra, unha en abril a modo de apertura e outra, que se celebrará este domingo 31 de agosto, como broche de ouro, e na que Tony recibirá o seu trofeo como campión absoluto da categoría promo bike.

“É unha honra para O Porriño que un deportista como Tony, con esforzo, constancia e talento, poña o nome do noso Concello no mapa do motociclismo dentro e fóra das nosas fronteiras, demostrando que o traballo e a paixón poden levar a un moi lonxe”, sinalou o alcalde. Dende o Concello “seguiremos a apoiar aos nosos deportistas, fomentando a promoción e o impulso do deporte en tódalas súas modalidades, pois non só fomenta hábitos saudables, senón que tamén contribúe a crear unha comunidade máis unida e activa”.

Pola súa parte, Tony agradeceu ao alcalde a recepción e amosouse moi satisfeito dos resultados obtidos froito do esforzo e a dedicación na práctica do flat track, o que no noso país se coñece como dirt track e na que leva competindo os últimos catro anos, tempo durante o cal conseguiu xa un bronce e unha prata en campionatos galegos. Non se esqueceu tampouco de encomiar o apoio do Clube Motard de Chaves a través do cal participou neste campionato que se clausurará a vindeira fin de semana en Lisboa.

A Interrunning presenta un circuíto renovado, máis urbano e atractivo

  • A inscrición para esta carreira que unifica deporte, empresa e solidariedade segue aberta ata o día 17 de setembro

O Porriño, 22 de agosto de 2025.- A menos dun mes para a celebración da CAE Interrunning 2025, dende o Concello do Porriño anúnciase un cambio significativo no percorrido respecto de edicións anteriores. Un 40% do circuíto será novo, “mantendo o seu carácter rápido pero gañando atractivo visual, achegando a carreira ao corazón urbano do Porriño”, indican dende a organización da proba.

O novo trazado percorrerá as zonas recentemente acondicionadas polo Concello. Con esta modificación, a proba mantén a esencia que ha caracteriza dende os seus inicios: innovación, imaxe e excelencia organizativa. “O circuíto anterior converteuse en un dos 10K máis rápidos de Galicia, o obxectivo para este 2025 é conservar esa velocidade e fluidez, engadindo o valor dun escenario urbano máis atractivo e con maior visibilidade”.

A cita deste ano integra a que sería a terceira Carreira de Empresas de Galicia e a XIV edición de Interrunning, coas probas de 10 e 5 quilómetros, ademais das carreiras infantís e da tradicional andaina.

O alcalde Alejandro Lorenzo lembra que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario”. E é que parte dos fondos recadados destinaranse a Aceesca, Afaga e á Asociación Española contra o Cancro. “A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia.”

A día de hoxe son centos as persoas xa anotadas e dende a organización espérase acadar os dous milleiros. As inscricións seguen abertas a través da páxina web www.emesports.es ata ás 20.00 horas do día 17 de setembro.

A proba celebrarase o domingo 21 de setembro. Ás 09.30 horas arrancará a Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, ás 11.30 horas será a saída das competicións 5K e 10K, da cales se poderá participar de xeito individual, en parellas ou en equipo de tres e ás 12.45 e 12.50 horas celebraranse as carreiras infantís de Pitufos e Chupetes. Trala entrega de premios terá lugar unha “after run party” aberta a todo o público, con música, regalos e moito ambiente festivo.

A nova estrela do balonmán xuvenil ten selo porriñés

  • Nico Giráldez é recibido no Concello logo de proclamarse subcampión mundial en Exipto
  • O alcalde Alejandro Lorenzo pon de exemplo a súa traxectoria, “un espello no que nenos e nenas poidan mirarse”, destacando os valores da humildade, o compañeirismo e a superación

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- O Porriño segue sumando títulos deportivos. Nesta ocasión, gracias a Nico Giráldez, que vén de alzarse en Exipto coa medalla de prata no Mundial Xuvenil de Balonmán e dende o Concello non quixeron deixar pasar a consecución deste gran logro para recibilo e darlle persoalmente os parabéns. “É un orgullo enorme para todo O Porriño contar cun deportista como Nico, exemplo de esforzo, disciplina e compromiso. Mirámolo medrar dende as escolas deportivas municipais ata converterse nun dos mellores porteiros da súa xeración”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo durante a recepción oficial no Concello, na que tamén estivo presente o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, quen foi tamén o seu presidente no Balonmán Porriño.

Nico destacou como gardameta na Selección Española Xuvenil de Balonmán que caeu nos penaltis fronte Alemaña despois de que unha parada súa forzara a prórroga, “polo que a valoración do torneo é moi positiva, chegar á final era xa un dos nosos obxectivos, foi un gran soño para min e oxalá teña máis oportunidades de conseguir máis retos como este no futuro”, asegura este mozo porriñés que ven de cumprir a maioría de idade.

Nico agradeceu as palabras e o xesto cara a el, lembrando os seus inicios con tan só sete anos no Balonmán Porriño, onde militou ata a tempada 2023/2024, e co que tamén acadou importantes éxitos, como foi a fase final do Campionato de España Cadete Masculino, “débolle moito a este club”, asegurou. A curto prazo continuará, unha tempada máis, na capital pucelana combinando a súa militancia no Recoletas Atlético Valladolid á vez que comeza os seus estudos de Grao de Xestión Administrativa.

O exemplo de Nico é un dos moitos da aposta decidida  polo deporte de base. “Queremos que os nenos e nenas do Porriño vexan en Nico un espello no que mirarse; que saiban que con paixón e constancia pódese chegar moi lonxe, sen esquecer os valores que se aprenden no deporte: humildade, compañeirismo e superación”, subliña o alcalde remarcando o compromiso do Concello a seguir apoiando o deporte local e, por suposto, “a seguir de preto a traxectoria de Nico, que sabemos que aínda ten moitos éxitos por diante, e é que esta prata mundial é só o comezo”, concluíu.

O Concello do Porriño recibe a Álex “Coraje” Castro, campión galego de boxeo neoprofesional

  • O alcalde Alejandro Lorenzo trasladoulle os parabéns polo éxito logrado no Día de Galicia e moito ánimo para afrontar o novo reto para o cal se está a preparar, a conquista do Campionato Galego de Boxeo Élite

 O Porriño, 12 de agosto de 2025.- O palmarés deportivo do Concello do Porriño non deixa de medrar. Álex “Coraje” Castro é o autor deste novo éxito que se suma logo de proclamarse campión galego neoprofesional do peso wélter, nunha velada celebrada no Día de Galicia na que venceu a Arturo “El Vene” Pizza. Con tal motivo, o alcalde Alejandro Lorenzo recibiuno esta tarde na casa consistorial para trasladarlle os parabéns por este título destacando “non só o teu talento no ring, senón tamén a importancia de fomentar o deporte como motor de valores e oportunidades para a mocidade”.

Aos seus 24 anos, Álex, que vive no Porriño, combina o boxeo co seu traballo de repartidor. “Adestro a diario e cando teño competición a práctica deportiva duplícase. Hai que ser moi esixentes cun mesmo e constante para lograr os retos marcados”. Foi en Marín onde gañou o ouro da Open Internacional en 2023 e agora, na terceira fin de semana de setembro, volverá á vila mariñeira para disputar o Campionato Galego de Boxeo Élite no que se darán cita os mellores boxeadores de Galicia, competición na que Álex xa quedou subcampión e que nesta ocasión volverá loitar polo primeiro posto e así poder clasificarse para o Nacional. Dende o CKM Combat Academy aseguran que “é un orgullo para o club e un exemplo para os seus compañeiros, con traballo e disciplina todo chega e o mellor está por vir”.

A promoción do deporte sigue sendo unha prioridade para o Concello do Porriño, pois representa unha vía para mellorar a calidade de vida e ofrecer novas oportunidades á mocidade. “O éxito de deportistas como Álex é un exemplo claro de que, cando se aposta polo talento, a perseveranza e os recursos necesarios, os logros e os resultados non tardan en chegar”, conclúe o alcalde.

Volve o Memorial Julio Gilsanz ao pavillón municipal do Porriño

  • O torneo, do que participarán catro equipos europeos, disputarase mañá, venres 8, e o sábado 9, con encontros ás 18.00 e ás 20.00 horas.
  • O alcalde Alejandro Lorenzo destacou no acto de presentación que serán dúas xornadas de altísimo nivel cheas de balonmán e sentimento

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- Honrar á figura de Julio Gilsanz, fundador do Club Balonmán Porriño e presidente do mesmo durante moitos anos, é o obxectivo co que o Concello do Porriño organiza, en colaboración coa Federación Galega de Balonmán e o propio club porriñés, o Memorial Julio Gilsanz, un torneo que neste 2025 chega á súa segunda edición coincidindo co segundo aniversario do seu pasamento.

A casa consistorial acolleu esta mañá a presentación deste evento “que vai máis alá da competición deportiva e representa a memoria viva dunha persoa que deixou unha fonda pegada no noso deporte, tanto polos seus valores humanos como pola súa paixón polo balonmán”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo. E de xeito paralelo, este torneo “será unha oportunidade única para ver en acción a grandes equipos europeos, por iso animamos a toda a veciñanza e aos amantes do balonmán a que se acheguen ao pavillón municipal para desfrutar dun torneo de altísimo nivel. Van ser dúas xornadas emocionantes, cheas de balonmán e sentimento.”

O presidente do Club Balonmán Porriño, Abel Estévez, incidiu na finalidade de “recoñecer con este evento o labor do que foi fundador deste club e manter o seu recordo nas novas xeracións”. O tamén concelleiro de Deportes, remarcou que “Julio foi un namorado do balonmán e do deporte en xeral” lembrando que foi directivo do Porriño Industrial FC. Ismael Martínez, adestrador do Club Balonmán Porriño, fixo una valoración da importancia do memorial a nivel técnico e Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, sinalou que dende a FGBM seguirán traballando para apoiar iniciativas como esta. Pola súa parte, Alicia Campo, capitana do Club Balonmán Porriño, destacou a importancia de disputar este memorial a modo de preparación de pretempada.

Son catro os equipos participantes e catro tamén os partidos que se disputarán no pavillón municipal. Ao club anfitrión, que lembremos é o actual subcampión de Europa, acompañarano o Mecalia Atlético Guardés (subcampión da EHF Cup tempada 2022/23), o Rocasa Gran Canaria (campión da EHF Cup nas tempadas 2015/16, 2018/19 e 2021/22) e o ABC Braga (participante na EHF Cup na tempada 2025/26). Mañá venres, ás 18.00 e ás 20.00 horas celebraranse as semifinais nas que se enfrontarán o Guardés contra o Gran Canaria e o Porriño contra o Braga. Xa o sábado, ás mesmas horas, disputarase o terceiro e cuarto posto e a gran final. A entrada é gratuíta.

Asistiron tamén ao acto de presentación Graciela Domínguez e José Luis Gilsanz, muller e irmá de Julio Gilsanz, e Manuel R. Novoa, director do Colexio Marcote, patrocinador do memorial.

O acto de presentación deste memorial serviu tamén para presentar a nova imaxe corporativa do Club Balonmán Porriño. Foron César Martínez e Beatriz Arias, representantes da empresa Juanita Banana, os responsables de explicar o cambio de nome ao galego, o deseño do escudo e logo e a páxina web.

O alcalde pechou o acto reafirmando a aposta do Concello do Porriño polo deporte. A través de eventos como o Memorial Julio Gilsanz, o municipio segue a impulsar iniciativas que fomentan a participación, o espírito deportivo e a memoria das figuras que foron claves no deporte local.

Noelia Mouriño desfruta no Porriño da súa medalla de ouro antes de cruzar o Atlántico

  • O alcalde Alejandro Lorenzo recibiu á pivote porriñesa que vén de lograr o Campionato de Europa Sub-18 coa Selección Española de Baloncesto e apura os últimos días na súa terra natal antes de viaxar aos Estados Unidos

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- Noelia Mouriño fóra recibida fai xusto un ano no Concello do Porriño por gañar o bronce coa Selección Española de Baloncesto no Mundial Sub-17 disputado en México e hoxe volve á casa consistorial despois de lograr o ouro de Europa Sub-18 e a piques de cumprir o seu soño na Universidade de San Francisco.

O alcalde Alejandro Lorenzo trasladoulle a esta moza de 18 anos e veciña de Torneiros os seus parabéns polo incremento do seu particular palmarés “o cal seguro, co mesmo esforzo e dedicación, seguirá medrando alá por onde vaias”. Neste sentido, o rexedor desexoulle moita sorte nesta nova etapa que comezará logo duns días de descanso na súa terra natal. Noelia que xa na visita do pasado verán anunciaba que a súa carreira deportiva transcorrería posiblemente nos Estados Unidos, de onde xa estaba a recibir chamadas de universidades que estarían dispostas a outorgarlle unha beca e contar con ela nos seus equipos, confesa que tivo unha oferta de Texas pero que finalmente despois de escoitar a experiencia doutras xogadoras españolas decidiuse por San Francisco, a onde irá coa súa compañeira de selección Aina Cargol.

“Para nós é un orgullo contar con mozos e mozas como Noelia, que levan o nome do Porriño por todo o mundo co seu talento, esforzo e valores. Esta medalla de ouro é un recoñecemento ao seu traballo, pero tamén unha inspiración para toda a nosa mocidade”, remarcou o alcalde.

Noelia representa o espírito de superación e traballo en equipo que distingue aos grandes deportistas e desde o Concello do Porriño deséxanlle todo o éxito na súa nova etapa nos Estados Unidos, seguros de que seguirá a acadar grandes fitos.

Sergio Fernández Bacelo suma un novo mérito ao palmarés do Concello do Porriño

  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiu a este deportista veciño de Torneiros que vén de conseguir en Madrid a medalla de ouro en absoluto GI

O Porriño, 6 de agosto de 2025.- Sergio Fernández Bacelo suma un novo logro para o palmarés do Concello do Porriño. Trátase das medallas de ouro en absoluto GI e ouro no seu peso GI, sen perder ningunha loita en No GI, no Campionato Grappling Industries 2025. 

Con tal motivo, o alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiuno na casa consistorial nun encontro no cal lle trasladou os seus parabéns polos méritos acadados e a súa traxectoria exemplar no ámbito deportivo. “Son moitos os deportistas que conseguen méritos e postos destacados nas diferentes modalidades e especialidades no ámbito do deporte”, sinalaba o alcalde. “Para nós é unha honra que todos vós levedes o nome do Porriño en tódalas competicións nas que participades polo mundo enteiro. E logros como os de Sergio son unha mostra de que o esforzo, a dedicación e o compromiso, son exemplo e motivo de orgullo para todo O Porriño”.

Sergio, de 24 anos e veciño de Torneiros, leva cinco anos practicando de xeito profesional o jiu jitsu e para el recibir este recoñecemento por parte do seu concello “é un orgullo inmenso. Este tipo de xestos dan moita forza para seguir adiante, mellorando e loitando por novos retos. Agradezo este detalle, que comparto con todas as persoas que me apoian no meu día a día. É un recordatorio de que o esforzo, a disciplina e a paixón polo deporte sempre teñen recompensa”, asegurou o deportista.

Con este acto, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co deporte, recoñecendo públicamente os logros da súa veciñanza.

O Porriño homenaxea a Paula Salinas tras acadar o bronce coa selección española no Mundial Sub-19 de baloncesto

 

  • Canteirá do Porriño Baloncesto Base desde os cinco anos, fixo historia co conxunto español ao impoñerse a Canadá por un axustado 70 a 68 no partido polo terceiro posto.

O Porriño, 24 de xullo de 2025.– A Casa Consistorial do Porriño foi escenario hoxe dunha recepción institucional organizada polo Concello en homenaxe a Paula Salinas, tras o seu recente éxito internacional coa selección española sub-19 de baloncesto, coa que conquistou a medalla de bronce no Mundial celebrado na República Checa.

Paula Salinas, canteirá do Porriño Baloncesto Base desde os cinco anos, e actualmente xogadora do Celta Femxa Zorca, fixo historia co conxunto español ao impoñerse a Canadá por un axustado 70 a 68 no partido polo terceiro posto. A selección española foi, ademais, o único equipo europeo en meterse nas semifinais, nun torneo de altísimo nivel competitivo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de recibir á xogadora e de felicitala en nome de toda a veciñanza. No seu discurso, o rexedor destacou que “Paula non só é unha gran deportista, senón tamén unha rapaza comprometida, que leva O Porriño no corazón e que nunca perdeu o vínculo coa súa vila. É un orgullo para todas e todos nós ver como unha canteirá chega tan alto grazas ao seu traballo, á súa constancia e á súa paixón polo baloncesto”.

Durante o acto, Paula recibiu unha placa conmemorativa por parte do Concello e mostrouse agradecida polo recoñecemento recibido. Asegurou sentirse emocionada “por todo o apoio que sempre recibín da miña familia, do club, da miña xente, e agora tamén do Concello. É moi especial volver á casa e sentir tanto cariño despois dunha experiencia tan intensa como foi o Mundial”.

No seu percorrido deportivo, Paula Salinas consolídase como unha das promesas máis firmes do baloncesto feminino español. Medalla de prata no Europeo Sub-16 de 2023, foi dúas veces campioa galega júnior, liderou un ascenso á Liga Feminina 2 e foi elixida mellor xogadora galega de formación na tempada 24/25. Integra a dinámica do Celta de Liga 1, con participación en partidos oficiais, e vén de asinar o seu primeiro contrato profesional para xogar en Liga Challenge na 25/26.

Na vindeira tempada, a xogadora porriñesa incorporarase ao Celta Zorka, que competirá na Liga Challenge tras descender esta campaña da Liga Feminina 1.

O acto rematou coa presenza de membros da corporación municipal e familiares da xogadora, que arrouparon a Paula nesta homenaxe. Desde o Concello, reafirmouse o compromiso co deporte base, coa igualdade no deporte e co apoio ao talento local, impulsando políticas que favorezan a continuidade de traxectorias como a de Paula Salinas.