Aberta a inscrición para a “I San Silvestre Solidaria Concello do Porriño”

O Concello do Porriño anuncia a apertura das inscricións para a primeira edición da carreira “San Silvestre Solidaria” que se disputará o 30 de decembro.
Terá un percorrido moi accesible, urbano, de tan só 3 quilómetros e estará aberta a todas as idades.
O comezo da carreira será ás 20.00 horas con saida desde a praza do Concello. Todos os corredores/as deberán colocarse na zona de saída alomenos 10 minutos antes do comezo da proba.

Persíguese un fin solidario de xeito que todos os corredores/as deberán traer 1 kilo de alimentos non perecedeiros, que se destinarán ó Banco de Alimentos. Haberá unha estancia debidamente sinalada para deixar os produtos.

No que atinxe os premios, haberá agasallos para o corredor/a máis lonxevo; para os que terminen nas seis posicións elixidas o azar (comunicaranse por esta canle as posicións antes da proba). E tamén serán galardoados o primeiro corredor e primeira corredora do Concello do Porriño.

O peche das inscricións rematará o 25 de decembro.
Para realizar a inscrición hai que entrar no seguinte enlace

https://carreirasgalegas.com/…/37916098-26ce-d3d2-3711-39f1…

Rematou o soño do CD Pontellas: caeu eliminado en Tolosa na previa da Copa do Rei

O CD Pontellas caeu eliminado esta noite no estadio de Berazubi fronte o Tolosa CF que gañou por 1-0.
O único tanto acadouno o equipo local no minuto 61. Os intentos dos xogadores do club porriñés por empatar foron infructuosos.
Deste xeito remata a traxectoria do “Tellas” nesta ronda previa da Copa do Rei que supuxo un premio engadido ao feito histórico do ascenso a Terceira despois de proclamarse campeón do seu grupo de Rexional Preferente na tempada pasad. Un premio, ainda que moi oneroso para a economia do club que solicitou e recibiu unha achega económica extra do Concello, de 4.000 €, para afrontar os gastos que acarreou participar nesta ronda previa.

O equipo, cadro técnico e directivas partiron anoite, ó remate do partido, en viaxe de volta cara a Pontellas. 

 

O PONTELLAS PARTIU DE VIAXE A TOLOSA ONDE MAÑÁ CONFIA EN SEGUIR FACENDO HISTORIA

A plantilla do CD Pontellas partiu ás 10,30 horas en autobús cara a Tolosa onde mañá mércores confía en seguir facendo historia. Teñen por diante unha viaxe de preto de 10 horas, cunha parada en León para comer.


O equipo da pequena parroquia porriñesa de apenas 2.000 habitantes xogará contra o Tolosa a eliminatoria previa da Copa do Rei que este ano habilitou a RFEF como premio ós equipos campeóns dos seus respectivos grupos de Rexional Preferente que ascenderon a Terceira División.
Caso de superar esta previa en terras vascas, o “Tellas” tería na seguinte ronda un emparellamento cun equipo de Primeira División –agás os catro que están a xogar na Champions League-.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Deportes, David Alonso acudiron ó campo de San Campio, lugar de reunión e partida da expedición, para desexar sorte e ánimo ós xogadores, cadro técnico e directiva do CD Pontellas.
Eva García dixoulles que disfrutarán “do momento histórico que estades a vivir que xa ninguén vai quitarvos”.
Hai una semana, David Alonso, concelleiro de Deportes informou que o goberno municipal porriñés acordou outorgar unha achega extraordinaria de 4.000 € ó C.D. Pontellas. Tratase dunha aportación especial, a maiores da subvención anual que o Concello de O Porriño ten conveniada con C. D. Pontellas.
A presidenta do club local, Marta Costas tiña solicitado nunha reunión recente coa alcaldesa e co concelleiro de Deportes axuda económica e loxística do Concello debido ós gastos extraordinarios que lle supón a este modesto club afrontar a súa histórica participación na Copa do Rei.

A maioría da corporación acorda deixar enriba da mesa a decisión sobre o terreno para o centro de formacion de “Aceesca”

A maioría da corporación municipal cos votos do PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera acordou deixar enriba da mesa a decisión sobre o terreno que solicita a asociación “ACEESCA” para construir o seu centro de formación dual.
Fronte a proposta do Partido Popular que pretendía que se acordara hoxe a cesión do solar de propiedade municipal no Polígono Industrial de A Granxa, os demáis grupos consideraron máis axeitado “tratar o asunto coa serenidade necesaria e barallar todas as posibilidades”, segundo manifestou Pedro Pereira. O voceiro do BNG adiantou que “en canto asuma as miñas futuras delegacións no goberno municipal, falaremos con “ACEESCA”, cos veciños de Casal-Budiño e miraremos a posibilidade do terreno do polígono que podería valer pero tamén pode haber outras opcións máis acaídas”.
Nesa mesma liña a alcaldesa Eva García abogou por “rebaixar tensións, tender pontes e retomar o diálogo entre esta Alcaldía e Aceesca que non pasa polo seu mellor momento”.
A alcaldesa anunciou que en virtude do pacto de goberno municipal “a decisión final sobre o terreno adoptaráse pola corporación xa que delegarei no pleno as decisións sobre venda, permuta ou cesión de terrenos e patrimonio municipal”.

A sesión plenaria foi de carácter extraordinario, solicitada pola oposición para instar a execucion de diversos expedientes de licitación como piscina municipal, recollida e transporte de lixo; servizos de informática, telecomunicacións; suministro eléctrico e mediateca municipal. O goberno municipal informou do estado de tramitación dos diversos expedientes. O voceiro popular, Manuel Alejandro Lorenzo e voceira do grupo socialista, Lourdes Moure protagonizaron a meirande parte dos debates.
Precisamente outros dos acordos deste pleno, adoptado por unanimidade foi solicitar a comparecencia de Lourdes Moure, na sua condición de concelleira de Fazenda, Persoal e Seguridade que se producirá na seguinte sesión plenaria que celebre a corporación. Solicitaselle que informe da operación de renting para a renovación do parque móvil municipal e das adquisicións polo Concello do local para a futura sede da UNED e doutros catro locais máis na rúa Antonio Palacios.

O Concello recoñece a atleta e funcionaria municipal Ana Belén Gómez polo seu papel na Maratón de Chicago

Ana Belén Gómez recibiu hoxe de mans de David Alonso, concelleiro de Deportes, unha metopa que recoñece o papel que fixo a atleta porriñesa na recente maratón de Chicago. Ana Belén, que é ademáis funcionaria municipal, fixo unha marca de 3 horas, 10 minutos e 13 segundos para completar os 42 kilómetros.
Finalizou decimoquinta no seu grupo de idade e como primeira española. Hai que lembrar que nesta pasada “2019 Chicago Marathon Bank of América” compitiron 45.000 corredores, perto da metade mulleres.

“O crono que fixo é dunha marca excelente para unha atleta senior; hai que ter en conta que o record de España feminino absoluto está en 2:26:51” ponderou David Alonso.
Ana Belén Gómez ten 45 anos, leva 5 adicada ó maratón e para preparar a proba de Chicago disputada o pasado 13 de outubro, fixo unha preparación específica durante os 4 meses anteriores. Antes de adicarse ó atletismo fixo baloncesto e montañismo. No Concello de O Porriño traballa no departamento da Secretaría Xeral.

O GOBERNO MUNICIPAL ACADA DESBLOQUEAR O PAGO DE FACTURAS

O goberno municipal de Porriño cos votos dos concelleiros do PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera acadou desbloquear parte dos pagos pendentes de facturas que se viñan arrastrando desde hai tempo. Do total que se levaba a aprobación plenaria acadouse aprobar ós pagos de case que 1,7 millóns.
Os acordos económicos foron o aspecto máis sobranceiro do pleno municipal ordinario de outubro que se celebrou onte anoite cunha duración de tres horas e media e vinte asuntos na orde do día.
A tal fin aprobaronse dous créditos extraordinarios para ir pagando 1.738.000 euros de facturas da conta 413 e para abonar 473.000 euros de facturas que xa contan con sentencias xudiciais favorables.
Ademáis aprobouse outro crédito extraordinario por importe de 468.000 euros para satisfacer a débeda con “Eulen” pola prestación de servizos na piscina municipal.
Mediante os acordos plenarios aprobados na sesión de onte anoite, serán pagadas asimismo unha primeira remesa de facturas incluídas na conta “413”. Abonaránse 389.000 € polos traballos de descontaminación do lindano; 202.000 € a “Naturgy” por suministros eléctricos; 119.000 € a “Eulen” por traballos na piscina municipal e 10.800 € ó Consorcio de Augas do Louro.
A cantidade restante ata completar a partida de 1.738.000 euros quedou pendente de completar os informes para ser levada en breve a un pleno extraordinario que se celebrará no vindeiro mes de novembro segundo anunciou Eva García, alcaldesa de O Porriño.

No transcurso do pleno aprobouse por unanimidade, de xeito definitivo, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Porriño feito que agradeceron funcionarios municipais presentes no salón de plenos cun aplauso ós corporativos.

Tamén aprobaronse por unanimidade a adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF); os costes do servizo de recollida de lixo así como do Punto Limpo do Concello do Porriño e a partida orzamentaria para os salarios dos membros do goberno municipal (modificación da base 27 dos orzamentos do Concello). Precisamente nesta sesión tomou posesión do seu escano e estreouse a nova concelleira do BNG, Cami Moreira.

Polo contrario quedou pendente a ratificación da adxudicación do servizo de limpeza viaria á firma “Ascan” que será levada a un próximo pleno municipal.

Noutra orde de cousas acordouse nomear ós representantes do Concello de O Porriño para a Comisión Especial de deslinde co Concello de Mos. Finalmente a proposta da alcaldesa e coa conformidade dos restantes grupos municipais, o PP integrará unha concelleira, Antía Carrera á devandita comisión. Os restantes representantes serán Eva García (PSOE), Pedro Ocampo (EU Son), Pedro Pereira (BNG) e Manuel Carrera (UDDL), todos eles ratificados polo pleno corporativo.

Entre as mocións debatidas aprobouse por maioría a proposta por EU Son para revisar o contrato de renting para renovación do parque móbil municipal ainda que o asunto quedou supeditado a comparecencia da concelleira de Seguridade nun vindeiro pleno extraordinario que se vai celebraro o mércores 6 de novembro. Tamén por maioría acordouse implementar unha achega extraordinaria ó Porriño Baloncesto Base así como ós clubs de futbol de Mosende e Budiño e á asociación de enfermos de silicose.
E por unanimidade a corporación porriñesa acordou solicitar á Consellería de Educación a reforma integral ou ben a construcción dun novo edificio para o CEIP Fernández López que xa ten 40 anos de antiguidade.

O vindeiro pleno municipal abordará o pago de 2,7 millóns de euros en facturas e a nova comisión de deslinde con Mos

Vinte asuntos conforman a orde do día do vindeiro pleno ordinario da Corporación Local de O Porriño que se celebrará o mércores 30 de novembro, a partires das 18 horas. Entre os asuntos que se levan a pleno municipal figura o pago de facturas a proveedores e por servizos por un importe global de preto de 2.700.000 euros.
Por outra banda o pleno deberá elixir os representantes do Concello de O Porriño na nova comisión especial de deslinde co Concello de Mos. O PP non contestou ó requerimento de Secretaria nin realizou proposta alguna de xeito que os representantes de O Porriño serán Eva García (PSOE), Pedro Ocampo (EU Son), Pedro Pereira (BNG) e Manuel Carrera (UDDL), que deberán ser ratificados polo pleno corporativo.

Asuntos económicos
O pago de débeda será asunto sobranceiro. A tal fin propónse a aprobación definitiva de dous créditos extraordinarios para aboar 1.738.000 euros de facturas da conta 413 e para pagar 473.000 euros para facturas que xa contan con sentencias xudiciais favorables.
Ademáis propónse para aprobación inicial, un crédito extraordinario por importe de 468.000 euros para satisfacer a débeda con “Eulen” pola prestación de servizos na piscina municipal.
Asimesmo levanse a pleno a ratificación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Porriño que xa fora aprobada inicialmente en maio polo pleno municipal. E tamén vai a ratificación da partida orzamentaria para os salarios dos membros do goberno municipal (modificación da base 27 dos orzamentos do Concello). Precisamente nesta sesión tomará posesión do seu escano, a nova concelleira do BNG, Cami Moreira.

Adxudicacións e mocións
Tamén se leva a aprobación os costes do servizo de recollida de lixo así como do Punto Limpo do Concello do Porriño. Tamén a ratificación da adxudicación do servizo de limpeza viaria á firma “Ascan”. E asimismo vai a adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF).
Finalmente van cinco mocións. Entre elas o grupo EU Son pide unha revisión da operación de renting de renovación do parque móbil municipal. E o PP pide un incremento de partidas orzamentarias para clubs deportivos.

Adxuntamos a orde do día con todos os asuntos 

O Concello estuda colaborar co CD Pontellas para a viaxe do plantel a Tolosa para a eliminatoria da Copa do Rei

Marta Costas, presidenta del CD Pontellas mantivo hoxe na Alcaldía unha reunión con Eva García e co concelleiro de Deportes, David Alonso. A directiva solicitou axuda económica e loxística do Concello para afrontar a histórica participación do CD Pontellas na Copa do Rei. O equipo local deberá xogar unha eliminatoria a partido único o vindeiro 13 de novembro contra o Tolosa.
A alcaldesa e o concelleiro de Deportes comprometeronse coa presidenta do CD Pontellas a que o Concello estudará a viabilidade de sufragar co cargo ó erario municipal, a viaxe e aloxamento do plantel en terras vascas.
Lembremos que no caso de superar esta previa, o CD Pontellas xogaría na seguinte ronda da Copa do Rei contra un equipo de Primeira División que tería que vir a Porriño. O teórico rival non sería ningún dos catro que están a xogar a Champions League (Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid ou Valencia).

O Concello do Porriño subvencionará con 3.000 e anuais ó piloto Yago Martínez, campeón de España de motocross sub 18

David Alonso, concelleiro de Deportes anunciou hoxe que o Concello subvencionará cunha achega de 3.000 euros anuais ó piloto porriñés Yago Martínez, campeón de España de motocross sub 18.

O piloto local, orixinario de Atios, acudiu hai dúas semanas ó Concello do Porriño, acompañado do seu pai para tratar co concelleiro David Alonso e co xefe do servizo de Deportes, Julio Bernárdez de esa posible colaboración municipal con este xoven deportista.
Yago Martínez proclamouse campeón de España sub18 de Motocross na tempada que rematou en setembro pasado coa undécima proba do calendario disputada en Molina de Segura (Murcia).
Yago corre con moto “Yamaha” pero non é piloto oficial polo que a súa familia costea os seus gastos co apoio de alguns patrocinadores.
O concelleiro de Deportes decidiu unha achega municipal de 3.000 euros anuais para que este piloto inclua no seu mono, casco ou gorra publicidade de “Porriño, O Concello do deporte”., segundo comunicou David Alonso.

C.D. Pontellas xogará por primeira vez unha eliminatoria da Copa do Rei o vindeiro 13 de novembro

Na sede da RFEF celebrouse onte o sorteo dunha ronda previa da Copa do Rei na que por primeira vez entran equipos de Rexional Preferente que se proclamaron campeons dos seus respectivos grupos e acadaron o seu ascenso automático a Terceira División.
Deste xeito o CD Pontellas entrou no bombo e quedou emparellado contra o Tolosa.
A eliminatoria é a partido único e se celebrará o 13 de novembro. O sorteo estableceu que o encontro sexa en terras vascas. O concelleiro de Deportes, David Alonso anunciou que viaxará ata Tolosa para acompañar e apoiar o representante porriñés.
Se o CD Pontellas superase esta previa, tocaríalle xogar na seguinte ronda cun primeira. Están exentos os catro grandes que compiten Champions League (R.Madrid, Barça, Atlético de Madrid y Valencia).
O sono do equipo porriñés sería que no vindeiro sorteo fose emparellado cun primeira de tirón como Sevilla, Atletic de Bilbao ou mesmo o Celta, por exemplo.