Comisión municipal anti-Covid: ante a melloría dos datos, amplíanse aforos deportivos e reabriranse os parques infantís

O goberno municipal porriñés, á vista da melloría que reflicten os datos de contaxios e incidencia da pandemia, decidiu aliviar algunhas das restricións existentes. Hoxe o SERGAS comunicou que no Porriño os novos contaxios baixaron a 39 casos activos aínda que seguimos cunha incidencia acumulada de máis de 150 e menos de 250. 

Entre as novas medidas, o Concello acordou:

-Ampliar os aforos nos eventos deportivos. En pavillóns e recintos pechados, haberá 250 espectadores. Nos campos de fútbol e recinto ao aire libre, permitiranse 500 espectadores, medida que poderá estrear mañá martes o C.D. Pontellas no seu campo, coa ocasión do partido de Liga de Terceira División contra o Arenteiro.

– Reapertura de todos os parques infantís que leven pechados dende o 22 de outubro. Estes recintos de xogo volverán a estar dispoñibles a partir do venres 11, segundo indicou o concelleiro responsable, Sergio Casal.

Estas medidas comentáronse hoxe pola alcaldesa Eva García cos representantes dos grupos políticos da corporación e demais membros que forman a Comisión Municipal de Seguimento da Covid.

Tamén lembrouse que mañá martes volverá a celebrarse o mercado semanal, despois de seis semanas de suspensión aínda que coa metade dos postos.

Hernán Sío e demais membros do club Ximnasia Porriño recibidos no Concello

O Concello do Porriño rendeu hoxe unha recepción de recoñecemento aos membros do Club Ximnasia do Porriño encabezados polo infantil Hernán Sío que ven de proclamarse subcampión de España de ximnasia rítmica, na proba celebrada en Valencia,

 


Na recepción ofrecida por David Alonso, concelleiro de Deportes participaron tamén outros integrantes do club que tiveron unha sobranceira participación no campionato nacional.

O goberno municipal levará a licitación o novo contrato da Piscina Municipal

 

Este xoves o Concello do Porriño celebrará cinco comisións municipais informativas preparatorias do vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o día 25. As comisións están convocadas entre as 19 e as 20,30 horas e serán telemáticas.

Entre os asuntos que se abordarán cabe subliñar o expediente para levar a licitación o novo contrato da piscina municipal. Segundo informará na comisión correspondente o concelleiro de Deportes, David Alonso, o prezo base da licitación será un millón e medio de euros, a razón de 545.000 por exercicio xa que a vixencia do contrato será por un máximo de 3 anos.

Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.

Segundo estima o concelleiro responsable, se a tramitación do expediente non sufre atrancos, a licitación podería abrirse a primeiros do 2021.

O goberno municipal decide permitir tan só 75 espectadores en partidos en recintos abertos

O goberno municipal de Porriño decidiu hoxe e comunica que ven de autorizar que se permita o acceso de público ata un máximo de 75 espectadores, nos eventos deportivos en instalacións municipais ao aire libre. A prohibición de público mantense en recintos pechados como o Polideportivo Municipal.

Deste xeito como consecuencia desta decisión municipal, a U.D. Atios poderá celebrar o seu partido do vindeiro domingo 15 contra o Ourense, no seu campo de O Carballo cun máximo de 75 espectadores.

Non obstante, algún outro club decidiu mantener aínda algunha restrición máis. E o caso do Porriño Industrial que resolveu que no partido que mañá sábado xogará o equipo de Liga Nacional Xuvenil contra o C.D. Areosa, tan só accedan ao Lourambal os pais e nais dos xogadores locais.

O decreto de hoxe modifica parcialmente o anterior do 22 de outubro que obrigou a celebrar os eventos deportivos sen público, en recintos pechados e ao aire libre.

Por outra banda, o goberno municipal tamén acordou hoxe decretar obrigatorio o uso da máscara para a práctica deportiva individual en todo o casco urbano.

A Concellería de Deportes reitera a orde de que os eventos deportivos sexan sen público

 

A Concellería de Deportes enviou unha comunicación aos clubs porriñeses que esta fin de semana terán partidos como locais nas súas respectivas competicións, reiterándolles que segue en vigor a orde de que se celebren sen público.

A comunicación informa que segue en vigor o decreto municipal do pasado 22 de outubro que determinaba, entre outras medidas restritivas anti-Covid, que os eventos deportivos se celebren a porta pechada, xa sexan en recintos cubertos como ao aire libre.

Esta comunicación reiterouse ao C.D. Pontellas que xoga como local o domingo en San Campío. E tamén indicóuselle ao Porriño Baloncesto Base que celebra partido no Polideportivo Municipal da Liga EBA que se retoma.

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes participaron en sendas reunións telemáticas sobre a Volta Ciclista a España e o Camiño de Santiago

 

Eva García, alcaldesa de O Porriño participou este mediodía, xunto con outros alcaldes e alcaldesas de concellos da ruta xacobea, nunha reunión telemática coa presidenta da Deputación. Tratouse dunha reunión da Mesa Provincial do Camiño na que Carmela Silva explicou aos responsables municipais as diferentes iniciativas que a Deputación está a desenvolver para pór en valor este itinerario cultura como un eixe estratéxico da estratexia turística de O Porriño e demais concellos do Camiño.

VOLTA CICLISTA

Por outra banda, David Alonso, concelleiro de Deportes participou noutra reunión telemática de responsables municipais dos concellos pontevedreses polos que transcorrerán etapas da Volta Ciclista a España coa Subdelegada do Goberno e mandos da Garda Civil de Tráfico. Pola súa banda David Alonso estivo acompañado de Julio Bernárdez, xefe de Deportes e Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local.

 
Na reunión telemática con Maica Larriba repasaron o libro de ruta nas diferentes etapas e as previsións de paso polas localidades. No caso de O Porriño, o vindeiro xoves 5 de novembro, terá lugar a saída lanzada da etapa decimo quinta, a partir das 10:50 horas.
A caravana sairá de Mos e chegará ao Porriño pola Avenida de Galicia de xeito neutralizado sendo a saída lanzada dende a rotonda dos Aloques e avenida Antonio Palacios en dirección a Ponteareas.
Segundo as previsións da organización será preciso cortar o tráfico por todas estas vías e outras afectadas, como a rúa Domingo Bueno aproximadamente media hora antes do paso da comitiva.

(Ampliación) A Concellería de Deportes comunica que as competicións en recintos pechados e abertos serán sen público

A Alcaldía e a Concellería de Deportes do Porriño comunican a decisión de prohibir o acceso de público aos eventos deportivos que se celebren en recintos pechados como o Polideportivo Municipal así como tamén nas instalacións ao aire libre, incluídos os campos de futbol.  

A restricción é para competicións federadas de ámbito autonómico e nacional. A medida é de aplicación a partir desta fin de semana e estará vixente en tanto en canto persista a actual situación sanitaria. Dende hoxe, O Porriño atópase en alerta vermella (nivel 3) cun total de 26 contaxios activos, segundo informouse a Alcaldía ante a Conselleria de Sanidade.

David Alonso, concelleiro de Deportes admitiu que “é unha decisión dura”. “Coido que debíamos adiantarnos ao avance do virus, a pesar de que no DOG informabase de que poderían permitirse certos cupos de espectadores”, manifestou o concelleiro.

 

O Concello decide precintar parques infantís, suspender o mercado ambulante, controlar aforos na Praza de Abastos e competicións deportivas sen público

A Alcaldía comunica que compre adoptar una serie de medidas complementarias no ámbito municipal á vista do crecemento dos contaxios por covid-19 que motivaron que dende hoxe, O Porriño estea en alerta vermella. O Porriño cun total de 26 contaxios activos, entrou en nivel 3 polo que o goberno municipal, tras unha reunión de urxencia, resolveu as seguintes disposicións:

 

  • Suspender o mercado ambulante dos martes
  • Precintar os parques infantís
  • Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
  • Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
  • Peche da Sala de Estudo Municipal
  • Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Todas estas medidas estarán vixentes ata que mellore a situación.

A alcaldesa Eva García explicou que todas estas decisións “precisan da colaboración da veciñanza” e fixo “unha chamada á prudencia para que os porriñeses e porriñesas limiten os contactos con persoas non convivintes para protexerse a sí mesmos, a súas familias e aos demais. O Ministerio de Sanidade advirtenos de que agardamos meses moi duros e teremos que ser moi responsables”.

A pista 2 do Polideportivo Municipal estrea nova imaxe

 

A pista 2 do Polideportivo Municipal, unha vez rematadas as obras de lixado, arranxo e colocación da nova superficie de madeira para concluír a reparación dos danos ocasionados polas inundacións do 1 de xuño, estrea nova imaxe co pintado das liñas da cancha en cor morada.

A decisión responde a “un xesto de solidariedade coa perspectiva de igualdade e contra a violencia de xénero”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes que hoxe estivo a comprobar diversas actuacións no Polideportivo. Entre elas, a colocación nas dúas pistas de novas proteccións na zona das canastras.

 

O concelleiro inspeccionou os traballos de arranxo do ximnasio do Pavillón 1 que están a rematarse coa colocación do novo parqué de vinilo, despois de ter concluídas as obras de impermeabilización. Neste ximnasio terán lugar as clases de pilates e de ximnasia de mantemento en catro quendas, cada unha con 10 persoas e divididas por días.