O Porriño dará o pistoletazo de saída da proba deportiva que recuperará unha volta ciclista profesional en Galicia tras dúas décadas de suspenso, “O Gran Camiño”.

O que será un dos maiores eventos deportivos do ano na comunidade galega disputarase entre o 24 e o 27 de febreiro e constará de catro etapas, unha por cada provincia, asegurando espectáculo, valores deportivos e difusión mediática.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, interviu onte na presentación oficial da proba.

“Como alcalde e como porriñés é un orgullo que O Gran Camiño comece no Porriño”, manifestou o rexedor, “O noso é un concello berce de ciclistas, onde este deporte ten unha arraigada tradición. Tamén é un concello de comezos, que abre unha nova etapa na que perseguimos unha maior proyección cara o mundo”.  Neste sentido, Lorenzo afirmou con rotundidade que “O Porriño é un lugar único e o mundo debe coñecernos” e concluíu, que “`O Gran Camiño´ será un escaparate perfecto que nos axudará a conseguilo”.

O Porriño foi elixido como saída da primeira etapa que se disputará o 24 de febreiro. Percorrerá algo máis de 163 km finalizando en Vigo. Será unha etapa chaira na súa maior parte na que, a 23 km da meta, os corredores subirán a Peinador antes de chegar ao sprint no centro de Vigo.

 A segunda delas disputarase na Coruña, a terceira na provincia de Ourense e a última será en Lugo.

O Gran Camiño está incluida no calendario UCI, na categoría 2.1, conseguindo chamar a atención de equipos profesionais de alto nivel, tanto nacionais como internacionais. Xa está confirmada a participación de Movistar, Israel Start Up Nation, Education First, Cofidis, Tavira e Euskaltel Euskadi. Tamén do RP-Boa Vista, Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani.

Conta co respaldo das cinco principais institucións galegas: a Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais.