Un total de 200 deportistas participarán este domingo, día 10 de abril, na terceira edición da “Enduro Faro de Budiño”. O evento deportivo, organizado pola Asociación Deportiva A Forna en colaboración co Concello do Porriño, foi presentada esta mañá polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e representantes da organización, Eloy Hermida e Manuel del Gesso, que ademais participará na categoría Master 30.

Eloy Hermida explicou que a proba, incluida na Copa de Galicia de Enduro, “disputarase na parroquia de Budiño e constará de 5 tramos de enlace e 5 cronometrados individuais que entre eles sumarán unha distancia aproximada de 30 km e desnivel positivo de 1200 m”.  

Serán nove as categorías que aglutinarán aos participantes na proba da que os organizadores destacaron a “súa vistosidade”.

O concelleiro de Deportes, destacou que “para o Concello do Porriño todas as modalidades deportivas son igual de importantes”  e tamén o feito de que “se leve a cabo na parroquia de Budiño, que conta cun entorno impresionante. O Faro de Budiño é un bo escenario para este tipo de probas”.

O edil explicou que un dos obxectivos do novo executivo é levar o deporte ás parroquias e reiterou o apoio do Concello á AD A Forna en todas as iniciativas deportivas que propoña. “Este é o inicio dunha relación, entre o Concello e o club,  que ten que durar moitos anos porque estou seguro que vai ser un club moi importante neste concello”

No mesmo sentido se expresou o Alcalde, que reiterou o seu apoio á AD A Forna e salientou o “gran traballo que fan”. “O Concello do Porriño seguirá apoiando o Deporte, abrindo os eventos deportivos a todo o termo municipal”, concluíu o Lorenzo, “Por iso vos animo a todos e todas a disfrutar este domingo da proba en Budiño e apoiar así a práctica deportiva e en especial á AD A Forna”.