Yung Beef e Hard GZ encabezan o cartel do Negrita Music Festival do Porriño 2025

 

  • Esta terceira edición contará con 9 horas e música ininterrompida o vindeiro 6 de setembro 

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño presentou hoxe o cartel oficial da terceira edición do Negrita Music Festival, que se celebrará o sábado 6 de setembro. A xira española deste   festival escolleu O Porriño por terceiro ano consecutivo como única parada en Galicia, tras pasar por cidades como Santander e Barcelona.

A organización agarda superar os 10.000 asistentes que se reuniron na pasada edición, consolidando o evento como unha das citas musicais máis importantes do verán galego.

No cartel deste ano destacan dúas grandes figuras da música urbana:
Yung Beef, referente do trap e o underground español, e Hard GZ, o artista vigués que volve a Porriño tras o seu rotundo éxito na pasada edición. Xunto a eles, actuarán Cyril Kamer e La Pantera, nomes en auxe na escena nacional, así como unha selección dos DJs máis destacados do momento: Alvama Ice, Xiyo & Fernandez, e tamén os galegos Groove Amigos e Traffic House, que repiten participación grazas á excelente resposta do público o ano pasado. Completa o cartel Galicia Army, poñendo en valor o talento local e rexional.

Serán máis de 9 horas de música ininterrompida, mesturando directos, electrónica urbana e unha posta en escena que promete sorprender. 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de fomentar e apoiar as expresións culturais contemporáneas na vila: “O Negrita Music Festival é unha aposta firme por dinamizar a cultura e a economía local, ademais de ofrecer aos nosos veciños unha experiencia única que sitúa O Porriño no mapa musical nacional e internacional.”

Desde o Concello do Porriño seguimos a apostar por unha programación cultural diversa, actual e con proxección. A celebración do Negrita Music Festival non só achega á vila grandes nomes da música urbana, senón que tamén contribúe á dinamización económica, social e cultural do municipio.

O Porriño recoñece a unha familia exemplo de talento e tradición

  • O alcalde Alejandro Lorenzo recibe no Concello a Toni Fernández, apicultor que vén de gañar un ouro na Paris Internacional Honey Awards, e á súa filla Lola, finalista do Concurso de Patrimonio Nacional de Pintura Infantil e Xuvenil

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- Doce e colorido triunfo é o acadado por unha familia do Porriño. Toni Fernández representa a catro xeracións de apicultores que gañou un ouro no Paris Internacional Honey Awards 2025 coa súa marca Puramel Sacra, a única galega que conseguiu colarse entre as mellores deste  concurso de meles celebrado na capital francesa e que conta cos indicativos da IXP Mel de Galicia, Artesanía Alimentaria e Galicia Calidade, unha distinción que non só avala o produto, senón tamén o traballo dunha familia que leva 130 anos dedicada á apicultura.

Este éxito veu acompañado doutro, o da súa filla Lola Fernández que, cursando 6º de Primaria resultou finalista do XXXIV Concurso de Patrimonio Nacional de Pintura Infantil e Xuvenil polo cal recibiu un premio, da man da Súa Alteza Real a Infanta Doña Elena, nun acto celebrado no Palacio Real de El Pardo. Só dúas galegas lograron acadar esta distinción, situándose nun lugar destacado entre os máis de 3000 participantes.

“Esta familia representa os valores que máis apreciamos: dedicación, orgullo polo noso, respecto pola tradición e unha clara aposta polo futuro. O Porriño enteiro celebra con vós estes éxitos, que tamén sentimos como nosos”, indicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a recepción no Concello a pai e filla, que agradeceron este recoñecemento institucional. “Levar máis dun século facendo mel e que agora se valore así, tanto dentro como fóra de Galicia, é unha emoción enorme. Este recoñecemento non é só para min, é para toda a miña familia e para todas as persoas que apostan polo produto local e de calidade”, sinalou Toni Fernández que eloxiou o labor do seu bisavó, avó e agora do seu pai, tamén Antonio, que aos seus 84 anos segue en activo.

O premio de pintura, pola súa parte, pon en valor o talento artístico da xuventude e o traballo educativo nas aulas. Lola agradeceu do mesmo xeito ao Concello este recoñecemento, “faime sentir orgullosa e con moitas ganas de seguir traballando e mellorando” e tivo boas palabras tamén para “os meus profesores e compañeiros que me animaron a participar e a aprender cada día máis sobre a arte e o patrimonio, que son unha parte importante da nosa identidade.”

O Concello do Porriño demostra, unha vez máis, o seu compromiso coa promoción e apoio ao talento local. Así, a través deste recoñecemento público, “non só valoramos o esforzo e os éxitos dunha familia que representa o mellor do noso patrimonio cultural e produtivo, senón que tamén fomenta o orgullo colectivo e impulsa a continuidade dunha historia que une xeracións”.

Éxito rotundo na XIV Festa do Cabrito ao Espeto

  • Preto de 100 cabritos foron preparados ao espeto para unha xornada chea de sabor, música e tradición que reuniu a centos de veciños e visitantes

O Porriño, 4 de agosto de 2025.- A parroquia de Chenlo, no concello do Porriño, viviu onte unha xornada de celebración e orgullo colectivo coa décimo cuarta edición da Festa do Cabrito ao Espeto, unha cita xa consolidada como referente gastronómico e social da comarca que combina sabor, música e tradición nun ambiente familiar e festivo.

Dende primeiras horas da mañá, veciños e visitantes achegáronse ao campo de fútbol de Chan da Carreira, onde a asociación organizadora iniciou o asado dos preto de cen cabritos preparados para a ocasión, seguindo a tradicional receita local: espeto de ferro, lume controlado e moita dedicación para acadar o punto exacto de cocción.

Ás once da mañá comezou a degustación de pinchos, acompañada pola música do Grupo de Gaitas do Porriño, que deu paso á comida popular a partir das 13:00 horas. As opcións ofrecidas incluíron o cabrito enteiro ao espeto por 220 euros, medio cabrito por 110 euros e pinchos con viño mencía por tan só 5 euros. Todos os menús incluían tamén patacas, empanada, viño mencía, rosca e café, nun ambiente animado e familiar que encheu de vida o recinto durante toda a xornada.

O momento máis agardado da tarde foi o tradicional sorteo dun cabrito entre todas as persoas asistentes, unha das señas de identidade da festa e símbolo da súa vocación participativa. A animación musical continuou coa actuación en directo do grupo 3.COM, que puxo ritmo e alegría ao encontro cun repertorio que fixo bailar a maiores e pequenos.

O evento foi organizado pola Asociación Cabrito ao Espeto, coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta de Galicia e da propia veciñanza, que leva semanas traballando na preparación desta celebración. Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo destacar o carácter único da festa e o espírito de colaboración que a fai posible ano tras ano. “Chenlo ten demostrado que cando a parroquia se xunta co corazón, é capaz de crear algo extraordinario. Esta festa é máis ca unha celebración gastronómica: é unha mostra de orgullo, tradición e comunidade. Quero poñer en valor a parroquia e a ese grupo de xuventude que, xunto cos máis veteranos, se xuntan cada ano para realizar un traballo incansable durante toda unha semana, facendo posible esta celebración. Gracias a todas e todos os que vos achegastes e compartistes esta experiencia connosco”, declarou.

Celebrada por primeira vez no ano 2009, a Festa do Cabrito ao Espeto naceu co obxectivo de recuperar unha forma tradicional de preparar a carne en Chenlo e, ao mesmo tempo, poñer en valor o patrimonio natural e cultural da parroquia que conta cunhas vistas privilexiadas ao val da Louriña. Co paso dos anos, a cita consolidouse como unha das festas gastronómicas máis emblemáticas do verán no sur da provincia de Pontevedra, mantendo viva a tradición e reforzando o sentimento de pertenza da comunidade.

Un ano máis, Chenlo demostrou que a forza dunha parroquia está na súa xente. A festa foi un éxito rotundo tanto en participación como en organización, e xa se pensa na edición número quince, que terá lugar, como é costume, o primeiro domingo de agosto de 2026.

O Porriño publica as bases para a instalación de postos e atraccións nas Festas do Cristo 2025

 

  • A data de inscrición vai dende hoxe ata o 29 de agosto ás 14:00h

O Porriño, 1 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño vén de publicar as bases reguladoras para a instalación de postos de venda, tómbolas, casetas e atraccións nas vindeiras Festas do Cristo 2025.

As persoas interesadas poden acceder ás bases das Festas do Cristo 2025 pinchando nas seguintes  ligazóns : 

BASES INSTALACIÓN DE POSTOS E ATRACCIÓNS FESTAS DO CRISTO 2025

BASES INSTALACIÓN PUESTOS Y ATRACCIONES FIESTAS DEL CRISTO 2025

Así mesmo, a documentación tamén pode recollerse presencialmente nas oficinas do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 h, ata o 29 de agosto. Toda a documentación requerida deberá ser presentada no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal.

Estas bases establecen as condicións técnicas e administrativas para garantir a correcta organización e seguridade das festas, así como unha distribución equilibrada dos espazos destinados á venda ambulante e ás atraccións.

As Festas do Cristo 2025 celebraranse durante todo un mes cun amplo programa que incluirá máis de cen actividades para todos os públicos , rematando coa tradicional Festa dos Callos e a final do certame “Tes Talento?” na primeira fin de semana de outubro.

A parroquia de Chenlo pon o lume a punto para a XIV Festa do Cabrito ao Espeto

 

  • Centos de comensais se darán cita para saborear o cabrito ao espeto preparado segundo a receita de sempre, nun ambiente festivo marcado pola música, a convivencia e a identidade colectiva.

O Porriño, 26 de xullo de 2025.– O vindeiro domingo 3 de agosto, a parroquia de Chenlo converterase un ano máis nun punto de encontro para amantes da boa mesa coa celebración da décimo cuarta edición da súa tradicional Festa do Cabrito ao Espeto. O evento, organizado pola Asociación Cabrito ao Espeto coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta de Galicia e do tecido veciñal, consolídase como unha das citas gastronómicas imprescindibles do verán na comarca.

Como cada primeiro domingo de agosto, o campo de fútbol de Chan da Carreira acollerá esta celebración que combina sabor, música e tradición nun ambiente familiar e festivo. A xornada comezará ás 11:00 da mañá coa degustación de pinchos de cabrito, amenizada polo Grupo de Gaitas do Porriño. Xa a partir das 13:00 horas dará comezo a comida popular, na que se poderán saborear arredor de cen cabritos preparados ao espeto segundo a receita máis tradicional da parroquia.

O día estará tamén cargado de animación musical, coa actuación en directo do grupo 3.COM, e como é habitual realizarase o sorteo dun cabrito entre todas as persoas asistentes, un dos momentos máis esperados do evento.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o carácter singular da festa e a súa importancia como símbolo de identidade: “Chenlo ten demostrado que cando un pobo se xunta co corazón, é capaz de crear algo extraordinario. Esta festa é máis ca unha celebración gastronómica: é unha mostra de orgullo, tradición e comunidade. Animo a todas e todos a achegarse e compartir esta experiencia connosco”.

A veciñanza leva semanas traballando na organización do evento para garantir, un ano máis, unha experiencia de calidade para centos de comensais. Neste sentido, xa están abertas as reservas para participar na comida:

Os prezos son os seguintes: cabrito enteiro 220 euros, medio cabrito 110 euros, ración de churrasco 20 euros e pincho de cabrito a 5 euros. As reservas poden realizarse de maneira presencial ata o venres 1 de agosto no restaurante churrasquería Timarsane (A Relva 68, Torneiros).

Tamén se pode reservar ata o xoves 31 de xullo mediante transferencia bancaria ao número de conta ES24 2100 2304 9302 0051 3345, enviando despois o comprobante de pago por WhatsApp ao número 666 979 043, indicando o nome da persoa, número de asistentes e un teléfono de contacto.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 647 142 782 ou 666 979 043.

Con todo listo e o espeto preparado, Chenlo agarda xa por centos de persoas dispostas a gozar dunha festa que é, por dereito propio, patrimonio emocional da súa xente.

A Biblioteca do Porriño lidera Galicia en préstamos e usuarios

 

  • No que vai de ano prestou case 15.000 exemplares nos primeiros seis meses do ano

O Porriño, 18 de xullo de 2025.– A Biblioteca Municipal do Porriño consolídase como unha das bibliotecas galegas máis activas e dinámicas, situándose novamente á cabeza do ranking autonómico en número de préstamos e persoas usuarias durante o primeiro semestre do ano 2025.

Segundo os datos oficiais, a biblioteca porriñesa prestou case 15.000 exemplares nos primeiros seis meses do ano, cunha media de 2.500 volumes ao mes, para unha poboación de 21.000 habitantes. Este dato representa un incremento sostido no tempo, pois actualmente a biblioteca presta o dobre de exemplares que hai dez anos. Destaca especialmente o éxito das coleccións de cómics, que teñen un gran tirón entre o público infantil e xuvenil da vila e da comarca, así como a novela contemporánea máis actual, preferida pola poboación adulta.

A aposta do Concello do Porriño por manter unha colección actualizada e renovada, xunto co esforzo continuo na adquisición de novos exemplares, é un dos motores deste éxito. Ademais, a biblioteca desenvolve importantes programas para fomentar a lectura entre os máis novos, como o programa “Ler ao teu bebé”, no que cada neno e nena que nace recibe na súa casa unha caixa de benvida con libro, agasallo e información para facerse socio, así como a publicación periódica “Contos que curan”, que axuda a mediar emocionalmente a través da lectura.

En canto ás persoas usuarias, a Biblioteca Municipal do Porriño conta con 9.944 persoas rexistradas, o que representa case a metade da poboación local e reflicte tamén o uso do servizo por parte de veciños e veciñas da comarca. No primeiro semestre de 2025, 267 persoas fixéronse socias, o que supón un incremento anual do 10%, unha tendencia que se mantén estable desde hai anos.

AULA DE ESTUDO MUNICIPAL: UN NOVO ESPAZO PARA O SABER

A estes datos sumase a Sala de Estudo Municipal, inaugurada no outono de 2023, un espazo innovador de 200 metros cadrados e 80 postos de lectura situado no centro da vila. Esta sala está aberta os 365 días do ano cun amplo horario e xa conta con 1.840 persoas dadas de alta. Moitas delas úsana a diario, para estudar, ler ou traballar en silencio.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca: “Estes datos avalan o compromiso do Concello coa cultura, a educación e o acceso ao coñecemento. A Biblioteca Municipal é un espazo vital para a nosa comunidade, e seguimos traballando para que sexa un recurso de calidade para todas as idades. O incremento constante nos préstamos e no número de persoas usuarias é unha mostra clara do éxito destas políticas e do entusiasmo dos nosos veciños e veciñas pola lectura e o estudo. Seguiremos a investir para mellorar os servizos e facer da nosa biblioteca un referente non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional.”

O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e a educación, continuando a apostar por proxectos que fomenten o acceso á lectura e ao estudo para toda a cidadanía, consolidando así o Porriño como un referente de dinamismo cultural na comarca e en toda Galicia.

As Carmes de Cans volven reunir á parroquia nas Festas do Carme

 

O Porriño, 16 de xullo de 2025.- A parroquia de Cans celebrou este mércores as Festas do Carme, unha das citas máis sinaladas do ano, caracterizada pola implicación directa das mulleres da parroquia que levan o nome de Carme.

En total, máis de 30 Carmes foron as encargadas da organización da festa, mantendo viva unha tradición que combina gastronomía, encontro e identidade local. No pasado, ata 50 mulleres chamadas Carmen participaron nesta organización.

A xornada incluiu os actos habituais como a misa, a procesión e un dos momentos máis agardados: a merenda-cea veciñal, na que cada Carme preparou a súa tortilla, ademais doutros pratos típicos que se compartiron nun ambiente distendido e festivo.

Como cada ano, o Concello do Porriño sumouse á celebración cun xesto xa convertido en costume: a entrega dunha rosa a cada Carmen como mostra de recoñecemento polo seu papel fundamental na festa.

O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia desta celebración: “As Festas do Carme en Cans son un claro exemplo da forza da comunidade local para manter as tradicións vivas, fomentando a participación de todas as xeracións nun espírito de convivencia e identidade”.

Cabe destacar que Cans conta con dúas festas patronais moi importantes: ademais das Festas do Carme, está o famoso Ramo de Santo Estevo, patrón da parroquia. Nesta celebración, a organización corre a cargo dos “mayordomos”, escollidos segundo a data da súa voda na igrexa da parroquia, que convidan a tódolos veciños a un gran banquete onde non falta o viño frío e quente, así como produtos típicos de Nadal como o chocolate con churros. Toda unha tradición singular que subliña o vínculo entre a comunidade e as súas raíces.

As Festas do Carme en Cans seguen a destacar polo seu formato único e pola capacidade de reunir á veciñanza arredor dunha celebración feita á medida da comunidade.

O Concello do Porriño recibe a Pablo Estévez tras conseguir o seu 6º título de “Mellor Enólogo de Viños Xoves de España”

O Porriño, 16 de xullo de 2025.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu esta mañá na Casa Consistorial a Pablo Estévez, veciño da parroquia de Atios, tras ser recoñecido por sexta vez como Mellor Enólogo de Viños Xoves de España nos Premios Baco 2024, organizados pola Unión Española de Catadores (UEC).

Estévez suma así o seu sexto galardón nos últimos sete anos, converténdose nun dos nomes máis destacados da enoloxía estatal. Nesta edición presentou vinte viños, acadando tres premios Gran Ouro e o recoñecemento á mellor marca nova do ano en España, distinción que xa obtivo en cinco ocasións.

O propio Pablo Estévez sinalou que este recoñecemento “é froito do traballo, do esforzo e do compromiso”, e que supón para el “un orgullo persoal e tamén un recoñecemento a toda a dedicación que realizamos nas adegas co obxectivo de elaborar grandes viños”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que “é un orgullo para o Porriño contar con veciños como Pablo, que levan o nome da nosa vila por todo o país, destacando non só polos seus logros, senón tamén pola súa humildade e profesionalidade”.

Unha vida entre vides

Nado en Alemaña, pero con raíces fondas no Ribeiro e Valdeorras, Pablo Estévez leva toda unha vida vencellada ao mundo do viño. A súa paixón naceu dos seus avós, viticultores, e aínda que nun principio seguiu outros camiños, acabou por formarse en Enxeñaría Agrícola e especializarse en Enoloxía. Desde hai máis de 25 anos colabora con adegas galegas moi diversas, sempre coa mirada posta na calidade e na adaptación ao mercado.

Durante o encontro co rexedor, Pablo compartiu a súa visión sobre a elaboración do viño, salientando que a calidade depende de múltiples factores, algúns dos cales non se poden controlar. “A anticipación, a adaptación ás circunstancias e a axilidade de resposta son clave para manter a excelencia ano tras ano”, explicou. Tamén destacou a importancia de garantir continuidade nas marcas, un obxectivo complexo debido ás variacións de cada colleita.

O Concello do Porriño felicita a Pablo Estévez e deséxalle que continúe colleitando éxitos no mundo do viño.

Preto de 9.000 personas tomaron Porrigalia esta fin de semana

 

  • O Porriño pecha con éxito a novena edición da festa dos seus Xogos Olímpicos

O Porriño, 14 de xullo de 2025.- A novena edición de Porrigalia clausurouse onte cun gran éxito de participación. O Concello do Porriño estima que preto de 9.000 persoas asistiron durante o sábado 12 e domingo 13 de xullo a esta festa única, que combina humor, historia e deporte nun ambiente festivo e familiar.

Durante a fin de semana, maiores e pequenos participaron nas probas olímpicas ao estilo clásico, entre as que destacaron: xogo da soga, salto de lonxitude, salto de altura, carreira de 50 metros, lanzamento de peso, loita antiga, carreira de sacos e as carreiras de carretillas.

As civilizacións participantes competiron entre si nun ambiente de diversión. O gran desfile olímpico de 9 comparsas — con máis de 150 romanos, castrexos, exipcios, gregos e galos — percorreu as rúas do Porriño, encabezado pola Garda Romana (Legio X Gemina do Club Falcata). Figuras destacadas como Tonhito de Poi e o Rei Castrexo Pepo Suevos, quen destronou ao alcalde durante os días de festa, tamén participaron no desfile. No acto do acendido da chama olímpica, o influencer Miguel Mandayo pronunciou o pregón oficial e competiu nas probas deportivas fronte ao propio alcalde, Alejandro Lorenzo.

Preto de 1.100 persoas participaron en total nas diferentes probas olímpicas e na competición infantil Gladiator Kids, consolidando o evento como unha das citas deportivas e festivas máis importantes da comarca.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia desta celebración que vai cumprir dez anos: “Para o ano que vén, 2026, Porrigalia cumpre 10 anos de historia. Non son 10 anos celebrados de maneira continua, senón que é unha festa que comezou no ano 2014, paralizouse en varias ocasións e agora foi recuperada para quedarse definitivamente”. O rexedor engade: “Para o vindeiro ano imos facer historia da de verdade”.

Entre os momentos máis destacados estiveron a proba infantil Gladiator Kids, na que participaron máis de 300 nenos e nenas de 3 a 10 anos, demostrando habilidades nos circuítos de 500 e 800 metros instalados na praza 8 de Marzo; así como a exhibición deportiva CrossGalia, unha sesión espectacular de Crossfit celebrada na praza do Concello. O mimo Karcocha, o arlequín contemporáneo que percorre o mundo enteiro, reuniu a milleiros de persoas durante o seu espectáculo. Non faltou a gran queimada, que correu a cargo do Rei Panoramix, e tampouco a entrega do bastón de mando que se realizou da man de Troula Animación co espectáculo Errantes.

Ademais, foron moi populares as actividades complementarias, como as exhibicións de voos de cetraría; o showcooking en directo, a cargo do cociñeiro Xulio Mato; e a constante animación na rúa con charangas e batucadas como Anchoa, Lenha Verde, Miúdos, Fanfarria Furruxa, Os Caliqueños, Turres Band, Sacacorchos e Os Vikingos. A música foi un dos piares do evento, cunha programación que incluíu concertos de bandas como Pink Porris, Kabrönes, Os Mendigos, Louband, Hijos del Tercer Acorde e Ortiga, ademais de sesións de DJ para pechar cada xornada. A programación musical incluíu tamén concertos pensados para o público infantil, con actuacións de Brais das Hortas, a Orquestra de Camarote e o Grupo Oviravai.

Desde o Concello do Porriño, faise unha valoración moi positiva deste evento que xa forma parte da identidade cultural e deportiva da vila, agradecendo a participación da cidadanía e o traballo de todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes, hostaleiros, persoal municipal e voluntariado que fan posible que Porrigalia siga a medrar e consolidarse como unha festa para todas as idades e gustos.

Acendido da chama olímpíca e pregón de Miguel Mandayo: Arranca Porrigalia 2025!

O Porriño, 12 de xullo de 2025. – Esta mañá, O Porriño encheuse de vida coa inauguración oficial da IX edición de Porrigalia, os Xogos Olímpicos do Porriño, que durante todo este fin de semana van converter a vila nun escenario único de historia, festa e cultura.

O inicio foi espectacular, cun desfile con máis de 150 persoas divididas en nove comparsas que representan galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos. Cleopatra, Astérix, Obélix, Panorámix e todos e todas os participantes dos Xogos Olímpicos, acompañaron aos portadores da chama olímpica, o Rei Castrexo Pepo Suevos, o polifacético artista, Tonhito de Poi, e o influencer, Miguel Mandayo. Dende o templete da rede de San Luis, o desfile chegou ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación da Garda Romana (Legio X Gemina do Club Falcata), onde tivo lugar o acendido da chama olímpica e o destronamento simbólico do alcalde, Alejandro Lorenzo, por parte do rei castrexo. 

O influencer, Miguel Mandayo, que participa por primeira vez en Porrigalia, foi o encargado de ler o pregón e compartiu a súa ilusión: “É a miña primeira vez en Porrigalia e teño que dicir que isto é unha pasada. É unha festa con moita enerxía, moi auténtica, e estou moi contento de poder estar aquí con toda a xente do Porriño. Para min é un pracer ser o pregoeiro. Viva Porrigalia”. Ademais, o coñecido influencer, convidou a todos as persoas presentes a participar nas probas olímpicas nas que el tamén competirá. 

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou a forza da participación veciñal e fixo un agradecemento especial: “Porrigalia é unha festa da xente para a xente, un exemplo claro de traballo en equipo. Quero agradecer de corazón a todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes, hostaleiros, persoal municipal e voluntariado que fan posible que Porrigalia siga medrando e que poidamos vivir esta festa tan especial. As nove comparsas e máis de 150 participantes fan desta festa un evento único, e agardamos milleiros de visitantes estes dous días para gozar desta experiencia cultural e festiva que tanto nos enche de orgullo.”

A xornada deste sábado continúa ás 14:00 h, abrirán as tabernas da vila para o xantar popular e, ao mesmo tempo, desenvolverase un showcooking en directo, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a cargo do cociñeiro Xulio Mato.

Pola tarde, desde as 18:00 h, haberá obradoiros infantís polas rúas e dúas sesións de exhibicións de voos de cetraría no Parque Infantil (ás 18:00 h e 19:00 h). Tamén ás 18:00h será o concerto de Pink Porris, na Praza do Concello. Trátase dunha banda de punk rock local de Atios, O Porriño. Son coñecidos pola súa enerxía, a súa música parte o granito. Entre as 19:00 h e as 22:00 h, diferentes DJs amenizarán varias prazas da vila, ao tempo que continúa a animación de rúa coa Charanga Fanfarria Furruxa, Charanga Os Caliqueños, Batucada Lenha Verde e Batucada Miúdos (de 19:00 a 23:00 h). Ás 19:30 h, celebrarase na Praza do Cristo a tradicional competición das Olimpíadas Técnicas. A esta mesma hora, 19:30h, desenvolverase na Praza do Concello a actividade deportiva CrossGalia. Máis tarde, ás 21:00 h o Mimo Karcocha levará o seu espectáculo itinerante polas rúas. Ás 22:00 h, o grupo Os Mendigos ofrecerá un concerto de música medieval na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 23:30 h, terá lugar a gran queimada popular, a cargo do mítico Rei Panoramix, e ás 23:45 h pechará a noite o concerto de Los Kabrönes!!! + sesión DJ na rúa Domingo Bueno.

O domingo 13 de xullo, o día arrincará ás 10:30 h co Gran Desfile Olímpico, desde o templete da rede de San Luis ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación das cinco civilizacións. Ás 11:00 h, celebraranse na Praza do Cristo as probas olímpicas protagonizadas polas comparsas de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos, e ao mesmo tempo continuará a animación de rúa coa Charanga Turres Band, Charanga Sacacorchos e Batucada Os Vikingos. Ás 12:30 h, o grupo Louband actuará en concerto na Praza Arquitecto Antonio Palacios, seguido dunha nova exhibición de voos de cetraría no Parque Infantil ás 13:00 h.

Pola tarde, ás 18:00 h, repetirán os obradoiros infantís polas rúas e celebrarase un concerto infantil dobre, coa actuación da Orquestra de Camarote e do grupo Oviravai, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 18:30 haberá unha nova sesión de voos de cetraría e ás 19:00 h, os máis pequenos poderán participar na actividade “Gladiator Kids”, na Praza 8 de Marzo. A animación de rúa continuará ás 19:30 h cos mesmos grupos da mañá, e ás 21:00 h celebrarase o concerto de Los Hijos del Acorde, de novo na praza principal. A noite pecharase co espectáculo final “Errantes” da compañía Troula Animación, ás 22:30 h, coa entrega simbólica do bastón de mando, e ás 23:00 h, o concerto de Ortiga e a sesión DJ, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios, porán o broche de ouro a esta novena edición de Porrigalia.

Durante as dúas xornadas, as rúas do Porriño estarán cheas de postos artesáns e de gastronomía, abertos todo o día, para que desfrutes de produtos únicos que fan de Porrigalia unha experiencia completa. Anímate a vir, colle a túa túnica, a coroa ou o casco e prepárate para unha fin de semana inesquecible no Porriño!