Os comerciantes do Porriño preparan dúas noites de portas abertas

  • A xuntanza convocada polo Concello serviu como un espazo de diálogo no que se acordou poder abrir o comercio de proximidade a noite do sábado 6 de setembro, coincidindo coa proba ciclista A Nocturna e o Negrita Music Festival, ademais do venres 19 cando terá lugar a “Noite Aberta”

 O Porriño,  28 de agosto de 2025.- A xuntanza convocada polo Concello do Porriño co tecido comercial do municipio para tratar temas como unha próxima shopping night, contou cunha moi boa acollida e participación por parte dos comerciantes locais, que responderon positivamente á proposta de celebrar unha nova edición coincidindo coas Festas do Cristo. Con todo, para diferenciala da realizada na Porriño Fashion Weekend, adoptará a denominación de “Noite Aberta” pero o fundamento é o mesmo, abrir as tendas en horario nocturno promovendo así as vendas nun ambiente festivo no que non faltará a música e outras actividades lúdicas e promocionais para todos os públicos.

Durante o encontro, o alcalde Alejandro Lorenzo, acompañado das concelleiras de Comercio, Rosa Isabel Alonso, e Mercado, Antía Carrera, presentou a iniciativa, que se celebrará o venres 19 de setembro e que busca seguir dinamizando o comercio local e atraer visitantes á vila, reforzando así o vínculo entre o Concello e os comerciantes.

A xuntanza serviu tamén como un espazo aberto de diálogo, no que os comerciantes puideron expoñer as súas ideas e suxestións. Entre as propostas recollidas, destacou o interese en aproveitar tamén a noite do vindeiro sábado 6 de setembro, data na que O Porriño acollerá diferentes actividades culturais e festivas, como son a proba ciclista A Nocturna e o Negrita Music Festival, para manter os comercios abertos en horario especial, aproveitando o fluxo de xente que se agarda na vila.

“Esta nova iniciativa reflicte o compromiso do Concello co comercio local, un sector fundamental para a vida económica e social do Porriño co que xa colaboramos ao longo de todo o ano a través dun convenio asinado con Acipor. A excelente acollida por parte dos comerciantes demostra que, cando traballamos xuntos, podemos crear eventos que dinamizan a vila, atraen visitantes e fortalecen o sentimento de pertenza. A nosa intención é seguir escoitando as súas propostas e acompañalos en todas aquelas accións que contribúan ao seu crecemento e á proxección do Porriño como referente comercial e cultural”, explica o alcalde.

Dende o Concello agradécese a boa disposición e implicación do sector, reafirmando o compromiso de seguir traballando da man dos comerciantes en accións que contribúan ao seu crecemento e á proxección da vila.

Premios do comercio galego

Aproveitando a reunión as concelleiras trasladáronlle aos comerciantes información sobre unha nova edición do Premios do Comercio Galego, con diferentes categorías por valor de entre 3.000 e 5.000 euros. Explicóuselle o procedemento de solicitude e os criterios de valoración, indicándolles que poden acudir ao Concello para recibir asesoramento ou axuda na tramitación.

O Concello do Porriño reúne ao comercio local para promover unha nova shopping night

  • Convoca aos comerciantes da vila a unha xuntanza o vindeiro martes 26 para avaliar a súa reposta a esta iniciativa e escoitar posibles propostas co fin de dar visibilidade e incrementar a competitividade do comercio de proximidade, converténdoo nun motor de atracción para toda a veciñanza e visitantes

O Porriño, 23 de agosto de 2025.- En resposta ao éxito acadado na última edición e á demanda dos propios comerciantes de continuar coa iniciativa noutra época do ano, o Concello do Porriño ten programada unha nova shopping night. “A alta participación na última edición fíxonos pensar en que volver a repetila agora, coincidindo co mes festivo por excelencia da nosa vila, sería unha boa oportunidade, como un novo impulso ao noso comercio, á vez que funciona tamén como atractivo de visitantes”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

É por este motivo, polo cal dende o Concello do Porriño convidan a todo o comercio do municipio a unha xuntanza o vindeiro martes, 26 de agosto, ás 21.00 horas, na casa consistorial. “Querémoslle trasladar a nosa proposta para avaliar as súas reaccións, á vez que escoitaremos as súas propostas, ben sexa respecto deste evento ou doutros posibles que poidan xurdir, todo elo en beneficio da nosa vila e de empuxe do comercio como motor económico”, subliña o rexedor. Será un encontro coa intención de establecer un feedback entre o Concello e o colectivo de comerciantes, escoitando as súas demandas de cara a poder seguir traballando nesta liña de avance e de colaboración.

“O obxectivo é continuar fortalecendo o vínculo entre o Concello e o tecido comercial, afondando nun traballo conxunto que permita desenvolver novas iniciativas que poñan en valor o noso comercio de proximidade”, sinala a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso. A edil explica que a shopping night naceu dentro da Fashion Weekend, que se leva celebrando os últimos tres anos no mes de abril. “A resposta sempre foi moi boa e de aí que consideremos un momento idóneo volver celebrala agora en setembro, coincidindo coas Festas do Cristo, como un atractivo máis tanto para veciños como para visitantes”.

Será unha noite na que os establecementos comerciais da vila abrirán as súas portas en horario especial, dende as 21.00 horas ata a medianoite, ofrecendo propostas dinamizadoras, descontos, sorteos, agasallos e moitas sorpresas, e onde tampouco faltará a música para amenizar as compras.

“Dende o Concello somos conscientes da importancia que ten o comercio local na dinamización económica e social do Porriño, por iso apostamos decididamente por seguir promovendo accións que lle dean visibilidade, que aumenten a súa competitividade e que o convertan nun motor de atracción de persoas á nosa vila”, incide o alcalde.

A través desta e doutras propostas, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso de apoio continuo ao sector, escoitando as súas necesidades e propoñendo solucións reais que contribúan ao seu crecemento. “Queremos que O Porriño sexa un referente, non só polas súas festas e eventos, senón tamén pola vitalidade e calidade do seu comercio local”, conclúe Alejandro Lorenzo.

A Interrunning presenta un circuíto renovado, máis urbano e atractivo

  • A inscrición para esta carreira que unifica deporte, empresa e solidariedade segue aberta ata o día 17 de setembro

O Porriño, 22 de agosto de 2025.- A menos dun mes para a celebración da CAE Interrunning 2025, dende o Concello do Porriño anúnciase un cambio significativo no percorrido respecto de edicións anteriores. Un 40% do circuíto será novo, “mantendo o seu carácter rápido pero gañando atractivo visual, achegando a carreira ao corazón urbano do Porriño”, indican dende a organización da proba.

O novo trazado percorrerá as zonas recentemente acondicionadas polo Concello. Con esta modificación, a proba mantén a esencia que ha caracteriza dende os seus inicios: innovación, imaxe e excelencia organizativa. “O circuíto anterior converteuse en un dos 10K máis rápidos de Galicia, o obxectivo para este 2025 é conservar esa velocidade e fluidez, engadindo o valor dun escenario urbano máis atractivo e con maior visibilidade”.

A cita deste ano integra a que sería a terceira Carreira de Empresas de Galicia e a XIV edición de Interrunning, coas probas de 10 e 5 quilómetros, ademais das carreiras infantís e da tradicional andaina.

O alcalde Alejandro Lorenzo lembra que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario”. E é que parte dos fondos recadados destinaranse a Aceesca, Afaga e á Asociación Española contra o Cancro. “A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia.”

A día de hoxe son centos as persoas xa anotadas e dende a organización espérase acadar os dous milleiros. As inscricións seguen abertas a través da páxina web www.emesports.es ata ás 20.00 horas do día 17 de setembro.

A proba celebrarase o domingo 21 de setembro. Ás 09.30 horas arrancará a Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, ás 11.30 horas será a saída das competicións 5K e 10K, da cales se poderá participar de xeito individual, en parellas ou en equipo de tres e ás 12.45 e 12.50 horas celebraranse as carreiras infantís de Pitufos e Chupetes. Trala entrega de premios terá lugar unha “after run party” aberta a todo o público, con música, regalos e moito ambiente festivo.

Cinema, música, auga e festas patronais esta fin de semana no Porriño

  • A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolle mañá a proxección do filme “Gru 4 Mi villano favorito” e o domingo tobogán xigante, inchables de auga e festa da espuma
  • O barrio de San Sebastián celebra as súas festas patronais e Chenlo o Neno Xesús

O Porriño, 22 de agosto de 2025.- Continúa o cinema na rúa no Porriño. Este sábado, unha nova sesión na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a partir das 20.30 horas, coa proxección da película de animación “Gru 4 Mi villano favorito”. E no mesmo lugar, o domingo, de 17.30 a 20.00 horas, como todos os dos meses de xullo e agosto, instalaranse un tobogán xigante e inchables de auga para refrescar a tarde aos máis pequenos da casa rematando con festa da espuma.

De xeito paralelo, no barrio de San Sebastián celébranse as festas que honran ao seu patrón. Mañá sábado, ás 17.30 horas, inchables para a cativada e festa da espuma. A partir das 19.00 horas animación e ás 20.00 horas a tradicional Gran Sardiñada. Pola noite, ás 22.00 horas, actuación de Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto en lingua galega facendo un repaso polos seus 25 anos de carreira, nos que editou 160 cancións e publicou unha ducia de discos. Xa o domingo, ás 12.00 horas oficiarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada polos gaiteiros da Asociación Cultural A Forna. Ao rematar, levarase a cabo a tradicional poxa e deseguido degustación de rosca e bebida. A queima da fachada prevista como broche final das festas queda suspendida ao estar decretado o índice de risco de incendio alto.

Festas do Neno Xesús en Chenlo

A parroquia de Chenlo celebra os días 24 e 25 de agosto as súas festas na honra ao Neno Xesús. O domingo ás 12.00 horas oficiarase a misa cantada polo Coro Voces de Chenlo, seguida de procesión acompañada pola Banda de Música de Porriño. A continuación terán lugar as tradicionais poxas.
Pola noite, actuación da orquestra Galaxia e o trío Luces de Bohemia. Xa o luns, volverá haber misa ás 12.00 horas, acompañada do Coro Voces de Chenlo e a procesión co Grupo de Gaitas Asubío; deseguido, as poxas. A partir das 17.00 horas celebraranse as tradicionais cucañas e ás 22.00 horas verbena amenizada pola orquestra Capitol e o trío La Noche del Grove.

O alcalde Alejandro Lorenzo sinala que “O Porriño continúa a ser un referente en dinamización cultural e festiva durante o verán, tanto no centro urbano como nas parroquias. Esta fin de semana teremos unha ampla oferta para todas as idades, desde cinema ao aire libre ata actividades acuáticas e festas tradicionais onde non faltará a música en directo. Convidamos a toda a veciñanza e a quen nos visita a desfrutar destas propostas pensadas para compartir, divertirnos e seguir poñendo en valor a nosa cultura e tradicións. Grazas ás comisións de festas, ás asociacións e ao persoal municipal polo seu traballo e compromiso”.

 

O Porriño reivindica identidade e tradición nas Festas de San Sebastián

  • O barrio celebra, dende mañá, tres xornadas cunha exposición de fotos, actividades para a cativada, concerto de Emilio Rúa, unha gran sardiñada e a queima da fachada

O Porriño, 21 de agosto de 2025.- O Porriño celebra dende mañá venres e ata o domingo as festas de San Sebastián. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron a programación acompañados por representantes da Comisión de festas de San Sebastián convidando a toda a veciñanza a desfrutar destas auténticas festas de barrio. O rexedor destacou que “as festas de San Sebastián son unha mostra da nosa identidade como pobo e do orgullo que sentimos polo noso patrimonio e tradicións. É unha honra para o Concello colaborar coa comisión de festas para manter viva esta celebración que une á veciñanza nun ambiente de alegría e convivencia”. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Festexos puxo en valor o traballo da comisión organizadora e sinalou que “este tipo de festas non serían posibles sen o esforzo desinteresado de moitas persoas que traballan para que o barrio poida celebrar con orgullo ao seu patrón”.

Este céntrico barrio porriñés honra ao seu patrón con tres xornadas de actividades organizadas pola Comisión de Festas de San Sebastián, en colaboración co Concello do Porriño. A programación arranca mañá venres cunha nova edición da Exposición Fotográfica do Porriño Antigo, que xa está aberta ao público, dende a pasada semana, na Capela de San Sebastián e pode visitarse ata o día 31 deste mes.

O sábado, ás 17.30 horas, inchables para a cativada e festa da espuma. A partir das 19.00 horas animación e ás 20.00 horas a tradicional Gran Sardiñada que este ano chega xa á súa décimo oitava edición. Pola noite, ás 22.00 horas, música en directo da man de Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto en lingua galega facendo un repaso polos seus 25 anos de carreira, nos que editou 160 cancións e publicou unha ducia de discos.

O domingo será o día grande. Ás 12.00 horas oficiarase a misa na Igrexa Parroquial de Santa María, seguida da procesión ata a Capela de San Sebastián acompañada polos gaiteiros da Asociación Cultural A Forna. Ao rematar, levarase a cabo a tradicional poxa e a continuación degustación de rosca e bebida. 

Servizo especial de autobuses para o Entroido de Verán de Redondela

O Porriño, 20 de agosto de 2025.- Co gallo da celebración do Entroido de Verán, o vindeiro sábado 23 de agosto habilitarase un servizo especial de autobuses entre O Porriño e Redondela, co obxectivo de facilitar os desprazamentos e garantir unha alternativa segura e cómoda para todas as persoas que queiran gozar da festa.

As paradas no Porriño estarán situadas na Avenida de Galicia. Os autobuses sairán cara a Redondela nos seguintes horarios: ás 18:00, 19:00, 20:00, 21:00, 22:00, 00:30 e 02:30 horas.

Para o regreso desde Redondela ao Porriño, habilítanse saídas ás 18:20, 19:20, 20:20, 21:20, 00:00, 01:00, 03:00, 05:00 e 06:00 horas.

Este servizo especial forma parte das medidas de mobilidade promovidas para fomentar un lecer responsable e seguro durante os festexos, ofrecendo unha alternativa ao uso do vehículo particular.

O Concello anima á veciñanza a facer uso deste servizo e desfrutar do Entroido de Verán con responsabilidade, garantindo desprazamentos seguros e evitando a utilización do coche particular en situacións de alta concentración de público.

O Concello do Porriño e o Círculo de Bellas Artes de Madrid lanzan unha plataforma web dedicada á figura do arquitecto Antonio Palacios

  • ‘Atlas Palacios 2024-2026’: un proxecto innovador para difundir o patrimonio cultural do Porriño a través das novas tecnoloxías


O Porriño, 15 de agosto de 2025. – O Concello do Porriño vén de estrear unha nova ferramenta dixital, froito do convenio de colaboración asinado coa prestixiosa institución cultural Círculo de Bellas Artes de Madrid, unha das entidades culturais máis relevantes a nivel europeo. A iniciativa dá lugar a un apartado monográfico dedicado ao Porriño dentro do proxecto ‘Atlas Palacios 2024-2026’, xa dispoñible na seguinte ligazón: https://atlaspalacios.com/gl/oporrinomateriaememoria/


Este novo espazo dixital supón o primeiro froito do convenio institucional e sitúa ao Porriño como protagonista dunha proposta cultural vangardista que busca revitalizar o legado de Antonio Palacios a través dunha visión contemporánea, innovadora e sostida polas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías.


Dirixido polo investigador e cineasta galego José Manuel Mouriño, o proxecto foi recentemente recoñecido polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como unha das mellores iniciativas culturais presentes en Internet. O seu enfoque multiformato articúlase en tres liñas principais de acción: unha plataforma web en constante evolución, propostas expositivas e instalacións audiovisuais in situ, así como a edición final dun ensaio audiovisual que recompila os resultados do proceso.


Un diálogo entre Galicia e Madrid a través da figura de Antonio Palacios


O convenio entre o Concello do Porriño e o Círculo de Bellas Artes fortalece o diálogo cultural entre Galicia e Madrid, proxectando internacionalmente tanto a figura do arquitecto como o propio municipio. Non debe esquecerse que a sede do Círculo de Bellas Artes —na emblemática rúa Alcalá de Madrid— foi deseñada polo propio Antonio Palacios, constituíndo un dos edificios máis representativos da súa traxectoria.


Esta alianza institucional busca tamén visibilizar a raíz galega da obra de Palacios, subliñando como os elementos materiais e simbólicos da súa terra natal están presentes ao longo de toda a súa produción arquitectónica. Cabe destacar que a Sala Palacios converterase nun eixo fundamental para o desenvolvemento do proxecto.


Na nova plataforma poden explorarse centos de bosquexos e debuxos orixinais do arquitecto, dixitalizados a partir dos cadernos conservados no arquivo municipal do Porriño. Trátase dun fondo documental de alto valor histórico, agora accesible ao público grazas á colaboración institucional.
Ademais, o espazo dixital ofrece diversas aproximacións á cidade natal de Palacios desde unha perspectiva simbólica e poética. O Porriño preséntase como un lugar de orixe e de materia, clave na configuración do seu estilo arquitectónico, onde o uso do granito e da pedra local non só define a súa linguaxe construtiva, senón que tamén traza pontes entre Galicia e a “Paisaxe da Luz” madrileña, patrimonio da UNESCO.


O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca: “Este proxecto supón un orgullo para o Porriño e unha oportunidade única para poñer en valor o legado dun dos nosos fillos máis ilustres, Antonio Palacios. A colaboración co Círculo de Bellas Artes de Madrid, unha institución de referencia nacional e internacional, reforza o noso compromiso coa cultura e o patrimonio. Estou seguro de que ‘Atlas Palacios 2024-2026’ abrirá novas vías para que tanto veciños como visitantes descubran e aprecien a riqueza arquitectónica e histórica do noso municipio.”


Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e a recuperación do seu patrimonio artístico, apostando pola innovación e a cooperación institucional como ferramentas para difundir a riqueza histórica da vila e do seu fillo máis universal.

A Praza Arquitecto Antonio Palacios convértese nunha sala de cine

  • O Concello do Porriño retoma este sábado a súa programación ca sétima arte ao aire libre
  • O domingo nova cita cos inchables acuáticos e dobre festa da espuma

O Porriño, 14 de agosto de 2025.- Unha fin de semana máis, continúa a programación cultural e festiva no Concello do Porriño. A praza Arquitecto Antonio Palacios converterase nunha sala de cine ao aire libre para proxectar a película “Amigos imaginarios”. Será o sábado, día 16, a partir das 20.30 horas. “Queremos que o Porriño sexa un lugar de encontro, de cultura e de lecer toda a familia. Con iniciativas como estas achegamos a sétima arte a nenos e maiores nun espazo tan simbólico como a praza Arquitecto Antonio Palacios. É unha maneira de vivir o verán dende a rúa, coas persoas, e cunha programación pensada para desfrutar xuntos”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

O domingo 17, como todos os dos meses de xullo e agosto, instalaranse un tobogán xigante e inchables de auga para refrescar a tarde aos máis pequenos da casa rematando con festa da espuma. Será de 17.30 a 20.00 horas.

Festas nas parroquias de Atios e Torneiros

As parroquias de Atios e Torneiros celebran estes días as súas festas da Virxe da Guía e San Roque, respectivamente. En Atios as actividades comezan xa hoxe, ás 20.00 horas, con animación infantil, ás 21.30 horas actuará a Asociación Cultural Os Penediños de Atios e a continuación O Son do Furancho e a charanga SDK. Mañá, día grande da festa, ás 11.30 horas sairá a procesión dende a igrexa parroquial ata a capela da Guía, onde se oficiará a misa solemne ás 13.00 horas. O regreso das imaxes á igrexa será logo ás oito do serán e pola noite verbena amenizada pola orquestra La Ola ADN e o grupo Bahía con José Costas.

As Festas de San Roque de Torneiros inícianse mañá coas actuacións do dúo Estelar e o grupo La Patrulla. O sábado 16 será o día grande con pasarrúas ás 10.00 horas a cargo da Banda de Música do Porriño, que ofrecerá a continuación un concerto; ao mediodía misa solemne con precesión; ás 20.00 horas actuación da Banda de Acordeóns Metropolitana e pola noite verbena cos grupos Distrito 7 e La Tremenda. Para rematar, o domingo 17, ás 12.00 horas misa solemne con procesión acompañada polo Grupo de Gaitas Agarimo de Torneiros; pola tarde, de 17.00 a 18.30 horas, festa da espuma e broche final a cargo das orquestras Suavecito e Costa Dorada.

Ariadna Alcauza representará ao Porriño no certame Miss Grand Galicia 2025

  • O Concello amosa o seu apoio e anima á veciñanza a votar por ela en Instagram

O Porriño, 13 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño expresa o seu total apoio á veciña Ariadna Alcauza Alonso, de 19 anos, quen representará ao municipio no certame de beleza Miss Grand Galicia 2025. Esta será a súa primeira participación nun concurso desta índole e faino con ilusión, compromiso e un forte vínculo coa súa vila, converténdose nun motivo de orgullo para toda a comunidade porriñesa.

“A presenza de Ariadna neste certame supón unha oportunidade para dar visibilidade ao talento, á forza e á seguridade da mocidade do Porriño. A súa actitude positiva e o seu esforzo fan dela unha excelente embaixadora da nosa vila nun concurso que non só valora a beleza, senón tamén a personalidade e os valores”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo durante un encontro que mantivo con Ariadna no Concello.

Ariadna explica que unha parte fundamental do proceso de selección baséase na votación popular en liña. Por iso, desde o Concello anímase a toda a veciñanza a apoiala a través da conta oficial de Instagram @missgrandgalicia, dándolle “me gusta” ás publicacións correspondentes á súa candidatura. Cada “me gusta” conta como un voto e será decisivo para que poida avanzar á seguinte fase.

A fase de preselección celebrarase o 18 de outubro, mentres que a gala final terá lugar o 8 de novembro en Vigo. “Desde o Concello facemos un chamamento á cidadanía para mobilizarse nas redes sociais e apoiar con forza a nosa representante”.

Medio cento de porriñeses coñecen a vila natal do filántropo Ramón González

  • O Concello organiza unha viaxe a Ribadeo logo de que ambos pobos se irmandasen honrando a memoria deste empresario que contribuíu ao desenvolvemento económico e cultural das dúas vilas

 O Porriño, 12 de agosto de 2025.- Se fai uns meses un grupo de veciños do Porriño viaxaban a Madrid para coñecer a obra de Antonio Palacios na capital do Estado, hoxe, outro medio cento de porriñeses desfrutan dunha excursión a Ribadeo para, do mesmo xeito, saber máis do legado do filántropo Ramón González, figura pola cal ambos pobos galegos irmandáronse este mesmo ano. Un legado que sigue vivo na memoria de ámbalas dúas vivas a través das súas obras e contribucións.

O alcalde Alejandro Lorenzo acudía ás inmediacións do polideportivo municipal, de onde partiu o autobús, para desexarlle á veciñanza participante nesta iniciativa turística e cultural, unha boa xornada. “Hoxe é un día para desfrutar, para coñecer e para sentirnos orgullosos das nosas raíces compartidas. Deséxovos a todos e todas unha marabillosa xornada en Ribadeo, aproveitando para admirar as súas paisaxes e afondar no legado de Ramón González, unha figura clave que une O Porriño e Ribadeo nun irmandamento cheo de historia e futuro. Que desfrutedes da experiencia e da compañía, porque cada paso que damos na memoria é tamén un paso cara adiante.”

A veciñanza viaxa acompañada da concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, que fai fincapé na importancia de levar a cabo iniciativas como estas. “Continuamos a traballar para achegar a cultura á cidadanía e poñer en valor os lazos que nos unen con outros pobos galegos. Estas viaxes, que ademais son gratuítas para os participantes, son unha oportunidade para aprender, compartir e fortalecer o orgullo de pertencermos a unha terra con tanta riqueza histórica e patrimonial.”

Trala visita e xantar nesta vila da Mariña Lucense, onde foron recibidos polo alcalde Daniel Vega e outras autoridades municipais, a excursión continúa pola tarde para coñecer outra localidade con moita historia, Mondoñedo, onde visitarán a súa emblemática catedral.

Esta visita será recíproca e no Porriño agardan xa a chegada dos veciños de Ribadeo á vila, “onde serán recibidos como na súa propia casa porque no Porriño recibimos a todo o mundo cos brazos abertos. Será un pracer recibir aos ribadenses e estreitar lazos entre as nosas localidades”, indica Alejandro Lorenzo.

Achegar a cultura á cidadanía

Dende o Concello do Porriño síguese promovendo iniciativas de lecer e carácter cultural como esta, que non só permiten descubrir o patrimonio doutras localidades, senón que tamén fortalecen os vínculos entre pobos e fomentan a convivencia e o sentimento de pertenza.

“A aposta por achegar a cultura á veciñanza continuará sendo unha prioridade dentro da programación municipal”, subliña o alcalde incidindo neste sentido en que “dende o Concello, ademais de divulgar todas estas iniciativas a través dos medios de comunicación, webs e redes sociais, tamén llo trasladamos ás diferentes asociacións veciñais para que teñan un coñecemento inmediato e directo e agora ademais abrimos unha nova canle a través da cal todas as persoas que estean interesadas en recibir este tipo de información no lo trasladen, rexistrando esa petición, para a partir de aí recibir persoalmente tódolos avisos respecto da posta en marcha de actividades como estas nas que pode participar”.