O Porriño vaise de pinchos polo Entroido

Un total de 19 establecementos de hostalería porriñeses participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2022.

Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración con AHOSPOR para poñer en valor a nosa hostalería, promocinar o comercio local e dinamizar a vila. Nos próximos días presentaranse outras actividades que completan programación.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, e o presidente de AHOSPOR, Jose Manuel Fernández, foron os encargados de presentar esta mañá esta iniciativa que dá o pistoletazo de saída ao Entroido porriñés esta fin de semana.

“Desde esta fin de semana e ata o 5 de marzo poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros cada venres e sábado, de 19 a 22h”, explicou o concelleiro , Bienvenido Estévez.

“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustados ao módico prezo de 1,5 euros”, explicou o presidente dos hostaleiros, Jose Manuel Fernández quen destacou que estas actividades demostran que a hostalería do Porriño “sigue moi viva e ten moito que ofrecer”.

Pola súa banda, o rexedor animou a toda a veciñanza do Porriño, e tamén aos veciños e veciñas dos municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que unha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para convivir e encontrarnos, algo moi importante tras os momentos que levamos vivido”. Quixo tamén agradecer a AHOSPOR e á hostelería do Porriño a súa iniciativa xa que “este tipo de iniciativas contribúen a revitalizar o noso pobo e a nosa economía”.

 

Participan: Adega de Montero, A Francachela, A Tentación, Bar en Xogo, Bolboreta, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Casa di Mili, Celtiña, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, La Bici, La Cueva, La de Chato, Maloserá, Maracaibo, Mesón Argentino 2, Segredos Gastrobar e Val da Louriña.

A gaita de Susana Seivane soará no Porriño en homenaxe a Rosalía de Castro

O Concello do Porriño, a través das concellerías de Normalización Lingüística e Cultura e en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia,  preparou unha programación específica para celebrar o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

Co fin de homenaxear a esta figura clave das letras e cultura galegas, recordar a súa labor e facer que siga presente para as novas xeracións,  propón un programa de actos o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Arrancará ás 19 h no Círculo Recreativo Cultural co concerto da reputada pianista, Andrea García.

Susana Seivane será o prato forte da programación. A célebre gaiteira ofrecerá un concerto en formato reducido (1/2 hora aproximadamente) na Praza Arquitecto Antonio Palacios ás 20:30 h (no caso de que as condicións meteorolóxicas non o permitan trasladarase ao CRC). 

Versos de Rosalía

Rosalía de Castro ensinou á sociedade da época, e á de hoxe en día, que as mulleres teñen voz e moito que dicir. Unha muller do século XIX que foi quen de marcar un punto de inflexión para o auxe do Rexurdimento, momento clave no eido literario e sobre todo, no político e no social.

Por iso dende o Concello do Porriño decidiuse que foran mulleres as que puxeran voz aos versos da autora, en representación do tecido social da vila. Juana Pérez, presidenta de ACIPOR, Chus Barros do Club Ciclista SPOL, Chus Lemos e Beatriz Correa do Centro Cultural de Pontellas, Eva González do Club de Lectura do Porriño, Alicia Campos do Club Balonmán Porriño, Candela Carballas de Atrezo Teatro e a xornalista porriñesa, Icía Alcalde, farán unha lectura conxunta dun poema da autora.

Será en dúas quendas, unha en cada un dos concertos que conforman a programación.

 

O Entroido do Porriño 2022 xa ten cartel e pregoeiros

O Concello do Porriño, a través da concellería de Educación, deu a coñecer hoxe o cartel oficial do Entroido 2022.  O deseño de Valeria Lage, alumna de primeiro curso da ESO do CPR Santo Tomás, foi elixido como gañador do I Concurso Escolar de Carteis do Entroido no que se buscaban as mellores ilustracións para promocionar as festas deste ano.

O xurado, composto polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e as pintoras locais Nuria Vilanova e Chelo Rodríguez, seleccionaron o deseño de Valeria entre os preto de 200 carteis que presentaron os centros educativos de primaria e secundaria e Aceesca. As ilustracións presentadas foron moitas e variadas, realizadas con ceras, acuarelas, colaxe ou carbón, valéndose de multitudes de técnicas creativas, tanto en formato papel como en cartolina.

O Alcalde do Porriño, acudiu hoxe ao colexio a dar a nova por sorpresa á gañadora do certame, que emocionada recibiu a felicitación do rexedor e dos seus compañeiros de clase entre aplausos.

“Non foi doado elexir entre tantas propostas de calidade, cada cal era máis orixinal e bonita”, explicou o alcalde, “Os nosos pequenos e pequenas dérono todo e podo decir que no Porriño temos unha boa canteira de talento”.

Ante tal dificil decisión, o xurado resolveu ampliar dous accesit quedando os premiados da seguinte maneira: 

  • CARTEL GAÑADOR: Valeria Lage Fernández – 1º ESO do CPR Santo Tomás
  • 2º Premio: Rubén Rodríguez Rodríguez – 5ºB do CEIP Xosé Fernández López
  • 3º Premio: Saray Rodríguez Pérez – Aceesca

ACCESITS:

  • Carlota Rodríguez Miranda- 1º ESO do CPR Santo Tomás
  • Laura Pampillón Teijeira- 3º ESO do IES Ribeira do Louro

O carteis gañadores recibirán un lote de material escolar e os seus autores serán os encargados de ler o pregón que dará inicio ás festas do Entroido na vila.

O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro xoves 17 de febreiro no Centro Cultural Municipal, coincidindo coa inauguración da exposición na que se mostrarán todos os carteis participantes.

 

O Concello do Porriño reactiva o Servizo de Normalización Lingüística

O Concello do Porriño reactiva o Servizo de Normalización Lingüística, que conta con persoal técnico ao dispor da cidadanía.

“Desde a concellería queremos que a veciñanza saiba que dispón dun servizo local ao que pode recorrer en busca de asesoramento en materia lingüística ou do proceso de normalización”, explicou a concelleira de Normalización Lingüística, Carolina González, “Fomentar o uso do galego e garantir a súa calidade lingüística é responsabilidade de todos e todas”.

A tal fin habilitouse unha dirección de correo a través da cal os interesados poden comunicarse coa técnico e resolver as súas dúbidas: servizonormalizacion@oporrino.org.

A técnica, Andrea González, ofrece asesoramento nos diferentes departamentos municipais en todo o relacionado coa política lingüística e na planificación, xestión e execución de programas municipais de dinamización e fomento do uso do galego.

Agora, o servizo contará con nova imaxe corporativa e o seu propio espacio web, onde se divulgarán materiais de promoción do uso do galego e información sobre as distintas actividades de dinamización postas en marcha.

 

A cultura invade O Porriño co teatro e a música como protagonistas

A concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, presentou hoxe a súa programación cultural para este trimestre. Música, teatro, animación á lectura e conferencias conforman esta oferta cultural dirixida tanto a público adulto como infantil.

A música será unha das grandes protagonistas. Coincidindo co Día de Rosalía de Castro a pianista Andrea García González ofrecerá un concerto no Círculo Recreativo Cultural e o domingo 20 de marzo, será o músico de jazz Rafa Fernández quen actúe na praza Arquitecto Antonio Palacios.  Tamén haberá pasarrúas a cargo dos grupos folk Carapaus, Fondaos do Pífaro e da Asociación Cultural de Mosende.

Para celebrar o día de San Valentín, a reputada Tuna da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela percorrerá as rúas e prazas do Porriño .

O teatro será parte importante da oferta cultural do Porriño para este trimestre, tanto para o público familiar como para os máis pequenos. A compañía Animar-T representará a súa obra musical “De cando un paxariño espertábame tódalas mañás no confinamento” para conmemorar o Día Internacional do Teatro, e tamén se subirá o telón para disfrutar das propostas de Atrezo Teatro “Que familia!” e “Pequeatrezos” e de “A nena que se comia todos os contos” de Trémola Teatro.

“A progamación base que hoxe presentamos completarase coas específicas deseñadas para celebrar o Entroido e conmemorar o Día Internacional da Muller e o Día de Rosalía de Castro, que se farán públicas nos próximos días”, indicou o concelleiro, Bienvenido Estévez.   

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que a “cultura será un dos nosos eixos esenciais, queremos que O Porriño sexa un referente cultural”. “Queremos que as manifestacións culturais aneguen a nosa vila, sacalas á rúa e traballamos para que, nos vindeiros meses, cada fin de semana actúen no Porriño agrupacións e artistas locais, ademais dos grupos das nosas asociacións culturais e veciñais”, concluíu o rexedor.

“Acompañando na aventura de crecer”: xornadas para familias e profesionais

O Centro Cultural Municipal acolle mañá, venres 11 ás 18:30 h, as xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”.

Nestas xornadas organizadas desde a Concellería de Cultura do Porriño, a través da biblioteca municipal, abordarase desde diferentes puntos de vista como podemos favorecer o correcto desenvolvemento das nosas fillas e fillos desde que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta máis saudable e enriquecedora.

Desde diferentes perspectivas profesionais, trataranse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, o psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros. 

O ciclo de charlas “Acompañando na aventura de crecer” desenvolverase ao longo dos meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño, o segundo venres de cada mes.

 “Entende como crece”

Nesta quenda será a fisioterapeuta Vanesa Gómez Gándara a encargada de dirixir a xornada baixo o título “Entende como crece”.

O contido da charla será o desenvolvemento motor na primeira infancia, falarase sobre os principais fitos de cada etapa e explicarase como acompañar ás crianzas en cada momento, así como algunhas claves para detectar calquera disfunción de maneira precoz.

Vanesa é especialista en pediatría, con formación en fisioterapia respiratoria, desenvolvemento motor, problemas dixestivos e terapia manual.

Imparte talleres de formación para familias, en colaboración coas matronas nos talleres prenatais e postnatais. Na súa imparable curiosidade por aprender, actualmente traballa na formación “Método B-B”, unha disciplina integradora no tratamento coas crianzas. Ademais, organiza charlas sobre masaxes infantís e é asesora de lactancia e porteo, entre outras.

 

Publicadas as bases para o desfile de comparsas do Entroido porriñés

Despois do parón provocado pola pandemia, o Entroido do Porriño volve este ano ás rúas da vila para que as comparsas exhiban a súa creatividade e imaxinación. O Concello vén de facer públicas as bases que rexerán o tradicional desfile de comparsas dentro do programa de actividades do Entroido 2022.

Os desfiles terán lugar nas datas e horarios sinalados no programa de festas do Entroido, o sábado 26 de febreiro ás 18h e o e o martes  1 de marzo ás 18:30h, sempre e cando a situación sanitaria o permita e cun estricto cumprimento das medidas de seguridade sanitaria. 

Tal e como recollen as bases, o prazo de inscripción abrirase o 10 de febreiro e as asociacións poderán inscribir as súas comparsas ata o día 18, ambos incluídos.  Estas deberán formalizarse no Rexistro Xeral do Concello do Porriño. 

Este ano os grupos optarán a premios de ata 1.000 euros, dependendo do número de componentes da comparsa (300 euros de 10 a 19 compoñentes, 550 euros de 20 a 39 compoñentes, 850 euros de 40 a 55 compoñentes e 1.000 euros de 56 ou máis comopoñentes). O importe máximo que se establece é de 13.950 euros polo que os premios se repartirán ata acadar esta cifra seguindo rigorosamente a orde de inscrición.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón: https://oporrino.org/documentos/bases-do-desfile-de-comparsas-do-entroido-2022/

Modelo de declaración responsable: https://oporrino.org/documentos/modelo-de-declaracion-responsable/

Impreso de solicitude de inscripción no Desfile de Comparsas do Entroido 2022: https://oporrino.org/documentos/impreso-de-solicitude-de-inscripcion-no-desfile-de-comparsas-2022/

Nova sesión de animación á lectura con Paula Carballeira

Este venres, ás 18:30 h, terá lugar na Biblioteca Municipal unha nova sesión de animación á lectura a cargo de Paula Carballeira, baixo o título “Un mes. Catro lúas. Unha sesión de contos”.

Trátase dunha actividade organizada pola Biblioteca Municipal, programada ao longo de varios meses (os primeiros venres des de xaneiro ata maio) coa intención de animar a ler empregando os contos como ferramenta.

Non hai mellor para os contos que unha biblioteca. Nela, quedan ao abeiro dos libros, quentes e protexidos.

Paula dedícase a contar. Vai polo mundo recollendo contos. Trae os contos que foi atopando, e vainos contando. Así, cada catro lúas, chegará ao Porriño con contos novos. En xaneiro, contos de inverno. En febreiro, contos de bromas, de disfraces, de Entroido. En marzo, contos de primavera, de poesía, de maxia. En abril, contos deses que inventaba H.C. Andersen en Dinamarca. E en maio, contos de aquí, letras que coñecemos lugares misteriosos dos que non sabemos.

Así, os contos que trae van con quen os escoita, facer a súa vida, e as palabras quedan na biblioteca, invisibles, esperando que alguén abra a boca para meterse nela e saír en canto poidan. E todo porque a biblioteca quere palabras que contan historias.

Os artistas de O Porriño ARTE pintan aos pés do Concello

No Porriño a cultura sae á rúa. Co fin de potenciar o tecido cultural do municipio a praza Arquitecto Antonio Palacios servirá de escenario para mostrar e poñer en valor as actividades que desenvolven os diferentes colectivos.

“Queremos que o traballo das nosas asociacións culturais e veciñais teña un maior protagonismo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A praza é un lugar céntrico polo que cada día pasa moita xente e que poidan admirar os traballos que fan conseguirá atraer a máis persoas. A cultura non é excluínte e no Porriño non debe selo tampouco, a nosa intención é que a totalidade da actividade que se desenvolve nos diferentes centros culturais se coñeza e sexa accesible”.

Para iso, dende o Concello convidarán aos colectivos veciñais e culturais a realizar a súa actividade ao aire libre no centro urbano. Os primeiros deles foron os artistas da asociación O Porriño ARTE, que armados cos seus lenzos e pinceis protagonizaron unha xornada de pintura ao aire libre a pasada semana.

A asociación xa leva 17 anos en activo e dende entón son moitos os porriñeses e porriñesas que comezan a aí súa andadura no mundo da pintura. Neste momento son arredor de 20 as persoas que aprenden debuxo, pintura e escultura da man da pintora local, Nuria Vilanova.

Durante todo o curso dan as  súas clases no centro cívico e, unha vez ao ano, expoñen os seus traballos para que todos poidamos gozar deles. 

Pintar na praza do Concello foi unha experiencia nova para eles que resultou “maravillosa”. “Estivemos encantados, foi unha bonita experiencia para todos”, explicou Nuria Vilanova, “Puideron pintar con luz natural que é moi diferente á do estudio e non se sentiron intimidados pola xente en absoluto, ao contrario, achegouse moita xente para interesarse polo seu traballo e resultou moi gratificante”.

Cabe destacar, que serán máis as actividades que se disfrutarán na praza. “Todas as que se desenvolven nos centros culturais  e asociacións teñen cabida”, concluíu o edil de Cultura e Asociacións, Bienvenido Estévez, “Temos unha actividade cultural moi rica e queremos que crear esa sinerxia non só coa cidadanía, senón tamén entre as diferentes asociacións para poñer en valor todo o que somos e facemos no Porriño”.

O Porriño elixirá o seu cartel do Entroido nun concurso escolar

O Concello do Porriño, dende a Concellería de Educación e Normalización Lingüística que dirixe Carolina González, convoca o I Concurso Escolar de Carteis do Entroido no que se buscan as mellores ilustracións para promocionar as festas do Entroido do Porriño.

Neste concurso, elaborado de forma conxunta polos servizos municipais da OMIX e Normalización Lingüística, poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do Porriño, nos niveis de infantil, primaria e secundaria; así como o alumnado de Aceesca. O cartel gañador, 1º premio, será a imaxe do Entroido do Concello do Porriño 2022 e as tres persoas premiadas (1º, 2º e 3º) recibirán un lote de material escolar, ademais de seren as pregoeiras do Entroido 2022 do Porriño.

Con esta iniciativa, o Concello pretende implicar á cidadanía, concretamente o alumnado, na organización da súa axenda cultural; así como promover e dinamizar a lingua e cultura galegas a través dunha festividade tan vencellada á nosa tradición cultural. Os carteis do Entroido serán expostos no Centro Cultural Municipal e mais na páxina de ecultura.net durante as datas do Entroido.

Dende a Concellería de Educación, OMIX e o Servizo de Normalización Lingüística animan aos alumnos e alumnas do Porriño a participar no seu centro de estudo para formar parte da imaxe do Concello do Porriño nestas datas festivas.

Podes consultar aquí as bases do concurso: