Publicadas as bases do desfile de comparsas do Entroido 2026 do Porriño

O Porriño, 27 de xaneiro de 2026.- Co gallo da celebración do Entroido na nosa vila, o Concello do Porriño publica as bases que rexerán os tradicionais desfiles de comparsas do Entroido 2026, incluídos no programa oficial destas festas, co obxectivo de fomentar a participación, a creatividade e o espírito festivo da veciñanza.

As comparsas interesadas en participar poderán inscribirse desde o día seguinte á publicación das bases no taboleiro municipal ata o 3 de febreiro de 2026, ambos incluídos, a través da sede electrónica do Concello, empregando o impreso normalizado e achegando a documentación requirida.

Poderán participar comparsas constituídas legalmente como asociacións, ANPA ou clubs sen ánimo de lucro, cun mínimo de 20 compoñentes, establecéndose dúas modalidades: infantil, ata 12 anos, e adultos/as, a partir dos 13 anos. A categoría asignarase en función da maioría de idades do grupo.

O Concello destina a esta convocatoria un importe máximo de 29.500 euros en premios á participación, que se repartirán segundo o número de integrantes de cada comparsa. Así, establécense contías de 605 euros para grupos de 20 a 39 persoas; 970 euros para os de 40 a 55; 1.210 euros para os de 56 a 85; 1.450 euros para os de 85 a 109; e 1.600 euros para comparsas de 110 compoñentes en adiante. Os premios repartiranse por orde de inscrición ata acadar o límite orzamentario, tendo prioridade as formacións do propio municipio.

Os desfiles celebraranse nas datas previstas no programa do Entroido: o sábado 14 de febreiro, o martes 17 de febreiro e o mércores 18 de febreiro, coincidindo co Enterro da Sardiña, no que as comparsas deberán participar cun mínimo do 20 % dos seus integrantes. Ademais, para optar aos premios será obrigatorio desfilar tanto o sábado como o martes.

As bases recollen tamén as obrigas das comparsas, entre elas levar un cartel identificativo, respectar as normas de seguridade e evitar o uso de animais, sprays ou petardos, co fin de garantir o bo desenvolvemento dos desfiles.

Así mesmo, establécese a creación dun comité de observación encargado de supervisar o cumprimento das bases, valorar a documentación presentada e propoñer a concesión dos premios, que serán finalmente resoltos por decreto da Alcaldía.

Desde o Concello do Porriño anímase ás asociacións e colectivos a participar activamente nesta cita festiva, que cada ano converte as rúas da vila nun escaparate de imaxinación, tradición e convivencia, reforzando o carácter popular e participativo do Entroido.

Podes consultar as bases completas no taboleiro de anuncios municipal, na web ecultura.net, nos medios habituais de difusión da Concellería de Festexos do Concello do Porriño ou na seguinte ligazón: 

BASES DOS DESFILES DE COMPARSAS CON PREMIOS Á PARTICIPACIÓN_ENTROIDO 2026

O Concello do Porriño recibe a Toni Fernández tras acadar dúas medallas de ouro en París co seu mel

  • O apicultor recibe o recoñecemento municipal tras ser premiado no Paris International Honey Awards pola calidade e o deseño do seu produto

O Porriño, 27 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño recibiu esta mañá a Toni Fernández, creador da marca galega Puramel Sacra, tras acadar recentemente dúas medallas de ouro no prestixioso certame Paris International Honey Awards, celebrado na capital francesa. Os galardóns foron outorgados á calidade da mel e ao deseño e presentación do produto, sumándose á medalla de ouro conseguida na edición anterior do concurso.

Durante o encontro, o alcalde Alejandro Lorenzo felicitou persoalmente a Toni Fernández e destacou que “estes recoñecementos internacionais amosan que a tradición apícola galega, combinada coa innovación e a calidade, pode competir ao máis alto nivel”. Engadiu que “Puramel Sacra é un exemplo de como o traballo do rural galego proxecta Galicia fóra das súas fronteiras”.

Puramel Sacra foi creada hai tres anos, aínda que a familia Fernández acumula catro xeracións dedicadas á apicultura. O proxecto nace en O Saviñao como homenaxe á avoa de Toni, Pura, e céntrase na produción de mel monofloral de castiñeiro da Ribeira Sacra, cun coidado especial tanto no proceso produtivo como no deseño e presentación, aspectos que foron recoñecidos internacionalmente.

Pola súa banda, Toni Fernández agradeceu o recoñecemento do Concello do Porriño e sinalou que “estas medallas supoñen unha enorme satisfacción persoal e profesional, porque detrás hai anos de traballo, formación e tradición familiar”. Engadiu que “intentar distanciarse da imaxe tradicional que temos todos do mel é clave para que o noso chegue un pouco máis alá e sexa máis apetecible á vista. Estes premios axúdanos a poñer en valor o que se produce en Galicia”.

Desde o Concello do Porriño, reiterouse a importancia de apoiar proxectos emprendedores ligados ao rural e á produción artesanal de calidade, que contribúen a proxectar unha imaxe moderna, competitiva e auténtica de Galicia máis alá das súas fronteiras.

O Concello do Porriño inicia os trámites para convidar ao Papa León XIV no Xacobeo 2027 e valora a dedicación dun espazo público co seu nome

O Porriño, 14 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de iniciar os trámites institucionais para trasladar formalmente ao Vaticano a invitación para que o Papa León XIV poida visitar O Porriño con motivo do Xacobeo 2027, no marco das relacións históricas e culturais recentemente documentadas entre o Pontífice e o municipio.

Esta iniciativa baséase nunha investigación histórica rigorosa, elaborada polo canónigo e arquiveiro da catedral de Tui, Avelino Bouzón Gallego, que confirma que un antepasado directo do Papa León XIV viviu no século XVII na parroquia de San Salvador de Torneiros. Trátase dunha liñaxe documentada en arquivos parroquiais, da que xa se tiña coñecemento previo e que vén sendo agora recoñecida públicamente.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinala que “falamos dun feito histórico de enorme relevancia para o noso concello, que conecta O Porriño cunha figura central da historia contemporánea a través das nosas raíces”. Segundo explicou, “é unha oportunidade única para poñer en valor a nosa historia e o papel das parroquias porriñesas ao longo dos séculos”.

Á vista desta circunstancia, o Concello considera que o Papa León XIV pode ser recoñecido como fillo ilustre de orixe porriñesa, polo que, ademais da invitación oficial para unha posible visita no contexto do Xacobeo 2027, está a estudarse a dedicación dunha praza ou dunha rúa co seu nome, como recoñecemento institucional e símbolo do vencello histórico entre O Porriño e a figura do Pontífice.

Neste sentido, Alejandro Lorenzo subliñou que “non se trata dun xesto simbólico sen máis, senón dun recoñecemento institucional baseado no rigor histórico e no orgullo pola nosa identidade”, engadindo que “O Porriño é unha terra de emigrantes, e esta historia representa a moitas familias que ao longo dos séculos levaron o nome da nosa vila polo mundo. A historia deixa pegadas e, ás veces, esas pegadas volven ao lugar onde todo comezou”.

Desde o goberno municipal destácase tamén que esta proposta se enmarca na vontade de proxección cultural e institucional do Porriño coincidindo cun acontecemento de alcance internacional como é o Ano Santo Xacobeo 2027, e sempre desde o respecto ás institucións e á historia.

O Concello do Porriño continuará traballando de maneira coordinada con outras administracións, co tecido social e cos medios de comunicación para que esta iniciativa poida avanzar de forma ordenada e consensuada.

O Certame de Rondallas do Porriño encheu o pavillón municipal ata completar aforo

 

  • Música, tradición, sorpresas e máis de 2.000 asistentes nun domingo cheo de emoción

O Porriño, 11 de Xaneiro de 2025.- Esta tarde o Concello do Porriño pechou a súa programación de Nadal por todo  alto cunha nova edición do Certame de Rondallas, que encheu por completo o pavillón municipal de deportes. Veciños e visitantes de tódalas idades reuníronse para desfrutar dun espectáculo que combina música, tradición e alegría, consolidando o certame como un dos eventos culturais máis importantes da comarca.

O certame reuniu 17 agrupacións de distintos puntos da provincia, que ofreceron actuacións cheas de variedade e musicalidade. Cada rondalla contou con 12 minutos para presentar o seu repertorio, cumprindo ao detalle o regulamento do evento. 

Entre os aplausos e a emoción do público, actuaron a Rondalla Santa Eulalia (Mos), a Rondalla de Ventosela (Redondela), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui), a Rondalla Airiños da Lagoa de Baíña (Baiona), a Rondalla do CSCR de Beade (Vigo), a Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns (Vigo), a Rondalla Asociación Centro Veciñal e Cultural de Valladares (Vigo), a Rondalla da SCDR Helios de Bembrive (Vigo), a Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla da Asociación de Veciños do Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Asociación Rondalla Club Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla da Asociación Cultural, Social e Veciñal de Herville (Mos), a Rondalla da Asociación Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) e a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán) xunto ás formacións anfitrioas: a Asociación Cultural e Musical Rondalla de Pontellas, a Rondalla Santa María do Porriño e a Rondalla Santa Eulalia de Atios, que pechou o certame.

Durante a entrega de detalles, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “o Certame de Rondallas volveu demostrar unha vez máis o seu éxito, con aforo completo e un público entregado. A tradición das rondallas está máis viva que nunca, gracias ao esforzo das agrupacións e á implicación da veciñanza”.

Entre a música e os aplausos o evento consolidouse como un referente cultural da comarca, pechando máis dun mes de programación de Nadal e deixando unha magnífica impresión entre participantes e asistentes. Un domingo no que a música e a tradición se atoparon para crear un momento inesquecible no Porriño.

O Porriño inicia a reforma da que será a única sala de cine da comarca

 

  • O espazo ten capacidade para 170 persoas, con equipamento audiovisual en 4K e son envolvente
  • Esta actuación conta cun orzamento que supera os 250.000 euros ao abeiro do Plan +Provincia

O Porriño, 10 de xaneiro de 2026. – O Concello do Porriño iniciou esta semana os traballos de reforma interior do que será o único cine municipal da comarca, e que se atopa no Centro Cultural, un proxecto pioneiro en Galicia que abrirá as súas portas ao longo deste ano. 

A reforma, cun orzamento de 251.739,60 euros financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, suporá unha transformación integral da planta baixa do edificio, adaptando os espazos de auditorio, escenario e camerinos para acoller unha sala versátil, moderna e tecnolóxicamente avanzada, coa capacidade para 170 butacas.

Segundo o alcalde, Alejandro Lorenzo, “esta nova sala permitirá gozar do cine no Porriño sen ter que desprazarse fóra do municipio, algo moi demandado, especialmente pola veciñanza máis nova. É un proxecto que combina cultura, innovación e dinamismo económico, colocando á nosa vila no mapa cultural de Galicia”.

O proxecto inclúe a redistribución dos espazos, eliminando o escenario elevado e os camerinos traseiros; a mellora acústica e estética das paredes mediante trasdosado con illamento e acabado en madeira; a renovación das butacas para adaptar a sala a diferentes usos, desde proxeccións cinematográficas ata conferencias e charlas; e novas instalacións de iluminación e son, aproveitando a climatización existente.

O equipamento audiovisual xa foi adquirido, cun investimento de preto de 100.000 euros subvencionado pola AGADIC da Xunta de Galicia. “Esta nova sala disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional de 5×3 metros con sistema de tiro directo, servidor con capacidade de 16TB e un avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia cinematográfica de primeiro nivel”, apunta o rexedor. 

A duración estimada das obras é de seis meses, e o proxecto permitirá que a sala se converta nun espazo multifuncional, apto para proxeccións, conferencias e actividades culturais, dinamizando o centro cultural e o tecido económico e social do Porriño.

“É unha gran noticia para a veciñanza e tamén para atraer visitantes doutros municipios. Estamos moi orgullosos de iniciar estas obras, que cumpren un soño histórico da veciñanza e consolidan ao Porriño como un referente cultural na comarca”, conclúe o alcalde Alejandro Lorenzo.

Rondallas de toda a comarca daranse cita este domingo no Certame de Rondallas do Porriño

  • O pavillón municipal acollerá a participación de 17 agrupacións nun evento que pecha a programación de Nadal e que contará cun pasarrúas previo polo centro urbano 

O Porriño, 8 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrará este domingo, 11 de xaneiro, unha nova edición do seu emblemático Certame de Rondallas, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio que supón o broche final á programación de Nadal, desenvolvida durante máis dun mes e pensada para públicos de tódalas idades e gustos.

O pavillón municipal de deportes será o escenario no que 17 agrupacións de distintos puntos da comarca ofrecerán as súas actuacións, nun evento que tradicionalmente completa aforo e que destaca pola alta participación e pola resposta do público.

Tal e como recolle o regulamento do certame, cada rondalla disporá dun máximo de 12 minutos para a súa actuación. O tempo comezará a contabilizarse coa interpretación da primeira peza e rematará cando o último compoñente abandone a pista.

Nesta edición participarán, por orde de actuación, a Rondalla Santa Eulalia (Mos), a Rondalla de Ventosela (Redondela), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui), a Rondalla Airiños da Lagoa de Baíña (Baiona), a Rondalla do CSCR de Beade (Vigo), a Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns (Vigo), a Rondalla Asociación Centro Veciñal e Cultural de Valladares (Vigo), a Rondalla da SCDR Helios de Bembrive (Vigo), a Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla da Asociación de Veciños do Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Asociación Rondalla Club Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla da Asociación Cultural, Social e Veciñal de Herville (Mos), a Rondalla da Asociación Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) e a Rondalla Santiago de Parada (Mos) xunto ás formacións anfitrioas: a Asociación Cultural e Musical Rondalla de Pontellas, a Rondalla Santa María do Porriño e, pechando o certame, a Rondalla Santa Eulalia de Atios.

O certame dará comezo ás 17:00 horas, aínda que previamente, se a climatoloxía o permite, celebrarase un pasarrúas polas rúas do centro urbano. As agrupacións sairán de maneira simultánea ás 16:15 horas desde o Centro Cívico, San Benito, a praza Central e a avenida de Galicia.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinalou que “o Certame de Rondallas é un evento plenamente consolidado que ano tras ano volve demostrar o seu éxito, cun pavillón municipal que sempre completa aforo e cun público entregado”. O rexedor destacou tamén que “esta cita pon de manifesto que a tradición das rondallas está máis viva ca nunca, gracias ao traballo das agrupacións e á implicación da veciñanza, e supón o broche de ouro a máis dun mes de programación de Nadal pensada para todas as idades”.

A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, coa apertura de portas prevista para as 16:00 horas. Ademais, o evento poderá seguirse en directo a través das redes sociais do Concello do Porriño.

A Cabalgata de Reis do Porriño reúne a milleiros de persoas e reparte dúas toneladas de caramelos

  • Rondallas, Tren do Nadal, paxes reais, carrozas e o espectáculo de Pablo Méndez protagonizaron o desfile polas rúas do municipio

 

O Porriño, 5 de xaneiro de 2026.- O Porriño viviu esta tarde unha das citas máis agardadas e especiais do Nadal coa celebración da Cabalgata de Reis, que reuniu a milleiros de persoas nas rúas do municipio e converteu a xornada nun auténtico éxito de participación e ambiente familiar.

 

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, chegaron acompañados dun amplo séquito formado polos paxes reais, as tres rondallas do municipio —a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios, a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas e a Rondalla Santa María do Porriño—, o Tren do Nadal, o espectáculo de Pablo Méndez e un colorido desfile con catro carrozas, unha dedicada a cada Rei Mago e unha cuarta de paquetería.

 

A Cabalgata deu comezo ás 18.00 horas desde a rúa Doantes de Sangue e percorreu as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González, congregando a veciñanza ao longo de todo o itinerario. Durante o percorrido repartíronse 2.000 quilos de caramelos sen glute, facendo as delicias da cativada e enchendo de ilusión cada recuncho do municipio.

 

Unha vez rematado o desfile, os Reis Magos trasladáronse á Cúpula Máxica, situada no Parque do Cristo, onde recibiron aos nenos e nenas, escoitaron os seus desexos, recolleron as cartas e fixeron entrega de máis de 1.000 agasallos, poñendo o broche final a unha tarde marcada pola emoción, a maxia e a tradición.

 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que a Cabalgata de Reis “volveu ser unha das citas máis importantes e emotivas do calendario festivo do municipio” e puxo en valor “a gran participación, o ambiente familiar e o esforzo organizativo realizado para ofrecer unha das edicións máis doces e multitudinarias, unha celebración segura, atractiva e á altura da ilusión dos nenos e nenas”.

 

A música tradicional pecha a programación de Nadal

 

A programación de Nadal do Concello do Porriño non remata aquí e pecharase o vindeiro domingo 11 de xaneiro, coa celebración do Certame de Rondallas, unha cita musical que reunirá ás agrupacións locais e de fóra do municipio nun desfile previo polo centro urbano —se a climatoloxía o permite— e nun concerto no Pavillón Municipal dos Deportes. O evento, que comezará ás 17.30 horas, contará con entrada libre e de balde ata completar aforo, poñendo o punto final ás festas cunha tarde dedicada á música tradicional e á convivencia.

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Porriño con 2 toneladas de caramelos e agasallos para os máis pequenos

O Porriño, 3 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, que chegarán ao Porriño o vindeiro 5 de xaneiro para encher de ilusión e maxia as rúas do municipio na noite máis especial do ano.

As Súas Maxestades chegarán acompañadas dun gran séquito formado polos seus paxes reais, as tres rondallas do municipio– a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios, a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas e a Rondalla Santa María do Porriño– o Tren do Nadal, o espectáculo de Pablo Méndez e un colorido desfile composto por catro carrozas, unha dedicada a cada un dos Reis Magos e unha cuarta carroza de paquetería que completará esta gran comitiva real.

A cabalgata dará comezo ás 18 h desde a rúa Doantes de Sangue e percorrerá Antonio Palacios, Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar ao seu destino final. Durante o percorrido, Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán un total de 2.000 kg de caramelos sen glute facendo as delicias dos nenos e nenas e convertendo esta edición nunha das máis doces e multitudinarias.

Unha vez rematado o desfile, os Reis Magos trasladaranse á Cúpula Máxica, no Parque do Cristo, onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas, conversarán con eles e entregarán os seus agasallos aos máis pequenos antes da máxica visita que lles farán pola noite.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca que a Cabalgata dos Reis Magos “é unha das citas máis importantes e emotivas do calendario festivo do municipio” e sinala que “se trata dun evento pensado para que as familias poidan compartir unha tarde de ilusión tradición e encontro” subliñando tamén o importante esforzo organizativo realizado para ofrecer “unha cabalgata segura atractiva e á altura da ilusión dos nenos e nenas”.

Recomendacións de seguridade

Desde o Concello recoméndase seguir unha serie de indicacións para garantir a seguridade durante o desenvolvemento da Cabalgata:

– Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.

– Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.

– Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.

– É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas

– Non distraer aos conductores que levan os vehículos da Cabalgata.

– Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.

– É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por si se perden.

– Explicar aos nenos e nenas que deben facer no caso de perderse dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.

Arrancan tres días de diversión co Porriño Peque Fest, a gran antesala infantil á Cabalgata de Reis

O Porriño, 2 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño dá hoxe o pistoletazo de saída a tres intensos días de diversión para o público infantil e familiar coa celebración do Porriño Peque Fest, a gran festa do Nadal pensada para as nenas e nenos e que se desenvolverá ata o 4 de xaneiro na pista 2 do Pavillón Municipal dos Deportes.

Desde hoxe e durante tres xornadas consecutivas, en horario continuado de 11:30 a 19:00 horas, o pavillón municipal converterase nun gran espazo de lecer infantil que funciona como a antesala perfecta á chegada das Súas Maxestades os Reis Magos, permitindo que a cativada viva con intensidade e ilusión os días previos á noite máis máxica do ano.

O Peque Fest ofrece unha ampla programación con inchables, animación, xogos e numerosas sorpresas, á que este ano se suman novidades destacadas que amplían a oferta creativa e participativa do evento. Entre elas, sobresae a incorporación de obradoiros de pintacaras, construcións de Lego, tatuaxes temporais e chapas personalizadas, propostas pensadas para fomentar a imaxinación, a creatividade e a participación activa das nenas e nenos.

A entrada ao Porriño Peque Fest é libre e gratuíta ata completar aforo, garantindo un espazo seguro, accesible e pensado para o desfrute das familias.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que “con este evento arrincan tres días cheos de alegría e ilusión para a cativada, consolidando o Peque Fest como unha das citas máis importantes do Nadal no Porriño”. Ademais, destacou que “as novidades deste ano reforzan o carácter creativo e participativo da festa, ofrecendo experiencias diferentes que enriquecen o lecer infantil”.

A programación de Nadal continúa durante a fin de semana coa visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente ás parroquias do municipio, un percorrido moi agardado que permitirá achegar a maxia do Nadal a todos os recunchos do Porriño antes da súa chegada oficial á vila.

O sábado 3 de xaneiro, os Reis Magos visitarán Chenlo (16:15 h), Mosende (17:00 h), Pontellas (17:45 h), San Salvador (18:30 h), Cans (19:15 h) e Carracido (20:00 h).

O domingo 4 de xaneiro, o percorrido continuará por A Forna (16:15 h), Atios (17:00 h), Casal (17:45 h), Mosteiro (18:30 h), Lagoa (19:00 h) e a igrexa de San Rosendo (19:30 h).

Este percorrido polas parroquias servirá como antesala á gran Cabalgata de Reis Magos do luns 5 de xaneiro, na que as Súas Maxestades farán a súa entrada triunfal no Porriño, enchendo as rúas de música, cor e ilusión, coa participación de colectivos locais e cun protagonismo especial para o público infantil.

Desde o Concello do Porriño anímase á veciñanza a participar nas actividades programadas e a compartir estes días de Nadal en familia, facendo do municipio un espazo de encontro, convivencia e ilusión.

O Porriño fai historia cun Pre-fin de ano multitudinario que reuniu a máis de 10.000 persoas

  • París de Noia puxo a banda sonora a unha noite inesquecible coas badaladas protagonizadas por Fátima Pego e Claudio Giráldez
  • A xornada arrancou pola mañá coas badaladas infantís das 12:00 horas e unha ampla programación pensada para os máis pequenos

O Porriño, 31 de decembro de 2025.O Porriño viviu o penúltimo día do ano unha xornada histórica coa celebración dun Pre-fin de Ano multitudinario que reuniu a máis de 10.000 persoas, consolidando ao municipio como a gran referencia galega desta celebración anticipada. A veciñanza e milleiros de visitantes volveron responder de maneira masiva a unha cita xa plenamente asentada no calendario festivo e cultural do concello.

O punto álxido da xornada chegou pola noite coa gran festa celebrada na rúa Domingo Bueno, onde milleiros de persoas se congregaron para despedir o 2025 e dar a benvida ao 2026 por adiantado. A Orquestra París de Noia, cun espectacular dobre pase, foi a gran protagonista musical dunha noite marcada pola emoción e o ambiente festivo.

Un dos momentos máis agardados produciuse coas doce badaladas, conducidas pola presentadora e cantante Fátima Pego e polo adestrador do RC Celta e porriñés Claudio Giráldez, que protagonizaron un dos instantes máis aplaudidos da celebración.

A presenza de público procedente de numerosos concellos da contorna foi unha constante ao longo de toda a xornada. Os propios condutores do evento coincidiron nunha mesma idea, resumida nunha frase que se escoitou en repetidas ocasións durante a noite: “esta noite todos somos do Porriño”, reflectindo o carácter aberto, acolledor e colectivo da celebración.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subiuse tamén ao escenario para compartir ese momento coa cidadanía e dar a benvida ao novo ano. “O Porriño volve demostrar que é a capital por excelencia do Pre-fin de Ano en Galicia, cunha festa pensada para todos os públicos e vivida con respecto, participación e ilusión”, sinalou o rexedor, quen aproveitou tamén para desexar boas festas a toda a veciñanza e ás persoas visitantes. Nese mesmo momento, unha das veciñas máis queridas e lonxevas da vila, Juaniña, subiu cos seus 101 anos tamén ao escenario e animouse a felicitar o aninovo, protagonizando un dos instantes máis entrañables da noite e arrincando un longo aplauso do público.

 

Tralas badaladas chegou o brinde colectivo e, como colofón especial, realizouse oun reparto de balóns asinados polo propio Claudio Giráldez, un xesto moi celebrado polo público. A festa continuou co segundo pase da Orquestra París de Noia, prolongando a celebración ata ben entrada a noite, que rematou cunha animada sesión DJ a cargo de Groove Amigos.

Un Pre-fin de Ano para tódalas idades e gustos

A celebración comezou xa pola mañá coa festa infantil na Praza do Concello, onde os nenos e nenas foron protagonistas do seu propio Pre-fin de Ano. Ás 12:00 horas tiveron lugar as badaladas infantís, tras unha mañá chea de xogos, obradoiros e animación a cargo de As Maimiñas, e coa actuación musical de Xeración M, nun ambiente familiar e festivo.

Xa pola tarde, a música tradicional tomou as rúas co pasarrúas das tres rondallas: a Rondalla de Santa María do Porriño, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Rondalla Cultural Musical de Pontellas, que percorreron o centro da vila enchendo O Porriño de son e tradición. A programación musical completouse cunha sesión DJ de Dumore, que quentou o ambiente antes da gran festa nocturna.

Ao longo da xornada, o Concello repartiu uvas, cotillón e chocolate quente de balde, contribuíndo a crear un ambiente participativo e accesible para todos os públicos.

Nadal no Porriño ata o 11 de xaneiro

O Pre-fin de ano forma parte dunha ampla programación de Nadal que continuará no Porriño ata o 11 de xaneiro, con propostas culturais, musicais e de lecer para tódalas idades. Entre as próximas citas destacan o Porriño Peque Fest, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de xaneiro, e a tradicional Cabalgata de Reis do 5 de xaneiro, ademais de espectáculos, animación de rúa e o certame de rondallas.

Con esta programación, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta por un Nadal diverso, participativo e pensado para fortalecer o espírito comunitario que caracteriza estas datas.