O Concello do Porriño informa de que hai un prazo ata as 00:00 horas do mércores 23 para que os particulares interesados en facer fogueiras nas súas fincas, na véspera de San Xoán, presenten as súas correspondentes solicitudes para acadar autorización municipal. Un bando da Alcaldía lembra as obrigas que deberán observar os solicitantes no que atinxe á montaxe, materiais e localización das fogueiras nos terreos de propiedade privada onde van facerse. Tamén o bando subliña que os solicitantes deben cumprir as normas de prevención contra Covid en propiedades privadas, como a distancia social e o uso dunha máscara, e que se respecte o número de 15 persoas reunidas ao aire libre e 6 se están en interiores.
Ás 20,30 horas, no Pavillón 1, o equipo cadete masculino do Balonmán Porriño Conservas Orbe, xogase hoxe o pase a semifinais do Campionato de España contra o conxunto valisoletano CB Delicias Play 360.
Una vitoria, incluso un empate dos porriñeses garante que pasen ronda. Ata de agora, o Balonmán Porriño gañou o seu primeiro encontro fronte ao Grupo IMQ Gijón e onte perderon contra o Barcelona, por 23-44.
O equipo blaugrana acreditou a súa condición de máximo favorito para facerse co título deste Campionato que está a celebrarse na nosa vila coa participación dos mellores equipos españois, agás o Granollers que non puido viaxar por un gromo da Covid que afectou a media plantilla.
No que atinxe ao equipo cadete feminino do Balonmán Porriño que tamén está a xogar polo Campionato de España en Elche, xa non ten posibilidades de pasar ronda debido a que sufriu a segunda derrota no seu cadro. Aínda así, fixeron unha tempada extraordinaria coroada coa clasificación para esta fase final.
A alcaldesa Eva Garcia ofreceu esta mañá unha recepción aos equipos participantes na fase final do Campionato de España de balonmán cadete masculino que está a celebrarse no Porriño dende onte. Acudiron delegacións dos sete equipos: Barcelona, Zaisa Bidasoa Irún, Cajasur Córdoba, Grupo IMQ Gijón, CBM Delicias Play 360 Valladolid, Fertiberia Puerto Sagunto e o club anfitrión e campión de Galicia, Balonmán Porriño Conservas Orbe.
O acto celebrouse no salón de plenos do Concello. Os capitáns dos sete equipos, ocuparon cadeiras onde habitualmente séntanse os concelleiros. Acompañaron á alcaldesa, José Carlos de Castro, delegado da Federación de Balonmán, e Lucía Freiría, directiva do Balonmán Porriño.
Eva García felicitou aos sete equipos por chegar a esta fase final e tivo un recordo agarimoso para o Granollers que debido a un gromo de coronavirus con varios xogadores contaxiados non puido viaxar ao Porriño.
A alcaldesa subliñou a condición de “gran favorito do Barcelona para levarse este Campionato pero agardo que os do Balonmán Porriño vos dean moita, moita guerra”, dixo Eva García.
Como remate da recepción, a alcaldesa entregou aos delegados e delegadas dos sete equipos, unha caixa conmemorativa cunha bola de pan do Porriño e un libro sobre a obra do noso arquitecto, Antonio Palacios.
Finalmente serán sete os equipos que participen a partir deste mércores 16, na fase final do Campionato de España de Balonmán Cadete Masculino que se celebrará ata o domingo no Polideportivo Municipal do Porriño. Lamentablemente un gromo de coronavirus con media ducia de xogadores contaxiados impediu que o Balonmán Granollers poida participar, e de feito xa renunciaron a viaxar. Os sete equipos participantes nesta fase final da que sairá o campión de España cadete masculino serán: Barcelona, Zaisa Bidasoa Irún, Cajasur Córdoba Balonmano, Grupo IMQ, CBM Delicias Play 360, Fertiberia Puerto Sagunto e o club anfitrión e campión de Galicia, Balonmán Porriño. O vindeiro xoves, a alcaldesa Eva Garcia ofrecerá unha recepción aos equipos participantes no Concello. Deixamos imaxe adxunta co cadro de emparellamentos e horarios de partidos desta fase final.
Eva García de la Torre solicitou que Madrid “honre debidamente ao noso arquitecto Antonio Palacios, que deixou unha obra tan destacada nesta capital, coa concesión do nome dunha rúa sobranceira da cidade”. A alcaldesa do Porriño falou este serán ante un auditorio ateigado de público no Círculo de Belas Artes de Madrid. Entre os espectadores ocupou un lugar salientable na primeira fila de cadeiras, Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira do Goberno Central e deputada de Galicia en Común-Unidas Podemos pola provincia de Pontevedra. Antes de que dera comezo o acto, alcaldesa e vicepresidenta estiveron falando e recibiron un agasallo da directiva do Círculo de Belas Artes.
Na súa intervención, Eva García reivindicou a “enorme transcendencia de Antonio Palacios como urbanista cunha pegada innegable en Vigo e no Porriño e tamén en Madrid onde deixou un legado impresionante do que unha mostra é este edificio do Círculo de Belas Artes onde nos atopamos”. A rexedora reivindicou que “dende a nosa chegada á Alcaldía do Porriño temos traballado de arreo para recuperar unha meirande parte dos cadernos de debuxos de Antonio Palacios que serviron para editar libros como este que estamos a presentar hoxe, obra de Alvaro Bonet”, manifestou Garcia de la Torre. Precisamente Alvaro Bonet, autor de de “Trazar la mirada. Cuaderno de viaje de Antonio Palacios”, editado por “Engaiolarte”, agradeceu a colaboración do Concello do Porriño e da súa alcaldesa que lle permitiu acceder ao fondo documental de Palacios que se ten recuperado.
O tribunal de avaliación formado por técnicas municipais e presidido polo concelleiro de Emprego, David Alonso resolveu hoxe o primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.
Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.
O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.
Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan a presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.
Eva Garcia de la Torre participará mañá xoves en Madrid, no Círculo de Belas Artes, na presentación do libro “Trazar la mirada, Cuaderno de Viaje de Antonio Palacios”, do que é autor o arquitecto Alvaro Bonet. O acto vai ter lugar ás 19 horas, na sede do Círculo, un edificio de seis plantas na rúa Alcalá que é un deseño do propio Palacios. O presidente da entidade anfitrioa, Juan Miguel Hernández de León abrirá o acto e presentará á alcaldesa de Porriño. Ademais, intervirán Manuel Blanco Lage, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid; Ana Belén Berrocal, enxeñeira de camiños e o autor, Alvaro Bonet. A obra é editada pola firma “Engaiolarte” que xa publicara anteriormente “Unha viaxe por Galicia”, de Xosé Ramón Iglesias, por iniciativa do Concello do Porriño, despois de que a alcaldesa acadase a cesión dun fondo documental con debuxos orixinais de Antonio Palacios conservados en 11 cadernos e outro material de traballo do arquitecto porriñés. Agora Alvaro Bonet, seguindo o traballo comezado polo profesor Moncho Iglesias, inclúe en “Trazar la mirada, Cuaderno de Viaje de Antonio Palacios” máis de 250 imaxes de paisaxes, monumentos e tipos humanos que permiten comprender mellor a dimensión artística do arquitecto porriñés. Na súa intervención, a alcaldesa lembrará que O Porriño está a celebrar o “Ano Antonio Palacios” cunha serie de actos programados ata outubro. Actualmente e con moitísima aceptación, realízanse as visitas guiadas teatralizadas, con actores e acompañamento musical, que instrúen aos visitantes sobre a traxectoria e personalidade do arquitecto a través dun roteiro polas obras de Palacios na súa vila natal.
A alcaldesa, Eva Garcia, acompañada de David Alonso, concelleiro de Deportes, recibiron ás compoñentes do equipo infantil feminino do “Porriño Baloncesto Base” que esta semana participará na fase final do Campionato de España que se vai celebrar en Marín. O “PBB” clasificouse como mellor terceiro equipo de Galicia e terá como rivais na primeira quenda a Canoe, de Madrid e os campións de A Rioxa e Murcia.
A alcaldesa desexoulles “moitísima sorte” nesta competición pois “xa é un mérito moi grande destas rapazas terse clasificado entre os 32 mellores equipos de España”, segundo manifestoulles Eva Garcia. Aproveitando o encontro, alcaldesa, concelleiro, xogadoras, técnicos e directivos do PBB fixeron una sesión de fotografías na Fonte do Cristo e tamén ante a sede do “sponsor” privado do equipo que ten ao Concello do Porriño como principal patrocinador.
A Concellería de Servizos Sociais que dirixe David Alonso ven de realizar un balance das actuacións deste departamento dende que comezou a pandemia. O informe ofrece datos espectaculares como a cantidade de alimentos repartidos entre familias en risco de exclusión social. Un millón de quilos de produtos non perecedoiros e conxelados distribuídos a través do Banco de Alimentos SÓS Porriño, coa colaboración de voluntarios, Protección Civil e Policía Local. A metade dese millón de quilos de produtos, repartidos ao longo dos quince meses transcorridos, proceden de doazóns de empresas de Porriño e da contorna, e o resto das achegas realizadas polo Concello con fondos propios. Nos peores momentos da pandemia, esa axuda alimentaria alcanzou a 500 familias do Porriño. Actualmente tan só é precisa para 160 familias, segundo informou David Alonso.
Nese senso, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou as achegas extraordinarias efectuadas polo Concello “nas circunstancias máis difíciles coas corentenas e confinamentos” por un total de 100.000 €, mediante crédito extraordinario para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade.
Tratouse dunha acción extra que complementou a axuda periódica do Banco de Alimentos, mediante un contrato co Supermercado Froiz da rúa Ramón Gónzalez que permitiu que as persoas e familias mais desfavorecidas fixeran compra de produto de primeira necesidade, previo informe e autorización polos técnicos do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Por outra banda, o Concello tamén abonou no que vai deste ano 2021, 11.819 € en axudas de emerxencia social, previamente informadas polos técnicos de Servizos Sociais. Esas achegas para as familias máis desfavorecidas, dirixíronse aos nenos e nenas que precisaban gafas, tratamentos dentais ou produtos farmacéuticos. E finalmente o departamento de Servizos Sociais tamén tramita, informa e resolve a concesión das tarxetas moedeiro (“Tarxeta Básica”) que a Xunta de Galicia subvenciona con achegas de 300 euros por familia solicitante. Ata de agora, os técnicos municipais xestionaron 144 peticións por un importe total de 43.000 €.
A empresa “Distribucións Rivas” fixo entrega hoxe ao Concello do Porriño dunha doazón de 33.600 máscaras cirúrxicas e 270.000 unidades de luvas desbotables. O material de protección doado por “Dis Rivas” será repartido, a través da Policía Local entre os establecementos de hostalería e usuarios de Servizos Sociais e do Banco de Alimentos “SOS Porriño”.
A alcaldesa Eva García, acompañada da concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e do Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron as instalacións de “Dis Rivas” no polígono de Cataboi. José Luis Suárez, director xeral, o seu fillo, Iván Suárez, director financeiro, e Benjamín Castillo, director comercial realizaron a entrega. O encontro serviu tamén para que a delegación municipal coñecera as modernas instalacións desta empresa de distribución que estrearon hai tres meses, e nas que traballan máis de 30 persoas. A alcaldesa agradeceu a doazón realizada por “Dis Rivas” á veciñanza e eloxiou o traballo realizado por esta empresa que elixiu O Porriño para desenvolver unha forte inversión de máis de 3 millóns de euros.