O Concello resolve unha segunda quenda de axudas pola Covid, por importe de 35.647 € para hostalería, comercio e autónomos

O Concello do Porriño informa da resolución dunha segunda quenda de axudas económicas directas pola Covid deste exercicio 2021, que atenden a 27 solicitantes entre establecementos da hostalería, comercio, micro empresas e autónomos do municipio.

O importe das achegas municipais desta segunda quenda é de 35.647 euros. De esa cantidade total, 23.726 € son para peticionarios de axudas por peche total da súa actividade, namentres que os 11.741 € restantes son para atender solicitudes por cese parcial da actividade.

Este lote de axudas únese ao primeiro que supuxo achegas por un valor de 60.926 euros. O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Ata o momento dispuxéronse de 96.393 euros con cargo a fondo total de 140.000 euros que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño, mediante recursos propios do Concello, a través dunha modificación de crédito, e coa achega concedida pola Deputación de Pontevedra.

En breve haberá unha terceira quenda de concesión de axudas para atender outras solicitudes que aínda deben completar documentación requirida e que serán revisadas polo tribunal de avaliación, segundo manifestou David Alonso, concelleiro de Promoción Económica.

A alcaldesa felicitou aos compoñentes do club Ximnasia Porriño polos seus recentes éxitos deportivos


Eva Garcia de la Torre e o concelleiro de Deportes, David Alonso acudiron este mediodía aos adestramentos do equipo de ximnasía rítmica do Club Ximnasia Porriño, no Pavillón 1 do Polideportivo Municipal, para felicitarlles persoalmente pola excelente campaña deportiva que fixeron nas diferentes categorías nas que competiron.


Aos éxitos deportivos máis salientables da tempada acadados por Hernán Sío e Sofía Sousa, campións individuais de Galicia respectivamente, hai que engadir os máis recentes de Leire Pérez, subcampioa galega benxamín e, de xeito especial, o subcampionato de España xuvenil feminino que acadou Noa Filgueira, no Nacional Base Individual celebrado en Valladolid.


A alcaldesa manifestoulles “o meu orgullo de ter en Porriño un club e uns deportistas tan laureados” e trasladou o seu recoñecemento ás adestradoras e directivas do club “asi como aos pais e nais de todos vos polo esforzo que, sen dúbida, están a facer tamén”, manifestou Eva Garcia.

A alcaldesa felicitou ao neno motorista Iker Rodríguez que recibirá un convenio de patrocinio do Concello para a vindeira tempada

A alcaldesa Eva Garcia e o concelleiro de Deportes, David Alonso felicitaron persoalmente hoxe ao motorista Iker Rodríguez, un neno de porriñés 9 anos que se proclamou campión de España de categoría “supermotard” de 65 c.c. En compañía do seu pai, Jaime e dos restantes membros da familia, Iker recibiu da alcaldesa o anuncio de que para vindeira tempada de 2022, recibirá un convenio de patrocinio do Concello por un importe de 1.200 euros.

O encontro celebrouse no circuíto de motos que precisamente montou en Torneiros o propio Jaime e onde actualmente xunto cos seus fillos Iker e Eric, hai outros 30 nenos recibindo clases de pilotaxe. Ademais, pilotos de outras partes de España acoden habitualmente a adestrarse dadas as características da pista. Precisamente hoxe estará adestrando con Iker o piloto murciano, Pedro Acosta que compite no Mundial de Moto3 e xa ten acadadas catro vitorias na tempada. Acosta, con tan só 17 anos, está considerado pola prensa especializada a futura gran estrela do motociclismo español e será para o porriñés Iker un mestre de excepción.

Para a vindeira tempada, Iker pasará a competir na seguinte cilindrada Moto4 (150 cc) a partir dos 10 anos de idade e correrá nos principais circuítos do Estado.

A Asociación de Panadeiros presentou ao Concello o rexistro “Pan do Porriño”, outorgado pola Oficina Española de Patentes e Marcas

 

A Asociación de Panadeiros presentou ao Concello, o rexistro “Pan do Porriño” outorgado pola Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. David Alonso, concelleiro de Promoción Económica e Turismo; e Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas, en representación do Concello, recibiron un exemplar do título acreditativo da marca “Pan do Porriño” que lucirá a partir de hoxe nas oito panaderías que promoveron esta marca e adheríronse ao selo. Son “Forno de Mosende”, “Chinchina”, “Argibay” “Amaquía” “O Progreso”, “Erundina”, Milagros” e “Panadería Torneiros”.

Cinco dos oito panadeiros acudiron hoxe a presentar o rexistro e agradecer ao Concello o seu apoio a “unha reivindicación que levou moitos anos de traballo e xestións ata acadar este recoñecemento”, segundo explicou José Manuel Fernández, presidente da Asociación e propietario de “Forno de Mosende”.

Na mesma liña, reivindicando a necesidade de recuperar a Festa do Pan e de atopar outros instrumentos de promoción nacional e internacional do Pan do Porriño, manifestáronse José Manuel Fernández (“Chinchina”); Claudio Argibay “Panaderia Argibay), Luis Miguel Iglesias (“Amaquía”) e José Carlos Fernández (“O Progreso”).

Pola súa banda a concelleira de Cultura e Festas expresou a súa satisfacción por “este empoderamento do Pan do Porriño por que é moi importante que se ligue a identidade da bola do pan co Porriño e con todas as actividades culturais e festivas que fagamos”.

David Alonso manifestou que “benvido sexa este recoñecemento dunha tradición histórica”. O concelleiro de Promoción Económica subliñou que as oito panaderías que integran a Asociación e lucirán o selo “xeran case cen postos de traballo no pobo o que supón unha fonte de ingresos para moitas familias”.

Tanto Cami Moreira como David Alonso comprometéronse coa Asociación a manter reunións nos vindeiros días para reanudar neste ano a celebración da Festa do Pan (probablemente en outubro) e lanzar outras iniciativas de promoción e coñecemento do “Pan do Porriño”. 

 

Pleno municipal ordinario de xuño: a corporación coñecerá a oferta de “Servicios dos Concellos Galegos S.L” para facerse co contrato de recollida de lixo ao que renunciou “Valoriza”


Esta tarde, a corporación local do Porriño coñecerá a proposta da mesa de contratación para outorgar o contrato de recollida, transporte e tratamento de lixo e residuos e xestión do Punto Limpo do Concello á firma “Servicios dos Concellos Galegos S.L.”. Un contrato dun custe de 1.300.000 euros por ano e cunha duración de nove anualidades (8+1), ao que renunciou a empresa “Valoriza Servicios Medioambientales S.A.” que fora a mellor valorada na licitación convocada polo Concello.


Sen embargo, “Valoriza” ven de presentar o seu desistimento polo que a mesa de contratación propón á segunda empresa con mellor puntuación que resultou ser “Servicios do Concellos Galegos S.L.”.
O asunto ten que ter o preceptivo ditame da Comisión Municipal Informativa de Medio Ambiente e Limpeza que está convocada de urxencia ás 17,45 horas desta tarde, é dicir, quince minutos antes da hora na que está convocado o pleno da Corporación.

Deixamos “pdf” coa orde do día da sesión

DECRETO 2021-1455 [Decreto da convocatoria] (2)

Págase o primeiro lote de axudas económicas directas do Concello á hostalería, comercio e autónomos

A alcaldesa Eva Garcia firmou este mediodía, por sede electrónica, as ordes de pagamento aos 45 beneficiarios do primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.

Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.

O Concello vende os 23 vehículos municipais en desuso por preto de 8.700€ na segunda poxa

O Concello do Porriño vendeu os 23 vehículos municipais en desuso que permanecían almacenados no recinto do Multiusos de Torneiros desde outubro de 2019, cando se renovou o parque móbil municipal. A pesares de que os vehículos tiñan prezos de saída de saldo (entre 50 e 100 euros) finalmente as ofertas elevaron o prezo de venda. O monto total da venda dos 23 vehículos acadou 8.697 euros (impostos incluidos).

Esta mañá, presidida pola alcaldesa Eva Garcia, a mesa de valoración celebrou a sesión pública de apertura de plicas da poxa que era a segunda que se convocaba polo Concello para a venda destes vehículos.

Entre as curiosidades que deparou o resultado da poxa subliñar que o prezo máis alto foi de 1.550 euros ofertados polo vehículo “Ssangyong Action” con 160.000 quilómetros e que na anterior poxa tiña un prezo de saída de 5.800 euros. Pola contra, unha berlina “Volvo S80” que fora o coche oficial da Alcaldía na época de Xosé Manuel Barros, vendeuse en 536 euros.    

Edgar Costas galardoado co IV Premio Roberto Vidal Bolaño, entregado no Porriño


Edgar Costas Sanmartín recibiu o IV Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, instituído polo Concello do Porriño e organizado polo IES “Ribeira do Louro” e por Editorial Galaxia. O acto de entrega do galardón desenvolveuse no salón de actos do instituto porriñés.
A obra do autor galardoado titulase “Casa de feras”, segundo o fallo ao que deu lectura a profesora Raquel Castro, secretaria permanente do xurado. Francisco Castro, director xeral de “Editorial Galaxia” entregou o galardón e o diploma acreditativo.


O premio está dotado con 2.000 euros, que constituen a achega do Concello do Porriño, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría. Ademais, “Editorial Galaxia” comprometese a edición e publicación da obra gañadora.
O Premio Roberto Vidal Bolaño naceu coa finalidade de crear un fondos de textos teatrais en galego, susceptibles de ser representados polo alumnado de ensino secundario.

Un zafarrancho de reparacións comezou hoxe pola praza do Concello e a rúa peonil

Esta mañá operarios do Servizo de Vías e Obras do Concello iniciaron un zafarrancho de reparacións de beirarrúas que se estenderá ao longo das vindeiras semanas polo centro urbano, parroquias e polígonos industriais.
Comezaron co arranxo e reposición de baldosas de pedra na praza Arquitecto Antonio Palacios e na rúa peonil. “Demos preferencia á contorna do Concello pola maior afluencia de peóns que está a notarse co incremento dos peregrinos e visitantes” subliñou a alcaldesa Eva García.

Indicou que “de seguido continuarán co zafarrancho por outras rúas do centro urbano e despois pasarán a reparar beirarrúas en parroquias e nos polígonos industriais, nomeadamente, na Granxa onde hai moitas deterioradas”, engadiu a alcaldesa.
Estes traballos realízanse grazas á incorporación de novos traballadores ao Servizo Municipal de Vías e Obras, contratados por seis meses, a través da achega do Plan Concellos 2021 da Deputación.

 

O goberno municipal levará ao pleno o regulamento de tele traballo para os empregados do Concello

O goberno municipal porriñés levará para a súa aprobación plenaria na vindeira sesión da corporación, o regulamento de tele traballo con Concello. O texto da proposta será trasladado mañá mércores aos demais grupos políticos da corporación na comisión municipal de Economía, Facenda e Persoal que deberá ditaminar o asunto para o pleno do vindeiro mércores 30 de xuño.

O regulamento para a prestación en réxime de tele traballo no Concello do Porriño aprobouse por unanimidade de todos os sindicatos despois das negociacións mantidas con Lourdes Moure, concelleira socialista, responsable de Persoal e Facenda.

Como principais criterios, o regulamento establece que non todos os servizos municipais serán susceptibles de tele traballar; nos que sexa posible deberá limitarse ao 50% dos empregados; e finalmente, establece que non se poderá superar un máximo de 2 días de tele traballo por semana.

Se a proposta que se leva a pleno acada o respaldo da maioría da corporación, o regulamento de tele traballo para os empregados municipais do Porriño entraría en vigor a partir do 15 de setembro.

Por outra banda, esta semana haberá outras comisións informativas previas ao vindeiro pleno. O mércores tamén convocouse comisión de Parques e Limpeza. E o xoves haberá comisións de Urbanismo e de Contas.

Deixamos ligazón cos “pdf” das comisións convocadas para o mércores.

Comisión de Economia

Comisión Limpeza Viaria