A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de O Porriño encargarase a partir das nove da noite de hoxe de avisar aos establecementos de hostalería da rúa peonil para que recollan as súas terrazas, a fin de facilitar o valado e sinalización do recinto que acollerá mañá sábado a comitiva de participantes na 54ª edición do Rallye Rías Baixas.
Os voluntarios da agrupación que dirixe Suso Gónzalez “Carrola”, deixarán sinalizado esta noite o recinto que mañá sábado recibirá os tres reagrupamentos de vehículos participantes que están previstos en tres quendas horarias: 11,28 a 11:58; 15,40 a 16:10; e finalmente de 18:54 a 19:09.
A Policía Local, pola súa banda, restrinxirá o tráfico pola rúa Pío XII e prohibirá o estacionamento de vehículos para garantir o acceso dos participantes ao recinto dos reagrupamentos. E xunto con Protección Civil realizarán labores de vixilancia e seguridade no transcurso dos tramos cronometrados que durante a mañá e a tarde do sábado terán lugar polo termo municipal porriñés.
Finalmente Protección Civil tamén colaborará coa dotación do Parque Comarcal de Bombeiros do Porriño en previsión de calquera accidente no que fose necesaria a súa intervención.
O evento automobilístico ten ao Concello do Porriño como unha das institucións que máis anos leva colaborando coa proba, tanto de xeito económico como na loxística.