O Concello do Porriño está a executar a mellora da accesibilidade e adecuación dos dous pavillóns do polideportivo municipal para garantizar a accesibilidade nas principais instalacións deportivas do municipio.
Os traballos, que avanzan a bo ritmo, adaptarán o pavillón municipal ás necesidades dos e usuarias con diferentes tipos de mobilidade, con percorridos accesibles que mellorarán os accesos, adecuándoas tamén para o desenvolvemento de actividades de deporte adaptado. Ademais, permitirán que os nenos e nenas dos colexios poidan facer uso destas instalacións.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes e Benestar Social, Abel Estévez, visitaron as obras acompañados polo presidente de COGAMI, Ángel Holguera, e o directivo da Federación, Celso Álvarez, para valorar conxuntamente o desenvolvemento das mesmas, xa que dende a entidade se está a asesorar o proxecto.
“As barreiras arquitectónicas destas instalacións perxudicaban a moitos usuarios, era unha cuestión pendente dende hai tempo que urxía atender xa que se trata dun lugar moi concurrido e do que todas e todos debemos disfrutar, sen impedimentos”, explicou o alcalde, “Contamos co asesoramento de COGAMI para facelo , xa que ninguén mellor que eles para asegurar un resultado que atenda ás necesidades reais das persoas con problemas de mobilidade”.
Engadiu o rexedor que a colaboración entre ambas entidades irá máis alá desta intervención, contando co seu asesoramento noutros proxectos a desenvolver . “No novo orzamento consignamos unha aportación a COGAMI de 6.000 euros para levar a cabo accións conxuntas dirixidas á inclusión efectiva, social e laboral das persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Queremos facer do Porriño un lugar amable e accesible para todos”.
ACCESOS E VESTIARIOS ADAPTADOS EN AMBAS PISTAS
Os traballos no pavillón principal centráronse en garantizar o acceso á pista e ás salas de ximnasia para persoas con mobilidade reducida e na construcción dun vestiario adaptado ao mesmo nivel. Para iso construíronse dúas plataformas que permiten acceder de maneira segura ás instalacións dende o exterior.
No segundo pavillón a intervención centrouse na ampliación de espacios baixo a grada e a construción dunha plataforma de acceso e tamén da creación dun itinerario interno que conecte a segunda pista coa principal, permitindo desta maneira a mobilidade no complexo sen ter que saír ao exterior.
O Concello do Porriño vén de incorporar ao seu cadro de persoal a catro novos traballadores que reforzarán as áreas de emprego e formación, atención ao cidadán e administración xeral.
Todos eles son mozos e mozas que remataron os seus estudos hai menos de tres anos e que se atopaban en situación de desemprego.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, deulles a benvida no seu primeiro día de traballo e púxose á súa disposición.
“O voso traballo será de gran axuda para nós e tamén para vós, xa que vos permitirá adquirir competencias e experiencia nas áreas nas que desempeñaredes o voso labor, trasmitiulles o alcalde, Benvidos ao equipo do Concello do Porriño.
Trátase de dous graduados en Dereito, unha en Economía e outro en Dirección e Xestión Pública contratados ao amparo do programa da Deputación de Pontevedra Primeira Experiencia Profesional que ten por obxecto dotar ás persoas mozas desempregadas, mediante un contrato de traballo, dunha primeira experiencia para a adquisición de competencias e habilidades sociais e profesionais.
O pleno do Concello do Porriño aprobou esta mañá, co voto favorable do equipo de goberno, o Orzamento Municipal para o que resta de exercicio 2023 que ascende a 19 M de euros, o que supón un incremento do 36,23% respecto ao anterior e o posiciona como o máis ambicioso da historia do municipio.
Unhas contas pensadas para servir á veciñanza do Porriño, atender ás prioridades económicas e poder ofrecer unha xestión eficiente e ordenada no que respecta aos gastos e ingresos dentro dun marco de estabilidade orzamentaria. En definitiva, unhas contas que, tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “están deseñadas para optimizar os recursos económicos dos que dispoñemos e atender ao verdadeiramente importante, as persoas e ás súas necesidades”.
Isto queda reflexado nas partidas reservadas polo executivo para atención social. Esta área é unha das máis reforzadas dotándoa de 2,2 M de euros, o que supón un incremento do 94%. Esta cantidade permitirá fortalecer os servizos sociais dotándoos de máis persoal e medios para cumprir coa axuda no coidado dos nosos maiores ou a atención e integración social das persoas menos favorecidas.
No tocante ao gasto en persoal, o orzamento recolle a dotación necesaria para facer frente ás retribucións do persoal ao servizo do Concello recollidas na Relación de Postos de Traballo que se aprobou no ano 2019 sen contar con crédito suficiente no orzamento, o que lastraba a contabilidade municipal ao ter que recurrir a modificacións de crédito para poder dar cobertura á mesma. Co fin de regularizar esta situación, a partida increméntase nun 33,95%, aumentándoa en 1,6 M de euros.
Como xa dixemos a nova folla de ruta económica pretende ofrecer seguridade e estabilidade á xestión neste exercicio, polo que se centra tamén na dotación necesaria para poder atender os compromisos adquiridos cos provedores que teñen contratos en vigor formalizados co concello, así como en permitir pechar novos contratos que permitan prestar servizos de maneira regulada e legal, logo de moitos anos cunha situación de ausencia de licitacións total e absoluta, especialmente grave nos casos dos servizos obrigatorios con maior custe económico para o Concello, como son a recollida de lixo, a limpeza viaria, o mantemento de xardíns e desbroces, a xestión da piscina municipal ou o servizo de axuda no fogar. Por iso o gasto corrente destinado a atender estes contratos representa un 57,54% do total do orzamento.
Resalta na folla de ruta económica a área de Cultura. “Trátase dun valor esencial e un recurso imprescindible do desenvolvemento intelectual”, apuntou Lorenzo, “Polo que seguiremos desenvolvendo unha programación atractiva e moi pendentes da xuventude e das súas necesidades”. A tal fin esta partida increméntase nun 18,38%. Tamén se reforza o eido da Educación cun aumento do 31,25%.
Inclúense tamén novas subvencións nominativas a asociacións do eido veciñal e social que ata o de agora non contaban con achega municipal directa, como é o caso de COGAMI, AFAGA ou OSÍLICE. Destacar neste punto que a maiores se dará cobertura a outras asociacións locais con modificacións orzamentarias que se levarán a pleno nas próximas semanas.
As comunidades de augas tamén se ven reforzadas neste orzamento, case duplican a súa dotación pasando de 95.000 euros a 175.000 euros.
En canto aos ingresos, tal e como relata o alcalde “a liña principal de traballo marcada por este Goberno á hora de elaborar este orzamento foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno aforro para os petos dos porriñeses e porriñesas no momento tan convulso no que estamos a vivir. Por iso se traballa na bonificación de diferentes impostos como sa xe fixo co IBI, a pesar de contar coa porcentaxe mínima establecida, e como se está a facer co ICIO e o IAE”. Lorenzo explicou que a súa política fiscal “basearase na inspección, e sobre todo na depuración e actualización dos padróns de recadacións, xa que o bo comportamento dos ingresos é debido ao crecemento económico en relación á incorporación de máis usuarios á prestación dos servizos, así como á permanente depuración dos mesmos. En definitiva, unha boa xestión económica permitiranos non aumentar a presión fiscal sobre as familias”.
O alcalde, rematou destacando a importancia deste Orzamento de cara a poñer en marcha O Porriño e darlle a estabilidade económica que require para seguir crecendo e facendo cidade. “Este é se cabe o documento máis importante para o desenvolvemento e a prestación de servicios dun Concello e debe facerse de maneira realista e responsable. Pensando na xente e no seu futuro e deixando a un lado os intereses e a pugna política”, concluíu o rexedor, “Iso é o que pretendemos e iso é o que fixemos. Traballamos xa nas contas para o seguinte exercicio que darán continuidade ao noso proxecto e nos próximos días levaremos a pleno numerosas inversións como o pago de facturas ou proxectos de saneamento con cargo ao remanente, algo que nos permite o contar cunhas contas saneadas e estables”.
Como xa adiantamos, o documento aprobouse inicialmente co único voto a favor do goberno municipal e o voto en contra dos dous grupos da oposición. Ambos presentaron emendas ás contas, propostas que foron desestimadas polo pleno. Neste sentido o portavoz do executivo, Carlos Martínez, agradeceu a aportación de ambos grupos e explicou que o goberno desestima estas propostas por ser “algunhas delas con cargo a partidas con crédito comprometido ou executado xa polo que é imposible facer uso do mesmo e outras por ser de ámbitos que non son competencia municipal, polo que levar a cabo o trámite necesario para abordalas imposibilitaría o acometelas no exercicio que contempla este orzamento” e adiantou que algunhas delas “non caen en saco roto para o equipo de goberno” que as terá en conta na redacción do Orzamento para o 2024 na que xa se está traballando.
O Concello do Porriño súmase á celebración do aniversario da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.
“ADOS cumpre 30 anos e durante este tempo a contribución dos veciños e veciñas do Porriño para salvar vidas foi destacable, a nosa veciñanza sempre está aí cando hai que axudar”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Agora, máis que nunca, temos que demostrar a solidariedade da xente do Porriño”.
No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Sanidade, Teresa Veloso, salientando que a doazón “é un acto de xenerosidade sen ningún tipo de custe e que aporta á sociedade valor e compromiso con quen o precisa. As persoas podemos priorizar a saúde dos nosos veciños sen ningún tipo de risco para a nosa”.
Para axudar, o vindeiro venres 14 de xullo (de 10h a 14:30h e de 16 a 21h, aparcará na rúa Domingo Bueno a unidade móbil de ADOS. Ao seu carón, establecerase un set de rodaxe, onde o director será cada persoa que acuda a doar, ao máis puro estilo Hollywood. Dándolle importancia a todas aquelas persoas que nestas datas, se acercan á unidade móbil nun acto altruísta e tremendamente solidario.
Lembramos que non é necesaria cita previa.
O Concello do Porriño instalou hoxe unha nova cabina telefónica na céntrica para de taxis da rúa Estación que permita atender en condicións as chamadas dos usuarios deste servizo.
Os profesionais porriñeses, preto de 20 nesta parada, reclamaban hai tempo unha solución á administración local ante o deterioro do anterior locutorio, que se atopaba en pésimas condicións.
No deseño da nova cabina apostouse pola posta en valor do noso buque insignia, o granito. Así, a instalación simula un bloque de Rosa Porriño extraído das canteiras (coñecidos como azucarillos ou cubos). Está realizada sobre unha estrutura metálica, con paredes interiores de chapa de panel sandwich e forrada e cuberta con granito Rosa Porriño.
Voluntarias da delegación da Asociación Española Contra o Cancro no Porriño mantiveron unha reunión co alcalde, Alejandro Lorenzo, co obxectivo de trasladarlle a actividade que a asociación leva a cabo no municipio e establecer novos lazos de colaboración entre ambas entidades.
Estiveron presentes Mari Carmen López Palacín, delegada da AECC no Porriño, voluntarias da entidade e Telmo Crespo, Coordinador Territorial da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, quen mostrou o seu agradecemento ao rexedor pola súa implicación coa causa.
Tal e como trasladaron ao alcalde, no pasado 2022 levaron a cabo un total de 315 intervencións no Porriño, dúas das cales foron do servizo de logopedia dirixido a pacientes con cancro de cabeza e pescozo, e 225 de atención psicolóxica a pacientes e familiares, 42 de traballo social e 46 acompañamentos do voluntariado a pacientes e familiares no Hospital Meixoeiro.
“A loita contra o cancro require do compromiso de todas e todos, empezando polo das administracións”, apuntou Lorenzo, “Por iso a AECC ten a nosa man tendida para facilitar e promover o seu labor no Porriño empezando por establecer, tal e como acordamos hoxe, acordos de colaboración entre ambas entidades”.
70 anos de experiencia na loita contra o cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra esta enfermidade dende hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar á beira das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro, estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade e mellorar o seu futuro co impulso da investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, aglutina a demanda social de investigación conta o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 104 millóns de euros en 565 proxectos, nos que participan máis de 1000 investigadores.
A AECC integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento. Estruturada en 52 sedes provinciais e presente en máis de 2.000 cidades españolas conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e case 1.000 profesionais. No ano 2021, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a 136.000 persoas afectadas pola enfermidade.