O alcalde traslada o apoio do Concello do Porriño aos traballadores de Faurecia

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, trasladou hoxe ao Comité de empresa de Madera Fiber Technologies (antiga Faurecia Interior Systems) o respaldo da corporación local do Porriño ás súas reivindicacións ante o desmantelamento que está a sufrir a empresa. A multinacional atravesa unha situación crítica e vén de presentar un concurso de acreedores que vai deixar a máis de 100 familias sen sustento.

O rexedor ofeceulles tamén o apoio xurídico que precisen, o Concello do Porriño o poñerá á súa disposición, e ofreceuse a xestionar as xuntanzas precisas coas distintas administracións que poidan mediar neste conflicto.

“Falamos de máis dun cento de persoas que vén perigar o seu medio de vida e o das súas familias, traballadores cunha media de idade de 50 anos que de pronto se ven na rúa. Deben tomarse medidas para garantizar a viabilidade da empresa e destes postos de emprego”, concluíu Lorenzo.  

Tes Talento? Pois agardámoste no Porriño!

Chegan ao Porriño as Festas do Cristo e con elas unha nova edición do concurso musical `Tes Talento?´, que como cada ano dará unha oportunidade de promoción a grupos de música e solistas emerxentes.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto co concelleiro de Festexos e Cultura, Bienvenido Estévez, presentou hoxe o certame na praza Arquitecto Antonio Palacios, nun que contou tamén coa presencia do segundo clasificado da anterior edición, Iker Faure, que deleitou aos viandantes con varios temas para ir quentando motores.

“Seguimos buscando novos talentos que sabemos que no Porriño e na nosa contorna os temos e moitos”, apuntou o alcalde, “No noso pobo hai unha enorme inquedanza musical e proba diso é a boa acollida que cada ano ten este concurso. Por iso dende o Concello estamos aí con eles, para apoiar os seus soños e darlles a oportunidade de compartir a súa música”.

O concurso celebrarase na praza do Concello, o día 22 de setembro terá lugar a semifinal de adultos e o 1 de outubro ás 17 h será a gran final. Previamente haberá unha preselección, pechada ao público o día 15 de setembro no auditorio municipal, tanto para a categoría de infantil como para a de adultos.

O prazo de inscrición aínda está aberto, e todos aqueles que queiran apuntarse poden facelo ata o 14 de setembro nas dependencias do Rexistro do Concello do Porriño, en horario de luns a venres de 9 a 14h. As bases poden consultarse nas páxinas web municipais www.oporrino.org e www.ecultura.net .

Outorgaranse tres premios na categoría adultos, o primeiro con 400 euros, trofeo e a gravación dun tema ou vídeo promocional, un segundo con 250 euros e un terceiro con 150 euros. Os tres finalistas clasificados en infantís recibirán un lote de produtos escolares e o trofeo do concurso.

O CEIP Xosé Fernández López estrea comedor escolar

Hoxe, coincidindo coa volta ao cole, o comedor escolar do CEIP Xosé Fernández López serviu os seus primeiros menús!

O comedor sitúase na edificación que albergaba a vivenda do conserxe e estancias contiguas, que foron acondicionadas para tal fin. Habilitouse un espazo con capacidade para 96 comensais que servirán menús en dúas quendas chegando a un total de 175, para dar resposta a unha das principais demandas deste colexio, o único público do casco urbano e que conta con preto de 400 escolares repartidos nos tres cursos de educación infantil e os seis de primaria.

O alcalde, Alejandro Lorenzo reiterou seu o agradecemento pola absoluta e total predisposición da ANPA “A Oliveira” colaborando en todo momento

A Banda de Gaitas Irmandade de Montevideo súmase ás Festas do Cristo

A Banda de gaitas Irmandade do Centro Social Cultural e Deportivo de Bolos Val Miñor de Montevideo, dará un concerto este mércores 13 de setembro ás 21 h na Praza Arq. Antonio Palacios. Con motivo da celebración dos seus 20 anos de existencia, a banda de música tradicional galega decide cumprir o seu sono de poder actuar e participar de festas na terra dos seus antergos.

Por iso, cunha representación de 10 integrantes, neste mes de setembro viaxou a Galicia para poder facer realidade este obxectivo de amosar o que fan con moita paixón e agarimo, desde hai xa 20 anos.

Esta banda foi creada a principios do ano 2003 en Uruguay por iniciativa dun grupo de mozos descendentes de galegos, para poder continuar coa tradición musical dos seus pais e avós.

Desde o seu comenzo ata hoxe está dirixida por Carlos González, fillo de inmigrante galego da zona de Baiona, comarca que xunto a Nigrán e Gondomar forman o que se coñece como Val Miñor.

É unha banda denominada tradicional xa que tanto o seu repertorio como os seus instrumentos son de orixe tradicional.

O Porriño transformará a súa praza de abastos para convertela nun centro de referencia do comercio e o ocio

O Concello do Porriño iniciou os trámites para licitar a contratación da primeira fase das obras de mellora que se levarán a cabo na Praza de Abastos, cun orzamento máximo de licitación de 106.000 euros.

O Concello pretende con este proxecto impulsar a Praza de Abastos converténdoa nun espazo de encontro e lecer que ofrecerá aos consumidores produtos de calidade e hostalería. As instalacións melloraranse para conseguir un interior máis diáfano e, nas seguintes fases, acondicionarase a contorna.

“Queremos reconverter o mercado, tanto no interior como na súa contorna, para facer deste emblemático edificio o centro neurálxico da zona comercial e de ocio e atraer nova clientela. Respectando sempre a esencia deste edificio de Xosé Bar Boo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A nosa praza de abastos debe ser un centro de referencia para as compras non só no Porriño senón en toda a contorna, un lugar atractivo para a veciñanza”.

A actuación na Praza de Abastos inclúe a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, infraestruturas eléctricas incorporando iluminación led e sistemas de dixitalización. Ademais, renovarase o pavimento de todo o edificio, tanto na planta baixa como na entreplanta, ampliando esta última para conseguir máis superficie de uso. Traballarase tamén no exterior do edificio para subsanar os danos estructurais que presenta.

O proxecto do Goberno Municipal para este espazo é global, e inclúe en seguintes fases a mellora da contorna, trasladando o espazo de aparcadoiro a unha parcela contigua para crear unha praza exterior anexa ao edificio, que permita dispoñer dun amplo espazo para a celebración de feiras e eventos, coa idea tamén de que sirva como reclamo para atraer a nova clientela á vila. Tamén a reordenación do tráfico para mellorar a circulación e solventar problemas de aparcamento, ademais da adaptación de todo o mobiliario urbano.

O alcalde incidiu en que todo isto se fará “da man dos praceiros e praceiras, atendendo ás súas propostas e necesidades e, por suposto, causando o menor perxuízo posible para a súa actividade mentres duren os traballos”.

Merca na rúa celebrarase os días 15 e 16 de setembro

As previsións meteorolóxicas para esta fin de semana obrigan a pospoñer a vixésimo oitava edición da feira de oportunidades prevista para este sábado e domingo. Tal e como anunciaron hoxe dende Acipor e o Concello do Porriño finalmente Merca na Rúa celebrarase o vindeira semana, o venres 15 e o sábado 16 de setembro en horario ininterrompido de 10 a 21 h.

Serán 24 os postos que se instalarán na rúa peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. Roupa, calzado, óptica, mercería ou accesorios son algúns dos artigos nos que se pode atopar importantes descontos.

Para facilitar as compras ás familias o sábado pola mañá haberá inchables para os máis pequenos, de 10 a 14h, e pola tarde obradoiros infantís da man de Hypatia e clases de baile, animación e actuacións con Studio 57.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, convidou a todo o mundo a visitar O Porriño e beneficiarse das grandes ofertas do comercio local.

A ludoteca municipal volve abrir as súas portas este mes de setembro

O Concello do Porriño, a través da concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, pon en este mes un servizo gratuíto de ludoteca dirixido aos máis pequenos e pequeñas da casa. Este recurso estará disponible dende o vindeiro luns 11 de setembro e ata o día 28 do mesmo mes, en horario de tarde, de 16 a 20 h, pero o Concello traballa para dar continuidade ao mesmo co fin de facilitar a conciliación familiar.

A concelleira explicou que se desenvolverá nas instalacións do Centro Cultural municipal e poderán facer uso os/as nenos/as de entre 3 e 12 anos inclusive. Cabe destacar que non se require inscrición previa, todas as persoas que queiran usar este servizo deberán dirixirse ao Centro Cultural a partir do luns 11 e facilitar os seus datos persoais, incluíndo o seu DNI e teléfono de contacto, así como o nome, apelidos e data de nacemento do/da neno/a.

Na mesma ficha ou plantilla sinalarase o día e a hora de entrega e recollida.

A ludoteca estará aberta de 16 a 20 h e o aforo está limitado a 50 usuarios/as.

“Traballamos para mellorar a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño impulsando medidas que, dentro das nosas competencias, poidan consolidarse na vila”, concluíu a edil.

Este recurso que engloba diversas actividades forma parte do Programa “Medidas de impulso por unha mellora na búsqueda de emprego e incorporación ao mercado laboral das mulleres con cargas familiares”, cofinanciado pola Federación Española de Municipios e Provincias FEMP e o Instituto da Muller.

Os motores volverán ruxir no velódromo co XVI Dirt Track Xacob Agra

Un ano máis, e xa van dezaseis, o velódromo municipal do Porriño acollerá a Dirt Track Xacob Agra. Como cada ano, o motoclub Papaya en colaboración co Concello do Porriño, organiza esta carreira noturna que reunirá no óvalo porriñés a pilotos chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deporte, Abel Estévez, xunto a Xoaquín Agra, presidente do motoclub Papaya, e o piloto porriñés Xacob Agra, presentaron esta mañá o evento.

“Como cada ano por estas datas poderemos disfrutar deste espectáculo deportivo, unha cita marcada na axenda de todos os amantes do motor que cada edición conta cunha enorme participación e implicación do público”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que quixo agradecer ao Motoclub Papaya o “gran nivel organizativo que demostran cada ano, que fixo posible consolidar este evento deportivo de referencia en toda Galicia”.

A proba desenvolverase como cada ano en eliminatorias por grupos (clasificatorias, repescas, semifinais e finais). Prevese que disputen a proba preto de 40 pilotos, 20 en adultos e outros na modalidade infantil que será exhibición, chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño. Cabe destacar que nesta edición debutará nesta disciplina o piloto local Jose Calvar.

O elenco de Teatro Fontevella dará o pregón das Festas do Cristo 2023

As Festas do Cristo regresan este ano ao Porriño con máis dun cento de actividades para todos os públicos e gustos. Propostas deportivas, espectáculos, animación de rúa, monólogos, verbenas, concertos e moitas sorpresas conforman a programación que xa deu comezo esta fin de semana e que se prolongará ata o domingo 1 de outubro coa tradicional cita gastronómica dos callos, que este ano chega á súa trixésimo edición.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron hoxe o cartel das festas acompañados por unha representación da hostalería porriñesa e polos pregoeiros deste ano: o elenco de Teatro Fontevella.

“As nosas festas son unha seña de identidade, cultura e tradición e ninguén mellor que os actores e actrices de Fontevella para representar estes valores”, apuntou o alcalde, “Para O Porriño será unha verdadeira honra velos no balcón da Concello dando o pistoletazo de saída aos nosos días grandes”.

O rexedor quixo facer unha mención especial a Amparo Tellado, que a piques de cumprir os 94 anos será a encargada de dirixir o pregón. “Amparo é a actriz galega de maior idade e ten un talento que non deixa a ninguén indiferente”, engadiu Lorenzo, “Estou seguro que co seu pregón nos cautivará a todos como o fai cada vez que se sube ao escenario”.

Xunto a Amparo, estarán os seus compañeiros e compañeiras da compañía: Adriano, Balbina, Susana, José, Enrique, Daniel, Lola, Valentina, Andrés e Chelo Pampillón, a directora do grupo.

“É para nós unha honra ser os pregoeiros das Festas do Cristo”, manifestou Pampillón, “A ver se o balcón do Concello aguanta, porque ese día ten que soster os máis de 500 anos que sumamos de recordos, historia e moitas Festas do Cristo vividas”.

Cabe destacar que o pregón, á vez que recoñece a traxectoria deste grupo, será tamén unha celebración do aniversario xa que foi nas Festas do Cristo, hai xa 28 anos, cando subiron por primeira vez a un escenario con Castelao e a obra “Os vellos non deben namorarse”.

30 días festexando O Porriño

A programación arrancou xa na Vila do Louro e estenderase durante todo o mes de setembro. Como cada ano, a música e o deporte terán un papel protagonista, ao igual que as actividades infantís.

Panorama , El Combo Dominicano, Grupo América, Girls Gang, Os CoriBantes e moitos máis poñerán a banda sonora a estas festas, sen esquecernos do Louro Valley Festival, cuxo cartel será presentado nos vindeiros días, o Negrita Music Festival, que traerá ao Porriño a Melendi, Rels B e Cali & el Dandee, entre outros, e o Montando Cristo Festival, que reunirá a Buxa, Hard Trip Castro e Los Escoltas/ The Brooke.

Regresa tamén outro dos clásicos, o certame musical Tes Talento, e tamén o fai a Batalla de Galos. O deporte, da man dos clubs deportivos do municipio, xogará de novo un papel fundamental nestas festas.

O broche final, como cada ano, o poñerá a Festa dos Callos que chega xa á súa 30 edición e o fará por todo o alto.

“Agardo que estas Festas do Cristo sexan do agrado dos vecinos e veciñas e de todas aquelas persoas que queiran visitarnos”, concluíu o rexedor que quixo trasladar o seu “agradecemento á hostalería e comercio local, asociacións e clubs deportivos do Porriño que nos axudan a dar forma a estes días para que todos podamos disfrútalos xuntos e seguir facendo do noso pobo un lugar de referencia”.

Publicadas as bases para a instalación de postos nas Festas do Cristo 2023

 

O Concello do Porriño vén de publicar as bases para a instalación de postos e atraccións nas Festas do Cristo 2023. 

A solicitude de preinscripción pode descargarse na seguinte ligazón:

https://oporrino.org/documentos/solicitude-postos-de-venda-tombolas-casetas-ou-atraccions-festas-do-cristo-2023/

Tamén pode recollerse no Concello do Porriño ata o 14 de setembro, en horario de 9 a 14h. Toda a documentación requerida nas bases será entregada no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica ata o 14 de setembro. 

BASES INSTALACIÓN POSTOS E ATRACCIÓNS FESTAS DO CRISTO 2022:

https://oporrino.org/documentos/bases-de-funcionamento-dos-postos-de-venda-tombolas-casetas-ou-atraccions-festas-do-cristo-2023/