A alcaldesa do Porriño amosa o seu “desgusto” pola decisión da Xunta de retirar a axuda ao Festival de Cans e pedirá ao Pleno do Concello que se faga a meirande achega ao festival nos 14 anos de historia do mesmo

A alcaldesa ven de denunciar que a Xunta de Galicia decidise deixar sen axuda ao Festival de Cans. Eva García de la Torre amosou o seu “absoluto desgusto” por esta decisión que, indicou, é “unha retirada de apoio a unha manifestación cultural que pon a O Porriño e a toda Galicia, na axenda cultural, dentro e fora de España”.

García de la Torre, contactou co director do Festival de Cans, Alfonso Pato, para amosarlle o seu apoio, e o de todo o Goberno local, e informarlle de que levará a Pleno unha proposta para que o Concello do Porriño faga a meirande achega ao festival “nos seus 14 anos de historia”, de xeito que “sexa posible prestar axuda ao mesmo para paliar, na medida das nosas posibilidades, esta situación creada pola Xunta”.

A alcaldesa pediu aos representantes do Goberno de Galicia, en xeral, e aos seus responsábeis de Cultura, en especial, que “reflexionen e que consideren que con esta decisión están a causar un grave prexuízo, ademais de ás veciñas e veciños de Cans, e do Porriño, a unha manifestación cultural que ten repercusión global e que proxecta a imaxe de Galicia nacional e internacionalmente”.