A alcaldesa do Porriño participa na xuntanza dos máximos responsábeis locais para coñecer as axudas LEADER 2014-2020 que priorizan a creación de riqueza, emprego e mellora da competitividade

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto cos alcaldes e alcaldesas de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Garda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, O Rosal, Tomiño, e Tui, participou este xoves, no Concello de Nigrán, na reunión dos máximos representantes das entidades locais do territorio xunto con membros da Deputación de Pontevedra para dar a coñecer a convocatoria de axudas do novo período do LEADER 2014-2020.

Estas axudas subvencionan proxectos que teñen coma obxectivo a creación de novas empresas ou a mellora da competitividade das xa existentes; a subvención de gastos e investimentos realizados por entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, orientados a potenciar a conservación do medio ambiente, a mellora da calidade de vida e a apoiar ao tecido económico para favorecer a creación de emprego nos concellos.

O alcalde de Nigrán, Juan A. González Pérez, como anfitrión, foi o encargado de iniciar o acto mentres que a presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14, e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou as características desta nova etapa onde o grupo xestionará mais de 3 millóns de euros atá o 2020, importe que poderíase ampliar con vistas ao ano 2023.

Nesta presentación o equipo técnico do grupo, salientou as peculiaridades e as diferentes liñas de actuación, facendo fincapé tanto nas actuacións de proxectos produtivos coma non produtivos.

Neste acto tamén se presentou a nova imaxe corporativa da asociación, tendo como relevancia o cambio da denominación social da entidade que foi aprobado a semana pasada pola súa Asemblea Xeral de socios, a cal pasará a denominarse a partir de agora Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste EU Rural.