Convocado para este xoves, día 27, ás 7 da tarde, o Pleno Ordinario do Concello do Porriño correspondente ao mes de xullo.
Convocado para este xoves, día 27, ás 7 da tarde, o Pleno Ordinario do Concello do Porriño correspondente ao mes de xullo.
Porrrigalia 2017 rematou este domingo con varios dos eventos máis agardados destes días de festa: a final dos Xogos, que este ano consistiron en Tiro de Corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en Raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos; o Desfile das comparsas, e o espectáculo de luz e fume de Troula Animación.
As finais dos xogos desta edición de Porrigalia estiveron moi disputados e houbo que agardar seica ata as últimos intres das distintas probas para coñecer aos gañadores, que recibiron os seus trofeos e medallas de man da alcaldesa, Eva García de la Torre.
Se os xogos levaron a emoción as gradas do ‘circo’, instalado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, o desfile dos romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, castrexos e gregos, estivo aínda máis discutido, posto que todos eles amosaron a súa imaxinación, a súa arte, a súa orixinalidade e a súa forza.
O agardado desfile da Garda Pretoriana, xusto antes do apagado do Pebeteiro, co que se remataba o Porrigalia 2017, foi un dos espectáculos máis aplaudidos destes días xunto co impresionante montaxe de ‘Troula Animación’.
Orcos, trolls e animalias… seres saídos da máis profunda escuridade dos tempos, envolveron aos asistentes no seu delirio de bengalas, instrumentos de percusión, fume, iluminación, levando aos presentes a unha peregrinación eterna, sorprendente e fantástica polas rúas do Porriño.
A noite dixo adeus ao son de ‘Pa ti na ma’, coas mellores versións de flamenco, para despedir esta edición de Porrigalia que viuse completa coa Animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais a Asociación Cultural San Xurxo de Mosende e Os Festicultores.
Ademais, os miles de asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a arte dos Oficios Tradicionais, da Loita Romana, do rock dos galegos de Astarot ou comprobar que Obús segue soando como hai tres décadas.
Aínda que este, 25 de Xullo, sexa o Día de Galicia e festivo en todo o territorio galego, o habitual mercadiño do Porriño dos martes abrirá con total normalidade, como informa o concelleiro Orlando Márquez.
Porrigalia seguiu este domingo co Desfile de Comparsas, que saíu preto do mediodía da Capela de San Sebastián cara á Praza de Antonio Palacios, no que, sen dubida, foi un dos momentos máis salientabéis da edición deste 2017.
Centos de persoas seguiron o desfile, no que participaron representantes de todas ‘civilizacións’ presentes en Porrigalia.
Así mesmo, os membros da Asociación Cultural Os Zoqueiros, da Charanga Os Imperiais e da Asociación Cultural San Xurxo, de Mosende levaron a música por todo o casco urbán dentro de ‘Animación na Rúa’, que seguirá ata as 11 da noite.
Pola tarde chega o momento da emoción coa Final dos Xogos e a Entrega de Trofeos e Medallas, na Praza de Antonio Palacios; o Desfile da Garda Pretoriana-dende a Capela de San Sebastián ata o Concello- e o apagado do pebeteiro.
Ás 11 da noite o Espectáculo de Luz e Lume de Troula Animación percorrerá as rúas da vila antes de que na Praza de Antonio Palacios empece, ás 12 da noite, o Concerto de ‘Pa ti na ma’, co que quedará pechado este Porrigalia 2017.
O Concello do Porriño presentou a principios deste mes de xullo o programa de formación ‘Porriño Accede’, promovido pola Concellería de Emprego e Formación que dirixe Soledad Girón, e que é unha iniciativa que, como sinala a propia concelleira, “quere dar resposta ao desexo de combater o desemprego dende unha posición activa, apostando pola formación e coa colaboración das empresas da contorna”.
‘Porriño Accede’ abrangue un proceso de capacitación inicial, dirixido á obtención das competencias profesionais que piden as empresas, complementando as mesmas con prácticas non laborais que teñen coma previsión a empregabilidade.
Soledad Girón subliña que por medio de ‘Porriño Accede’, “proporciónase unha oportunidade real a colectivos de difícil reinserción laboral pois permite formar a persoas desempregadas en conceptos demandado polas empresas, garantindo, deste xeito, o acceso ao tecido empresarial”.
A participación das empresas artéllase grazas aos convenios de colaboración asinados pola Concellería de Emprego e Formación: neste 2017 xa se formalizaron ,ata agora, 12 convenios de colaboración nun marco de tres acciones formativas, que permitiron que 12 das 15 persoas que participaron na primeira acción empezasen a traballar. Nove delas obtiveron esta oportunidade por medio das prácticas non laborais; coa seguinte formación, foron 6 as insercións laborais e hai previsión doutras 3 no que resta do programa.
Finalmente, na última acción formativa, conqueríronse 9 insercións, tamén de 15 participantes e está previsto completar tres accións en conxunto ao longo deste ano.
Soledad Girón subliña que ‘Porriño Accede’ ten coma obxectivo esencial “xerar oportunidades para as porriñesas e porriñeses desempregados, grazas ao esforzo por atopar unha resposta ás necesidades do tecido empresarial co que conta a nosa vila”, un dos máis importantes de Galicia.
Aínda que este sábado empezara con choiva, obrigando á organización a facer algún cambios no programa, centos de persoas saíron á rúa para seguir gozando de Porrigalia 2017, que arrancou con animación na rúa, a cargo da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño, a Charanga Os Imperiais e Os Festicultores.
O público non quixo perderse o Combate de Loita Romana, e tanto as gradas coma os soportais da Praza de Antonio Palacios estaban ateigados para seguir os combates que serviron de ‘aperitivo’ ao arranque dos Xogos.
Nestes, os ‘atletas’-que este domingo disputan a final dende as 6 da tarde- mediron a súa forza, elasticidade, habilidade e preparación no Tiro de corda, Traga-bolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquís Comunitarios e Tiratacos.
Á mesma hora, diante da Igrexa de Santa María, daban comezo as actividades de ‘Pekegalia’ e ‘Bebegalia’, que seguiron toda a tarde.
Chegadas as 11 e media da noite, saíron aos escenario de Domingo Bueno os míticos ‘Obús’, que amosaron que, coma si os vellos rockeiros nunca morren, no ‘heavy’ pasa o mesmo. Centos de incondicionais da banda integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, cantaron os seus temas máis coñecidos e coñeceron os máis novos deste grupo que leva máis de tres décadas de música.
Este domingo, dende as 11 da mañá, Os Zoqueiros, a Cultural San Xurxo de Mosende e a Charanga Os Imperiais xa puxeron en marcha ‘Animación na rúa’; seguen as demostracións de Oficios Artesanais-canteiría, cerería, ebanistaría e cestería- na Praza do Cristo; de 11 da mañá a 1 da tarde, fronte á Igrexa de Santa María, empeza ‘Pekegalia e Bebegalia’.
Un dos momentos máis agardados de Porrigalia 2017 será o ‘Desfile de Comparsas’ dende as 11 e media da mañá-con saída dende a Capela de San Sebastián cara ao Concello-, e outro as finais dos xogos-seguidas das entregas de trofeos e medallas-, na Praza de Antonio Palacios, dende as 6 da tarde.
Ás 10 da noite chegará a hora do Desfile da Garda Pretoriana e apagado do pebeteiro, ás 11, polas rúas do casco urbano, o Espectáculo de luz e lume de Troula Animación, e as 12 da noite o concerto de ‘Pa ti na ma’, na Praza de Antonio Palacios.
Porrigalia 2017 segue este sábado, día 22, pero con algúns cambios, por mor da choiva, na programación prevista para hoxe.
A loita romana,anunciada para a 1 da tarde, pasa ás 6 da tarde, no mesmo lugar: a Praza de Antonio Palacios; rematada a loita darán comezo os Xogos- Tiro de corda, Tragabolas, Cuadrigas, Tres en raia, Canasta, Tiro, Esquis Comunitarios e Tiratacos-, tamén na Praza de Antonio Palacios.
‘Pekegalia e Bebegalia’, anunciados para as 6 da tarde fronte á Igrexa de Santa María do Porriño, adiántanse ás 4 da tarde, no mesmo lugar.
Mantense na súa hora o concerto dos míticos ‘Obús’, que comezará ás 23:30 h. en Domingo Bueno.
Este venres, milleiros de persoas participaron no primeiro día de Porrigalia 2017 que quedou aberto co ‘Defile das Civilizacións’, que saíu ás 9 da noite da Capela de San Sebastián e rematou diante do Concello, na Praza de Antonio Palacios, na que se instalaran gradas e unha pantalla xigante para a ocasión.
Romanos, galos, exipcios, vikingos, celtas, gregos e castrexos, desfilaron diante do público, montados a cabalo, bailando, facendo piruetas, brincando e desafianzo o poderío do exército de Roma, que ‘conquistou’ o centro da vila coas súas lexións.
Pasadas as 10 da noite, o campión de España de Aro, integrante do Club Ximnasia Porriño, Hernán Sío, xunto coa alcaldesa, Eva García de la Torre, prendeu o pebeteiro, situado na porta principal do Concello, dando por inaugurada esta nova edición de Porrigalia.
De seguido, na rúa Domingo Bueno, empezou o concerto banda galega Astarot, ‘a lenda viva do rock galego’, que tocou os temas do seu novo traballo e os xa históricos do grupo, atendendo as peticións do público.
A Xunta Reitora da Universidade Nacional de Educación a Distancia, presidida por Carmela Silva e reunida este mércores en Pontevedra, aprobou a posta en marcha dun Aula da UNED no concello do Porriño.
En concreto, tal e como asegurou Silva, “trátase dun aula que impulsamos co apoio do propio Concello e da Confederación de Empresarios e vén a sumarse ás tres aulas que o Centro Asociado ten xa en funcionamento en Vigo, Portas e Tui”.
O pasado 16 de marzo a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, de Emprego, Soledad Girón, a voceira do Grupo Municipal de Non Adscriitos, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivera unha entrevista coa directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez, para tentar de traer a O Porriño a devandita aula.
Unhas semanas máis tarde, o Pleno do Concello aprobou, a petición da concelleira de Educación, instar á dirección da Universidade Nacional de Educación a Distancia a que abrise un aula no Porriño, proposta que agora ven de ser ratificada pola Xunta Reitora da UNED.
A alcaldesa cualifica esta decisión coma “histórica”, subliña que é “unha nova importantísima para O Porriño”, sinala que esta decisión é “froito do traballo realizado dende o Concello neste tempo” e adianta que o Goberno local xa ten “moi avanzado” o estudo da posible sede da Aula da UNED na vila.
Eva García de la Torre manterá, nas vindeiras semanas, unha xuntanza cos responsábeis da Universidade Nacional de Educación a Distancia para coñecer as necesidades que considera o centro para a apertura desta aula que, asegura, “será un espazo moderno, dotado coas últimas tecnoloxías que garanta unha formación de calidade e responda á demanda das empresas contribuíndo, deste xeito, a seguir diminuindo o desemprego do Porriño”.
A alcaldesa confirma que o primeiro paso será que a Aula da UNED no Porriño imparta os estudos de Acceso á Universidade de Maiores de 25 anos, ao tempo, que o Concello seguirá co seu compromiso de asinar convenios de colaboración cos empresarios dos grandes polígonos industriais da vila, “para deseñar a formación especializada” que teñan que completar as persoas que queiran acceder a empregos de calidade nas firmas radicadas no Porriño de xeito que, ao ano seguinte, sexa posible expor á Universidade Nacional de Educación a Distancia a súa implantación.