A alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira e Educación, Lourdes Moure, asistiu este luns no CEIP Fernández López ao inicio das clases en Infantil e Primaria. Acompañadas polo director do centro, Benito Rodríguez, estiveron nunha das clases de Primaria na que aproveitaron para falar coas cativas e cativos que afrontaban hoxe o seu primeiro día da ‘Volta ao colexio’.

A alcaldesa subliñou que nos centros educativos do Porriño cursan os seus estudos uns 520 alumnas e alumnos de Infantil e 1.200 de Primaria e indicou que o número de estudantes medrara neste curso en preto de 180 nos colexios da vila, “un dato que reafirma o feito de que O Porriño é o concello que máis medra de toda Galicia”.

Eva García de la Torre insistiu, unha vez máis, nas necesidades que teñen os centros educativos porriñeses en xeral e, en concreto a esixencia “urxente” de mellorar e ampliar as instalacións do CEIP Fernández López e esixiu, de novo, ao Goberno de Galicia, “que ten as competencias en Educación”, que atenda esta demanda.

A alcaldesa reiterou que “o Goberno local seguirá a facer todo o que estea na súa man” para que as profesoras e profesores dos colexios do Porriño teñan todos os recursos que precisen para que a formación que imparten “siga tendo este altísimo nivel”, e para que as rapazas e rapaces dispoñan de canto sexa preciso para a súa educación.

García de la Torre lembrou con emoción a María Ferreira, a novísima profesora do Colexio Santo Tomás, quen perdeu a vida nun accidente no Angliru, e trasladou a súa familia e aos seus amigos “todo o meu agarimo e o apoio, meu, de toda a Corporación e todas e cada unha das veciñas e dos veciños do Porriño”.